Opinión
Lográmolo nós como pobo, que non nos agochen esta victoria

Que a decisión da Xunta sexa unha manobra espuria, non deixa de ser obrigada polo pulo da mobilización da veciñanza de A Ulloa e da cidadanía, en xeral, da Galiza.
Altri Non Repor  - 7
Lourdes Jiménez Unha bandeira contra Altri preside a cancela dunha casa en Palas de Rei, na Ulloa.

Algunha boa nova tiña que caer da nosa banda, tras este inicio de ano apocalíptico. O anuncio da Xunta de arquivar o expediente da concesión da macroplanta celulósica de Altri é unha gran vitoria que debemos celebrar e paladear. Aínda con certa frugalidade, non é a primeira vez que a Xunta agocha unha intención contraria a súa decisión. A pasteira lusa ten o trámite aberto para presentar alegacións e, posteriormente, a posibilidade de interpór un contencioso administrativo para revertir a decisión da Xunta, se esta segue sendo negativa para os seus intereses mercantís.

Un engano así estiveron a piques de logralo os promotores do proxecto mineiro Alberta I, agora chamado Mina Doade, cando polas irregularidades e informes negativos a Xunta denegou a viabilidade ambiental e a empresa levou á Xustiza esta decisión. Agardaban que unha defensa tibia da súa decisión conlevara unha resolución xudicial a prol da mineira, pero a persoación de Ecoloxistas en Acción como codemandada truncoulles a argallada.

Que a decisión da Xunta sexa unha manobra espuria, non deixa de ser obrigada polo pulo da mobilización da veciñanza de A Ulloa e da cidadanía, en xeral, da Galiza. A Xunta do Partido Popular, que traballou case como comerciais a soldo de Altri, ten que estar moi forzada para recuar así, aínda que se deixaran algún cartucho na recamara.

Por iso, hai que festexar a vitoria. Palmearnos as costas os uns ás outras con acenos de complicidade comunitaria. Parabéns e máis parabéns para o tecido asociativo do noso país e para a solidariedade do Estado español. Que se desate a euforia, por que non? Mentres a resaca non nos impida seguir de preto os movementos da escenificación da Xunta. Porque non houbo unha quebra no negacionismo da Xunta sobre os impactos ambientais e sociais da industria extractivista. Non hai fenda no terraplanismo do goberno galego do Partido Popular pola que cale unha epifanía ecosocial que nos garanta que non volveremos a casilla de saída, en breve, con este proxecto.

De momento somos pouco máis que meros espectadores neste baile de dimes e diretes con que o presidente da Xunta e a súa camarilla ornamenta o seu obrigado recuar. Ten o seu interese ollar toda esta representación e intentar ler entre liñas a estes expertos artífices do engano. Eles miden e calibran cada palabra que din. No tanto de admitir o erro, botan a culpa ao goberno central, acusándoo de boicotear o proxecto e saltarse as “regras” por mera rivalidade política.

Pode semellar un estoupido dialéctico máis, pero é unha procura de seguir negando as graves negatividades ambientais deste proxecto e da súa política industrial en xeral e sobre todo de agochar a demostración de poder popular realizada pola xente da Galiza. Para que coma sempre, entre dimes e diretes da ciénaga política, isto esmoreza na memoria das galegas e galegos antes do próximo episodio de eleccións nacionais e presentándose eles como valedores ante a ignominia centralista.

Sería un erro pensar que son predecibles e as súas argalladas transparentes para nós por agora miralos desdecirse. A ecorresistencia ten a súa forza na unidade veciñal, pero esta se desbarata doadamente se caemos na inxenuidade de confiar no que din que van facer. Nin siquera aos propios feitos, aínda que semellen consumados, debemos darlles crédito. A mobilización contra Altri non se pode diluir, cómpre permanecer vixiantes ata que este proxecto non sexa definitivamente enviado ao estercoleiro da Historia. Hai unha lección que nos deixa este proceso, só podemos confiar nas propias forzas dos movementos á hora de frear ataques salvaxes como este. Só o pobo salva ao pobo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...