Un grupo de xornalistas e fotógrafos lánzanse a documentar os baleiros do rural galego para que non esmoreza

Logo do éxito da exposición itinerante ‘Habitar o baleiro’, o fotoxornalista Brais Lorenzo e a xornalista Cláudia Morán arrincan o proceso de gravación dunha peza documental xunto coa produtora Metropolis.coop.
habitarobaleiro
Brais Lorenzo Carme, de 80 anos, preto de A Cernada (Lugo).

Habitar o baleiro nace no corazón da Galiza interior, mais a súa versión de exposición leva xa un ano xirando polos grandes espazos urbanos do país cun éxito de público innegable. Trátase dun proxecto documental que explora a despoboación do rural galego desde unha perspectiva sensible, crítica e profundamente humana coas imaxes do fotógrafo Brais Lorenzo e os textos da xornalista Cláudia Morán. Agora, ambos, coa colaboración da produtora Metropolis.coop transcende o formato audiovisual para converterse nun retrato coral do abandono, a resistencia e as novas formas de vida que emerxen nas marxes.

O proxecto parte dunha exposición itinerante composta por imaxes, textos e sons recollidos durante máis dunha década en lugares como San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa ou Negueira de Muñiz. Agora dá o salto ao cinema cunha película documental que busca ampliar o alcance desa mirada, levándoa a novos públicos e reforzando a súa vocación de arquivo vivo do territorio. Para lograr o seu obxectivo, acaban de abrir unha campaña de financiamento colectivo.

habitarobaleiro2
Un veciño de Negueira de Muñiz nunha veiga con caléndulas. Brais Lorenzo

“Este proxecto nace do noso amor pola terra. Aínda somos dunha xeración que ten unha parte na aldea, que pasou días da súa infancia xogando con outros nenos nas rúas das aldeas galegas, cousa que agora cada vez é máis complicada”, reflexiona o fotógrafo que pon o ollo no proxecto. Brais Lorenzo di que sempre preferiu escapar “da moqueta”: “A nivel profesional, diría que non existe nada máis importante para documentar a nivel xornalístico agora mesmo na Galiza”. 

Lonxe de caer na nostalxia ou no dramatismo, Habitar o baleiro propón un enfoque comprometido que se detén tanto nos signos do abandono como nas iniciativas que nacen para revertelo. Tradicións populares, festas rurais, prácticas agroecolóxicas, proxectos comunitarios e vidas cotiás aparecen en pantalla como pezas dun ecosistema en tensión, onde o pasado, o presente e o futuro conviven con fráxil equilibrio.

O documental constrúese desde unha narrativa pausada, coidada no estético e coherente co seu contido, co obxectivo de xerar unha conversa social arredor do modelo de desenvolvemento territorial, a perda de patrimonio e as alternativas de repoboación. É tamén unha aposta polo audiovisual como ferramenta de memoria e transformación. De feito, eles e elas xa están transformando: “Con esta exposición estamos logrando que a xente se faga preguntas. A temática do rural non é sinxela e, de feito, é tremendamente complexa, con moitas arestas e clarescuros. Iso é xusto o que pretendemos transmitir”, explica Cláudia Morán, a xornalista que tece os textos neste traballo.

“Non pretendemos pontificar nin romantizar, senón dárlle ferramentas á xente para crear o seu propio pensamento sobre o rural galego. E facémolo, como non pode ser de outro xeito, a partir das historias reais das persoas que viven nel, das mulleres maiores que maioritariamente o sosteñen, de profesionais e veciñanza que prestan servizo á comunidade, da xente nova que chega con proxectos e ilusións e da que loita por preservar a cultura e o territorio”, remata.

habitarobaleiro1
Unha palloza en Piornedo, no Ancares de Lugo. Brais Lorenzo


Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...