A xornalista Almudena de Urzáiz rompe o silencio mentres o seu agresor segue traballando na TVG

O home acumula dúas condenas firmes, unha recorrida e un xuízo pendente, pero mantén o seu posto de traballo na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Almudena de Urzaiz
La periodista Almudena de Urzaiz.

O día que se publicou a súa entrevista, Almudena de Urzáiz deixou o coche aparcado na rúa, fóra do garaxe, por temor a baixar. A pulseira Cometa fai que se sinta moito máis protexida, pero o medo non desaparece. Unha vítima “sempre vai ter medo do seu agresor, toda a vida”, explica a O Salto.

A xornalista, de 48 anos e cara coñecida da Televisión de Galicia por espazos como Bos días ou A revista, relatou o pasado 13 de novembro en La Voz de Galicia máis dunha década de violencia física e psicolóxica por parte do seu marido, que tamén traballa na TVG. A vergoña, explicou, foi o que lle impediu falar antes.

A denuncia chegou o 29 de abril de 2025 á comisaría de Santiago. Ao día seguinte había sentenza firme: o acusado recoñeceu os delitos de maltrato, físico e psicolóxico, diante dos fillos de ambos e foi condenado tamén por ameazas. Impuxéronlle unha orde de afastamento de 150 metros e a prohibición de comunicarse con ela.

Desde o primeiro día, a dirección da TVG cambiou a quenda ao agresor para evitar que coincidisen. Despois viñeron os quebrantamentos, unha condena firme de catro meses de prisión, outra de nove recorrida polo agresor e un xuízo pendente. En xullo instaláronlle os dispositivos telemáticos coordinados co Sistema VioGén e a orde de afastamento pasou a 500 metros.

“Tiven seis quebrantamentos, denunceinos todos; pero sigo casada co meu agresor”, resume Almudena. Insiste en que fixo todo o que se lles pide ás vítimas: “Na unidade de familia da policía piden que se denuncie todo, ata unha mensaxe”. Aínda así, di, non pode seguir coa súa vida normal.

O funcionamento do dispositivo Cometa acabou por condicionar a rutina diaria de Almudena. O seu agresor leva unha pulseira e un teléfono móbil que permiten controlar os seus movementos, mentres que ela leva consigo outro teléfono, no que recibe os avisos cando se supera a distancia establecida pola orde xudicial.

Almudena subliña que, ao vivir en Santiago, unha cidade pequena, ese límite supérase con frecuencia aínda que el non se achegue a propósito: os avisos chegaron a ser ata corenta ao día. Se non responde ás chamadas de comprobación, a Policía pode desprazarse para verificar que está ben, algo que, segundo relata, xa ocorreu en varias ocasións. Son alertas que, lonxe de permitirlle recuperar a normalidade, manteñen a súa vida pendente do teléfono.

Almudena contou todo desde o principio. Comunicoullo a todo a súa quenda na TVG e pediulles que o difundisen: “Canta máis xente o soubese, máis seguridade tiña eu”. Agora o apoio do seu entorno multiplicouse e a repercusión da entrevista superou o que esperaba. Moita xente non sabía ata onde chegara a situación e sorprendeuse, conta, porque a realidade “non era como se pensaba”. Na desestigmatización ve a parte positiva do que tivo que vivir e unha responsabilidade cara a outras mulleres. “É un pouco a obriga que creo que podo e debo asumir”, afirma.

Nin na policía nin no xulgado sentiu que dubidasen dela, pero o que percibiu foi frialdade. A linguaxe xurídica xulga como accións feitos nos que ela temía pola súa vida, cada proceso obriga a relatar e revivir o ocorrido, e a ver “os pés do teu agresor detrás dun biombo”. Para ela, “é unha revitimización constante”.

Segundo explica, a violencia psicolóxica é moi difícil de demostrar e o sistema precisa probas, de modo que ás veces “tes que parecer unha vítima para que o teu testemuño se escoite máis”. O seu é un dos 6.297 casos activos que o Ministerio do Interior contabilizaba en Galiza en VioGén, o quinto maior número do Estado. En España son 106.549, dos cales 54.772 teñen menores a cargo.

O divorcio tampouco avanza. Seguen casados e, segundo conta Almudena, o proceso está agora á espera da valoración solicitada ao Imelga, o Instituto de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Galicia. O agresor declinou falar a través do seu avogado, segundo o xornal de Sabón.

A única medida implantada no traballo é o cambio de quenda, para non coincidir. A TVG ten constancia da primeira sentenza, a que fixa a orde de afastamento e do auto que acordou a colocación dos dispositivos telemáticos ante os continuos incumprimentos da orde e o aumento da distancia de 150 a 500 metros. O mesmo venres da publicación da súa entrevista recibiu unha chamada da dirección xeral, que lle trasladou o estudo de medidas para garantir a súa seguridade e a súa estabilidade laboral.

O Comité Intercentros da CSAG, nun comunicado do 13 de novembro, respaldou a traballadora e lembrou que a violencia machista “non é un asunto privado”. Esixiu á dirección “a adopción inmediata e urxente” de medidas e, dado que o agresor presta servizos na mesma corporación, que activase os protocolos e aplicase medidas organizativas e disciplinarias.

A dirección da televisión pública galega confirmou a este medio que o agresor segue prestando servizos na corporación, con condicións de traballo modificadas para garantir a seguridade da vítima. Sostén que actuou coa firmeza que permite o marco legal e convencional, pero non concreta ningunha medida. Segundo argumenta, facelas públicas podería poñer en risco a seguridade e a intimidade da traballadora e invoca a confidencialidade que impón a lei galega contra a violencia de xénero.

O que non aclara é se existe ou se prevé abrir un expediente disciplinario contra o traballador condenado, nin se valorou a súa suspensión, traslado ou despedimento, aínda que este medio llo preguntou expresamente. Tampouco explica en que norma concreta ampara a súa decisión, se o agresor mantivo funcións ou presenza en pantalla, nin se chegou a activarse formalmente o protocolo de acoso e violencia.

Cando este medio preguntou polo protocolo e o seu contido, a CSAG alegou que non se trata dun caso de violencia nin de acoso no centro de traballo, senón de violencia machista na contorna familiar, polo que as medidas fíxaas legalmente un xulgado.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...