A inesgotable fortaleza das ondas comunitarias

Cuac FM mantén a súa programación en Internet mentres reivindica a regularización dos medios sen ánimo de lucro a través do espectro radiofónico convencional.

cuac FM
CUAC FM A Xunta reclama unha licenza que non outorgou en 21 anos de vida da radio comunitaria.
26 ene 2018 10:00

Os campus universitarios da Coruña constitúen unha cidade á marxe dentro do propio municipio. Dous escenarios intimamente conectados que ferven de actividade durante as principais horas do día. Calquera contido de estudo e calquera tema de conversa atopan sitio nas cafeterías, parques, paradas de transporte público, bibliotecas e diversos puntos das facultades.

As cualidades de cadaquén procuran aquí unha canle de saída, un modo de expresión e de realización persoal. Un contexto coma este permitiu que na primavera de 1996 florecese unha emisora de radio no monte da Zapateira. O Colectivo de Usuarios Activos, creado o ano anterior, impulsou nada menos que un medio de comunicación independente que transmitiu ilusión e curiosidade dende o momento da estrea.

O 103.4 converteuse no lugar de encontro de técnicos, locutores e oíntes. Paixón e complicidade contribuíron a consolidar o proxecto. As raíces fixéronse cada vez máis grosas a base de música, noticias, análise política, risos, historia, literatura ou deporte. Programas hiperlocais para comprender mellor o universo.

Os arredores da emisora ofrecen a oportunidade de contemplar o mar e gran parte da urbe herculina. Ao pecharse a porta, en cambio, xérase un microclima que se traslada a calquera zona na que exista un receptor e ganas de gozar da creatividade e da imaxinación que elevan a radio á categoría de moda eterna.

Cuac FM experimentou unha hábil adaptación ao medio dixital, pero unha serie de bandazos legais provocou recentemente o seu naufraxio nas ondas: o pasado mes de setembro pechouse a emisión en antena despois de que Xunta de Galicia abrise un expediente sancionador á radio comunitaria coruñesa a instancias do Ministerio de Industria. A sanción situaríase entre os 100.001 euros e os 200.000. Os integrantes da asociación manteñen a emisión online mentres agardan, con moderado optimismo, a resposta da Secretaría Xeral de Medios.

A loita por un oco no dial

Un nome ligado con forza a Cuac dende o primeiro intre é o de Mariano Fernández Cabarcos, que completaba os seus estudos de Dereito naquel tempo e xa apenas se distanciou dos actos e labores vencellados á emisora coruñesa.

Cabarcos considera que os proxectos comunitarios no mundo da comunicación padecen un “dano colateral”, e que “o verdadeiro fin consiste en liberar espectro para beneficiar aos operadores comerciais. Dende a óptica dunha materia prima por explotar, eles pensan nas empresas que poden ocupar ese espazo. En función do uso partidista, ademais, algunhas forzas políticas quererán máis oco para os do seu pau”.

O técnico e locutor de Cuac Fm sinala ao Ministerio de Industria como impulsor desta liña de actuación, e lembra que, “hai dous anos, filtrouse un informe a eldiario.es da carteira encabezada polo ex-ministro Soria onde aparecía a proposta de limitar a categoría audiovisual para os servizos comunitarios sen ánimo de lucro”. Naquel entón “comezaron a facer inspeccións, e a maquinaria da Administración continúa hoxe en marcha, pero as competencias sobre o territorio dependen de cada comunidade autónoma”.

Neste senso, Cabarcos aclara que, se o colectivo estima inxusta a resolución do expediente, “o acto que recorrerán será o dunha funcionaria que con seguridade sentiu dúbidas sobre a conveniencia desta medida”, e recoñece que poden existir discrepancias no seo do propio partido, pero lamenta que “as labazadas entre outros batan na nosa cara”.

O precedente de Radio Kras

A “Ley General de la Comunicación Audiovisual” que entrou en vigor en abril de 2010 indica que os medios comunitarios que iniciaran as súas emisións con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 optarán a licenzas e autorizacións. Cabarcos lamenta que, ata o de agora, se evitase “mediante subterfuxios” regular a situación de Cuac FM, e apunta que, “se cadra, isto débese a que nin tan sequera teñen cuantificados estes medios e temen que se cope o espazo radioeléctrico dispoñible”.

cuac FM_2
Mariano Fernández no control e rexistro de son durante un programa de Cuac FM CUAC FM

O propio cofundador do colectivo universitario lembra que “hai moitos operadores comerciais sen licenza que usan este espectro, xeralmente, con malas prácticas laborais”. A modo de exemplo, Cabarcos advirte de que este mesmo mes achou no dial, por simple casualidade, unha emisora dedicada a espazos de tarot realizados dende Sevilla.

Unha polémica moi semellante á que protagoniza Cuac Fm afectou hai pouco a Radio Kras, emisora comunitaria de Xixón que nunca abandonou a retransmisión a través das ondas. A Administración do Principado viuse nun compromiso e negouse a levar adiante a sanción. O caso quedou arquivado.

“Isto marca un precedente en canto aos dereitos fundamentais da cidadanía asturiana; suponse que nós temos os mesmos dereitos. Non debe haber diferenza de criterio”, subliña Cabarcos.

Europa e o modelo a seguir

O círculo de Cuac FM percibe que non representa un valor a defender por parte das institucións do Estado. Segundo Cabarcos, “a Unión Europea manifesta reiteradamente o contrario: que estes proxectos alfabetizan mediaticamente, que fan un traballo importante de cohesión social, que non hai que aprecialos polo interese económico... E quen impulsa esta defensa é unha eurodeputada liberal austríaca, non un revolucionario antisistema”.

O colectivo coruñés actuou como anfitrión durante un encontro continental de radios comunitarias celebrado en 2014. Acudiron case 200 persoas de 12 países distintos. O contexto era idóneo para contrastar o funcionamento destes medios alternativos en cada territorio.

Cabarcos afirma que os colegas doutros Estados ficaron abraiados coa situación de Cuac FM, pois “eles si teñen consellos audiovisuais independentes e autoridades que velan eficazmente pola limpeza do espectro. Nos seus lugares de orixe, esta clase de medios están normalizados. En Francia, por exemplo, o 10% das frecuencias de radio son libres e fináncianse cun canon que se lles aplica ás emisoras comerciais pola súa publicidade. Con iso empregan ao 30% de persoas que traballan na radiodifusión en Francia. É un sistema que funciona ben dende o ano 1981. E nin tan sequera é o modelo de regulación máis exitoso; eu escollería o irlandés, e Portugal xa está ofrecendo licenzas provisionais”.

Un proxecto que namorou a estudantes, artistas e asociacións solidarias
Fernández Cabarcos nunca perde o sorriso ao falar da evolución da emisora, e salienta que, na actualidade, organizacións de diversa índole utilizan este espazo comunitario para ampliar e difundir os seus proxectos, alén do mundo universitario. Un novo vector que incrementa o poder deste medio.
“Temos un programa que se chama Radio Prometea, feito por persoas diagnosticadas con trastorno mental; Aspace promove emisións protagonizadas por xente con parálise cerebral; outro programa conducido pola fundación Padre Rubinos permite que os máis desfavorecidos conten a súa historia na radio... Que saia pola porta do estudo unha persoa que acaba de perder a súa vivenda e che diga que é o día máis feliz da súa vida, provoca que acades un nivel de satisfacción insuperable”, explica con emoción Cabarcos.
Os inicios, como é natural, gardan pouca semellanza co presente. Os promotores de Cuac contactaron, para dar a coñecer a súa iniciativa, cos editores da revista Cuatro Gatos, unha publicación colaborativa que se adquiría por 100 pesetas (0'60 euros) nos campus galegos a mediados dos noventa e recollía erros e torpezas do profesorado. En dúas semanas, o colectivo coruñés recibiu por carta case 30 proxectos predominantemente musicais. A aventura da radio alternativa prendera no corazón do alumnado.
Naquela quenda abriuse camiño un matinal coñecido como Good Morning, Meilán, en referencia ao reitor da Universidade. A inspiración literaria chegou ese mesmo ano con música, letras e moitas voces baixo o título de Ulalume, que ofrece aínda na web Podomatic os episodios gravados en casete aquel curso. Humor e erotismo romperon tamén o xeo sen máis demora.
“Toda a vida cultural, alternativa e xove da cidade comezou a pasar por aquí, malia a inmensa precariedade técnica coa que funcionábamos”, sostén Cabarcos, “o que demostra que podemos semellar modestos en audiencia, pero somos enormes a nivel social”.
Entre os directos máis visitados e descargados da historia da emisora fica o seguimento especial das eleccións municipais de 2015, con dezaseis persoas na rúa cubrindo todo o relacionado coa información máis próxima durante máis de cinco intensas horas.
A elección dos programas míticos, entre os máis de 430 que soaron xa en Cuac FM, supón unha tarefa delicada para Fernández Cabarcos, que finalmente destaca algúns espazos por varias singularidades: Zapping, unha hora de humor que saltou á radio comercial e chegou á pequena pantalla; Que no es poco, un “morning show” que concentrou aos locutores máis orientados ao humor e captou a admiración dunha emisora alicantina que o ofrecía cada mañá; Ar de Coruña, que percorreu máis de 50 barrios grazas a un esforzo de produción titánico para reflectir as microdinámicas da cidade; Falta Paixón, un referente musical, e Reacción en Cadena, centrado en entrevistas a personaxes de relevancia.
Con certeza non se vive a mellor época para obter grandes réditos económicos co xornalismo, pero si se experimenta un período incomparable para facer produtos espectaculares no eido dos medios de comunicación, e Cuac FM superou para sempre a proba esencial: unha mestura axeitada entre vocación, paixón e creatividade.

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 3
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 3

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...