CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A TVG gasta 443.000 euros nun programa feito con IA e naufraga en audiencia
Os anuncios foron ambiciosos, aínda que nas primeiras imaxes publicadas xa se vían as costuras que, polo de agora, aínda asoman nos vídeos xerados por intelixencia artificial: movementos ou físicas estrañas, incoherencias de iluminación, fondos que se modifican ou mesmo guerreiros vikingos que loitan contra o aire. O pasado 10 de setembro, a estrea de Os crononautas, unha das apostas estrela da Televisión de Galicia (TVG) para esta tempada, deu conta do naufraxio: un 5,3% de cota de pantalla e 32.000 persoas de audiencia media segundo SigmaDos. Ese mesmo mes, a audiencia media da canle foi 8,1% de cota de pantalla. A segunda entrega, o 17 de setembro, repetiu os mesmos datos. Hoxe sabemos que lles custou ás arcas públicas 443.872,53 euros.
Tras a publicación de ambos os dous capítulos cos seus pobres resultados de audiencia en prime time e a propia campaña da TVG nos seus medios de comunicación afíns sinalando como integraran a intelixencia artificial, O Salto púxose en contacto co ente público para preguntar dúas cousas: canto custara e cal era o criterio da televisión pública para o uso da IA xenerativa, tendo en conta a enorme oposición pública desde o mundo da arte e a súa repercusión ambiental. A resposta foi silencio.
Despois de varias semanas sen contestar, esta redacción solicitou á TVG, a través dunha instancia amparada na Lei de Transparencia, os datos que esta se negou a facilitar. O Salto acaba de recibilos: a Televisión de Galicia contratou ad hoc a MBC Servicios Audiovisuales SL para a realización de dez programas de 45 minutos a razón de 36.683,68 euros máis IVE cada un. É dicir, 443.872,53 euros.
Os Crononautas é, a priori, un programa de divulgación histórica e entretemento presentado por Trisha Fernández e David Vilares, que propón un percorrido polos principais períodos da historia galega, desde a Prehistoria ata a época contemporánea. A través de dez “viaxes temporais”, aborda a formación da identidade galega, as primeiras comunidades humanas, a cultura castrexa, a conquista romana, o Reino suevo e a Galicia medieval, entre outros episodios. O formato combina visitas a encraves patrimoniais, entrevistas con especialistas e recreacións da vida cotiá do pasado, con especial atención aos costumes, á alimentación, ás relacións de poder, ás crenzas e aos conflitos de cada época.
Unha televisión pública no seu peor momento
Cambiaron bastantes cousas na Televisión de Galicia desde 2023. Aquel ano, cun presidente da Xunta posto a dedo polo saínte Feijóo, o ente público apañou o seu mellor dato de audiencia media anual da última década: un 11% de cota de pantalla, segundo Kantar Media. Con todo, entre finais dese mesmo ano e xaneiro deste, ocorreron varios feitos noticiosos cuxas coberturas mediáticas foron postas en tela de xuízo por boa parte da sociedade civil galega: o proxecto de macrocelulosa que Altri e o accionista maioritario de Greenalia pretenderon instalar en Palas de Rei; a contestación social que ese plan industrial produciu; a crise polo vertido de pellets na costa atlántica; ou as propias eleccións galegas.
A crítica, achegada con dureza desde o principal partido da oposición, o BNG, o comité intercentros da agora chamada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza (CSAG) e os sindicatos que o conforman; e decenas de miles de usuarios da TVG nas súas propias redes, viuse agravada por unha programación de dubidosa repercusión á que agora vén sumarse Os crononautas.
O humorista estrela do PP, Miguel Lago, facendo bromas sobre “chochetes” para amortecer as críticas polo seu escaso dominio da lingua propia de Galiza; Bertín Osborne presumindo da súa capacidade para deixar embarazadas as mulleres ou admitindo estar pendente do cu dunha presentadora; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, bailando “o meneíto” no millonario programa de Roberto Vilar, Land Rober, non axudaron a levantar cabeza aos directivos que se sentan nos despachos máis altos de San Marcos.
De feito, alí mesmo, os datos finais de audiencia media anual de 2025 sentaron coma un xarro de auga fría: un 8,4% de cota de pantalla, os peores da súa historia. Ademais, este ano tamén pasará á historia de Galiza por ser aquel en que o Partido Popular executou a súa maior manobra para facerse co control total da TVG e da Radio Galega. Os de Alfonso Rueda aprobaron en solitario no Parlamento a nova lei de medios que outorgou ao Goberno galego a capacidade de elixir a directora da canle —agora, Concepción Pombo— sen maioría cualificada, eliminou a fiscalización de contidos por profesionais e abriu a porta ao castelán.
Galicia
Televisión de Galicia aumenta a 2,1 millones el presupuesto del programa que coronó mediáticamente a Feijóo
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!