Nestlé presenta un ERE que afecta a 301 persoas mentres as súas vendas en España rozan os 3.000 millóns

A planta galega da multinacional suíza, produtora de leite condensada para Europa e Oriente Medio, é a máis golpeada. A asemblea de traballadores convoca unha folga indefinida dende o 1 de xuño
nestle pontecesures
Manifestación en Pontecesures o pasado 16 de maio. Foto: CIG

A asemblea de traballadores da fábrica de Nestlé en Pontecesures (Pontevedra) acordou este luns 19 de maio convocar folga indefinida a partir do 1 de xuño se a empresa non retira o expediente de regulación de emprego (ERE) que prevé suprimir 27 postos de traballo na planta. A decisión chega tras a manifestación do pasado sábado 16 de maio, na que, segundo os sindicatos, se concentraron arredor dunhas 1.500 persoas en defensa do emprego local.

O ERE de Nestlé España, anunciado en abril, afecta a un total de 301 traballadores repartidos en seis centros: Pontecesures (Pontevedra), Sebares (Asturias), La Penilla (Cantabria), Miajadas (Cáceres), Reus (Tarragona) e Girona. Pero é a planta galega a que carga cun peso desproporcionado; con 27 despidos previstos, representa o 14% do seu cadro de persoal. “Porcentualmente, somos o segundo centro máis afectado de todos os despidos, despois da central”, afirma Jonatan Losas, representante de UXT na fábrica.

Losas sinala que a empresa tampouco achegou información sobre as persoas afectadas: “Sabemos que son 17 postos ligados á produción e 10 de perfil administrativo, pero non se nos deu máis información”. Segundo explican dende o comité de empresa, os argumentos da dirección apuntan a motivos organizativos, técnicos e de produción —non económicos—, e á automatización, á implantación de intelixencia artificial e ao auxe das marcas brancas.

Sandra Seoane, presidenta do comité de empresa pola CIG, cuestiona de raíz a xustificación da compañía e defende que a decisión non atende ás necesidades reais da fábrica. “Nos últimos anos a empresa limitou progresivamente as vacacións de verán e a compensación das horas traballadas en festivos e fins de semana, alegando precisamente necesidades produtivas”, segundo explica, lonxe de sobrar persoal, faría falta reforzar o cadro en determinados departamentos.

Un cadro de persoal novo, con cargas familiares e sen idade de xubilación

A planta de Pontecesures é a encargada de fabricar leite condensada para toda Europa e Oriente Medio; e os meses de xullo e agosto supoñen o período de máxima actividade: sete semanas traballando en quendas de sete días continuados. “Como se vai soster esa produción prescindindo de 27 persoas? As contas non nos dan”, recalca Losas.

A negociación entre empresa e representantes sindicais —UXT, CCOO, CGT e CSIF a nivel estatal— arrincou o 15 de maio en Barcelona, despois dunha primeira reunión constitutiva da mesa. O proceso ten un prazo de tres semanas. “Cando unha empresa tan grande toma unha decisión tan importante como esta, cremos que está máis que decidida”, recoñecen dende UXT. Con todo manteñen como obxectivo prioritario evitar os despidos: “O primeiro é salvar ás persoas”.

Seoane comparte esa posición: “O noso obxectivo son cero despidos. De non conseguilo, que as poucas saídas que haxa sexan voluntarias e con boas condicións”. A CIG chama á comarca a sumarse á presión; ademais da folga indefinida aprobada onte, convocou concentracións diante da fábrica ao mediodía os días 21, 27 e 28 de maio.

O impacto humano do ERE é especialmente duro pola composición actual do cadro. Seoane explica que na última década produciuse un relevo xeracional importante, polo que hoxe a maioría das traballadoras e traballadores son xente nova da comarca, “moitos con cargas familiares e moi poucos en idade próxima á xubilación”. Mentres tanto, a empresa si recortou persoal nos anos posteriores á pandemia —cando rematou un pico de alta produción— sen cubrir as baixas con novas contratacións.

O ERE tamén chegou ao Congreso dos Deputados, onde o BNG presentou unha iniciativa para reclamar que se frease o proceso en Pontecesures, mentres que o secretario de Emprego da Xunta recibiu ao comité de empresa o luns 18 de maio a petición dos propios traballadores.

Case 3.000 millóns en ventas en España

O ERE prodúcese nun contexto financeiro que contrasta co seu impacto sobre as familias traballadoras. En 2025, Nestlé España case alcanzou os 3.000 millóns de euros en ventas, tras un crecemento do 12% respecto ao ano anterior. A pesar diso, o pasado outubro a multinacional suíza, presidida por Pablo Isla, anunciou un plan de recorte de 16.000 empregos en dous anos —case o 6% da seu cadro total—, ligado a obxectivos de aforro de custos. O mercado recibiu o anuncio con euforia: as accións de Nestlé subiron un 9,3% na Bolsa no mesmo día.

A xente nova que hoxe sostén a produción de Pontecesures traballa os sete días da semana durante os meses de verán, cun esforzo en conciliación e descanso que se multiplica precisamente cando as vacacións están máis restrinxidas. “Por iso non se entende que pretendan despedir a 27 traballadores e traballadoras dun cadro de persoal de 198 persoas”, di Seoane, presidenta do comité. 

Este xornal contactou con Nestlé España para coñecer os criterios seguidos á hora de determinar que postos se suprimen en cada centro. Tamén preguntou polo argumento principal da compañía para xustificar a concentración do impacto en Pontecesures, así como polos factores concretos que levan a prescindir de 27 traballadores nunha fábrica que, segundo os sindicatos, non conta con persoal suficiente para afrontar o verán. A empresa non respondeu antes do peche desta edición.


Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...