Partido Popular
Alfonso Rueda recompensa ao seu músico de campaña e concelleiro do PP cunha xira por Galiza por 60.000 euros

O presidente da Xunta contratou a dedo á empresa da filla de Juan Pardo con fondos do Xacobeo para unha xira por concellos do PP. Aí toca Antonio Barros, que é edil do PP no Porriño e animador no mitin da súa localidade.
antonio barros lys pardo alfonso rueda
O concelleiro do PP, Antonio Barros, xunto ao presidente da Xunta e a cantante Lys Pardo nun mitin do partido en campaña.

O ciclo da lealdade en política péchase cobrando e nos despachos da Xunta do Partido Popular coñecen ben esta máxima. A Axencia de Turismo de Galiza, dependente do goberno galego de Alfonso Rueda contratou a un dos seus músicos estrela durante a campaña das eleccións galegas e concelleiro do PP no Porriño (Pontevedra), Antonio Barros. Para que? Para organizar unha xira por polo menos oito concellos gobernados polo seu partido e pagándolle a el e á banda que crearon para a ocasión 60.500 euros de diñeiro público.

Elecciones
Eleccións Callos gratis, Juan Pardo e comidas con diñeiro público: o PP resucita a Fraga na última semana de campaña
A seis días das eleccións, o partido de Alfonso Rueda escenifica na vila pontevedresa do Porriño as súas redes clientelares tras a malograda estratexia de españolizar a campaña e cunhas enquisas que os colocan a piques de perder a Xunta.

É certo que Barros non está só, repartirase o montante con outra das músicas que tamén se situou á beira do entón candidato durante a campaña, Lys Pardo, filla do histórico cantante galego Juan Pardo e administradora única da empresa que se adxudicou o contrato e, previsiblemente, cos outros dous músicos que conforman o cuarteto Xuntos pola música.

De feito, non parecen querer disimular moito a sintonía entre a familia Pardo, o concelleiro do PP e o gabinete do presidente Rueda. Xuntos foi a canción que Manuel Fraga empregou como hino electoral a finais do oitenta; xuntos foi un dos lemas de campaña de Rueda nas pasadas eleccións, contratando incluso unha nova versión da canción; e, xuntos, o agora presidente da Xunta, Pardo e Barros cantaron o tema nun dos mitins máis multitudinarios da campaña fronte a todos os asistentes. Nunca se poderá saber se pola calidade da proposta musical ou por repartir centos de pratos de callos gratis sen que o Partido Popular de Galiza explicase aínda quen os pagou.

Aínda que, ao seu xeito, o que si contestou ás preguntas desta redacción foi o concelleiro que se asegurou unha boa xira este ano. Limitouse a acusar a este diario de “difamar” á súa persoa e de buscar “destapar unha suposta trama ou algo parecido das series americanas”. Nin rastro das respostas sobre os pormenores do contrato e da súa vinculación ao partido ou un potencial trato de favor.

Contratos de patrocinio publicitario, unha escusa para evitar os concursos públicos

A licitación pública que testemuña a contratación dunha banda de recente creación pagada a prezo de artista consolidado é, como adoita ser desde Turismo de Galiza, opaca. No Portal de Transparencia da Xunta, apenas unhas liñas. “Patrocinio publicitario para a promoción de Turismo de Galiza a través do espectáculo Xuntos pola música” é o obxecto e 60.500 euros o orzamento base. Imposible dar cos pormenores do servizo e os argumentos de contratación. Nin sequera a Axencia de Turismo de Galiza, que depende dunha das persoas de confianza de Rueda, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tivo a ben contestar as preguntas do Salto. Nin cantas actuacións foron pagadas baixo o nome do Xacobeo nin tampouco se influíu a máis que estreita relación do cantante co partido co que é concelleiro do seu municipio. Soamente limitouse a explicar que a promotora dos eventos foi Lys Pardo e que “a Xunta non escolle artistas, limítase a ofrecer apoio económico”.

Barros, que leva dúas lexislaturas cantando nos mitins locais do Partido Popular, foi nas últimas eleccións de número 13 e saíu elixido concelleiro. Este dato non impide que siga pasando facturas como artista ao propio Concello do que é representante público. Coa súa parella, Beatriz Gómez Fandiño, que aparece como benefactora das facturas, ten o grupo iAlma. O pasado 24 de xullo facturou ao Concello do Porriño 3.453,17 euros polo espectáculo Anduriña, dedicado tamén a Juan Pardo. Quizais pola inflación, en tan só un ano duplicaron o caché: o 21 de xuño de 2022 tamén asinou unha factura por un espectáculo similar, pero por 1.650 euros. Ademais, Barros, é un habitual de todas as verbenas en todas as aldeas deste concello e toda a comarca.

Pero convén aclarar que o método empregado no caso da tríada Rueda, Pardo e Barros non é unha excepción á hora de repartir o diñeiro de todas e todos sen apenas control. Aínda que as pequenas licitacións, de menos de 15.000 euros (contratos menores), non necesitan ser sacadas a concurso, todas as que o superen si deben facelo. Fóra das que teñan unha urxencia inescusable ou as chamadas na administración pública como patrocinios publicitarios que, de facto, son un cheque en branco para dilapidar centos de millóns de euros ao ano en todo o Estado español no sector das industrias culturais. A lóxica é que só unha empresa pode ofrecer os servizos dun determinado artista e, polo tanto, non pode concorrerse de forma competitiva ou polo menos non nos marcos propostos polo groso das administracións.

O Partido Popular en Galiza utiliza esta fenda legal e obxectivamente arbitraria nos procesos de contratación para exercer unha sorte de control nas industrias culturais. Tan só na última lexislatura, a Xunta de Galiza repartiu a dedo 19.131.514 euros de diñeiro público para financiar festivais, principalmente, de música e outros concertos. Sen concorrencia competitiva, sen criterios obxectivos de repartición e, sobre todo, deixando fóra da ecuación a decenas de asociacións, cooperativas e empresas culturais que, algunhas desde hai décadas, sacan adiante algúns dos eventos culturais máis valorados do país. Os adxudicatarios das licitacións máis copiosas adoitan ser os mesmos nas 50 que fixeron públicas desde que Alberto Núñez Feijóo revalidou a súa maioría absoluta no verán de 2020 até hoxe: Live Nation, Old Navy, Sweet Nocturna, Esmerarte e mesmo unións de traballo temporal creadas entre as mesmas sociedades.

O Salto Galiza
Redes clientelares Millóns a dedo á industria dos festivais: a estratexia do PP en Galiza para controlar a cultura
Nunha lexislatura, a Xunta repartiu máis de 19 millóns de euros para festivais de maneira arbitraria a un pequeno grupo de empresas producindo unha distorsión do mercado e xerando un teito que impide o crecemento de iniciativas independentes.

Atrás deles, os festivais máis convencionais, creados da nada ao abeiro da Axencia de Turismo de Galiza e unhas decisións políticas de reparto: O Son do Camiño, O Gozo Festival, Latitudes ou Morriña Fest, entre outros moitos. O último deles e o máis cuantioso da historia de Galiza deixouno asinado a Xunta en xaneiro, co Goberno en funcións e coas eleccións xa convocadas. Nada menos que 3.388.000 euros nun contrato negociado sen publicidade para producir en 2024 a segunda edición de O Gozo Festival, un festival xurdido tamén da nada en 2023 arroupado pola Xunta e que, na súa primeira edición, xa levou o terceiro contrato a dedo para un evento musical máis grande da historia galega: outros 1.815.000 euros de diñeiro público.

A adxudicataria de ambas? A empresa Sweet Nocturna, unha sociedade que se limita a facer de recadadora galega para a multinacional que realmente produce o evento, Live Nation. Ambas foron as empresas que estiveron tras o polémico concerto dos Guns N' Roses en Vigo para o que o Concello, liderado por Abel Caballero (PSOE), simulou un concurso público ao que só se podía presentar unha empresa que revelou esta redacción e que, finalmente, recoñeceu pactalo co Goberno local semanas antes.

No caso da Xunta de Galiza e co agora presidente Alfonso Rueda, converteuse a Axencia de Turismo de Galiza, creada supostamente para favorecer o que o seu nome indica, nun organismo encargado de financiar a dedo tanto a multinacionais como Live Nation como a pequenas empresas estreitamente vinculadas ao Partido Popular.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.