Vigo
O xuízo ao dono do Golf Ría de Vigo reabre tras décadas de sospeitas sobre o campo de Domaio
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, en Vigo, xulgou esta semana o administrador do club de golf Ría de Vigo, en Domaio (Moaña), acusado de tres delitos contra a Facenda Pública. A Fiscalía pide dez anos de cadea, tres millóns de euros de multa e oito anos sen axudas públicas nin beneficios fiscais.
O acusado, un empresario surcoreano residente en Vigo (C. K. K.), é socio e administrador de Inter Burgo Vigo, propietaria do campo. Segundo a Fiscalía, cobrou devolucións do IRPF en 2016, 2017 e 2019 mentres ocultaba ingresos millonarios nas contas en España de dúas sociedades panameñas das que tiña plenos poderes.
Nelas entraban fondos de Angola e Corea, rendementos laborais nos Países Baixos e salarios de empresas coreanas, que despois usaba para gastos persoais ou transfería ás súas empresas. A defraudación sería de 552.857 euros en 2016, 608.648 euros en 2017 e 226.892 euros en 2019, case 1,4 millóns.
A testemuña máis contundente foi a inspectora que investigou o caso. Describiu as sociedades de Panamá como “empresas cascarón”, sen actividade nin empregados, só unha conta bancaria e un único accionista, o acusado, polas que pasan “fondos millonarios”.
A técnica afirma que o caso é só “unha fiestriña” e “as ramificacións son máis extensas”. Sobre Angola, de onde viñan ingresos, lamentou non obter datos: é “un burato negro” pola falta de colaboración entre administracións. Cando lle pediu xustificar as ganancias, o empresario falou de pagos a mariñeiros, sen achegar contratos. Do exercicio de 2018 hai un “baleiro” informativo e a liquidación segue outra vía.
Unha poxa en 1998
O xuízo só abrangue tres exercicios fiscais, pero o colectivo ecoloxista Luita Verde afirma que o fondo do asunto vén de moito antes. Segundo relatan, Golf Domaio SA, promotora do campo, “naceu en 1991 con 67 socios e 134 millóns de pesetas” e “en 1995 presentou suspensión de pagos, con débedas de 700 millóns de pesetas, entre elas máis de 8 millóns co Concello de Moaña”.
Segundo o colectivo, nese momento a sociedade panameña Inter Burgo SA pactou co consello de administración de Golf Domaio mercar ao Banco de Galicia a hipoteca de 125 millóns que gravaba as leiras. En xullo de 1998, o Xulgado de Instrución 1 de Cangas poxou o campo por 348 millóns de pesetas, por unha reclamación de Interburgo, mentres os terreos estaban valorados en 1.170 millóns.
En xuño de 1998, cando se liquidou Golf Domaio, naceu Inter Burgo Vigo SA, participada nun 45 % por Interburgo Europe BV (Países Baixos), outro 45 % por Inter Burgo Co. Ltd. (Corea do Sur) e o resto por Inter Burgo SA (8,28 %) e polo administrador único, hoxe acusado (1,72 %). “Cadra todo”, resumen desde Luita Verde, que relaciona esas sociedades coa coreana e a holandesa que, segundo a inspectora, lle enviaban cartos.
Para o colectivo foi “unha dobre xogada” xa que o campo, din, “quedou por unha fracción do seu valor” mentres os acredores de Golf Domaio —bancos, traballadores, autónomos, provedores— non cobraron e os accionistas perderon máis de 500 millóns. O colectivo asegura que levou os feitos á Fiscalía de Pontevedra por quebra fraudulenta e branqueo, e que esta respondeu sen investigar que non vía indicios.
A urbanización, sen resolver
O expediente de caducidade das licenzas das vivendas de Domaio segue sen resolverse. En marzo, o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra anulou, por motivos formais, o expediente municipal que declaraba caducadas as licenzas de 2001 e 2003, previstas para 102 vivendas.
As sentenzas permiten abrir un novo expediente, e Luita Verde rexistrou en agosto unha denuncia no Concello para forzalo. O Concello confirmou entón que o iniciaría “nos próximos días”. A día de hoxe, segundo o colectivo, o Concello non respondeu nin abriu o expediente e, segundo lembran, xa deixaran caducar este mesmo procedemento en 2008.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!