Palestina
“Ser palestina é unha condición de decencia nun mundo indecente”
O 29 de novembro de 1947, a ONU aprobaba dividir Palestina á forza, en contra da súa cidadanía. Trinta anos, dúas guerras e milleiros de mortos despois, a ONU viu preciso dedicar un día a recoñecer que aquel plan saíra mal. Desde entón, cada 29 de novembro lembraría que o pobo palestino ten dereito a volver ao seu fogar, a restituír os seus bens e á soberanía nacional sen inxerencia externa.
Para revisar de que xeito nada disto se cumpriu e outras realidades da realidade palestina, o Encontro Galego contra a OTAN organizou unha palestra en Compostela con Mohamed Safa, Sami Ashour, Paula Bonaval e a investigadora María González Flores.
Safa: “Só temos dúas opcións, a resignación ou a resistencia, e eliximos a segunda.”
Mohamed Safa é desa xeración de médicos palestinos que estudou na USC. Foi o último en falar e comezou contrastando a realidade histórica coa realidade que presentan os medios desde hai semanas: “Parece que en Gaza todo era paz e liberdade ata o 7 de outubro”. Safa explicou que desde o bloqueo israelí a Gaza de 2007, a situación non fixo máis que empeorar: “Atacaron cinco veces, nunhas semanas destruían e despois, paraban. Ante isto, só temos dúas opcións, a resignación ou a resistencia, e eliximos a segunda.”

Safa criticou tamén a resposta dos países árabes ante o xenocidio, non así da resistencia: “Os países árabes adoptaron a doutrina da cultura da derrota, e non agardo nada deles. Pero o 7 de outubro rompeuse esa doutrina e esa superioridade militar. Os israelís pensaban: 'como van facer nada estes mortos de fame?' O obxectivo da resistencia era devolver a casa aos presos palestinos, mulleres e nenos. Era a única maneira”. O activista lembrou que durante a ocupación, pasaron polo cárcere “ao redor de 1.5 millóns de persoas, o 25% das palestinas. A resposta de Israel, cualifícaa de 'enloquecimiento': “Queren aplanar a zona para que entren os tanques e facer de Gaza unha zona inhabitable, por iso atacan ata as panaderías. Non dicides que o Sinaí é inhabitable? Pois agora Gaza tamén.”
Safa preguntouse a si mesmo por que os países occidentais apoian a Israel: “Segue vixente a visión colonial sobre Oriente Medio. Era tan importante crear un estado xudeu, que expulsaron o 75% das persoas nativas, e hoxe, Occidente acepta o que está pasando como un prezo razoable para destruír a Hamas”. Seguiu facendo preguntas de difícil resposta: “Por que enxalzan a loita dos ucraínos e censuran a nosa? Queren facer ver que a nosa é parte da nosa xenética, que somos culpables e que Israel é a democracia e a vítima. Pensas que en Gaza están conformes con que os bombardee un ‘estado democrático’? Si, seguro. Menos mal que son democráticos, imaxina o terrible que serían as bombas dun estado ditatorial.”
Sami Ashour: “A un curmán da miña nai matárono canda dezanove persoas da súa familia, e aínda quedan dous debaixo dos escombros que non son quen de sacar.”
Sami Ashour é de Gaza, aínda que tamén leva a maior parte da súa vida en Galiza. O presidente da Asociación Galaico Árabe Jenin foi enumerando as razóns polas que “hai que ser solidarias con Palestina todos os días do ano”. A primeira: “O pobo palestino non ten ningunha culpa da situación, Europa, si”, en referencia á creación do estado israelí. A segunda, que é “unha causa xusta”: “Israel é un estado ocupante. Hai 700.000 persoas ocupando a mellor parte de Cisxordania e facendo imposible a solución dos dous estados”. O terceiro motivo é a situación “catastrófica” en Palestina: “Podedes imaxinar a dor das nais e pais sabendo que teñen fillos debaixo dos escombros. (...) A un curmán da miña nai matárono canda dezanove persoas da súa familia, e aínda quedan dous debaixo dos escombros que non son quen de sacar. É imposible de describir e de xustificar”.

Ashour criticou tamén a manipulación dos medios e alertou que “o que está pasando hoxe en Gaza, pode pasar en Cisxordania”, onde valora que hai un proceso de limpeza étnica e de expulsión de poboación: “Estamos ante o goberno máis extremista que tivo nunca ese estado.” Para finalizar, sinalou que o pobo palestino seguirá resistindo: “Nós levamos 75 anos aguantando, pero Israel só sabe destruír, ata que o mundo se canse. Xa estamos escoitando voces críticas ata en Estados Unidos, algo que antes era impensable”.

O acto comezara coa intervención de dúas activistas galegas que tamén traballan a prol da causa palestina. Paula Bonaval presentou o Movemento de Boicot e Desinvestimentos (BDS) en Galiza e convidou ás asistentes a unírense no Sistema Universitario Galego por Palestina, “un novo grupo de traballo horizontal para facer boicot no eido académico”. Bonaval explicou que é o Comité Nacional Palestino de BDS “quen marca as empresas a boicotear baixo criterios estratéxicos” e, neste momento, salienta a Carrefour como a principal empresa a boicotear. Tamén mencionou outras marcas como Puma, HP (provedora do exército israelí), Siemens, Axxa Seguros ou a inmobiliaria Remax, pola construción de asentamentos coloniais.

María González Flores estivo en Ramallah traballando na súa tese, e sinalou varios puntos sobre como as ONG en Cisxordania “actúan como eixo de opresión”. Un deles é o extractivismo académico, é dicir, os investigadores do norte global que traballan en Palestina sen producir ningún retorno para a poboación local. Tamén criticou a clasificación que as ONG realizan das persoas beneficiarias ('emigrante', 'expatriado', 'vulnerable') e a axuda externa que chega a Palestina, que malia ser “moi necesaria” non ten en conta as necesidades da poboación local: “A liña márcana a Unión Europea ou a ONU.”
A última intervención de Safa, foi a máis longa e, se cadra, a máis emotiva. O médico cisxordano quixo citar un diálogo de La Corte de los milagros, de Valle Inclán:
— ¿Y usted por qué es revolucionario?
— Por decoro, querida Marquesa.
Safa enxalzou o decoro e a decencia da causa palestina: “Hoxe en día, ser palestina é unha condición de decencia nun mundo indecente. Decencia ante unha posición irracional. Por iso teño esperanza.”
Palestina
Fayez Badawi: “A resistencia non deixará só ao pobo no matadoiro apoiado por Occidente”
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!