Mazaricos, a vila que produce electricidade masivamente, pero que sofre cortes de luz constantes

Os polígonos eólicos e as centrais hidroeléctricas do municipio xeran megavatios que flúen sen interrupción cara a rede estatal, mentres que as explotacións gandeiras do segundo produtor leiteiro de Galiza quedan ás escuras.
presa A Ruña - 2
Alba Cambeiro Os polígonos eólicos de Mazaricos (A Coruña) desde o monte da Ruña.

Matilde xa perdeu a conta dos cortes de luz. “Levamos desde o mes de xullo con problemas no subministro eléctrico”, explica a gandeira. Son idas e vidas que causan estragos nos electrodomésticos e, sobre todo, nas explotacións gandeiras; motor económico do concello. Malia que moitas familias xa compraron xeradores, estes non teñen a potencia suficiente para que os robots de muxido das explotacións funcionen correctamente.

Mazaricos é o segundo municipio produtor leiteiro de Galiza, só despois de Lalín. Segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE), o concello ten 482 explotacións de gando bovino, con máis de 12.000 vacas de leite. Pero o sector gandeiro, piar da economía local, está a ser duramente castigado polos fallos eléctricos que se repiten con frecuencia; incluso en xornadas de bo tempo.

José Manuel ten unha explotación de 1000 vacas que produce 22.000 litros diarios de leite, con salas de muxido robotizadas. “Onte pola noite tivemos que muxir co grupo electróxeno de gasóleo porque cada vez que hai un corte é preciso que reiniciar todo o sistema”. Segundo explica o gandeiro, cos constantes cortes de luz os animais sofren moitos problemas de mamites debido á interrupción do proceso de muxido e ao estres que lles xera.

Tamén ten graves consecuencias para os tenreiros, xa que a interrupción do subministro altera o proceso de pasteurización do leite, esencial para eliminar bacterias patóxenas. Mesmo contando con xeradores, estes non sempre teñen a potencia suficiente para garantir o funcionamento correcto das máquinas de muxido ou dos pasteurizadores, polo que o risco de contaminación e enfermidades mantense.

En Arcos, outra parroquia do municipio, levan dez días sen internet nin liña de teléfono. “Coa produción enerxética que temos no Concello non deberíamos de ter estos problemas. Estamos á mercé dun lobby enerxético total”, denuncia un veciño.

Producir enerxía mentres a veciñanza non ten luz

Dende o grupo municipal Espazo Común Mazaricos afirman que non é asumible que Mazaricos, “un concello que contribúe de maneira significativa á rede eléctrica galega e estatal como produtor de enerxía hidráulica e eólica”, padeza deficiencias tan recorrentes no servizo eléctrico.

O grupo municipal sinala que se trata dunha neglixencia que afecta gravemente ao día a día da veciñanza, aos negocios e, especialmente, ao sector gandeiro vital. Mentres a veciñanza queda a escuras, os megavatios xerados no seu territorio flúen cara á rede estatal sen interrupción.

Segundo o documento de avaliación ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), máis do 60% da superficie total de Mazaricos está ocupada por empresas eólicas. O territorio está saturado de parques que alimentan constantemente a rede.

Doutra banda, o río Xallas, que separa os termos municipais de Mazaricos e Dumbría, é unha das arterias fluviais máis intensamente explotadas de Galiza. O seu aproveitamento hidroeléctrico materialízase nos 16 últimos quilómetros, antes da súa desembocadura ao mar na cascada do Ézaro.

Un desnivel de máis de 500 metros converte a conca do Xallas nun xerador constante de ingresos para a empresa Xeal. No termo municipal de Mazaricos atópanse as centrales de Ponte Olveira I e Ponte Olveira II, con unha potencia de 2,5 e 7,5 MW respectivamente.

Ademais, Xeal pretende agora construír unha nova estación eléctrica que ameaza un patrimonio xeolóxico e natural único. Unha obra millonaria para escavar unha megabalsa no monte coa que xerar electricidade a través dunha central de bombeo reversible. O proxecto, que a veciñanza define como “meramente especulativo”, afectaría a unhas 300 casas e aos pastos para o gando vacún local, poñendo en risco a viabilidade das explotacións gandeiras.

Unha infraestrutura obsoleta

Detrás dos cortes constantes hai unha infraestrutura decadente e un mantemento case inexistente. Un traballador dunha subcontrata de Fenosa para o mantemento, que pide permanecer no anonimato, denuncia que están “atados de pés e máns”. Describe unha situación na que as liñas eléctricas, tanto de media como de baixa tensión, están nun estado de deterioro. “Xa non se limpan como se facía antes”, explica.

Segundo el, o mantemento só se realiza cando hai unha avaría, pero non existe un plan preventivo. Engade que Mazaricos é unha zona con moitos temporais e moi arboredo, o que complica aínda máis a situación. Malia que debería haber dezaseis metros limpos de vexetación baixo as liñas, o 90% delas só se limpan cada cinco ou seis anos: “Moitas veces, se un traballador debe ir facer algunha manobra para restablecer o servizo dunha liña caída no medio do monte; non pode chegar ata ela pola cantidade de maleza”.

A veciñanza coincide en que é necesaria unha resposta conxunta para facer fronte ao problema. Reclaman unión entre os afectados e instan ao Concello a liderar unha reclamación colectiva ante a Consellería de Industria, xa que a responsabilidade do mantemento das liñas recae directamente en Unión Fenosa Distribución.

A paradoxa enerxética de Mazaricos pon en evidencia un modelo que explota o rural galego para abastecer de electricidade ao resto do Estado, mentres a súa xente continúa sufrindo cortes constantes de luz. Os apagóns, o abandono das infraestruturas e a falta de mantemento reflicten o abandono institucional dun territorio que segue a soportar o peso da produción enerxética. Mentres tanto, as plataformas ecoloxistas e veciñais manteñen viva a loita contra a saturación do territorio e a perda de control sobre os seus recursos.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...