Un informe da Xunta recoñece riscos irreversibles na Ría de Arousa pola mina de Cobre San Rafael

A Consellería do Mar alertou de que as escorrentías da explotación en Touro-O Pino chegarían á ría máis produtiva de Galiza, mentres a empresa omitiu o estudo de bioacumulación de metais pesados
touro terreos
Terreos onde se sitúa a antiga mina que Cobre San Rafael quere reabrir.

Un informe técnico elaborado pola Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar recoñece riscos “irreversibles” para a actividade acuícola da Ría de Arousa derivados da posible reactivación da mina de cobre San Rafael, en Touro e O Pino. O documento, ao que tivo acceso este medio, sinala que as augas residuais e escorrentías xeradas pola actividade mineira acabarían vertendo no río Ulla e, “en última instancia”, na Ría de Arousa.

O documento conclúe que, atendendo ao “principio de precaución”, sería recomendable “o peche da mina despois de 40 anos de inactividade”, tendo en conta as dimensións do proxecto, os lixiviados, os metais e partículas previstas nas augas e nos sedimentos, e a modificación xeomorfolóxica que podería causar “danos irreversibles á actividade acuícola da Ría de Arousa”.

O proxecto, promovido por Cobre San Rafael S.L. (participada por Explotaciones Gallegas S.L. e Atalaya Touro UK Limited), contempla a explotación a ceo aberto mediante dez cortas mineiras durante 16,5 anos, cunha superficie de concesión de 2.744 hectáreas que se estende polos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces. Segundo recolle o informe, a actividade implicaría a construción de varios vertedoiros e depósitos de estériles no contorno dos ríos Pucheiras e Brandelos, así como voaduras diarias que xerarían partículas finas cuxo efecto sobre a fauna e a vexetación aínda non foi avaliado en profundidade.

Entre as carencias técnicas máis destacadas, o informe apunta que a documentación ambiental achegada pola promotora “non entra a analizar” nin a bioacumulación de metais pesados nos seres vivos nin as posibles sinerxías con outras actividades contaminantes previstas na mesma conca, como o proxecto de Altri en Palas de Rei ou os tanques de betún de Betunes Gallegos (grupo Gunvor) no porto de Vilagarcía. O documento tamén alerta de que os cálculos presentados pola empresa sobre lixiviados e pluviometría son “teóricos”, polo que “o escenario real pode ser moito peor” en caso de accidente.

A Ría de Arousa concentra máis do 65% das bateas en concesión de Galiza e xerou 123,8 millóns de quilos de produción acuícola en 2023, con máis de 106 millóns de euros de valor económico directo, segundo os datos que recolle o propio informe. O documento tamén sinala afeccións aos mananciais que abastecen núcleos rurais como Arinteiro, A Goleta, Torreis de Arriba ou a parroquia de Cebreiro, e recorda que os terreos da mina se sitúan no Camiño Francés, Ben de Interese Cultural protexido pola UNESCO, así como preto de xacementos arqueolóxicos e conxuntos etnográficos catalogados.

“Este informe quedou nun caixón”

Xaquín Rubido, voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), enmarca este informe nun contexto que considera sospeitoso. Lembra que a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, afirmou recentemente que “todos os informes eran positivos” de cara á tramitación do proxecto, dando a entender que a Declaración de Impacto Medioambiental (DIA) estaba a piques de saír. Para a plataforma, o contraste co contido deste documento é revelador. “Deducimos, loxicamente, cos elementos que temos enriba da mesa, que este informe quedou nun caixón”, afirma, “e foi substituído por outro que dicía o contrario”.

O voceiro explica que este tipo de informes sectoriais forman parte do procedemento previo á DIA e que este en concreto foi elaborado por unha técnica funcionaria da Consellería. A decisión de facelo público responde, di, a unha reivindicación histórica do movemento veciñal: que os procesos de avaliación ambiental sexan transparentes e que a sociedade —“que, ao fin e ao cabo, somos os afectados”— teña acceso aos informes sectoriais.

A plataforma solicitou este mesmo martes unha reunión coa Consellería do Mar para pedir explicacións sobre o contido do informe final; e presentou un rexistro conxunto en nome das tres organizacións; PDRA, Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e Plataforma Ulloa Viva. Rubido xustifica esa unidade de acción por unha lectura territorial do conflito, xa que entenden que “o río e a ría forman unha unidade ecoxeográfica”, polo que os movementos que xa demostraron eficacia na mobilización deben manter a súa unión fronte a calquera ameaza sobre ese espazo.

Este medio contactou coa Consellería do Mar para contrastar o contido do informe pero nega calquera vínculo entre o documento denunciado polas plataformas e o informe oficial do departamento: “o informe que existe da Consellería do Mar foi remitido, coa correspondente sinatura, hai máis dun ano e non ten nada que ver co documento que fixeron circular as plataformas contrarias ao proxecto”.

A resposta, con todo, non aclara se as conclusións dese informe oficial coinciden ou non coas recollidas no documento ao que tivo acceso este medio, nin responde ás preguntas concretas sobre se houbo un segundo informe sectorial con conclusións distintas. 

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...