Unha das protestas no centro de Redondela
Unha das protestas no centro de Redondela.

A veciñanza de Redondela mobilízase contra o colapso da atención primaria ás portas do verán

A Plataforma de Defensa da Sanidade denuncia que o centro leva meses sen case a metade dos seus médicos e alerta do peche inminente das quendas de tarde.

Seis médicos de familia menos sobre un cadro de catorce. Listas de agarda de máis de 20 días para unha consulta. Máis de 30 días para facer unha analítica de sangue. E a partir do 1 de xullo, sen enfermería nin facultativos pola tarde. Esta é a radiografía que a Plataforma de Defensa da Sanidade de Redondela presenta do seu centro de saúde, nun contexto que cualifican de “punto límite” e que coincide co anuncio do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de deixar fóra de servizo preto do 10% das camas hospitalarias galegas durante o período estival.

O pasado 9 de xuño, veciños e veciñas de Redondela, Chapela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes concentráronse para presentar un manifesto de denuncia. A plataforma apunta a un deterioro que non é conxuntural: dende abril, case cada día o centro opera con seis postos médicos descubertos, entre vacantes sen cubrir e baixas de longa duración. 

Ana María González, membro da plataforma, denuncia que prevén concentrar toda a actividade de enfermería e facultativos na quenda de mañá a partir do 1 de xullo, sen ningún reforzo paralelo no Punto de Atención Continuada. 

O peche das tardes chega nun momento no que o Sergas prepara o seu axuste estival a nivel autonómico. A CIG-Saúde cifra en arredor de 550 as camas hospitalarias que quedarán fóra de servizo este verán en toda Galiza. A porcentaxe, dun 10% do total, é lixeiramente superior á do verán pasado, cando a planificación estival deixou fóra de uso un 8,3% das camas. 

A Consellería de Sanidade defende que a medida non implica perda de capacidade asistencial, pero dende a CIG-Saúde consideran incomprensible que o Segas manteña pechadas centas de camas mentres hai pacientes ingresados nas urxencias sen onde ser hospitalizados. 

As listas de agarda non reflicten a realidade asistencial

Máis alá do problema do persoal, a plataforma denuncia que as listas de agarda oficiais non reflicten a realidade asistencial. González explica que o sistema informático do Sergas non rexistra os pacientes en lista de espera no momento en que se lles fai a petición de cita, senón días ou semanas despois, cando a administración decide asignarlles data.

A esta dilación inicial súmase o impacto das folgas de facultativos. Segundo a Ana María, os pacientes afectados por días de folga quedan desvinculados das listas ordinarias e reincorporados nun punto indeterminado, sen saber cando serán atendidos.

O manifesto da plataforma vai máis lonxe e asegura que os rexistros “ocultan máis dun terzo das persoas en espera de consulta ou cirurxía”. O Sergas non respondeu ás queixas formais presentadas polo centro, segundo a plataforma.

Un paciente da área ilustra con precisión o que supón esta acumulación de demoras: pediu cita a mediados de abril para unha primeira consulta, con 20 días de espera. Nesa visita solicitou unha analítica, que lle deron para 25 días despois. O día da analítica coincidiu cunha folga dos técnicos, e o prazo alongouse outros 34 días. Os resultados non estarán ata o 15 de xullo. “Dende que pedín esa primeira consulta ata o 15 de xullo son tres meses”, denuncia.

A plataforma apoia as súas demandas nun informe recente do Consello de Contas que constata que Galiza destina só o 12% do gasto sanitario á atención primaria, a metade do 25% mínimo recomendado pola OMS. 

As esixencias da plataforma inclúen a cobertura inmediata das vacantes, a retirada do plan de peche das tardes, o aumento real do orzamento en atención primaria e a transparencia nas listas de agarda especializadas e de saúde mental.

Entre as demandas figura tamén a supresión do plus de produtividade que a Xunta pretende implantar para retribuír aos médicos en función da duración das incapacidades temporais dos seus pacientes. “O paciente sae prexudicado. É o facultativo quen debe decidir, segundo criterios clínicos, se unha persoa está apta ou non para traballar”, afirma González. “Non se lle pode dar un incentivo económico ao médico por emitir unha alta”, remata.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...