Medio ambiente
Outra batalla pola propiedade comunal

A Organización Galega de Comunidades de Montes vén de presentar unha iniciativa lexislativa a prol dos montes comunais.

Membro do Consello Director do Instituto Resiliencia

23 feb 2022 07:14

Neste intre no que o carácter finito dos recursos naturais comeza a se facer evidente,  as institucións xurídicas que garanten a titularidade, o uso e o acceso a eses recursos son dunha relevancia esencial. Nunha sociedade como a nosa, que ten as súas raíces no capitalismo industrial, a propiedade privada é a cerna do sistema económico. Isto fai posíbel que, ante situacións de desabastecemento, determinados estados, corporacións ou grupos sociais acaparen recursos e materiais para manter as súas condicións de vida.  Esa concentración de recursos está a ser un dos problemas fundamentais para a supervivencia de millóns de seres en todo o planeta.

Pero non todos os sistemas xurídico-económicos se basean na propiedade privada, e mesmo ao noso carón atopamos figuras senlleiras que amosan outras relacións das persoas co entorno: institucións que pensan no uso e na conservación dos recursos, non no seu consumo até o esgotamento. Ese é o caso, na nosa terra, dos montes veciñais en man común, institucións ancestrais (“unha viva tradición de colectivismo agrario que se perde, literalmente, na noite histórica, e que inesperadamente chegou a nós, non sen altibaixos, coma un resto do mundo antigo”, en palabras, de 1974, do catedrático de dereito administrativo Eduardo García de Enterría) que só grazas á loita secular das persoas labregas conseguiron ter un certo recoñecemento no ordenamento xurídico español. Malia o descoñecemento que a poboación xeral temos destes montes, a súa importancia é crucial, de feito, segundo a Xunta de Galicia, a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, está recoñecida como monte comunal.

Os montes veciñais son terreos que, polo costume, se atopan fóra do comercio polo que, xa dende o comezo da economía liberal, foron considerados atrancos para o progreso e o desenvolvemento económico.

A propiedade comunal non é concibíbel dende os dogmas da economía de mercado e responde a unha lóxica distinta daquela na que moitas de nós fomos educadas, polo que sempre cómpre un pequeno esforzo da imaxinación. Cada monte veciñal está integrado por un conxunto de terras —non só forestais— que son propiedade comunal de todas as persoas veciñas dunha determinada parroquia ou lugar e que xestionan, utilizan ou anovan conforme a principios democráticos, dende sempre. Ou resumido nun dito: “O monte veciñal non é noso: é un préstamo que nos fan os nosos netos”. Estes montes son terreos que, por costume, se atopan fóra do comercio —“son indivisíbeis, inalienábeis, imprescritíbeis e inembargábeis”, en termos xurídicos— polo que, xa dende o comezo da economía liberal, foron considerados atrancos para o progreso e o desenvolvemento económico. Por iso dende o século XVII, o Estado, nas súas distintas encarnacións, usou toda a súa forza contra esas comunidades que puñan en cuestión a propiedade privada. Din os estudosos que esta “propiedade comunal” constitúe a propia orixe do concello: os municipios naceron como instrumentos para a xestión da propiedade comunal dos veciños pero, norma a norma, dende a Lei de facendas municipais de 1760 até a derradeira reforma, a Lei galega 18/2021 de medidas fiscais e administrativas,  o Estado intenta baleirar de contido os montes comunais para fornecer o patrimonio e a importancia do concello e, por tanto, do mesmo Estado.

A persistencia dos montes comunais en Galiza débese, entre outras razóns, ao intento aínda non logrado, de implantar un sistema de organización territorial alleo, sen ningún arraigo no país. Os concellos creáronse unindo parroquias lindeiras que sumaban 1.000 habitantes pero para a xente do común a parroquia foi sempre o seu eido. E é precisamente dende a perspectiva da parroquia dende a que a propiedade comunal adquire o seu verdadeiro sentido: o monte veciñal está integrado por aquelas terras que son precisas para que a veciñanza de cada parroquia satisfaga as súas necesidades. Historicamente -segundo Xosé Carlos Morgade Martínez, historiador e comuneiro en Mourente- o monte foi un “produtor abondoso de recursos económicos: esquilmos para a produción de esterco; pastos para o gando; leña; pedras e penedos para a construcións do rural e do urbano e mesmo terras de cultivo ocasionais nas etapas de incremento demográfico, cando a fame era moita e cumpría ceder unhas leiras no comunal, onde cada familia podía sementar unha colleita de cereal”.  Esta utilidade e necesidade do monte comunal persistiu no tempo e chegou aos nosos días grazas á loita e resistencia legal  das comuneiras. Nos tempos da Desamortización participaron nas poxas dos bens que lles expropiaran e constituíron “comunidades civís” que se rexían por estatutos que non facían máis que recoller o costume inmemorial. Estas actuacións e o propio costume foron acollidos pola xurisprudencia da Audiencia Territorial da Coruña, nunha primeira instancia, e logo polo Tribunal Supremo.  Ao final, a Lei de Montes de 1957 deu acubillo á figura dos montes veciñais “nas  provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra” que logo tamén foron regulados na Compilación de dereito civil especial de Galicia, de 1963 e, tras a Constitución española de 1978 nas normas autonómicas que regulan a materia.

Porén, todas estas normas sempre intentaron enclaustrar a propiedade comunal noutras figuras que non desentoaran co sistema capitalista. De feito, a súa cualificación normativa segue a ser a de “propiedade privada” aínda que con características especiais para asemellala, aínda que non de xeito completo, á “propiedade comunal”, que é o que verdadeiramente as labregas conservaron todos estes séculos. Esta deturpación do comunal está a facerse malia que o art. 132 da Constitución impón ao lexislador estabelecer “o réxime xurídico dos bens [...] comunais”, mais os parlamentarios nunca recoñeceron plenamente os montes veciñais como propiedade comunal. Isto é o que permite que, pouco a pouco, perdan a súa verdadeira esencia a través, por exemplo, do sometemento ao imposto de sociedades, de continuas expropiacións, etc.

Na actualidade o monte volve a ser un obxecto de desexo para as corporacións: as grandes empresas mineiras andan na procura dos xacementos máis rendíbeis de calquera elemento necesario para as tecnoloxías que queren explotar no Novo Pacto Verde e as absurdas políticas de “desenvolvemento sustentábel” pretenden encher o monte de aeroxeradores polo que a propiedade comunal segue a ser un atranco para o progreso.

Na última reforma aprobada polo Parlamento de Galicia, a xa mencionada Lei 18/2021, o lexislador galego borra toda mención á parroquia da Lei de Montes Veciñais e substitúea polo Concello nun novo intento, da longa xeira iniciada en 1760, de encaixar o costume nunha configuración territorial allea. E, consonte Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), estanse a preparar novas reformas -anunciadas xa en 2018- que afondan na privatización do monte comunal e que prevén mesmo “considerar comuneiros a todas aquelas persoas físicas e xurídicas que teña relación co monte veciñal co que pasarían a ser comuneiros e comuneiras as accionistas e os accionistas de Fenosa, das eólicas, de Ence,...”

Para se opoñer a estas anunciadas mudas, a ORGACCMM  presentou unha iniciativa lexislativa popular para substituír a Lei 13/1989 de montes veciñais en man común por unha norma que regule de xeito definitivo e conforme coa súa natureza e práctica usual a propiedade comunal dos montes veciñais de Galiza.  As novidades que este proxecto pretende facer lei supoñen acoller conceptos claros para as comuneiras e as estudosas: o carácter comunal e non privado dos montes (art.1); a regulación da compra de terreos para a ampliación dos montes veciñais (art. 4); a redución dos prazos polos que as comuneiras poden ceder o uso dos terreos comunais (art. 5); unha descrición completa dos posíbeis aproveitamentos do monte (art. 9); a declaración de nulidade de todos os actos de usurpación e ocupación dos montes (art. 12); a consagración do denominado “uso social” (art. 14) e o desvencellamento da propiedade comunal do Concello, outorgando toda intervención administrativa á Xunta de Galicia (arts. 22 a 24), entre outros moitos.  Do mesmo xeito, procura -seguindo outra das reivindicación das comuneiras- o recoñecemento de moitos dos valores actuais dos montes comunais e prevé que a Xunta cuantifique os beneficios que estes montes xeran na captura de dióxido de carbono (disposición adicional segunda) .

Para se opoñer a estas anunciadas mudas a Organización Galega de Comunidades de Montes  presentou unha iniciativa lexislativa que regule de xeito definitivo e conforme coa súa natureza e práctica usual a propiedade comunal dos montes veciñais de Galiza.

A ORGACCMM acaba de presentar, na súa asemblea deste 19 de febreiro, a súa campaña para recoller as 10.000 sinaturas precisas para avalar esta iniciativa lexislativa e que poida ser debatida no Parlamento Galego. O monte galego é vizoso en moitos recursos precisos para a nosa supervivencia pero o actual sistema económico busca o espolio no presente sen pensar que eses recursos “son un  préstamo que nos fan os nosos netos”, se esa cuarta parte do territorio galego se privatizase ou se excluíse da xestión democrática da veciñanza perderiamos unha das riquezas máis importantes que temos na nosa terra, especialmente neste momentos de colapso da civilización industrial.

Coda

Cómpre volver un momento á xa citada conferencia que García de Enterría impartiu en 1974: “o máis eficaz [dos inimigos dos montes comunais] foi o paso na agricultura dun sistema de subsistencia e autoconsumo a un réxime de economía de mercado, de economía de intercambio. [...] A técnica dos aproveitamentos comunais está especialmente asentada no autoconsumo. As comunidades que viven sobre os usos comunais producen normalmente só para se manter, e producen todo o que precisan, cunhas necesidades de intercambio externo moi limitadas [...]. Un exemplo: no ámbito forestal, o dereito de leña como un dereito veciñal tiña interese no intre no que non había outra fonte de enerxía doméstica, pero deixa de ter interese virtual cando a enerxía da que poden dispor os fogares é outra e, amais, é máis cómoda de usar (electricidade, carbón, butano,etc.)”.  A crise enerxética fai que moitos pensemos en que hai que dar a volta a esta afirmación porque o futuro, lonxe da “electricidade, carbón, butano”, gas e derivados do petróleo podemos atopalo no vello “dereito de leña”: un combustíbel que usado coa intelixencia comunal pode permitirnos a supervivencia. E que a extensión da propiedade comunal, coa súa cultura democrática e sustentábel, é a única esperanza que fica á humanidade.

Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Altri
Altri Dimite a directora de Patrimonio que asinou o informe onde se cualificaba de “icónica” a cheminea de Altri
Tras máis dunha década á fronte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua abandona o seu cargo, que asumira a comezos de febreiro de 2013.
Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Galicia
Galicia A Xunta aprobou a celulosa de Altri argumentando que a súa cheminea de 75 metros sería “icónica”
O Informe de Patrimonio Cultural, favorable á multinacional, emitiuse con base en dúas encargas externas, contratadas e pagadas pola empresa ao ex presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.
Uruguay
Muere Mújica Muere José Mujica: el descanso del guerrero
La muerte de Pepe Mujica hará aumentar sin duda la leyenda que rodeó durante tantos años al viejo guerrillero tupamaro convertido en presidente de Uruguay, pero no todos serán elogios.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
Opinión
Opinión Por qué es vital que el mundo (y Europa) se desarme
Mientras buena parte de los políticos mundiales nos hablan de las amenazas que suponen los Otros, la conclusión en el campo de la ciencia climática es que los problemas del siglo XXI son consecuencia del modo de vida desmesurado del mundo occidental.
Más noticias
Energía
Límites planetarios Reducir el consumo energético, el debate olvidado (e incómodo) del gran apagón
España proyecta un 43% de aumento de consumo eléctrico en los próximos cinco años. Especialistas opinan que la electrificación de la demanda, clave para abandonar los combustibles fósiles, tiene que ir acompañada de la suficiencia energética.
Comunidad de Madrid
Comunidad de Madrid Vecinas de Madrid convocan otra gran manifestación por la sanidad pública
El próximo 25 de mayo la plataforma Vecinas y Vecinos de Barrios y Pueblos de Madrid organiza otra gran marcha contra la política sanitaria del Gobierno de Ayuso.
Palestina
Palestina Imputan a dos capitanes de buque implicados en el comercio de armas con Israel
El Juzgado de Instrucción nº 6 de Barcelona investiga la implicación de la naviera Maersk en el suministro de armas al ejército israelí y le requiere que identifique a dos capitanes.
Sanidad pública
Sanidad Pública España necesita 100.000 enfermeras para alcanzar la media europea
Casi un 40% de enfermeras manifiesta que dejará la profesión en los próximos 10 años. Son datos del Ministerio de Sanidad y las profesionales exponen las razones: falta de conciliación y contratos precarios.

Recomendadas

Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.
Pensamiento
Michael Hardt “La respuesta a Trump no debe ser volver a la normalidad”
Pensador estadounidense y colaborador de Antonio Negri en algunas de sus mejores páginas, el filósofo Michael Hardt ha seguido dedicando su trabajo a la idea y a las prácticas del común.
Estados Unidos
Roberto Montoya “Nos dicen que hay que armarse contra Putin cuando el mayor peligro para el mundo es Trump”
Más Donald Trump que nunca, el multimillonario ha regresado para terminar lo que no pudo hacer en su primer mandato. El periodista Roberto Montoya bucea en el personaje y su contexto en el libro ‘Trump 2.0’ (Akal, 2025).
Cine
Cine Colectivo y sin autor: breve historia de otro cine
La película ‘Una isla y una noche’, autoproducida y autodistribuida por el colectivo francés Piratas de Lentillères, es la puerta de entrada para recordar otros modos de hacer cine, alejados de la firma de autor y los grandes estrenos.