Urbanismo
Moaña deberá volver tramitar a caducidade das licenzas do ‘pelotazo’ de Domaio
A batalla legal polos chalés fantasma de Domaio, que O Salto xa contou o pasado outubro, dá un novo xiro. En marzo, o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra ditou tres sentenzas que anulan o expediente municipal que declaraba caducadas as licenzas de 2001 e 2003. Con esas licenzas estaba prevista a construción dun total de 102 vivendas na ladeira do monte de Domaio, xunto ao campo de golf que Manuel Fraga inaugurou en 1993.
O colectivo ecoloxista Luita Verde, que leva trinta anos seguindo o caso, vén de rexistrar unha denuncia no Concello de Moaña para forzar a apertura inmediata dun novo expediente.
Unha vitoria anulada por prazos
A lei esixe que a construción de vivendas vaia sempre acompañada da urbanización do terreo, é dicir, da instalación da auga, da luz, do saneamento e dos viais de acceso. Iso nunca chegou a facerse neste sector de Domaio, polo que o Concello de Moaña resolveu este ano que as licenzas de 2001 e 2003 estaban caducadas. A empresa Cervecería Joaquín SL, que se presenta como titular actual das licenzas, recorreu esa decisión ante os tribunais.
O Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra deulle a razón á empresa recorrente nas tres sentenzas, pero fíxoo por unha cuestión estritamente formal, sen entrar a valorar se as vivendas cumpren ou non a legalidade urbanística. O Concello superou o prazo legal de seis meses para resolver o expediente que el mesmo abrira, o que, segundo a lei, fai caducar automaticamente o procedemento administrativo, por moito que o problema de fondo —as licenzas e a súa eventual ilegalidade— siga sen resolver.
As sentenzas indican expresamente que nada impide ao Concello abrir un novo expediente aproveitando toda a instrución técnica xa realizada, incluídos os informes municipais de 2008 e 2024 que constatan a paralización das obras.
O mesmo fallo procedemental xa se produciu en 2008
Segundo os documentos aos que tivo acceso este xornal, o revés de marzo non é un caso illado: en 2008, o Concello xa tentara declarar caducadas estas mesmas licenzas, e ese primeiro intento tamén caducou por non resolverse en prazo. A raíz dun informe técnico municipal, Alcaldía xa incoara os expedientes en xaneiro de 2008, pero a resolución final —que declaraba a caducidade dese propio expediente administrativo por non ter sido tramitado a tempo— non chegou ata xaneiro de 2010.
O Concello de Moaña xa tiña, polo tanto, un precedente de fracaso procedemental idéntico cando en 2024 volveu incoar os expedientes que agora tamén tombaron os tribunais. Dúas décadas despois de seren outorgadas as licenzas e cun aviso previo de que o prazo de tramitación era a parte máis delicada do proceso, a Administración local repetiu o mesmo erro.
Doutra banda, a denuncia presentada por Luita Verde engade un dato que non figuraba na cobertura anterior do caso: a promotora orixinal, Construcciones Mirón y Agarvi SL, está desde 2024 en concurso de acredores ante o Xulgado do Mercantil nº 1 de Pontevedra, tras o falecemento do seu administrador único en 2011. Segundo o colectivo, calquera notificación que o Concello dirixa a esa sociedade ou a Cervecería Joaquín SL —e non ao administrador concursal designado— podería ser nula de pleno dereito.
Luita Verde sostén, ademais, que Cervecería Joaquín SL carece de lexitimidade sobre as licenzas, dado que a empresa alega ter adquirido a súa titularidade mediante unha comunicación de cambio de titular presentada en 2021, pero que o Concello, segundo o colectivo, nunca chegou a resolver nin aprobar de forma expresa.
Consultado por este medio, o Concello de Moaña confirma que ten previsto iniciar «nos próximos días» un novo expediente de caducidade das licenzas, ao constatar que as obras «seguen sen executarse, nin dar visos de vontade de executar» máis de 25 anos despois de seren outorgadas. A alcaldesa, Leticia Santos, defende que a Administración local «sempre seguiu os procedementos establecidos e así vai continuar a facer».
O Concello, en todo caso, elude os demais puntos formulados por este xornal. Non aclara se recoñece a Cervecería Joaquín SL como titular das licenzas nin se tiña coñecemento do concurso de acredores da promotora orixinal. Tampouco avanza que futuro prevé para as vivendas, que seguen sen licenza de primeira ocupación nin servizos básicos case tres décadas despois.
Urbanismo
Tres décadas do ‘pelotazo’ que encheu Moaña de chalés pantasma e un campo de golf inaugurado por Fraga
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!