Sanidad pública
Vigo sae á rúa en defensa dunha atención primaria de calidade
Perto de 37.000 persoas percorreron o xoves 27 de decembro as ruas do centro da cidade olívica. Piden máis persoal nos centros de saúde, unha sanidade pública de calidade e gratuita, así como a dimisión do actual conselleiro de sanidade da Xunta de Galiza.

Ás 20 horas do xoves 27 de decembro ao redor de 37.000 cidadáns de Vigo e arredores saíron ás rúas da cidade en defensa da sanidade pública. “Pola dignidade da atención primaria” destacaba a pancarta que encabezaba a manifestación, sostida polos xefes de servizo dos centros de saúde que dimitiron fai dúas semanas. Os manifestantes buscaban solución á falta de reposición de novos traballadores, á carencia de material novo, á sobrecarga nos traballadores e ás demoras nas consultas dos pacientes.
Os PAC levan máis dun ano protestando polas súas condicións laborais, pero decidiron unir forzas xunto aos médicos ex-xefes de servizo dos centros de saúde. Neste momento preocúpalles o servizo que están a dar á cidadanía e é este tema o que motiva esta mobilización. Por isto, tal e como indican os organizadores, a do xoves foi unha reivindicación máis profesional que laboral.O problema ven sendo coma unha bóla de neve. Os PAC son os encargados das urxencias máis leves, pero como non teñen persoal dabondo e están baixo mínimos, esas urxencias trasládanse ás hospitalarias, saturándoas. “Non podemos con todo, pedimos tempo para atender á xente como é debido” sinala Carlos Gavián, médico da PAC de Tui. Ademais, os médicos afectados aseguran que ao día tratan entre 40 e 50 pacientes, con apenas 5-10 minutos por persoa, o que dificulta moitísimo facer un tratamento eficaz.

Os residentes, saen dos seus respectivos graos universitarios mentres fan a súa especialidade. “O problema é que se atopan unha chea de traballo do que apenas teñen idea cobrando o salario mínimo do residente” sinala Sara Seguín, estudante en prácticas de Medicina. Piden contratos dignos e estábeis no tempo porque, como sinala, “meteron moitísimos residentes para non facer mellores contratos”. “Persoalmente dame medo” conclúe a estudante.
O movemento xurdiu desde os profesionais, nada ten que ver cos partidos da oposición parlamentar
Na manifestación, entre luces de Nadal e panxoliñas, escoitáronse berros como “Conselleiro, dimisión” ou “Conselleiro, escoita, os PAC están en loita” en protesta polo que consideran unha “xestión nefasta da sanidade pública”. Tamén se berrou “goberne quen goberne a sanidade non se vende” e “non é política, é dignidade” en alusión ao que Feijóo dixo o mércores 26 cando afirmou que a reivindicación estaba impulsada pola oposición política e baseada en mentiras, xa que, segundo él, “a sanidade galega é referencia en España”. Este venres 28, recoñeceu que os contratos de días eran “impropios” e a Xunta os convertira en anuais. Aínda así, os organizadores e afectados aseguran que o movemento xurdiu desde os sectores profesionais a través das súas necesidades, nada ten que ver coa oposición política.
Sanidad pública
Peche de 24h para denunciar a situación nos PAC
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!