Política
Noa Presas, candidata do BNG: “Ourense non é unha caricatura, hai que levar unha voz distinta ao Congreso”
Noa Presas (Ourense, 1987) encabeza a lista do BNG por Ourense ás eleccións xerais, na que é a súa segunda candidatura ao Congreso pola provincia. Nesta entrevista, a poucos días da cita electoral do 29 de novembro, defende que o Bloque pode dar un salto cuantitativo na Cámara Baixa apoiándose na confianza acumulada nas últimas galegas e que o seu voto pode ser decisivo nun escenario de fragmentación política.
A candidata fala das prioridades para Ourense —pensións, ferrocarril e crise climática—, do modelo industrial e enerxético, dos incendios, do control mediático do PP e das tensións entre o pacifismo defendido polo seu partido e o contexto internacional. Tamén valora o peche de filas da esquerda galega arredor do Bloque e a súa vontade de ser unha “casa común” do nacionalismo.
Presentácheste tamén nas anteriores xerais por Ourense pero non acadaches o escano. Que mudou dende aquel 2023?
Eu creo que os cambios non suceden de repente, senón pouco a pouco. Nestes últimos anos o BNG medrou no seu apoio social e electoral, no medio dunhas eleccións galegas nas que tivemos un resultado histórico, tamén por Ourense. Neste contexto, se a maioría das persoas que confiaron entón en nós volven facelo, estaremos aí e entraremos, por Lugo e Ourense, facendo historia no Congreso.
Como tentades romper a idea do voto dual que acontece en Galiza? Cales son os retos para que as decenas de miles de persoas que vos votaron nas galegas decidan votarvos tamén agora?
Estamos nun momento de cambio e é unha reflexión bastante clara que todo o mundo entende. Levamos case cincuenta anos, case medio século, de eleccións xerais, e Ourense, historicamente, sempre escolleu representantes do gran bipartidismo estatal, ou de forzas de obediencia estatal. O saldo de como nos foi non pasa nin a máis mínima auditoría. Podemos ver o estado dos trens, o estado das estradas, das grandes infraestruturas que dependen do Estado. Non houbo avances. Hai cuestións nas que Ourense leva no vagón de cola entre vinte e trinta anos. Póñoche un exemplo moi preto de aquí: o Museo Arqueolóxico leva pechado 25 anos, pendente de reforma, con proxectos paralizados. É algo que a priori sería sinxelo, que outras partes do Estado teñen, e non se entende por que aquí non. Polo tanto, creo que temos un momento de oportunidade: moita xente confía no BNG e pedimos esa oportunidade para demostrar que podemos facer máis e podemos facelo mellor.
Como pode ser que, con eses atrasos nos que dis que Ourense se atopa, a provincia siga sendo un dos grandes feudos do Partido Popular?
Creo que iso tamén empeza a cambiar. Se pensamos nas grandes vilas, a comezar pola propia cidade, en poucas goberna o Partido Popular. E nas anteriores eleccións galegas achegamos máis espazo electoral do PP. Creo que todas as cousas poden mudar e teño unha vontade de esperanza. Hai tamén un Ourense que non se resigna, que temos visto en moitas loitas sociais: impedir que se pechase o paritorio de Verín, defender o saneamento dos ríos, loitar por recuperar frecuencias horarias de tren. As cousas levan tempo, pero estou convencida de que estamos aí.
Segue viva a rede clientelar do PP en Ourense? O baltarismo, vaia.
O Partido Popular, singularmente Baltar e o baltarismo, e tamén o sector do PP que vén Ana de Bande, crearon unha rede moi firme que leva moito tempo desarticular. De feito, a día de hoxe aínda están empregando a Deputación de Ourense para iso, como axencia de colocación. Precisamente por iso é necesario que entre aire fresco e que haxa cambios, como que o BNG entre no Congreso e posteriormente deamos o salto á Xunta de Galiza, para depurar iso, porque as institucións e os recursos públicos son da xente, non dos partido.
Temos instalado no imaxinario que o votante de dereitas en Galiza é un votante moderado, conservador. En cambio, a candidata do PP por Ourense non parece que transmitira esa idea durante esta lexislatura.
Representa un Partido Popular que, ademais, se radicalizou nos últimos anos, como estamos vendo en todos os ámbitos. O único que queren é o discurso do lío: atacar o contrario, situarnos aos demais en posicións que non temos, difamar. E, desde logo, Ourense é outra cousa. Ourense non é unha caricatura, non é un esprai de pementa: somos xente traballadora e por iso hai que levar tamén unha voz distinta ao Congreso para romper eses mitos porque ás veces acabamos crendo nós precisamente iso.
Desde logo, o Partido Popular de moderado non ten nada e xa o vimos hai moito tempo, non agora con Vox. Fálase da ameaza que supón para os dereitos das mulleres e eu digo que esa ameaza xa foi o Partido Popular. A primeira decisión que tomou Feijóo ao entrar no Goberno galego, en 2009, foi recortar as axudas ás vítimas de violencia machista. Non se atreveron a eliminalas, porque hai un feminismo forte en Galiza que o impediría, pero intentaron recortalas pola calada e tamén impulsaron unha lei patrocinada por Red Madre. Quero dicir que o recorte, o aborto, todas esas cuestións xa foron axenda do Partido Popular, simplemente agora emerxe unha forza que compite con eles cun discurso máis radical. Á hora da verdade vimos que Feijóo era un pouco estilo Gallardón. Pensaban que era moderado, pero despois viuse que nin moderado, nin estadista, nin bo político, nin bo xestor.
É un momento histórico interesante. Hai un peche de filas xeneralizado da esquerda galega co BNG, nas militancias de base, en colectivos de política non institucional, mesmo en partidos e na política institucional, como o de Anova convosco. Interésame especialmente o teu perfil e o que representa dentro do Bloque como Movemento Arredista: pode ser unha oportunidade para ampliar as bases sociais do nacionalismo?
Nós usamos moito unha expresión moi propia do BNG, a de “casa común”, e creo que este contexto a define á perfección. O BNG naceu nos anos oitenta como unha forza política ampla, na que collían moitas sensibilidades unidas polo amor a este país, pola necesidade de defender máis cotas de autogoberno e por causas xustas no ámbito social, territorial, ecoloxista e feminista. A sociedade galega, despois tamén dun traballo de reconexión con ela, sabe ver que somos unha alternativa de fiar. Somos a forza da casa e sempre facemos o que dicimos e dicimos o que facemos. Hai moita xente que, á hora de coller a papeleta nas xerais, pode que non concorde co cen por cen das nosas propostas, pero sabe que vai ter unha voz contundente e de defensa. Creo que este é o froito dun traballo de moitas décadas, de moita xente e de moitas vontades. Afortunadamente, aquí en Galiza hai a quen votar, e non hai o lío que hai noutras partes do Estado no ámbito alternativo á dereita.
Hai debates internos no Bloque ou hai unha única voz á que se adherir?
Debatemos moito e traballamos moito (ri) e creo que esa parte é do noso éxito, porque desa pluralidade e de ter ás veces puntos de vista distintos sae o acerto. Sae unha lectura acertada do país, tendo en conta as distintas situacións ao longo do territorio e a achega de diferentes sectores sociais e económicos. Neste momento creo que estamos nun momento de unidade, de centrarnos no importante, de que non nos distraian outras cuestións, e de seguir facendo do nacionalismo galego un motor de transformación social.
Ves diferente o Bloque dos anos dez e o de agora?
Daría para moito esta pregunta (ri). Eu creo que nas reivindicacións esenciais, no que é a esencia do BNG, segue a ser o mesmo, e creo que soubemos conectar cun momento distinto. Nós nacemos nos oitenta, e na década dos dez houbo moitas transformacións económicas: unha crise financeira sen precedentes e moitas consecuencias das decisións de ámbito europeo. Había un momento social moi distinto e había que actualizar a lectura que faciamos do país, e tamén as formas de traballar e de comunicar. Igual que outros movementos, vivimos unha renovación xeral e un paso a primeiras filas de persoas doutras xeracións, e iso é un traballo ao longo do tempo. En resumo, en canto ao esencial seguimos sendo o BNG de sempre, fiel a este país e aos seus principios.
Se entras como deputada, o teu escano será probablemente o último ou, no mellor dos casos, o penúltimo. Velo posible?
Creo que realmente é posible. O que garantimos é que vai ser un escano de defensa deste país, que lle vai poñer voz moi concreta ao interior, que sempre estivo relegado a outros debates. Xa fixemos noutros momentos o de disputarlle o último escano ao Partido Popular, por exemplo nas anteriores eleccións galegas. Todo o mundo dicía que tiñamos un teito, que era imposible incrementar a representación por Ourense, pero fixémolo: temos catro deputadas e deputados do BNG [no Parlamento galego], algo que nunca antes acontecera. Iso responde a un proceso de acumulación da confianza da xente, e non vexo por que non vai pasar nestas eleccións.
Adoitades dicir que o BNG é necesario para que gobernen as esquerdas, o bloque progresista. Hai unha liña vermella nese sentido?
A nosa liña vermella sempre a poñen os intereses de Galiza. Veremos que contexto se dá e poremos sempre sobre a mesa as propostas que estamos a traballar en defensa deste país para condicionar e facer que as cousas se movan, que ás veces non se moven todo o rápido que nos gustaría. Pero o certo é que temos que presumir do traballo que fixo Néstor Rego cun só deputado en Madrid. Colocamos debates importantes para Galiza e demos pasos adiante: a transferencia da AP-9, que agora quere bloquear o Partido Popular; conseguir que non quedásemos atrás na quita da débeda, que tamén bloqueou o PP; as bonificacións para a AP-53; a mellora da vía entre Lugo e Ourense, que é insuficiente. Queremos máis, temos ambición de país e ese é o noso compromiso. Agora ben, a folla de servizos dun só deputado fronte aos outros 22 deixa bastante fácil poder presumir do traballo feito.
Cales serían as tres prioridades da lista do BNG por Ourense no Congreso?
Eu creo que hai tres cuestións esenciais. Primeiro, hai que blindar as pensións e garantir que suban acordes co nivel de vida. O BNG xa conseguiu un paso adiante coas pensións máis baixas e as non contributivas, pero estamos nun contexto no que a dereita quere ameazar ese dereito fundamental da clase traballadora e en Ourense temos as pensións máis baixas de todo o Estado, así que é unha cuestión urxente.
A segunda é vertebrar o país, vertebrar o territorio. Moi especialmente, Ourense ten un déficit en materia de ferrocarril. Temos que acompasar a alta velocidade, que entre adecuadamente en Ourense e con condicións de seguridade, e tamén mellorar o tren convencional. Necesitamos un tren de proximidade, que é o transporte de futuro do século XXI e está quedando atrás.
En terceiro lugar, todo o mundo, toda Galiza, pero moi especialmente Ourense, estamos vivindo as consecuencias da crise climática. Estamos encadeando períodos de seca con períodos de choivas torrenciais e con consecuencias dos lumes que non están solventadas. Polo tanto, todo o que ten que ver co clima e co saneamento dos ríos, que dependen de decisións tomadas a cincocentos quilómetros, o cal é unha anomalía democrática e supón dificultades no máis esencial, no día a día, vai ser unha prioridade para nós.
No pasado fuches unha das persoas do BNG en levar o eido de industria no Parlamento galego. Obxectivamente, a política industrial galega atravesa un momento delicado, con certa incerteza en sectores como a automoción, o naval ou a enerxía. Ten Galiza un proxecto industrial propio?
O modelo industrial do Partido Popular foi, é e será, ata que o cambiemos, un modelo de espolio, de industria de enclave e de saqueo enerxético, do que non queda nada. Iso non nos deixa nunha boa situación nun momento de incerteza económica e enerxética mundial. Pensando desde Ourense, temos máis do 50% da gran hidráulica de todo o país e non hai un retorno a cambio. Estamos vendo ademais o impacto no clima, con esa intención de aumentar as centrais reversibles. Iso require un cambio de modelo: a produción enerxética ten que servir ao desenvolvemento económico e social, cunha tarifa eléctrica galega.
Temos tamén que apostar polas infraestruturas, como o corredor atlántico de mercadorías, que está practicamente sen avances. Ourense ten que ter un papel fundamental aí, de camiño cara ao porto de Vigo, un dos máis importantes de Europa. Sen eses investimentos quedamos atrás. Insistimos tamén en que hai que apostar pola vía da innovación e en que desde o Estado haxa un financiamento máis xusto para poder impulsala e xerar así un cambio de modelo industrial que non dependa tanto de exportacións tan limitadas no téxtil e na automoción.
A rede ferroviaria entrou en campaña dunha maneira atroz e convén falar dela. Cales son as prioridades do Bloque a nivel ferroviario, concretamente en Ourense?
Antes que nada, insistimos en que ten que haber xustiza, verdade e reparación. Aquí sabemos moi ben o que pasou en Angrois: non houbo xustiza, verdade nin reparación e por iso desexamos que agora sexa distinto. Neste sentido, insistimos en que hai que facer unha auditoría ferroviaria de todas as liñas que pasan por Galiza e de todo o Estado, ver que condicións de seguridade hai e fiscalizalo adecuadamente.
Despois, para o ámbito galego, o tren de proximidade é a prioridade, e aspiramos a que se avance niso para vertebrar o país a través desas conexións ferroviarias, e nalgún momento dar un paso máis e ter unha transferencia e poder ter o que chamamos Galtren. É absolutamente inaceptable que, en case cincuenta anos de eleccións xerais, Lugo sexa unha illa, por exemplo, e que en Ourense esteamos un pouco mellor, pero porque estamos de camiño a Madrid; se non, estariamos igual. Pensando en Ourense, hai a zona sur, Monterrei e Valdeorras, cara á liña de Vigo, que está en absoluto desuso, e habería que aproveitar esa vía para ter conexións realmente de proximidade.
Outra característica de Ourense é que é unha provincia moi avellentada. Hai que tomar medidas estruturais para reverter esa situación ou hai que adecuarse e pensar as políticas para as persoas maiores?
Hai que facer as dúas cousas. Por unha banda, esa é a realidade que temos. Eu tamén digo que hai que cambiar un pouco a óptica: é unha sorte que en Ourense se envelleza tan ben; por algo será (ri). Temos que usar iso para atraer máis xente a vivir aquí. Pero, brincadeiras á parte, temos esa realidade e hai que xerar uns dereitos e unhas condicións de vida para ese avellentamento.
Por outra banda, hai que pensar tamén en que, se Ourense está así, é porque sufriu máis que outras partes do territorio a emigración e iso foi pola falta de oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida. Estamos tamén nun momento de retos e insisto en que é fundamental ter unha voz en Madrid, porque estamos vendo o que está pasando con Mercosur, que xa ten consecuencias aquí, por exemplo no prezo da carne. Falabamos o outro día en Montederramo, nun encontro con gandeiros. Aquí vin tractoradas impresionantes e vin moitos políticos do PP e do PSOE facéndose fotos nos tractores, pero despois da romaría, á hora da verdade, tragaron con todo, como sempre. Aí vai estar o BNG para defender.
Que ante o acordo de Mercosur se tomen medidas e tamén na PAC. Estamos vendo outra vez que hai recursos económicos para o militarismo, para esta escalada bélica, e isto vai moito máis alá do drama humanitario, que evidentemente é prioritario. Ten consecuencias nos orzamentos europeos e en como se distribúen eses piares. Vemos que nos van prexudicar outra vez, porque os criterios da PAC favorecen zonas con outras condicións de produción. É outro elemento de loita.
O BNG defínese como unha forza pacifista e critica o incremento do gasto militar. Como conciliar esa posición co actual escenario internacional e coas demandas europeas de maior investimento militar e á vez apoiar un potencial Goberno de Pedro Sánchez?
Hai que ter máis forza e hai que tensar a corda, porque estou convencida de que, se non estivesen forzas como o BNG e outros movementos soberanistas do Estado condicionando as políticas do PSOE, estes anos teriamos aínda máis gasto militar e non teriamos avanzado en pasos fundamentais como elevar o salario mínimo interprofesional. Por iso é fundamental que esteamos con forza e que sigamos insistindo. Ao longo da historia, o BNG sempre deu a batalla do pacifismo e do desarme nas rúas e nas institucións e imos seguir, por unha cuestión fundamental e é que ademais nos pon en perigo como parte do mundo que somos.
Son contradicións complexas. Algún sapo que hai que comer, non?
A cuestión é que a min gustaríame poder ter a decisión cen por cen na miña man, pero tes que empregar a túa forza para presionar. E iso, desde logo, imos facelo como ninguén, en todos os ámbitos, porque ademais temos un historial que nos avala. Nunca fomos timoratos, e é algo do que me sinto moi orgullosa do BNG: dicir as cousas que eran problemáticas. Nos anos oitenta e noventa tivemos unha posición moi valente niso e, desafortunadamente, cando alertamos das consecuencias que ían ter algúns tratados europeos no mar ou no medio rural, trinta anos despois o tempo dános a razón.
Aínda que estes días chova e faga frío, Ourense sufriu especialmente os incendios máis graves da historia o ano pasado. Estamos ante o fracaso máis palpable do modelo de xestión do territorio?
É un fracaso absoluto e as súas consecuencias seguen. É certo que estamos nunha campaña electoral de choiva e que os incendios xa non están na axenda, pero seguimos vendo as súas consecuencias. Hai apenas uns días quedou illada a parroquia de San Vicente de Leira, unha das grandes afectadas en 2025, que aínda non está reconstruída, que aínda non recibiu todas as axudas e na que non se fixo a labor de restauración do monte que había que facer, nin en 2025 nin cando houbo incendios precedentes. Por iso, agora cada vez que chove está absolutamente desbordada. A nosa alcaldesa da Rúa está farta de petar en todas as institucións e non comprende que nin o Estado nin a Xunta non respondan.
Temos exemplos abondos: o modelo do Partido Popular é un fracaso. Está centrado ademais na extinción. Houbo unha serie de conclusións en 2017 sobre os cambios que había que facer e non se fixeron, porque seguen sendo negacionistas da crise climática e porque non combaten o esencial, que é a falta de recursos do dispositivo. Pero tamén é preciso facer unha política distinta de organización forestal e de organización do territorio.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!