O 12 de abril compartiuse en Instagram unha infografía realizada polo proxecto Educación Social Antirracista, que expuña algúns dos tópicos racistas máis empregados no Estado español. A imaxe tiña unha sección dedicada á presión que se exerce sobre moitas persoas migrantes cando temos que aprender unha nova lingua en contextos de desigualdade. Entre a chea de comentarios que recibiu a publicación da infografía, houbo un chio en Twitter que, sen deterse a considerar a experiencia da que xorde o contido da infografía, conseguiu case mil likes e  foi reproducido máis de cen veces. A resposta a este tweet foi moi triste: reuniu un feixe de comentarios con contido explicitamente racista, que xustificaban a súa discriminación con principios que fundamentan a protección das linguas minorizadas. 

As persoas que conformamos O Prelo somos migrantes e levamos dedicados case tres anos á escrita sobre o ámbito editorial galego. Despois do que sucedeu decidimos deter o contido que tiñamos programado nesta sección e facer pública a nosa postura. Non é a primeira vez que a nosa relación co galego esperta actitudes que nos vulneran ou que aproveitan a nosa condición migratoria para conseguir algún beneficio propio.  

Para as autoras que diriximos este blog, a transmisión dunha lingua ou as estratexias de protección dos dereitos lingüísticos gardan unha relación cun conxunto de prácticas culturais que ensaian formas de traballo colectivo: o teatro comunitario, a mediación de lectura, as pedagoxías populares, entre moitas outras. 

Sobran testemuñas do que a mediación logrou en espazos desbordados pola desesperanzas e a violencia. Pero, alén de celebrar os esforzos que moitxs mediadores fixeron en fan nos nosos países, o que nos interesa é rescatar algúns valores fundamentais destas prácticas. Nestas circunstancias, para nós, a máis importante é a idea do coidado. No noso tempo, é unha palabra usada en contextos diversos, pero para este caso, só recolleremos o xeito en que Leonardo Boff a expuxera nunha das súas obras máis célebres: “[O coidado] Representa unha actitude de ocupación, de preocupación, de responsabilización  e de compromiso afectivo co outro”.

Boff ten a sensibilidade de colocar o coidado no ámbito das actitudes. Así, non é sempre unha actividade en si, senón unha condición da existencia que acompaña e fundamenta certa forma de actuar con outras persoas. O coidado exixe de nós unha atención especial e prioritaria nas sensibilidades doutrxs. Esa consideración fundamental permite que prácticas como o ensino da arte, a transmisión dunha lingua e a lectura sexan capaces de sanar e servir como refuxio para moitas persoas vulnerables. As experiencias que demostran este potencial son diversas e conmovedoras.

  A reiteración de certos principios normativizadores non son sempre a chave na procura de novos falantes ou tamén nos exixe que deixemos de pensar a lingua nun código patrimonialista ou só no rexistro dos dereitos culturais asociados a unha nación

No chamado norte global, as persoas migrantes e racializada solicitamos e loitamos por esa consideración necesaria. Un principio de coidado que acompañe situacións marcadas pola desigualdade en diferentes ámbitos da vida. A aprendizaxe de linguas é unha delas. A interiorización dun saber tan complexo como o lingüístico en circunstancias como as que viven moitas persoas migrantes pode involucrar experiencias que non se reducen a adquisición de competencias nunha aula. Moitas veces, esa aprendizaxe require afrontar o medo á exposición constante ou o abandono de certos recursos expresivos que forman  parte do noso modo de vincularnos con outras persoas. É nese horizonte que as palabras como coidado son de especial relevancia. Polo tanto, o reclamo directo e severo no uso dunha lingua pode sumarse a unha cadea de xestos que laceran a vida de comunidades vulnerables. 

É innegable que a situación do galego é moi delicada. Exixe atención e compromiso. Con todo, os procedementos que colaboran na promoción e protección dunha lingua en Europa non poden ser xordos ás sensibilidades e experiencias migratorias que forman parte do continente. Isto por dous motivos importantes: o proceso histórico que recobre o colonialismo e a colonialidade dos pobos do sur global desde o século XVI e a realidade concreta das persoas migrantes e racializadas que hoxe habitan Europa. A maior parte de nós experimentamos procesos complexos de subordinación en diferentes ámbitos da vida. 

Con todo, afrontar que os territorios europeos non son espazos de plena homoxeneidade cultural -non o foron nunca- convida a pensar noutras formas de organizar os nosos procesos. Supón, por exemplo, estratexias de ensino que se fundamenten no acompañamento migratorio e a mediación de lectura, convócanos a pensar tamén que a reiteración de certos principios normativizadores non son sempre a chave na procura de novos falantes ou tamén nos exixe que deixemos de pensar a lingua nun código patrimonialista ou só no rexistro dos dereitos culturais asociados a unha nación. Asemade, neste esforzo que procuraría evitar unha mirada “euro-centrada” da protección das linguas, poderían tamén tomarse en consideración o conxunto de esforzos e estratexias que desde as Américas están a xestionarse en materia de dereitos lingüísticos. Ao respecto, é destacable a sistematización que Virginia Unamuno fai do pobo wichi e a súa loita organizada, ou os ensaios sobre dereitos lingüísticos de Yasnaya Elena Aguilar, lingüísta e pensadora ayuujk, por exemplo.

Desde O Prelo cremos que defender os dereitos lingüísticos de cada persoa supón a construción de espazos sensibles onde sexa posible celebrar a palabra e o coñecemento compartido. Isto significa tamén escoitar as experiencias de compañerxs migrantes e aprender da súas formas de organización, da súas dificultades e medos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...