Opinión
O avance soberanista redefine o Reino Unido fronte á onda ultra inglesa

Se ollamos para os resultados nas nacións con competencias ‘devolvidas’, os resultados na Asemblea Nacional galesa, o Senedd, son de certo extraordinarios e sinalan unha recomposición política profunda.
El primer ministro británico, el laborista Keir Starmer
O primeiro ministro británico, o laborista Keir Starmer.

Os resultados das eleccións decorridas no Reino Unido no pasado 7 de maio están a ser descritos polo comentariado británico como “históricos”. Os comicios convocaban citas electorais de dous tipos: municipais en Inglaterra, onde se elixían concelleiros de diferentes autoridades locais (condados, distritos ou boroughs metropolitanos); e nacionais en Gales e na Escocia, o que no sistema político español se denominarían “eleccións autonómicas”. En Inglaterra, o sistema bipartidario sufriu un abalo sísmico.

O partido populista de ultra dereita Reform UK, que estaba aínda en cueiros nas eleccións municipais de hai catro anos, conquistou por volta de catorce cámaras municipais e mais de 1.400 actas de concelleiro, tomando antigos bastións laboristas no Norte, nas Midlands e mesmo en Londres. Ao mesmo tempo, os Verdes alcanzaron os mellores resultados da súa historia, arrebatando varias autoridades locais simbólicas como Hackney (tamén en Londres) ou Norwich, unha cidade universitaria e progresista na costa leste inglesa.

Os avances en paralelo de Reform UK e dos Verdes a partir da desfeita electoral de Labour (e da rexionalización en curso do Partido Conservador) revelan o que podería ser descrito como un momento pos-Labour na política británica. As repercusións desta nova “estrutura de sentimento” político apuntan en dúas direccións opostas.

Por unha banda, nun contexto en que a esquerda dentro do Laborismo foi descabezada, o Green Party tornouse no refuxio electoral dunha clase media urbana, cosmopolita e fortemente mobilizada derredor das cuestións medioambientais e da solidariedade con Palestina. Onde no pasado os Verdes terían sido vistos como un partido monotemático e marxinal, hoxe capitalizan o espazo deixado por un Labour dereitizado que purgou de malas maneiras a súa esquerda histórica. O feito de que Jeremy Corbyn —expulsado do partido e electo como independente— votase el mesmo por candidatos independentes ligados á esquerda pro-Palestina reflicte precisamente a fragmentación do campo progresista británico.

A campaña de difamación que a dereita organizada dentro do laborismo enxergara contra Corbyn en 2019, baseada na correlación (todo un piar discursivo do campo mediático británico) entre solidaridade pro-Palestina e antisemitismo, non funcionou esta semana cando Labour tentou o mesmo truco contra o líder do Green Party, Zack Polansky. Malia a participación activa da maior parte dos medios británicos tradicionais nesta campaña de derribo de ultimísima hora contra os Verdes, moitos votantes semellan xa non aceptar a equivalencia entre denuncia do xenocidio israelí e a atribución de antisemitismo. Isto revela unha mudanza cultural importante dentro do electorado progresista inglés.

Por outra banda, os gaños electorais de Reform UK non poden ser comprendidos fóra da dinámica do sistema mediático británico, profundamente moldado pola prensa sensacionalista inclinada cara a unha dereita populista que simultaneamente amplifica e remexe no campo afectivo do odio e da excepcionalidade insularista “British”. Nunha conxuntura de inflación desbocada en que a vida cotiá semella irrecoñecíbel e no baleiro simbólico e material que deixou a desaparición programada dos vellos vencellos comunitarios da época pre-Thatcher, Reform UK posicionouse estratexicamente como altofalante da nostalxia. Promete devolver aos británicos a Gran Bretaña que algúns din lembrar: cohesionada, libre de criminalidade, branca e con traballo arreo para un grupo máis selecto e ben definido. A fantasía é tan potente que mesmo inmigrantes indios de primeira xeración no Reino Unido apoian Farage.

Se ollamos para os resultados nas nacións con competencias ‘devolvidas’ (incluída a de convocar un referendo de autodeterminación), os resultados na Asemblea Nacional galesa, o Senedd, son de certo extraordinarios e sinalan unha recomposición política profunda. En contraste coa Escocia, onde o SNP confirmou a súa hexemonía en Holyrood baixo o liderado de John Swinney – un primeiro ministro escocés abertamente pro-independencia que xa está a falar dun novo referendo – Plaid Cymru ten feito un camiño máis longo e accidentado até alcanzar, nas pasadas eleccións do 7 de maio, a posición do partido mais votado en Gales.

Un feixe de apuntamentos sobre o contexto galés poden axudarnos a percibir a magnitude desta fazaña. Gales contén algunhas das rexións mais pobres do Reino Unido, como o condados do norte, que foron historicamente dependentes de fondos de converxencia europeos. A forte penetración da ideoloxía unionista británica canalizada polas sucursais “galesas” dos grandes medios convencionais (BBC, ITV, etc) non pode ser neutralizada por unha esfera pública nacional totalmente anémica. Durante décadas, semellou inamovíbel a hexemonía en Gales dos partidos estatais británicos, cun Welsh Labour practicamente fosilizado como opción progresista nas antigas rexións mineiras do sur, profundamente marcadas pola industrialización do século XIX e pola migración interna que consolidou o inglés como lingua dominante das clases traballadoras galesas desde o inicio do século XX.

Nos últimos anos, Reform UK conseguiu capitalizar o resentimento de segmentos do electorado galés que se senten desvalorizados: desde sectores das clases precarizadas, moi afastadas dos circuítos institucionais de integración social como a educación ou o emprego estábel, até unha pequena burguesía que votou si ao Brexit por ver o que acontecía. Trátase de amplísimos sectores sociais que teñen perfectamente interiorizados os ideoloxemas unionistas británicos, incluída a idea de que a cultura galesa (en particular a lingua) é arcaica e elitista, e que a chamada “taffia” (o termo que se usa para referirse ás elites galés-parlantes e moi ben conectadas que lograron colocarse como intelligentsia autonómica), dedica excesivos recursos públicos a políticas culturais e lingüísticas que non interesan a ninguén.

Con todo, a vitoria de Plaid Cymru reside precisamente na súa capacidade de ofrecer outra lectura dese mesmo sentimento de descontento. O partido conseguiu encarreirar o estupor perante a incompetencia asociada a Welsh Labour (visto cada vez mais como unha pura máquina de xestión sen imaxinación política), nun discurso de orgullo nacional e de ambición colectiva. Neste sentido, o triunfo de Plaid non é apenas electoral, senón tamén cultural: a expresión do desexo dunha sociedade nacional galesa —entendida como unha comunidade multirracial onde a lingua e a cultura galesas fan parte dun patrimonio de todos— de “querer algo mellor” para si.

A vitoria de Plaid Cymru abre agora un período en que o partido terá de demostrar que é quen de rehabilitar uns servizos sociais galeses moi degradados, frear procesos de privatización e elevar a ambición das súas políticas educativas. Isto inclúe enfrontar a crise do ensino universitario galés, onde perdura un sistema de financiamento público de matrículas que (á diferenza do de Escocia) outorga préstamos a mozas e mozos galeses para marcharen estudar as súas carreiras a Inglaterra. Unha fuga de cerebros financiada con cartos públicos. En Inglaterra, os Verdes enfrontarán un reto semellante na hora de demostraren unha capacidade de xestión municipal con sensibilidade social. Mais todo indica que van ter bastante largueza para o facer, pois, a xulgar por un Keir Starmer pouco disposto a recuar, Labour vai demorar aínda algún tempo en reconectar coa clase traballadora.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...