Literatura
Morre Xosé Luís Méndez Ferrín, o intelectual indomable que transformou a literatura dun país
Hai persoas que escriben sobre un país e outras que dedican a vida enteira a construílo. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) pertenceu ás dúas categorías. Escritor extraordinario, militante indomesticable, profesor de referencia e, sobre todo, intelectual insubornable, Ferrín foi unha das figuras que máis contribuíron a transformar a cultura galega da segunda metade do século XX. Ferrín faleceu na noite deste mércores en Vigo e deixa tras de si o baleiro que deixan as figuras inconmensurables, mais tamén unha obra que ensanchou para sempre os límites da literatura en lingua galega e unha traxectoria que se confunde coa propia historia política e cultural do país. O premio Nobel que Galiza merecía.
Ferrín pertenceu a unha xeración que entendeu que Galiza necesitaba reconstruírse despois do masacre de 1936, da represión franquista e do exilio. Había que recuperar a tradición cultural interrompida pola guerra, dotarse de instrumentos políticos, crear espazos de pensamento e empregar a lingua galega como vehículo fundamental de calquera expresión artística ou intelectual. Ferrín dedicou a vida a esa tarefa. Fíxoo escribindo, ensinando, militando e discutindo.
Unha revolución literaria
Unha das súas primeiras fazañas foi literaria. Con apenas 19 anos publicou Voce na néboa (1957), un libro que anunciaba xa unha voz afastada dos moldes convencionais. A súa estadía en Madrid, onde estudou Filoloxía Románica, permitiulle entrar en contacto coas correntes literarias europeas e latinoamericanas, pero tamén participar nun dos proxectos de renovación cultural máis importantes do galeguismo da posguerra: o grupo Brais Pinto.
Fundado xunto con Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña e Xosé Fernández Ferreiro, entre outros, Brais Pinto reuniu unha nova xeración de intelectuais que non se conformaba coa resistencia cultural. Aspiraba a reconstruír unha cultura nacional moderna, capaz de dialogar coas vangardas internacionais e de intervir na realidade política.
Ferrín trasladou esa ambición á súa obra. O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971) ou Elipsis e outras sombras (1974) romperon os límites temáticos e formais nos que a narrativa galega estaba limitada. Incorporou a fantasía, o simbolismo, a mitoloxía, a literatura fantástica e as técnicas da modernidade europea para crear un universo propio. Non quería unha literatura galega pechada na nostalxia ou na reivindicación da súa supervivencia. Quería unha literatura capaz de competir en ambición e complexidade con calquera outra.
En Retorno a Tagen Ata inventou un país sometido, unha nación colonizada que loita pola súa liberación. A ficción convertíase nunha maneira de pensar a realidade política galega, pero tamén nun territorio literario autónomo, cheo de símbolos, contradicións e posibilidades.
A publicación de Con pólvora e magnolias —estes días cumpría medio século— en 1976 marcou un antes e un despois na poesía galega. O libro rompeu coa separación convencional entre poesía política e poesía intimista: a pólvora e as magnolias, a revolución e a beleza, a historia colectiva e o desexo individual convivían nunha mesma voz. Ferrín demostrou que o compromiso non estaba rifado coa excelencia estética e que a lingua galega podía expresar a experiencia humana coa máxima complexidade. A obra converteuse nun dos grandes fitos da literatura contemporánea e influíu decisivamente nas xeracións posteriores.
A súa narrativa tamén deixou obras fundamentais. Amor de Artur (1982) recuperou a materia de Bretaña desde unha perspectiva propia; Bretaña, Esmeraldina (1987) explorou os territorios da represión e do encerro; Arraianos (1991) converteu a fronteira entre Galiza e Portugal nun universo literario onde conviven a historia, o mito, o medo e a memoria. No ventre do silencio (1999), pola súa banda, regresou á Compostela da posguerra para reconstruír a atmosfera abafante da ditadura.
En todos estes libros hai unha constante: Galiza como unha realidade histórica, cultural e política que reclama ser contada desde a súa propia complexidade. Ferrín inventou países imaxinarios para falar do país real e demostrou que a literatura galega podía ser universal sen deixar de ser profundamente galega.
A militancia e a cadea
A súa biografía non se pode entender sen a militancia política. Ferrín foi un dos promotores da Unión do Povo Galego (UPG), fundada en 1964, unha organización que incorporou ao nacionalismo galego unha perspectiva marxista e independentista. A súa xeración entendía que a cuestión nacional non podía separarse da emancipación social e que a recuperación da lingua e da cultura esixía tamén unha transformación das estruturas de poder.
A súa actividade política custoulle a persecución da ditadura franquista. Foi detido e encarcerado en 1969, acusado de actividades contra o réxime, e volveu sufrir a represión en 1980. Coñeceu a clandestinidade, os rexistros policiais e a prisión. Pagou persoalmente as consecuencias.
Durante a reclusión continuou escribindo. A literatura converteuse tamén nunha forma de resistencia, nun espazo de liberdade cando o poder pretendía anulala. Retorno a Tagen Ata e Antón e os inocentes forman parte desa produción na que a imaxinación e a realidade política se alimentan mutuamente.
Tras a súa expulsión da UPG en 1975, participou na creación doutras organizacións independentistas, como a UPG-liña proletaria, o Partido Galego do Proletariado e Galicia Ceibe-OLN. Máis tarde tamén estivo vinculado á Frente Popular Galega. Mantivo ata o final da súa vida unha concepción radical da soberanía nacional e da transformación social, chegando a ser candidato ao Senado pola coalición En Marea nas xerais de 2015 e 2016.
O profesor que ensinou a pensar Galiza
Outra das súas grandes contribucións foi a docencia. Tras exercer no Colexio Fingoi de Lugo, obtivo en 1965 a cátedra de Lingua e Literatura Española no instituto Santa Irene de Vigo, onde traballou ata a súa xubilación. Durante décadas, varias xeracións de estudantes tiveron diante un profesor que abría as portas dunha historia cultural que a ditadura tratara de ocultar e dunha lingua que seguía loitando por ocupar o lugar que lle correspondía.
Como investigador deixou tamén achegas fundamentais. A súa edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo e o ensaio De Pondal a Novoneyra (1984) son referencias imprescindibles para comprender a evolución da poesía galega. Ferrín era un lector dunha erudición extraordinaria, capaz de establecer conexións entre a literatura medieval, o romanticismo, as vangardas e a creación contemporánea.
En 1990 fundou a revista A Trabe de Ouro, que dirixiu durante décadas e que se converteu nun dos principais espazos de pensamento crítico do país. A publicación representaba outra das súas conviccións: Galiza necesitaba instrumentos propios para pensarse a si mesma, discutir o seu presente e elaborar un pensamento independente.
O incómodo presidente da Academia
A súa relación coas institucións culturais tampouco estivo exenta de conflitos. En xaneiro de 2010 accedeu á presidencia da Real Academia Galega, unha responsabilidade desde a que quixo dotar a institución dunha maior presenza pública e dunha posición máis firme na defensa da lingua. Durante o seu mandato, a Academia impulsou a elección de Lois Pereiro, Valentín Paz-Andrade e Roberto Vidal Bolaño como protagonistas das Letras Galegas, reclamou unha maior atención institucional ao galego e recorreu o decreto do mal chamado plurilingüismo aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, ao considerar que prexudicaba a lingua propia do país.
A súa presidencia rematou abruptamente en febreiro de 2013, nun dos episodios máis controvertidos da historia recente da Academia. Ferrín presentou a dimisión cando aínda lle quedaba un ano de mandato e anunciou tamén a súa renuncia á condición de académico numerario. Non foi unha saída tranquila nin unha simple decisión persoal. Chegou despois de meses de tensións internas, filtracións interesadas aos medios e acusacións sen fundamento arredor do control da institución: mobbing na rúa Tabernas.
A controversia pretendeu estalar con informacións de intereses espurios sobre a contratación de xente achegada ao presidente, ao secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, e ao tesoureiro. As acusacións de nepotismo foron utilizadas para cuestionar a súa xestión. Os defensores de Ferrín, como Manuel Rivas, sinalaron que algunhas desas persoas xa traballaban na institución antes da súa chegada e que se trataba de contratos de remuneración inferior aos mil euros. O asunto converteuse nunha arma de desgaste nunha institución atravesada por profundas divisións.
O conflito tiña sobre todo unha dimensión política e cultural. O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, denunciou publicamente unha operación do Instituto da Lingua Galega e do Consello da Cultura Galega para facerse co control da RAG. Falou dunha tentativa de “colonizar” a institución. As tensións estaban relacionadas, entre outras cuestións, coas diferenzas sobre a orientación da Academia, a súa relación coa Xunta e a posición ante o decreto do plurilingüismo. A oposición política de Ferrín ás teses do piñeirismo, das que se consideraban herdeiros algúns dos seus adversarios internos, tamén formaba parte do contexto.
O 25 de febreiro de 2013, Ferrín comunicou a súa decisión aos membros da institución cunha carta de enorme dureza. Denunciou que determinados académicos, “unidos a persoas externas”, lle fixeran sentir que xa non tiña sitio na Academia. E despediuse cunha frase que condensaba a súa personalidade e a súa maneira de entender a vida: “Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida”.
A súa saída estivo acompañada de novos episodios que alimentaron a controversia. O plenario non aceptou a súa renuncia á condición de académico, pero a situación quedou nun limbo institucional. Ferrín devolvera a medalla e deixara claro que non quería continuar na Academia. Porén, o seu nome acabou desaparecendo da relación pública de membros numerarios.
Cinco anos despois, en marzo de 2018, a cuestión volveu ao primeiro plano. Un grupo de oito académicos, entre eles Manuel Rivas, Chus Pato, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Axeitos, reclamou que se restituíse Ferrín na relación oficial de numerarios, en aplicación do criterio que a propia institución empregara con outros académicos cuxas renuncias tampouco foran aceptadas. A maioría do plenario optou por outra vía: preguntarlle se quería reconsiderar a súa dimisión e advertiulle de que a súa situación podía ser considerada irregular. Se non retomaba a actividade académica, podería abrirse un procedemento para retirarlle a condición de membro numerario.
Ferrín non quixo alimentar de novo a polémica. “Non vou facer nada nin dicir nada”, respondeu cando lle preguntaron pola posibilidade de reincorporarse. O episodio deixou unha das imaxes máis amargas da súa relación coas institucións culturais galegas pero tamén da súa valentía contra as miserias dunha póla do galeguismo institucional: un dos escritores máis importantes da historia da lingua, expresidente da Academia e figura central da súa renovación literaria, apartado coas tácticas sucias da política da lama.
Un país na súa literatura
O recoñecemento institucional chegou tamén doutras vías. Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo desde 1999, recibiu premios como o da Crítica, o Losada Diéguez, o Premio Nacional da Cultura Galega, o Otero Pedrayo e o Laxeiro. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propuxo en varias ocasións a súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura. A súa obra foi traducida a diferentes linguas e transcendeu as fronteiras do país.
Nunca, porén, pareceu interesado en converter o prestixio nunha forma de acomodación. Foi un intelectual irreverente, de conviccións firmes, ás veces incómodo mesmo para aqueles que compartían parte das súas posicións. Non cultivou a equidistancia nin fixo da moderación unha forma de prestixio. A súa escrita e a súa intervención pública estiveron atravesadas pola vontade de discutir, cuestionar e transformar.
Nos últimos anos continuou publicando, colaborando coa prensa e intervindo nos debates culturais. Mantivo unha relación fonda con Vigo, a cidade na que exerceu como profesor durante décadas e na que faleceu. A súa figura pertence xa á historia da literatura galega, pero tamén á dunha xeración que tivo que reconstruír os instrumentos culturais e políticos dunha nación sometida.
Méndez Ferrín quixo unha Galiza que non tivese que pedir permiso para existir. Un país soberano, culto, capaz de producir os seus propios mitos e de dialogar co mundo sen complexos. Dedicou a vida a imaxinalo e a construílo. Inventou territorios literarios para explicar a realidade, ensinou a varias xeracións a descubrir a súa tradición, militou contra a ditadura, contribuíu a fundar organizacións políticas e abriu espazos de pensamento que sobrevivirán á súa desaparición.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!