Pontevedra
A Deputación de Pontevedra pagou 6.000 euros por unha rolda de prensa no festival do sobriño do xefe do PP coruñés
.jpg?v=63927209380 2000w)
Todo queda en casa. A primeira edición do festival Galicia Fest, creado por unha empresa controlada polo sobriño do presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, non só se levou un patrocinio millonario da Xunta de Galiza. A Deputación de Pontevedra, gobernada polo PP, tamén fixo o seu e repartiu a dedo á organización do evento 83.000 euros por conceptos valorados moi fóra do seu prezo de mercado. Por exemplo, ese montante compóñeno “obrigas do festival” como unha rolda de prensa, valorada en 6.000 euros; trinta publicacións en redes sociais, valoradas en 7.000 euros; un anuncio na web do festival sen apenas visitantes, cun presunto valor de 5.000 euros; a difusión dun vídeo de Turismo Rías Baixas por outros 5.000 euros; ou 16.200 euros en conceptos de 100 entradas e 80 accesos vip para que o Goberno provincial repartise ao seu gusto.
A información fíxoa pública a Deputación de Pontevedra nunha memoria que pretende xustificar o patrocinio da primeira edición dun festival sen concorrencia competitiva. É dicir, outros eventos e empresas que contan cunha bagaxe na industria cultural non puideron acceder aos mesmos recursos que Gerardo Lorenzo Malvar, sobriño de Miguel Lorenzo, presidente do Partido Popular na Coruña —candidato perdedor á alcaldía en 2023—, cabeza de lista ao Congreso na candidatura do PP pola provincia en 2016 e cabeza de lista ao Senado tamén pola Coruña nas eleccións de 2019. Un dos homes fortes de Alberto Núñez Feijóo na súa terra.
O documento pon luz sobre a forma na que o Partido Popular entende a xestión cultural. Na primeira das apenas 17 páxinas, dedicada a argumentar a idoneidade do patrocinio, xa se atopan as primeiras inexactitudes, senón mentiras. A cita é literal: “O Servizo de Turismo dispón de datos que analizan os efectos positivos do Festival Galicia Fest en edicións precedentes, non só na comarca, senón como reclamo para o resto da provincia”. É obxectivamente imposible que a administración provincial dispoña de datos “que analizan os efectos positivos do Festival Galiza Fest en edicións precedentes” porque é a súa primeira edición. De feito, seis páxinas adiante xa se contradí: “Trátase dun festival de nova creación”.
Este mércores, O Salto revelou o prolixo negocio do sobriño do presidente do PP da Coruña coas administracións gobernadas polo partido de Alfonso Rueda. O relato cronolóxico comeza o martes 15 de abril de 2025. O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil de Pontevedra recolle a constitución dunha nova empresa: Galicia Fest 2025 AIE (Agrupación de Interese Económico), a adxudicataria en cuestión. Non se lle coñece outro administrador que Gerardo Lorenzo Malvar, un empresario novo criado ao calor da banca internacional. Ao longo de agosto do mesmo ano, apenas catro meses despois de nacer, a súa empresa consegue 907.500 euros da Axencia de Turismo de Galicia, 25.000 euros da Consellería de Deportes e os agora mencionados 83.000 euros da Deputación de Pontevedra, os tres organismos controlados polo Partido Popular. Todo ese diñeiro para crear un novo evento musical no porto de Vigo.
É un festival que nace do baleiro, cunha empresa creada do baleiro, sen unha gran experiencia coñecida do seu administrador no sector e que, con todo, consegue máis dun millón de euros de diñeiro público na súa primeira edición. Concretamente, 1.015.500 euros en tres contratos sen concorrencia competitiva. Nos papeis, “negociado sen publicidade”. En linguaxe non administrativa, a dedo.
O poder pontevedrés da familia Lorenzo
O eixo central sobre o que se adxudica todo este diñeiro público, Gerardo Lorenzo Malvar, é fillo de Gerardo Lorenzo Torres, empresario pontevedrés e expresidente do Pontevedra Club de Fútbol reconvertido a analista político no programa de Xabier Fortes en RTVE, La noche en 24 horas, onde adoita ocupar posicións ideolóxicas cercanas á rama menos dereita do Partido Popular, pero complacentes co presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.
O terceiro dos catro irmáns Lorenzo Torres e tío do dono do Galicia Fest e Recorda Fest é o actor Francis Lorenzo, popularmente coñecido polos seus papeis en Médico de familia e Águila roja. Ao igual que o seu irmán analista, tamén fixo uso do orzamento de RTVE coa súa presenza destacada no programa gastronómico MasterChef Celebrity.
O último dos irmáns —e dos tíos—, pero non menos importante, é José Manuel Lorenzo Torres produtor de televisión cunha amplísima traxectoria en postos de alta dirección. Foi director xeral de Antena3 a mediados dos noventa para pasar a selo de Canal+ ata 2004.
Xunta de Galicia
Alfonso Rueda deu 1,2 millóns a dedo ao sobriño do presidente do PP da Coruña para montar dous festivais
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!