Minería
A Xunta autoriza unha mina a ceo aberto de 1.000 hectáreas para extraer cuarzo na comarca de Ordes
No ano 2017 Erimsa —Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A.— tramitou as primeiras solicitudes para permisos de investigación mineiros na comarca de Ordes. O Sindicato Labrego Galego e os veciños afectados presentaron máis de 200 alegacións só para o proxecto Xanceda 7138, centrado en 781 hectáreas de Mesía, a maioría en solo de especial protección agraria.
O sindicato advertía daquela que a empresa estaba fragmentando os seus proxectos na comarca para non xerar alarma social. Sumando todos os permisos en fase de investigación, a superficie total chegaba ás 6.721 hectáreas, con máis de 200 granxas e 500 postos de traballo directos afectados.
Case unha década despois, a Xunta outorgou outra concesión de explotación a Erimsa na comarca. Unha mina a ceo aberto de 1000 hectáreas e unha proxección de 30 anos de actividade para extraer cuarzo nos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso.
O pasado outubro a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto, concluíndo que a mina é “ambientalmente viable”. Este documento foi asinado por María José Echevarría Moreno, directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade; e por Alejandro Carrera López, subdirector xeral de Avaliación Ambiental. Os mesmos cargos que en marzo de 2025 asinaron a DIA favorable á fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei.
O que non se ve debaixo da terra
Ramón Barreiro, do gabinete xurídico do Sindicato Labrego Galego (SLG), explica o mecanismo da extracción: a empresa retira a capa vexetal superior das fincas, remexe as capas inferiores para cribar o cuarzo e despois restitúe o material. O problema, di, é o que non se ve. “Iso modifica a estrutura que se foi formando no solo ao longo de moitos anos. É unha degradación constante do chan como medio de produción”, alerta.
A propia DIA, no seu apartado sobre augas, recolle que a extracción do cuarzo supón ”irremediablemente unha alteración na granulometría e na permeabilidade do terreo“. O documento admite que este efecto pode provocar ”unha considerable diminución da capacidade de infiltración“ que podería alterar tanto os réximes hídricos superficiais como a recarga dos acuíferos.
O SLG alerta ademais de que ao remover o subsolo e volver asentalo, a auga mobiliza metais pesados, alterando a composición química do solo e das augas subterráneas da zona. O proxecto prevé escavar entre 2 e 4 metros de profundidade, pero Barreiro sinala que na práctica iso é variable. “En zonas con abundante material, a empresa chega a traballar a 6 ou 8 metros de fondo”, explica.
Concentración parcelaria para uso mineiro
Xa no 2018 o sindicato denunciou á empresa Erimsa ante a Fiscalía por realizar traballos extractivos na zona sen as licenzas preceptivas. A empresa facía campañas de verán, aproveitando os permisos de investigación, en zonas onde non tiña autorización para extraer.
Ese mesmo ano, no marco do permiso mineiro Xanceda 7138, a Dirección Xeral de Gandaría e Agricultura emitiu un informe que, segundo documentou Adega, ”rexeitaba o proxecto con rotundidade“ e consideraba o plan de restauración ”pouco concreto“, con problemas serios de acidez do solo e de necesidade de terra vexetal.
Posteriormente, o mesmo departamento publicou un segundo informe dunha única páxina no que, tras reunirse coa empresa, deu por boas as súas promesas. Adega cualificou o episodio como ”outro exemplo máis da absoluta submisión da Xunta ao lobby mineiro“.
Actualmente toda a concesión mineira está sobre terreos que foron obxecto de concentración parcelaria. A Xunta reorganizou esas terras para uso agrario e agora autoriza extraer cuarzo nelas. Para Barreiro, a contradición é flagrante.
A estratexia comercial da empresa tamén xerou tensión nas aldeas. A concentración parcelaria entrega aos propietarios fincas reorganizadas que, con frecuencia, precisan traballos de acondicionamento antes de poder cultivarse ou pastorarse: retirada de raíces, nivelación do terreo, limpeza de pedras.
Erimsa aproveitou esa circunstancia para achegarse aos novos titulares cunha oferta aparentemente vantaxosa: arrendarlles a finca, extraer o cuarzo e devolvela xa nivelada e lista para usar, sen custo ningún para o propietario. ”Era unha proposta moi atractiva para quen lle facía custoso acondicionar a finca por si mesmo“, recoñece Barreiro.
Mais alugar a finca a Erimsa ten consecuencias administrativas inmediatas, xa que a DIA recolle expresamente que as parcelas arrendadas non poderán declararse na PAC durante os anos que duren os traballos. O titular perde as axudas agrarias dese período e que as superficies inscritas en réxime de produción ecolóxica perden esa condición.
Trinta anos de mina nunha comarca gandeira
A comarca de Ordes é un dos núcleos gandeiros máis relevantes de Galiza. Barreiro describe explotacións con cargas gandeiras ”bastante elevadas" e granxas que dependen de acceder a un número suficiente de fincas de pastoreo, que cambian de ano en ano segundo os contratos de aluguer.
Cando en 2017 o SLG denunciaba a fragmentación dos permisos de Erimsa, identificaba catro proxectos en marcha ou en fase de investigación na comarca: Xanceda 7138, Marís, Andrea 7137 e Lamosa. A concesión agora outorgada é o resultado de anos de tramitación deses permisos.
Durante o período de información pública o proxecto recibiu 177 alegacións de persoas físicas e xurídicas. A mina proxéctase íntegramente sobre solo de uso agrario, polo que a empresa non prevé expropiacións; o seu modelo baséase no aluguer temporal das fincas aos propietarios, coa promesa de devolvelas ao seu uso anterior unha vez rematados os traballos. É precisamente ese modelo o que o SLG leva anos cuestionando. A restauración, din, é inviable cando se extrae o mineral que dá estrutura ao subsolo.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!