Aeropuerto de Barajas

Decrecimiento
O noso voo a ningures

As estratexias públicas e privadas adoptadas para o mantemento do transporte aéreo durante a pandemia da COVID-19 amosan os febles recursos da nosa civilización para afrontar as crises enerxéticas e climáticas que nos axexan.

Membro do Consello Director do Instituto Resiliencia

19 nov 2020 06:03

¿Y cuál será entonces a la postre

la Gran Pedrada que por fin rompa el juego

de la Infinita Semiosis?

¿El cenit del petróleo

el apocalipsis climático

o alguna gran pandemia?

Jorge Riechmann. Mudanza del isonauta (Tusquets Editores, 2020)

 A convivencia co SARS-Cov-2 está a implicar unha mudanza, á forza, dos costumes das nosas sociedades, que pon de manifesto os grandes erros, eivas e dependencias (tamén os acertos) da nosa civilización. Un cambio no terreo do acaecido —a aparición dun virus— fixo que os estados usasen toda a súa forza para ordenar a sociedade e organizar a vida da xente dun xeito novo coa clara intención de manter o “necesario”.

Os mandatarios, coas súas campañas, queren que predomine a idea de transitoriedade (“Saiamos disto con sentidiño”, di a Xunta de Galicia; “Salimos más fuertes”, apoia o Goberno de España) e de que axiña a ciencia vai atopar a vacina (falan menos dun tratamento médico, non se sabe moi ben por que) e todo vai volver ser como era antes da chegada do coronavirus (“Ha saír todo ben”). Non contemplan comunicar a necesidade dun troco definitivo de costumes para non seren tan febles ante a posíbel convivencia longa con esta enfermidade ou a chegada de novas doenzas das que moitas expertas levan alertando anos.

A actuación dos mandatarios garda un paralelismo coa que defenden para afrontar o resto das crises que axexan a existencia dos seres humanos (mormente as que enumeraba Jorge Riechmann nos versos cos que iniciei este artigo): o fomento da fe cega na ciencia e na tecnoloxía e o dogma do crecemento abóndanlles para solucionar todas as ameazas e manter o statu quo sen ter en conta o resto das ameazas. Moitos expertos levan décadas avisando de que esas non son solucións, e por iso a actual crise sanitaria amósanos a incapacidade da ideoloxía e o sistema económico dominantes de achegar unha solución que mereza ese nome, e a necesidade urxente de refundar as nosas sociedades.

Un exemplo que serve para ilustrar as absurdas conviccións e estratexias da nosa civilización é a utilización da aviación como medio de transporte ordinario; a gran dependencia que a economía mundial, mormente a industria turística, ten dese transporte rematou por convertela nunha necesidade no noso imaxinario colectivo, malia que menos do 10% da poboación do mundo viaxara algunha vez en avión.

A gran dependencia que a economía mundial ten do transporte aéreo rematou por convertelo nunha necesidade no noso imaxinario colectivo, malia que menos do 10% da poboación do mundo viaxara algunha vez en avión

En xullo de 2019 celebrouse unha conferencia en Barcelona da rede internacional Fica na terra para deseñar medidas que rematasen co “crecemento incontrolado do sector da aviación” e as súas nocivas consecuencias enerxéticas, ambientais e sociais. De súpeto, os peches de fronteiras, as corentenas e illamentos que moitos estados lles impoñen aos viaxeiros que proceden de determinadas zonas, mais outras medidas que se suceden dende o mes de febreiro de 2020, están a rematar co negocio da navegación aérea tal e como o viñamos coñecendo. Pero, claro, o monstro resístese a morrer.

A globalización liberal, a potenciación do turismo de masas, a rendibilidade capitalista derivada da creación desmesurada de aeroportos, pariron un sector empresarial absurdo, insostíbel e esencialmente regado con abondosas axudas públicas que, golpeado pola realidade, non é quen de se soster só e reclama novas achegas estatais. É moi revelador do que somos que a primeira operación de respaldo público aprobada polo Fondo de Apoio á Solvencia das Empresas Estratéxicas creado polo goberno de España sexa para unha liña aérea.

A xustificación que fai o goberno desta achega de 475 millóns de euros públicos, deixa clara a estratexia: esta empresa, di na nota de prensa, é a “segunda liña aérea española co maior número de autorizacións para voar a destinos internacionais. Ten 130 voos a 60 países, o que implica un importante impacto no sector turístico español, xa que unha elevada cota dos seus pasaxeiros viaxan a destinos turísticos e de lecer. A súa dimensión en termos de ingresos é tamén moi relevante xa que supón o 18% da cifra global no conxunto das compañías aéreas españolas [...] Con esta medida o Goberno amosa unha outra vez o seu compromiso co tecido produtivo.” Que será o que produce o transporte aéreo amais de gases de efecto invernadoiro? De todos os xeitos esta actuación amosa que após a crise sanitaria volveremos viaxar sen medida, ou iso parece prever o goberno, que agarda que Aireuropa devolva os cartos nun prazo de seis anos. As cousas deben seguir como eran.

Como bos seguidores da mesma ideoloxía, o Concello e a Cámara de Comercio da Coruña veñen de asinar un convenio con Iberia para ampliar os voos coa “capital do Estado” durante os próximos tres meses, coa intención, manifestada polo Concello, de “favorecer o crecemento de empresas e negocios que precisan reunírense en Madrid e formaren equipos de traballo” e “impulsar A Coruña como destino turístico nun momento en que se necesita reactivar o sector servizos e a economía local, así como facilitarlles a mobilidade ás e aos pasaxeiros, que terán máis opcións de enlaces cos demais aeroportos nacionais e internacionais”. Consonte algúns medios (La opinión de A Coruña e RNE) o acordo suporá unha inversión para as arcas municipais de, polo menos, 150.000 euros, máis outros 50.000 que achegará a Cámara de Comercio. Un total de 200.000 euros para que a empresa non asuma perdas durante estes tres meses. Víctor Moneo, director de vendas de Iberia, deixouno claro na rolda de prensa: “Cremos firmemente na recuperación económica, que vai producirse, que debe producirse; e nós queremos axudar a esa recuperación”. Un novo acto de fe no progreso.

Após a crise sanitaria volveremos viaxar sen medida, ou iso parece prever o goberno, que agarda que Aireuropa devolva 475 millóns de euros nun prazo de seis anos

A falsa necesidade das viaxes en avión é consecuencia da nosa veneración pola técnica e o inmediato. J. B. Priestley xa sinalou que as persoas “estamos hipnotizadas pola nosa inventiva mecánica e a nosa habilidade tecnolóxica, tan fascinados, que xa non pedimos que elas nos sirvan a nós, senón que somos nós os que estamos ao seu servizo” e se iso era así en 1964, antes da gran revolución electrónica e informática, agora moito máis. O ceo encheuse nas últimas décadas de avións que facían miles de viaxes innecesarias: viaxes curtas que se podían substituír por viaxes en tren (os voos internos ibéricos son un claro exemplo), viaxes pensadas para o turismo de masas... O transporte de pasaxeiros en avión converteuse nun medio ordinario para determinadas clases sociais de determinados países.

Pero os gobernos adoptan esas medidas porque as persoas aprendemos ben a importancia do progreso e fomos quen de sentir a necesidade de voar en avión. Deste xeito, cando o pasado setembro, a liña aérea australiana Qantas realizou esta oferta no seu cibersitio: “Qantas ofrece un voo panorámico especial sobre o Territorio do Norte, Queensland e Nova Gales do Sur. Para atender á forte demanda dos viaxeiros habituais que teñen soidade da experiencia de voar e queren volver facelo” , vendeu todas as pasaxes en dez minutos. “Sen dúbida é o voo que máis axiña vendemos na longa historia de Qantas”, proclamaron os voceiros da compañía con ledicia. “A xente botaba en falta a viaxe e a experiencia de voar. Se a demanda existe, imos facer máis destes voos panorámicos, até que volvan abrir as fronteiras”, declarou Alan Joice, o director executivo da liña aérea á CNN.

Á vista das restricións e corentenas que o goberno australiano lles impón aos viaxeiros que cambian de rexión dentro do país, o negocio desta compañía aérea, como o do resto, estaba a desaparecer e era precisa unha solución imaxinativa para manter o seu volume de negocio. Os directivos de Qantas inventaron este voo a ningures, con saída e chegada en Sidney, e polo tanto ceibo de calquera prohibición, que permitiu a unha manda de persoas sobrevoar algúns dos espazos máis senlleiros do país. Qantas xa mostrara o seu gran desprezo polo ambiente o 22 de xullo cando, para celebrar o derradeiro voo dun Boeing-747, o aparello desviouse da súa rota para deseñar sobre o ceo o logo da compañía e malversar un pouco de enerxía.

Non pode ignorar ninguén o enorme impacto ambiental que ten o transporte aéreo no planeta, non pode ignorar ninguén as recomendacións de racionamento enerxético de moitas expertas. Malia todo iso, as persoas e os estados seguimos a poxar polo modelo económico e social que coñecemos, por ese voo a ningures que só pode rematar no colapso.

Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Decrecimiento
Ampliación aeropuerto La insostenible sostenibilidad de Barcelona
La ampliación del aeropuerto de Barcelona es un proyecto impregnado de la cultura del siglo XX, con evidentes implicaciones en la destrucción de una naturaleza y una ciudad que han alcanzado sus límites.
Río Arriba
Río Arriba Luis González Reyes: “Vivimos en un mundo en el que la escasez es un elemento central”
Primera entrevista del programa Río Arriba en formato podcast y vídeo donde hablamos de las nuevas guerras neocoloniales por recursos en la era de Trump y Putin, de la escasez, del decrecimiento y el colapsismo.
Tribuna
Tribuna Decrecimiento azul: un enfoque necesario para mares al límite
Mientras se celebra la UNOC3 y en el contexto de cambio climático y pérdida de biodiversidad al que nos enfrentamos se necesita —también en el mar— un cambio de paradigma donde el crecimiento y la ausencia de límites dejen de ser la norma.
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.