Olalla Rodil: “Lugo leva demasiado tempo enriba dunha bici estática, pedaleando sen saír do sitio”

A cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego por Lugo ao Congreso dos Deputados aspira a conseguir o primeiro escano na historia para o partido na provincia. Representa, din os seus seguidores, un novo xeito de comunicar dentro do BNG.
Olalla Rodil - Campaña eleccións 29N - 5
A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil. Alba Cambeiro

Hai poucas persoas militantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nacidas dos oitenta en adiante que non remasen nos últimos meses para que Olalla Rodil (Ribeira de Piquín, 1989) fose unha das cabezas de lista do partido para as eleccións ao Congreso dos Deputados. Tamén hai un consenso arredor da súa figura entre simpatizantes: as súas intervencións como deputada no Parlamento de Galiza inauguraron un novo xeito de comunicar nun partido que ten o reto inmediato de se converter en hexemónico na esquerda galega coa vista posta nun potencial cambio na Xunta en 2028. Iso pasa, necesariamente, por unha diversificación na que Rodil pode xogar o papel de principal catalizadora.

Durante as semanas anteriores a que saísen as listas houbo un clamor, poderiamos dicilo así, entre as bases do Bloque e non só: tamén entre os simpatizantes, arredor da túa figura. Tiñas que ser si ou si cabeza de lista. 
Eu estou sempre moi agradecida, sobre todo de que a militancia do BNG me propoña, porque iso tamén é que confían en min para facer o traballo da nova campaña. E, nese sentido, estou moi honrada de que me propuxeran para ser a cabeza de lista por Lugo. Pero este é un traballo moi en equipo, moi colectivo. Hai persoas ás que se nos pode coñecer ou recoñecer máis, pero isto é un equipo.

Imos dar o mellor de nós. Eu polo menos vou dar o mellor de min mesma para sermos quen de dar un gran salto adiante e conseguir por primeira vez o escano por Lugo, que sería histórico para o Bloque Nacionalista Galego. E creo que ademais esta provincia o necesita e o merece, para avanzar. Lugo leva demasiado tempo enriba dunha bici estática, pedaleando, pedaleando, sen saír do sitio. Necesitamos ter unha voz forte no Congreso para que se escoiten as nosas necesidades e, sobre todo, para que haxa solucións e resposta aos problemas que leva lastrando esta provincia desde hai tanto tempo.

Hai quen di que deberías ter ido na lista pola Coruña ou por Pontevedra para asegurar o teu escano en Madrid.
Eu son de Lugo, vivo en Lugo, represento a Lugo e estou moi orgullosa de que a miña organización confiase en min para encabezar a candidatura por esta provincia.

Non se valorou a lista pola Coruña para ti?
Eu, polo menos, non.

Hai quen di tamén que a túa maneira de comunicar política, coas túas intervencións bastante notables no Parlamento galego, inaugura unha nova póla na comunicación política do Bloque. Veste representada nisto?
Eu teño unha formación académica que intento poñer ao servizo do meu traballo para facelo o mellor posible. O obxectivo co que traballamos é romper a barreira que hai entre a institución e a xente. Eu, nacida no 89, son unha persoa que leva movéndose nas redes sociais desde que apareceron, desde que empezamos a usalas de maneira moito máis democratizada, por todas e todos. Entón, son unha persoa do meu tempo e intento usar as ferramentas das que dispoñemos, que nos permiten amplificar o noso traballo e facer que a mensaxe do BNG, as nosas propostas, cheguen a máis persoas.

Intento sempre facelo o mellor posible para que este proxecto político avance, para que máis persoas nos coñezan e saiban cales son as propostas que defendemos para mellorar as súas condicións de vida, que é o noso obxectivo. Nós traballamos dentro das institucións e fóra delas para facer avanzar este país e darlle o mellor benestar e as mellores condicións de vida á xente que vivimos aquí, e tamén ás xeracións que veñan detrás.

Hai moita xente estes días que, facendo a conta da vella, vendo os votos das galegas, di que poderíades chegar a ser seis escanos no Congreso dos Deputados. Que barreiras cres que o Bloque ten que romper para que desapareza esa idea do voto dual?
Creo que nós temos a responsabilidade de transmitirlle á xente, ao electorado, á sociedade galega, por que é importante ter unha voz e unha representación forte do BNG no Congreso das Deputadas e dos Deputados, porque o voto da xente non é das organizacións, e existe esa dualidade. Nós notámolo moito entre unhas eleccións galegas e unhas eleccións xerais, como ben dicías, e creo que unha das tarefas que temos nesta campaña electoral é facernos entender por que é fundamental ter unha voz forte en Madrid, porque quérennos facer crer que isto vai de quen vai mandar, de quen vai gobernar, de quen vai presidir o goberno de España.

Olalla Rodil - Campaña eleccións 29N - 2
Olalla Rodil na cidade de Lugo. Alba Cambeiro

En realidade vai moito máis alá: vai de en que condicións vivimos no noso día a día e aí creo que é esencial. Nunha provincia como a nosa, onde levamos máis de vinte anos vendo como se eterniza unha autovía que nunca acaba, ou onde temos un tren que non serve porque non está electrificado, onde non hai nin frecuencias nin liñas para conectarnos con ningún sitio, é necesario ter unha voz forte en Madrid para que non só se escoite e se fale deses problemas, senón que se lles poña solución e se resolvan, co obxectivo de que teñamos polo menos as mesmas oportunidades que os demais.

E é un reto que temos por diante. Logo, para min hai outro, que é romper esa idea do voto útil. Útil é quen te defende, quen lle dá voz aos teus problemas, quen sabe cales son as túas preocupacións e vai ás institucións a buscarlles resposta e solucións, non apostar, como historicamente se fixo en Lugo, por forzas estatais. 

Falando un pouco das medias das enquisas, parece que os tres están bastante asegurados, dous pola Coruña e un por Pontevedra e o seguinte, de conseguirse, apunta a que sería o teu, o cuarto, por Lugo. Como ves a día de hoxe a posibilidade de logralo?
Eu vexo posible, digo con franqueza, que teñamos un escano do BNG por Lugo. É complexo, si, pero creo que é importante concentrar todo o voto da xente que quere que este país teña unha voz forte, que Lugo teña unha representación directa nas Cortes para defender os intereses da xente desta provincia. E estou convencida de que podemos conseguilo. Ao BNG sempre nos quixeron poñer un límite, un teito. Vímolo moito nas galegas: como aamos ter 19 se tiñamos seis? E como iamos subir a 25, era imposible, non? Como iamos ter catro escanos por Lugo? Dixéronmo a min na campaña electoral de 2024. E temos catro escanos por Lugo e case medio millón de votos. Somos a alternativa de goberno neste país e temos un proxecto ilusionante. Entón, fagamos historia. Rompamos eses pronósticos que nos queren limitar e deamos un gran salto adiante nestas xerais tamén.

Dáme a sensación de que un dos grandes problemas que tendes para romper esa barreira, polo menos visto desde fóra, é que o debate nestas eleccións pasa necesariamente polas televisións e as radios madrileñas e, se cadra, pola Televisión e a Radio Galega. Como vos estades enfrontando a isto?
Usando as ferramentas que temos: as redes sociais, o boca a orella, o porta a porta. Facemos sempre unha campaña moi de corpo a corpo, moi pegada á rúa, intentando chegar a todos os sitios, sabendo das limitacións: non nos podemos multiplicar e, con todo, multiplicámonos moito. Xa na campaña electoral, a min dáme pena que unha corporación como a CSAG, que se sostén con máis de cen millóns de euros pagados cos impostos das galegas e dos galegos, faga máis de gabinete de propaganda do Partido Popular que de xornalismo público, de servizo público, que é a misión que debería ter.

E a proba é cando van ubicar na programación o debate electoral nestas eleccións xerais: ás nove e media da mañá, e non o puxeron ás catro porque supoño que a alguén lle parecería xa bastante ridículo. Eu lamento que fagan iso, pero tamén deixan en evidencia o que levamos denunciando desde hai tanto tempo: que non están ao servizo das galegas e dos galegos, senón única e exclusivamente como terminal de propaganda do Partido Popular.

Dirías, entón, que non son imparciais?
(Ri) Eu creo que non hai máis que acender a tele. Non o digo eu, que a xente bote un ollo e a ver canto aguanta.

Quizais tamén hai un problema de hexemonía mediática neste país, porque entendo que non son só a televisión e a radio públicas.
Sabemos que é difícil, pero tamén vimos nas últimas galegas, con toda a maquinaria que mobilizaron, que o PP usou todo o que tiña á súa man e máis, sen ningún tipo de escrúpulo, para intentar frear o avance do nacionalismo galego e do BNG e nin así o conseguiu. Iso demostra que o único que están conseguindo, arrastrando pola lama os medios públicos galegos, é desconectar a sociedade galega dos seus medios de comunicación públicos.

Creo que cada vez máis persoas teñen outra forma de achegarse a nós e que é difícil que funcione esa manipulación, esas mentiras, esa fábrica de bulos que o Partido Popular utiliza para intentar enganar á sociedade galega. Porque as galegas e os galegos hoxe teñen moitas formas de informarse e de chegar a nós: coñécennos, saben quen somos. E niso vamos traballar moito, en intentar que a nosa mensaxe chegue, e que chegue sen manipulacións, e que as galegas e os galegos confíen cada vez máis en nós.

Hai un relato que o BNG adoita reivindicar: esa idea que espalla moito Néstor Rego de que un só deputado do Bloque conseguiu moito máis que os trece do PP. Se esa cuarta deputada es ti, que vai mudar no relato do BNG no Congreso dos Deputados?
O que di Néstor é certo e aquí moi preto de onde estamos temos unha boa mostra disto. Aquí está a estación, agora intermodal, e a vella estación de tren. Lugo tiña toda a súa vía sen electrificar. Grazas ao traballo político que fixeron Néstor Rego, no Congreso, e Carme da Silva, no Senado, conseguimos que a liña entre Lugo e Ourense, pasando por Monforte, fose modernizada e teña agora a catenaria electrificada, aínda que non se pode utilizar porque todavía está en probas. Temos un xulgado específico de violencia machista que Lugo non tiña: era o Xulgado de Instrución número 3 e agora é un xulgado específico de violencia machista.

Se Galiza ten máis forza e máis peso político, imos conseguir máis cousas boas para esta provincia, para as súas comarcas e para o conxunto do país. Para Lugo sería un cambio enorme. Pensemos que, desde as primeiras eleccións xerais, hai case cincuenta anos, Lugo sempre estivo representada, con algunha excepción hai un pouquiño tempo, por forzas estatais, polo PP e polo PSOE, e mira como nos foi. Levamos máis de vinte anos esperando a que acaben os dezaseis quilómetros que quedan de autovía entre Arzúa e Melide, que nin sequera acabaron de asfaltar e que é impresentable.

É unha vergonza, e é o resultado de apostar por esas forzas estatais, porque van alí aplaudir o seu xefe de filas e cumprir as ordes que lles dan as súas direccións madrileñas, non defender os intereses de Lugo. E claramente as cousas que se desbloquearon, os grandes acordos que permitiron mellorar as condicións de vida da xente deste país, foron froito do traballo político que fixo un único deputado no Congreso e unha única senadora. Máis peso político vai significar máis capacidade de presión, máis capacidade de negociación e, polo tanto, tamén que a voz e as necesidades de Galiza, de Lugo, se escoiten.

Ese escano do Bloque en Lugo, se nos atemos ás enquisas, está na loita, non?
Está.

Que che parece que Podemos e a Fronte Ampla se presenten nunha circunscrición como esta?
Eu defendo sempre que todo o mundo que teña un proxecto político teña o dereito e a capacidade de presentarse, de defendelo e de ir como todos os demais. A min non me gusta porque o fixeron connosco moito tempo. Onde hai que poñer o foco é nun sistema electoral moi inxusto, que sobrerrepresenta as forzas estatais. E o que dicimos sempre: custa máis, é máis caro un escano do BNG que un do PP ou un do PSOE, porque por Lugo escollemos catro deputadas e deputados coa fórmula D’Hondt, que é a que opera: dividimos os votos de cada candidatura e van entrando nos escanos os que teñen o coeficiente máis alto.

Entón, o que é inxusto non é que se presenten máis forzas políticas; o inxusto é que opere un sistema electoral que non é proporcional, que non é representativo. O que lle pido á xente que puido votar outras opcións de esquerdas de carácter estatal nas anteriores eleccións é que concentremos o voto na candidatura do BNG, e que o fagamos non por puro cálculo, senón pola necesidade de ter esa voz forte que necesitamos e que merecemos para poñer encima da mesa solucións aos problemas que levamos arrastrando, porque ao final estas forzas políticas responden ás súas direccións estatais. É a mesma dinámica que opera co PP e co PSOE.

Pregúntoche porque hai outras maneiras de facer política. Antes falabamos de que, se ti acadas escano, será, por dicilo dalgún xeito, o histórico escano de Miguel Anxo Fernán-Vello. Poderiamos velo así. Acertou Anova pechando filas co soberanismo?
Son pasos que se levan dando nos últimos tempos; xa nas eleccións galegas tamén nos apoiaran. O BNG ten, e sempre o dicimos, as portas abertas e as mans tendidas para todas as persoas que lle queiran a este país, que teñan a Galiza na cabeza e no corazón. Eu alégrome moito. Ademais, teño moi boa relación persoal con Fernán-Vello. Alégrome moito dos pasos que se deron: pediron o voto para o BNG tamén recentemente. E aquí non sobra ninguén, aquí falta moita xente todavía por sumarse ao BNG, das formas en que se queiran facer. Pode ser, como no seu momento Alexandra Fernández, que xa é compañeira militante e deputada no Parlamento, ou arrimando o ombreiro na campaña electoral, e cadaquén facendo ese traballo de formiguiña alí onde traballamos ou onde imos tomar un café, para proxectar máis e difundir máis as propostas do BNG e sumar máis persoas a este proxecto político.

Comentas o caso de Alexandra Fernández. Quizais é un momento histórico axeitado para que o BNG amplíe tamén as súas bases, os seus propios cadros políticos.
O BNG eu creo que ensanchou moito a súa base social e electoral nos últimos anos e non nos poñemos ningún límite, todo o contrario. Eu insisto: aquí falta moita xente todavía por achegarse, por implicarse no BNG. Todas elas e todos eles teñen as nosas portas e os brazos abertos para acoller os seus proxectos.

Está o partido preparado para esa heteroxeneidade?
Sempre. O BNG é moi diverso. Xa na súa composición somos moi plurais. Hai colectivos internamente organizados. O BNG sempre se concibiu como unha fronte, desde o ano 82, cando se fundou en Riazor, e eu creo que o éxito non é só o electoral, senón a permanencia no tempo como proxecto político, o enraizamento que ten o BNG, a súa capilaridade no territorio, tamén é parte diso, ou froito diso. O que ás veces se pode ver como un hándicap, realmente eu creo que é unha das grandes fortalezas do BNG: a pluralidade e a diversidade interna que ten.

Como ves a comparación co Bloque de 2012, despois da Asemblea de Amio, coa aquela fenda aberta?
(Suspira) Cambiaron moitísimas cousas, pasaron moitísimas cousas. Galiza tampouco ten nada que ver con aquela. Eu creo que nos fixo máis fortes ca nunca. Creo que estamos no mellor momento da nosa historia. Creo que temos ademais unha lideranza clara, moi forte, unha organización moi cohesionada, e creo que o papel de Ana Pontón como portavoz nacional foi clave, absolutamente. Creo que tomamos colectivamente as decisións acertadas: dar un relevo xeracional, conectarnos co noso propio país. Galiza cambiou moitísimo nos últimos anos e creo que os resultados electorais tamén son unha mostra diso. Creo que non temos límites, que todavía temos moitísimo por gañar e moitas cousas por facer para seguir avanzando.

Estamos a uns poucos quilómetros da famosa finca de Quintás, onde se quería instalar a celulosa de Altri. Ves pechado ese proxecto?
Non, para nada. Para o Partido Popular é o seu proxecto estrela e ademais vinculouse directamente con el. Isto non era a proposta dunha empresa portuguesa; foi o goberno do Partido Popular o que foi buscar a Altri para montar esa auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza. O Partido Popular intenta resucitalo por todas as vías, de todas as maneiras. Agora estamos no Parlamento galego tramitando a Lei de Orzamentos e a Lei de Acompañamento de Medidas Fiscais e Administrativas. Entre as reformas que inclúen pola porta de atrás na Lei de Acompañamento hai unha modificación da Lei de Ordenación do Territorio sobre a zona de amortecemento da Serra do Careón, que é exactamente onde querían instalalo. Xa a sacaran da protección da Estratexia de Infraestrutura Verde, e unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigou a protexela de novo; agora cambian directamente a lei para que a protección non veña delimitada por esa estratexia de infraestrutura verde, senón que dependa da discreción dunha decisión do Consello da Xunta.

E iso é parte das estratexias e dos subterfuxios do PP para intentar burlar esa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O PP non o dá por morto, e creo que buscan gobernar en España para poder resucitar ese proxecto de Altri, que sería absolutamente lesivo para este país e unha hipoteca para xeracións enteiras.

Nun potencial goberno de Feijóo, posiblemente con Abascal de vicepresidente, cres que ese proxecto volvería á luz?
Intentaríano, estou absolutamente convencida. Pero Altri demóstranos algo: a capacidade colectiva que temos como sociedade organizada cando temos un obxectivo claro de gañar. Este país demostrou que non quere ese proxecto polo lesivo que é: desde un punto de vista forestal, porque supoñería unha eucaliptización aínda maior do país, e xa temos demasiada; e, por outro lado, é unha hipoteca en termos hídricos, cun consumo diario superior ao de toda a poboación da provincia de Lugo, e iso, no medio dunha emerxencia climática como a que estamos, é un absoluto suicidio.

A nosa idea xa era vir entrevistarte en tren dende Vigo. A aplicación marcaba catro horas e media.
Aquí é imposible vir en tren, é imposible absolutamente, porque temos unha vía nunhas condicións que non son nin do século pasado, senón do anterior. Vai a diésel porque non está electrificada, cando debería estalo. Desde o BNG defendemos que o transporte do futuro é o transporte do presente, por unha cuestión ecolóxica, de abordar unha mobilidade completamente diferente, que aposte polo transporte colectivo e pola electrificación para poder facer fronte á emerxencia climática. Pero aquí non estamos nin nesas: nin sequera temos a liña electrificada e o trazado é inoperante. Non temos nin conexión directa con Santiago.

Teño a sensación de que se a xente que vive allea ao que acontece en Lugo le isto de que o tren aquí vai a diesel pensará que é un fake. 
A min gústame moito que a xente veña aquí para que coñeza a realidade, que hai dúas velocidades neste país. Hai un eixo atlántico que, dentro das súas limitacións, ten un dinamismo moito maior. E logo estamos nós, especialmente a provincia de Lugo, onde hai unha desconexión absoluta. Esa é unha das grandes razóns polas que temos que apostar polo Bloque Nacionalista Galego nestas eleccións. Somos a última da fila. Aquí Lugo sempre pode estar esperando, non? Levamos eternamente falando do tren, ou da autovía a Santiago, ou da autovía da Mariña.

Que outras prioridades ten o Bloque para a provincia?
Para nós, falando das competencias que son do Estado, hai unha que é fundamental: as infraestruturas, que son competencia exclusiva do Estado. Non se trata simplemente de cumprir o que se prometeu e vertebrar o propio territorio, senón de que iso xere oportunidades tamén económicas, porque non falamos só en termos sociais. Aí se están lastrando moito as posibilidades de crecemento desta provincia. E logo hai outra: necesitamos garantir condicións de vida dignas para a xente desta provincia. Se en Galiza xa temos moitos problemas, aquí temos as segundas pensións máis baixas do Estado e os segundos salarios máis baixos do Estado

Que cres que toca a partir da folga xeral?
Seguir pelexando moito por dereitos básicos. A folga defende salarios e pensións xustas e dignas e o dereito de acceso a unha vivenda, que me parece surrealista o pouco que se fala del na política española. A Constitución di que é un dereito fundamental, inherente a calquera persoa que viva no Estado español, e o que vemos é que a vivenda é unha gran aspiradora de rendas. É hoxe un dos grandes factores de exclusión social. Antes diciamos: alguén que non ten traballo, se falamos dunha persoa con dificultades ou empobrecida; e agora hai persoas no seu posto de traballo, cun salario e unha nómina a fin de mes, que son incapaces de pagar un aluguer. Aquí en Lugo, cos datos oficiais, que sabemos que logo non son exactamente así, estamos nun promedio de 600 euros ao mes de aluguer.

Dis 600 euros de aluguer. Entón é un mito iso de que no interior de Galiza pode un vivir con menos?
Hai unha heteroxeneidade moi grande, pero temos o foco moi posto nas cidades e certamente hai un problema de exclusión habitacional. Pero aquí temos cabeceiras de comarca como Sarria, por exemplo, atravesadas polo Camiño de Santiago Francés, que teñen un problema de acceso á vivenda brutal, porque se está substituíndo o parque de uso residencial polo uso turístico. Ou toda A Mariña de Lugo: Barreiros, Ribadeo, Viveiro é imposible. Eu teño coñecidos da Mariña que estudaron fóra, incluso empezaron a traballar fóra, e agora queren volver. Hai posibilidades, porque lles xurden oportunidades laborais aquí, pero non teñen onde meterse, porque non hai nin sequera pisos para alugar, ou os que che piden son simplemente estacionais, de tres ou catro meses de verán. Queren os pisos para especular e para ese uso turístico. 

Comentabas o caso de Sarria, no Camiño Francés. Quizais temos un problema co modelo Xacobeo?
Si, é a aposta do Partido Popular, única e exclusivamente, cos efectos que iso ten, e vémolo moito tamén na cidade de Santiago. Hai que buscar o equilibrio das cousas, pero o PP non busca o equilibrio de nada, nunca. Temos un país marabilloso que visitar, que coñecer, que dar a coñecer fóra, pero ten que haber un equilibrio para que iso non acabe indo en detrimento e en contra dos dereitos da xente que vive aquí todo o ano e que quere disfrutar dos seus barrios, das súas cidades e das súas vilas, e non verse cada vez máis expulsada delas, porque acabamos convertendo eses lugares nunha especie de postal, como pasa noutros lugares de Europa. 

Que temas cres que se están quedando fóra da axenda nestas eleccións e que son importantes para Lugo? 
Eu creo que, nesta campaña, parece que imos escoller entre Pedro Sánchez ou Feijóo e non vai diso. Vai de quen vai poñerlle voz aos teus problemas, ás túas preocupacións, de quen vai defender os teus intereses. No Congreso vanse escoller unhas persoas que teñen que representar o teu día a día, que teñen que representarte a ti, e o que eu vexo é a ausencia dese debate.

Isto vai de en que condicións imos vivir, de como queremos vivir e de quen ten que poñerlle voz e corpo a eses dereitos. Por iso temos un traballo moi grande por diante. Eu polo menos vou dar o mellor de min para que así sexa, para sacar un mellor resultado e facer historia, que sei que podemos facelo, conseguindo o primeiro escano do BNG por esta provincia.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...