A Xunta oculta desde xaneiro a solicitude dun novo megaproxecto mineiro en Touro

Cobre San Rafael solicita ademais que sexa considerado Proxecto Industrial Estratéxico para “facilitar a súa tramitación exprés e impedir a participación pública”, segundo indican máis dun cento de colectivos nun comunicado conxunto.
17 jun 2024 08:30

En pleno agosto de 2017, unha publicación no DOG ameazaba a tranquilidade das veciñas de Touro e O Pino. Atalaya Mining e Cobre San Rafael presentaban un megaproxecto para a reapertura da antiga mina, cuxos efectos son aínda visibles na zona. Daquela, a mobilización veciñal e un proxecto con todo tipo de carencias provocaron que a Xunta, en 2020, tivera que rexeitalo.

Neste tempo Cobre San Rafael seguiu instalada en Touro, acentuando e investindo cada vez máis na súa estratexia de ‘greenwashing’, da man da Cámara Mineira e do propio goberno galego. Tamén seguiron os continuos verquidos e os danos ecolóxicos aos ríos Lañas e Brandelos, malia as multas leves a pesar da súa reincidencia de Augas de Galicia e os supostos sistemas de tratamento da empresa.

A Xunta non só acompañou á patronal neste proceso, senón que tamén seguiu lexislando ao seu favor, como demostran a chamada ‘Lei Depredación’ ou a figura dos ‘Proxectos Industriais Estratéxicos’. Esta consideración implica que, segundo a Lei 3/2022 de 18 de outubro de áreas empresariais de Galicia, calquera proxecto poida ser considerado estratéxico se conta cun investimento de 2 millóns de euros, supoña a creación de 25 postos de traballo e acredite a titularidade do terreo onde se vai implantar o proxecto. Con isto, o goberno pode outorgar ao proxecto un carácter prioritario na tramitación, prevalencia sobre o planeamento urbanístico vixente, a non suxeción aos títulos de competencia municipal, a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva ou a súa declaración de utilidade pública e interese social a efectos expropiatorios, entre outros moitos beneficios.

A mineira entregou en xaneiro a documentación dun novo proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas, cunha balsa de residuos tóxicos de 23 millóns de metros cúbicos e 1,6 km de lonxitude.

Nese marco, documentos aos que tivo acceso O Salto revelan que, o 23 de xaneiro, a mineira Cobre San Rafael solicitou á Xunta a consideración dun novo megaproxecto de reapertura da mina como Proxecto Industrial Estratéxico. Cómpre lembrar que a denegación da Xunta do proxecto de reapertura anterior foi recurrido pola mercantil. Malia que este recurso está pendente de sentenza polo TSXG, a Xunta recibiu e agochou aos concellos e á veciñanza a documentación dun novo proxecto.

Segundo explican nun comunicado 122 colectivos asinantes contrarios á reapertura da mina, a consideración como Proxecto Industrial Estratéxico facilitaría os trámites antes mencionados á promotora: “Preténdese que sexa unha tramitación exprés que impida a participación pública e que os organismos sectoriais non dispoñan de tempo suficiente para emitir os seus informes. Debe terse en conta que o proxecto está composto por millares de páxinas e centos de documentos anexos.”

Desde que a Xunta recibiu a documentación, ademais dunhas eleccións onde o tema foi agochado, representantes da Xunta e das promotoras dos proxectos estiveron reunidos en varias ocasións. Unha delas, a máis visible, no Encontro da patronal galega e mineira en Sober, onde estiveron os conselleiros de Emprego e Medio Rural, o CEO de Atalaya Mining (promotora de Touro) ou o organizador, co apoio da Xunta, o ‘lobbysta’ Venancio Salcines. Malia a todo isto, a información seguiu agochada durante todo este tempo, ata a obtención da documentación por parte dos colectivos e a cidadanía.

“O único que cambiou nos últimos 4 anos foi a cantidade de diñeiro ‘investido’ pola mineira en propaganda e campañas de desinformación”, explican os colectivos no comunicado.

Ante este novo megaproxecto, máis dun cento de colectivos veciñais e da sociedade civil galega asinan un manifesto no que amosan “máis rotundo rexeitamento á nova tentativa de Atalaya Mining de forzar a aprobación da abertura da mina de Touro”. Segundo recollen no comunicado, o proxecto é unha “copia barata” do proxecto rexeitado pola propia Xunta debido a súa inviabilidade e polos seus impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla e o Camiño de Santiago. Ademais, advirten das repercusións “totalmente negativas no tecido empresarial sostible e xa consolidado nunha comarca onde as tasas de desemprego son das máis baixas”.

O novo proxecto, segundo a documentación á que se tivo acceso e sinala o comunicado, terá as seguintes características: “Unha balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos, con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago. O depósito de residuos está a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente”. Segundo os colectivos que asinan o manifesto contra esta reapertura, “o único que cambiou nos últimos 4 anos foi a cantidade de diñeiro ‘investido’ pola mineira en propaganda e campañas de desinformación sobre a realidade do proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas”, incluindo terreos agrarios con produción e tamén o Polígono Industrial de Touro, onde se ubica a empresa Galchimia e na que traballan 50 persoas.

Ademais, os colectivos anuncian unha “mobilización masiva e sen precedentes para impedir o fraude que supón declarar como proxecto industrial estratéxico unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviábel”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...