Trata
A colaboración coa trata queda impune: as exculpacións policiais no caso Carioca

A Fiscalía segue na liña doutras pezas da macrocausa e impide que senten no banco de acusados ata oito dos dez axentes da Policía Nacional e funcionarios de Estranxeiría investigados por 59 delitos relacionados coa rede de prostitución.

Horarios de ata catorce horas diarias, vulnerabilidade económica, condicións de insalubridade, humillacións, insultos, malleiras, sistema de débedas e multas, prostitución de menores... Así describe a propia Fiscalía o clima no que exercían a prostitución mulleres estranxeiras en situación ilegal, maioritariamente brasileiras, en prostíbulos lucenses como o Liverpool, o Eros, o Queens e La Colina.

Numerosas testemuñas identifican sete axentes da Policía Nacional como clientes habituais destes clubs e ben relacionados cos donos. Entre eles García Adán, que rexentaba o Queens e La Colina e que se enfrontará noutra peza separada a 54 delitos de prostitución coactiva respecto de cada unha das mulleres que exercían nestes locais contra a súa vontade, e a outros 6 tipos de delito.

Trata
Conclúe a instrución por trata nos clubs Queens e La Colina
A maxistrada ofrece á Xunta a posibilidade de formular unha acusación popular que supliría a desprotección ás vítimas por parte do Ministerio Fiscal

Testemuños tan relevantes como os dos camareiros dos establecementos declaran que cinco destes axentes eran convidados polos donos a consumicións e nalgúns casos a servizos sexuais por seren policías, e algún foi visto recibindo importantes sumas de diñeiro de Adán. “Non sabes quen son eu? Como te atreves a cobrarme?”, relata unha camareira do Eros que lle espetou o policía José Manuel Díaz Suárez tras servirlle unha copa cando comezaba ela a traballar. Os axentes acudían mesmo en vehículo oficial e estaban ata a hora do peche. Dous deles despois prestábanse a transportar mulleres ós domicilios e volvían ó club Queens para reunirse co proxeneta.

“Despois xa me decatei de que a presenza policial era para protexer o club”

A súa presenza cumpría un dobre efecto: garantir que alí non se practicarían redadas contra as mulleres e en tal caso serían alertadas e intimidar ante calquera pretensión de denunciar os abusos que alí sufrían, blindando das dúas maneiras a impunidade dos proxenetas. “Ao principio asustábame, porque non me cadraba ver policías de uniforme no club e pensaba que viñan buscarnos para botarnos do país”, manifestou unha prostituta cando lle preguntaron por isto. “Despois xa me decatei de que a presenza policial en realidade era para protexer o club”.

“Mira, aí tedes as miñas vacas, só saben comer, beber e pacer, non fan outra cousa, así están de gordas”. Nestes termos se refería Adán ás mulleres que exercían no seu local en presenza de dous dos imputados. Un deles, José Manuel, estaba no club cando unha das prostitutas lle ensinou as lesións dunha malleira da súa parella, amigo del, que a deixara coxeando, e acto seguido foi chamada por Adán para propinarlle outra. Relata que nesa ocasión Adán a levou agarrada do cabelo ó servizo e a agrediu brutalmente a puñazos na cara para logo tirala a patadas polo chan, tras o que lle colleu as cousas e as lanzou á rúa dicíndolle que se o denunciaba a mataría. A esta mesma muller tíñalle colocado nos miolos a pistola que levaba consigo mentres ría por como lle tremían as pernas. Para o Ministerio Público, non queda claro que José Manuel tivese coñecemento desta agresión e en todo caso sería unha “mera falta de lesións”, así que non considera a omisión do deber de perseguir os malos tratos, nin sequera no caso das lesións que si que se lle amosaron, xa que coa súa omisión non impediu que ela denunciase e esta non a presenciou senón que “tan só lle foi relatada”.

A José Manuel unha das mulleres tíñalle comentado que viñera con débeda e tiña que pagar polo billete 3.300 euros, e que non marchaba porque tiña medo de que Adán mandase facerlle algún mal á súa familia en Brasil. “Ben, teño que marchar porque teño que rematar de pagar o billete”, díxolle outra delas na barra do club cando se dispoñía a buscar clientes.

Para o fiscal a súa pobreza “constitúe un dato social” que carece “de directa relevancia normativa”

Malia que o Código Penal considera prostitución coactiva o exercicio en condicións gravosas impostas, así como o aproveitamento da vulnerabilidade económica de terceiros, a Fiscalía escúdase en que non castiga o lucro coa prostitución de terceiros para concluír que nada do relatado, nin sequera teren coñecemento de que eran mulleres estranxeiras en situación irregular con débeda acumulada, constitúe un indicio do que ningún dos axentes puidese extraer que estaban exercendo contra a súa vontade e polo que debesen actuar contra os proxenetas. Para o fiscal José Luis Álvarez García a súa pobreza e marxinalidade “constitúe un dato social” que carece “de directa relevancia normativa”, e polo tanto non hai indicios como para pensar sequera e valorar nunha vista oral se estes policías se abstiveron de actuar contra os proxenetas sabendo que se estaba exercendo nos establecementos de forma coactiva e, moito menos aínda, considera que puidesen estar colaborando con este delito.

Para a Fiscalía, asumindo un rol máis propio da avogacía que da acusación, as copas e sexo gratuítos ós que fan referencia decenas de testemuñas “obedecían máis a unha motivación de amizade [...] á marxe do interese que puidesen ter os donos ou encargados [...] para cultivar esta amizade a fin de beneficiarse”, e non hai indicios de que acudisen coa finalidade de coaccionar as mulleres a exercer a prostitución, polo non se pode imputar suborno a funcionarios a quen “descoñece que está sendo usado de forma non consentida”.

POLICÍAS ASIDUOS ÓS CLUBS. 36 DELITOS, 0 ACUSACIÓNS

Estes delitos —colaboración con prostitución coactiva, omisión do deber de perseguir o delito de prostitución coactiva e suborno a funcionarios— recaían sobre seis dos oito axentes da Policía Nacional investigados nesta peza, pero non eran os únicos, e a instrución chega a atribuír ata unha decena deles no caso de Manuel Castro González, Manolo, e unha ducia no de José Manuel Díaz Suárez. Dun auto de 123 páxinas, a Fiscalía dedica 116 a xustificar a súa negativa a formular acusación pola práctica totalidade de infraccións penais investigadas, en ocasións por medio de erros flagrantes ou auténticas piruetas argumentais.

Así, que Manolo tratase de forzar a dúas mulleres con frases como “vou foder en ti todo o día” ou baixo ameaza de expulsión —“se non quedas comigo vas rapidito a Brasil”, “ti vas saír comigo, se non verás a cartiña de expulsión que che vai caer”— non só non implica coñecemento de prostitución coactiva nin supón unha coacción para exercer, senón que non pode supoñer indiciariamente sequera un delito de actividades prohibidas a funcionarios, en base a que interpreta a Fiscalía que non tiñan elas un asunto pendente sobre o que este funcionario debese intervir, cando estaban en situación irregular. E non só iso, tampouco constitúe ameazas no segundo caso porque cando se lle tomou declaración a Manolo non se lle imputara este delito, malia ser preguntado por estes feitos concretos.

Este policía foi convidado por Adán tamén a varias festas e orxías nas que corría a cocaína. Unha prostituta relata varias destas ocasións nas que estivo presente este policía. A unha delas asistiron outros catro axentes e “nun momento un dos policías sacou cocaína que levaba el, púxoa enriba da mesa nun prato para facer unhas raias e Adán achegouse e tiroulla ó chan dicindo “iso non vale nada, a boa é a que traio eu” e acto seguido sacou os vinte ou trinta gramos, ían facendo raias nunha bandexa e a bandexa rotaba entre todos”. Outra muller describe outra orxía á que un policía novo levou unha bolsa “con bastante cantidade de cocaína” e que facía raias para ilas repartindo, algo que Manolo viu “como todo o mundo” e el mesmo “consumiu cocaína”. Habíaa á esgalla, segundo as súas palabras. “Todo o mundo tiña, todo o mundo a trouxo: os rapaces, os policías que participaron na festa tamén, todo o mundo”. Pero a Fiscalía non aprecia a posibilidade dun delito de omisión de perseguir o delito de tenencia ilícita de drogas baixo o argumento de que unha actuación policial pola súa parte, dada a súa condición de adicto, “supoñería unha autodenuncia ou autoacusación, que non resulta esixible” por Constitución. Esta interpretación resulta difícil de comprender dado que a compra de droga para autoconsumo carece de tipicidade penal —o delito é vendela— e de aquí poderían extraerse consecuencias tan disparatadas como que se un axente se abstén de actuar tendo coñecemento dunha rede de tráfico de drogas, se lla compra a esta rede deixaría de ser delito. Por outra banda, a drogadicción só pode eximir de responsabilidade en casos moi excepcionais nos que anula as facultades mentais, algo que habería que comprobar en xuízo.

Queda sen acusación incluso a escena kafkiana na que se detén unha prostituta en situación irregular e lle devolve a chamada Pulleiro, o encargado do Queens. Ela recíbea a pesares de estar detida e responde que “aquí están todos os policías que van por aí” e que “o do pelo branco a deixou fumar fóra”. Pulleiro pregúntalle se está con ela e ela di que “está arriba”, movéndose con total soltura pola comisaría e pasándoo a continuación con este policía, que lle proporciona información a Pulleiro sobre o motivo de detención dela. Para o fiscal, “cínguese a revelar o motivo legal dunha detención”, e equipárao ó tipo de contidos “que diariamente aparece publicado en calquera medio de información”, polo que non habería revelación de segredos, como se fose unha información facilitada con fins informativos de interese público ou como se calquera xornalista puidese chegar a comisaría e solicitar datos persoais de calquera individuo.

A Fiscalía tamén reproduce a declaración dunha prostituta conforme Manolo a advertiu de que “a semana que vén pasará algo no Queens” previamente a unha redada en febreiro de 2009, algo do que saberían varias mulleres a través dela. Aquel día comezou a escribirlle mensaxes preguntándolle “onde estás?”, “vas ir traballar hoxe?” e a chamala por teléfono, sen que ela puidese atendelo, de maneira que sería detida, xa que faltara os dous días anteriores debido a esta advertencia e temía represalias de Adán se faltaba de novo. Con todo, cando a Fiscalía analiza o delito de revelación de segredos ela mesma omite testemuños coma este e interpreta erroneamente que no que se apoia a instrución para estimar a comisión deste delito é nunha conversa telefónica interceptada meses despois que se relataba a continuación pero nada ten que ver con isto. Non foi a única filtración desta redada. Tamén se desprende das conversas interceptadas que outro dos investigados, Marcos Moirón Enríquez, tería avisado a outra muller a partir da cal lles chegaría a varias máis, pero para a Fiscalía só se contaba con “meros testemuños de referencia”.

AS IRREGULARIDADES DE ESTRANXEIRÍA

Naquela redada localízase unha menor de idade indocumentada, de maneira que é levada ás dependencias policiais, onde os funcionarios comproban que nacera en 1991. Porén, ela di que iso é incorrecto e acompáñana ó seu domicilio a comprobar a data de nacemento. Ela ensínalles o pasaporte, onde figuraba escrito a bolígrafo azul un 0 sobre o último 1 de 1991 no documento impreso a tinta negra, e eles miran estrañados pero fan constar no atestado 1990 como data de nacemento. Da investigación do caso Carioca despréndese que a súa minoría de idade fora algo comentado aquel día na comisaría. O instrutor da redada, Andrés Evaristo Rodríguez Sánchez, daquela inspector xefe da Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional, malia volver consultar o dato fai constar no oficio que libra ó xulgado 1990 como data de nacemento, aportando o atestado no que figuraba esta data pero tamén o dato do servidor de imaxes do CNP —1991—.

Adán responde que Evaristo foi “dar unha volta”, que se portou “de puta madre, miraba pero nada”

Ó día seguinte da redada intercéptase unha chamada entre Adán e Armando, responsable do Equipo da Muller e o Menor da Garda Civil investigado noutras pezas separadas. Evaristo e Adán non mantiñan unha boa relación, pero Armando facía de ponte e pregúntalle a Adán se dado que Evaristo sabe que eles, Armando e Adán, son amigos se portaron ben ou mal. Adán responde que Evaristo foi “dar unha volta”, que se portou “de puta madre, miraba pero nada”, que “non me pediu ningún papel nin nada” e que Evaristo lle dixo a Adán “que non lle debe nada pero que lle debe unha”. Para a Fiscalía, que non se detectase prostitución coactiva nin se actuase contra Adán non responde a un delito de omisión do deber de perseguir este delito, senón a unha inspección que “non foi especialmente rigorosa”, pero “que non se interrogase con especial fincapé” e esa “ausencia dun especial celo polos axentes na comprobación da posibilidade dunha actividade delituosa” só pode ser reprochable no ámbito profesional.

Nesa mesma redada detéñense sete mulleres por atoparse en situación irregular, incoándoselles expediente de expulsión a catro delas ­—as outras xa o tiñan—. Unha delas avisa á súa compañeira de piso que exercía no Eros, quen fala co encargado deste local, José Antonio Pérez Fernández, sobriño de Germán Pumares Díaz. Germán era funcionario administrativo adscrito á Brigada de Estranxeiría en quenda de mañá e avogado pola tarde, chegando a captar clientes no seu posto de funcionario sobre asuntos nos que el mesmo interviña nos trámites, e á súa vez levaba os papeis do club Eros. Nas conversas interceptadas José Antonio pídelle datos á compañeira de piso para solucionar o problema, segundo di, co seu tío. A prostituta tivo coñecemento por medio do seu letrado César Lodos, ben relacionado con Germán e con Linares, naquel momento Xefe da Oficina de Estranxeiros na Subdelegación do Goberno, de que a súa orde de expulsión sería modificada por unha multa antes de que Evaristo o cambiase formalmente e pese a non presentar a documentación que se lle requiría no prazo de alegacións, considerándoa falsamente prima da súa compañeira de piso.

Este é só un dos exemplos das múltiples irregularidades administrativas frecuentemente por mediación de Armando con Evaristo, Germán e Linares que a instrución detectou nos expedientes das mulleres que exercían nos prostíbulos para expulsalas ou anular ordes de expulsión a conveniencia dos proxenetas afíns á rede ou para prexudicar aqueles que lle fixesen competencia. É o caso de dúas mulleres identificadas no club Carús, contrario a esta rede, ás que se lles promete que non serían expulsadas se asinaban unha declaración, idénticas as dúas, contra o dono do local. Estes expedientes deixáronse caducar deliberadamente, nun arquivador aparte, sen informar á Subdelegación do Goberno. Un Informe de Asuntos Internos recolle que se atopou entre as pertenzas do inspector Evaristo Rodríguez e o subinspector Eduardo Castro da Brigada de Estranxeiría —este último estaría implicado a fondo na rede de proxenetismo, pero falecido durante a instrución— unha axenda de 2008 con diversas anotacións sobre a inspección do Carús onde figuraba: “28 de xullo – Reunión con Alberto Linares, deixar caducar os expedientes”. A postura da Fiscalía foi en todo momento pasiva, no canto de acompañar a instrución do xulgado nº 1 de Lugo que, segundo o propio Consello Xeral do Poder Xudicial, dispoñía de moi poucos medios. Agora a Fiscalía chega tarde e argumenta, pechada a instrución, que no informe non se aclara de cal dos dous, Evaristo ou Eduardo, era a axenda e non se pode actuar contra o primeiro.

DOUS ACUSADOS

O fiscal desmonta a meirande parte de acusacións ós funcionarios de Estranxeiría malia as sorprendentes irregularidades. Considera que Alberto Linares, quen redactaba as resolucións dos expedientes, non puido cometer prevaricación administrativa porque as súas resolucións estaban aínda pendentes da sinatura final do Subdelegado do Goberno e polo tanto non eran vinculantes ó resultado final. Tan só considera no caso de Evaristo a comisión de dous delitos de falsidade documental nos expedientes, por recoller información falsa e sen a pertinente documentación para acreditala, de maneira que se enfrontará a catro anos e medio de prisión por cada un deles, así como dous delitos de negociación prohibida a funcionarios no caso de Germán, polo que se enfrontará a un máximo de 18 meses de multa e 5 anos de inhabilitación. A tese do Ministerio Público deixa reducida a acusación a cuestións case anecdóticas en comparación co carácter de trama que se extrae da investigación do caso Carioca.

IMPUNIDADE, UNHA CONSTANTE

A peza relativa á Policía Nacional e Estranxeiría é tan só a última das que se diluíron por acción da Fiscalía no caso Carioca. O Ministerio Fiscal tamén forzou o arquivo de pezas importantes como a do equipo de fútbol de policía ou a relativa ó club Liverpool. No Salto Galiza cubrimos tamén a exoneración de policías enormemente implicados na trama na peza relativa ós clubs Queens e La Colina, tales como o que puxo as luces de neon ó Queens ou ó que se lle atoparon no armario do seu posto no Aeroporto de Barajas os nomes de varias mulleres que debía deixar pasar. Nesta peza presentáronse ata cinco acusacións particulares contra este último policía, entre outras novas acusacións, e o xuíz Joaquín Brage Camazano, que substitúe a Pilar de Lara tras ser expulsada polo CXPX, optou recentemente por ignoralas deliberadamente e limitarse a abrir xuízo oral contra Adán, Pulleiro e G.P.S. polos delitos que solicitou a Fiscalía.

Trata
A Fiscalía do Carioca exculpa a Ramón, o policía proxeneta
Solicita máis de 500 anos para tres investigados por prostitución nos clubs Queens e La Colina pero non leva a xuízo ós axentes policiais implicados

Por outra parte, a Audiencia Provincial de Lugo tamén anulou en maio o xuízo ó cabo da Garda Civil Armando Lorenzo, responsable do Equipo da Muller e o Menor, na peza separada relativa á súa omisión do deber de perseguir os malos tratos de Adán á súa muller —polos que foi condenado—. Sería a primeira peza en chegar a xuízo. Pero non se celebrará, xa que a separación do caso Carioca en distintas pezas ocasionou que o delito quedase prescrito ó modificarse o prazo de prescrición por desconectarse doutras infraccións de maior gravidade relacionados cos mesmos feitos. Con todo, sobre Armando pesan máis de 70 delitos nunha das pezas principais da macrocausa, pendente aínda de cualificación fiscal.

Trata
A xuíza do Carioca deixa a pelota no tellado da Xunta
Pilar de Lara emitiu o luns 25 de marzo un auto que conclúe dez anos de instrución da peza principal da maior rede de trata investigada en España.
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Corrupción en Galicia El caso Carioca a través de una migrante explotada sexualmente: indemnización mínima y complot policial
El guardia civil Armando se aliaba con proxenetas y abusaba sexualmente de mujeres prostituidas haciendo uso de su capacidad para regularizar su situación.
Caso Carioca
Caso Carioca O caso Carioca a través dunha migrante explotada sexualmente: indemnización mínima e complot policial
O garda civil Armando aliábase con proxenetas e abusaba sexualmente de mulleres prostituídas facendo uso da súa capacidade para regularizar a súa situación.
Caso Carioca
Caso Carioca Una violación y cinco abusos a prostitutas de un guardia civil se rebajan a cuatro años de cárcel
Un agente y tres proxenetas se benefician, en la pieza principal del caso Carioca, de llegar con la Fiscalía a acuerdos de conformidad encubiertos formalmente bajo la celebración de un juicio completo que no se produjo.
Opinión
Opinión Non sempre ter moitas luces é sinónimo de intelixencia
Que impacto ecolóxico e social produce a iluminación do Nadal de Vigo? A cidade sofre máis aló da masificación, o caos de tráfico, as molestias á veciñanza, o malgasto ou os recortes en orzamentos de emerxencia social.

Últimas

Palabras contra el Abismo
Palabras contra el Abismo Lee un capítulo de ‘Café Abismo’, la primera novela de Sarah Babiker
El barrio es el espacio físico y social en los que transcurre ‘Café Abismo’, la primera novela de la responsable de Migraciones y Antirracismo de El Salto, Sarah Babiker.
Crisis climática
Informe de Unicef El cambio climático multiplicará por tres la exposición de los niños y niñas a las inundaciones para 2050
Es la proyección que hace Unicef en su informe 'El Estado Mundial de la Infancia 2024'. La exposición a olas de calor extremas será ocho veces mayor para 2050 respecto a la década del 2000. “El futuro de todos los niños y las niñas está en peligro”, advierte la agencia de la ONU.
Memoria histórica
Memoria histórica Museo del franquismo, ¿eso dónde está?
España sigue ajena a la proliferación mundial de espacios museísticos dedicados a dictaduras y resistencias democráticas.
Unión Europea
Unión Europea La ultraderecha europea, ante la victoria de Trump
El triunfo de Donald Trump da alas a todas las formaciones ultraderechistas de Europa y del resto del mundo, que han visto cómo el millonario republicano ha conseguido volver a ganar las elecciones sin moderar un ápice su discurso.
Tribuna
Tribuna Vivienda: es hora de organizarnos
La situación de crisis inmobiliaria nos exige leer el momento para acertar en las batallas que debemos dar ahora, reflexionar sobre los modos de acción colectiva y lograr articular una respuesta política amplia.
Pontevedra
Ecoloxismo Unha investigación revela alta contaminación por nitratos en augas superficiais da comarca do Deza
Os resultados da análise de Ecoloxistas en Acción, con máis de 80 puntos de mostraxe, reflicten concentracións xeneralizadas e moi altas de NO3. Só o 19% das augas superficiais analizadas están “fóra de toda sospeita”.
Racismo
Racismo institucional Diallo Sissoko, una víctima más del sistema de acogida a migrantes
La muerte de este ciudadano maliense durante su encierro en el CAED de Alcalá de Henares ha puesto de manifiesto algunas de las deficiencias del sistema de acogida a migrantes en el Estado español.
Comunidad de Madrid
Violencias machistas Huelga en la red de atención a la violencia de género de la Comunidad y Ayuntamiento de Madrid el próximo 25N
Las trabajadoras de ambas redes se unen para reivindicar mejoras laborales y de atención a las mujeres víctimas en un paro de 24 horas. “Te sientes impotentes porque no puedes ayudar como deberías”, explican.
Turismo
Opinión Abolir el turismo
VV.AA.
Lleguemos a donde lleguemos, no puede ser que sea más fácil imaginar el fin del capitalismo que el fin del turismo.

Recomendadas

Galego
Dereitos lingüísticos Miles de persoas desbordan a praza da Quintana para mudar o rumbo da lingua galega
A Plataforma Queremos Galego, que convocou esta mobilización, sinala unha nova data para outro acto protesta: o vindeiro 23 de febreiro na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
València
Exclusiva El Gobierno de València contrata 12,9 millones en obras de la dana a una constructora investigada por pagos al cuñado de Barberá
La Generalitat Valenciana ha hecho el encargo a Ocide, una empresa cuya matriz está siendo investigada en el caso Azud por pagos “de naturaleza ilícita” al abogado José María Corbín a cambio de contratos adjudicados por el Ayuntamiento de València.