Vigo
A Xunta pagou 194,7 millóns a Ribera Salud en 2025 para financiar o maior hospital concertado de Galiza
A Xunta de Galiza de Alfonso Rueda, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), e o Hospital Povisa, propiedade de Ribera Salud, asinaron en abril deste mesmo ano un novo contrato de prestación sanitaria por 195 millóns de euros para dous anos, que entrou en vigor a pasada primavera. O acordo consolida a Povisa como o gran hospital concertado da área sanitaria de Vigo, cunha poboación asignada de arredor de 116.000 persoas e xestionado polo grupo cuxo CEO, Pablo Gallart, ordenou aos seus traballadores do Hospital de Torrejón (Madrid) rexeitar pacientes para gañar máis, como testemuña a información publicada este mércores polo diario El País.
Na investigación, revélanse uns audios que amosan ao CEO do grupo Ribera Salud obrigando a subir as listas de espera a costa de realizar menos intervencións e rexeitar pacientes no Hospital público de Torrejón, cuxa xestión está nas súas mans. Unha xestión da que se encargan desde 2009, data na que o expresidente da entidade, Alberto de Rosa, asinara un contrato co por aquel entón conselleiro de Sanidade, Juan José Güemes, para a construción deste hospital e a súa xestión durante os próximos 30 anos, por un valor de 2.127 millóns de euros.
O modelo, en Galiza, non é exactamente o mesmo aínda que se lucren os mesmos. Ata agora, o Sergas pagaba unha cantidade fixa por cada paciente adscrito ao hospital. Co novo contrato, o pago dependerá de cada proceso sanitario realizado. A Xunta sostén que o cambio responde a recomendacións de control orzamentario e de mellora de eficiencia, pero implica un xiro que podería alterar as prioridades asistenciais. De feito, fai apenas uns meses, un terzo dos médicos de urxencia do hospital presentaron a súa dimisión fronte ao modelo sanitario aupado e consolidado por Fraga e Feijóo, respectivamente.
O custo anual situarase nuns 97,5 millóns de euros, o que supón un aumento aproximado do 17% respecto ao acordo anterior. Ao mesmo tempo, a poboación asignada está diminuíndo —actualmente sitúase en torno a 114.000 usuarios polo goteo de solicitudes de traslado aos hospitais públicos— o que incrementa a presión para que o hospital aumente a actividade se quere alcanzar os niveis de facturación pactados.
Un modelo que xera dúbidas e riscos
O paso dun sistema per cápita a un baseado en actividade abre a porta a un problema coñecido: o incentivo a realizar máis procedementos para garantir ingresos, incluso cando non son estritamente necesarios. A propia estrutura do contrato fomenta que a prioridade non sexa a necesidade clínica, senón o volume de procesos facturables.
Aínda que a Xunta remarca que se reforzarán os mecanismos de supervisión, a experiencia noutros territorios demostra que estes controis raramente bastan para impedir abusos ou desviacións.
O precedente de Madrid: cando o negocio prevalece sobre a saúde
O novo contrato con Povisa agora vólvese ler nun contexto delicado para a colaboración público-privada en sanidade. Este mércores, revelouse a mencionada gravación interna do grupo Ribera Salud —propietario tamén de Povisa— na que o seu director xeral ordenaba rexeitar pacientes e aumentar as listas de espera para mellorar os resultados económicos do centro de Torrejón de Ardoz.
O escándalo en Madrid coloca baixo unha intensa luz de alerta calquera contrato que incentive a actividade por encima da necesidade real, especialmente cando se asina coa mesma empresa implicada nesas prácticas. Nin o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin o seu conselleiro do ramo, Antonio Gómez Caamaño, fixeron ningunha declaración pública ao respecto aínda.
Sanidad pública
Ribera Salud, el gigante de la sanidad privada que rechaza pacientes cuyo expresidente denunció a Mónica Oltra
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!