Nace na Coruña unha plataforma para apoiar ás persoas sancionadas polas protestas contra Vox

A Plataforma Antirrepresiva da Coruña dará cobertura aos procedementos sancionadores e aspira a ser un espazo de solidariedade fronte á represión.
Violencia policial a coruña
Activistas sosteñen imaxes das compañeiras feridas pola Policía Nacional. Foto: Coordinadora da Mocidade Socialista.

Dez días despois das mobilizacións contra o acto de Vox na praza de María Pita, nace a Plataforma Antirrepresiva da Coruña (PAC). A iniciativa preséntase para dar cobertura ás persoas represaliadas polos feitos do 21 de outubro, denunciar a actuación policial e artellar unha resposta colectiva fronte ao que consideran unha criminalización crecente da organización social e política na cidade.

O nacemento da plataforma chega despois dunha xornada que deixou decenas de persoas feridas, algunhas delas menores. A Coordinadora da Mocidade Socialista, unha das organizacións convocantes, recompilou testemuños gráficos das dúas cargas da UIP da Policía Nacional: a da mañá, en María Pita, e a da tarde, diante da Subdelegación do Goberno. O caso máis grave é o dunha muller que recibiu o impacto dunha bala de goma no ollo dereito. 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu esa intervención e achacou os incidentes a un grupo reducido de “radicais e antisistema”. Segundo a versión gobernamental, a policía actuou cando xa se marchara a comitiva de Vox e porque algúns manifestantes lanzaron pedras, mesas e cadeiras. Blanco cualificou a actuación como a que “tiña que ser” e matizou que se tratou máis de “disolver” que de cargar, para evitar unha “batalla campal”. 
Cobertura para as sancións

Os colectivos que se concentraron na praza —entre eles Xesta, o Sindicato de Vivenda da Coruña, CGT, CNT, a CMS, Galiza Nova e a Asemblea Antiimperialista da Coruña— sosteñen o contrario. Din que a resposta dalgúns manifestantes veu despois da carga e denuncian que a policía disparou pelotas de goma a curta distancia e dirixidas á cabeza e ao corpo.

A PAC sitúa a súa creación nese contexto e subliña dous elementos; a campaña de sinalamento mediático contra os sectores antifascistas e as declaracións do delegado do Goberno, que, segundo a plataforma, avaliou positivamente a actuación da UIP e anunciou novas detencións. Tamén critican o papel dos grandes medios na difusión de discursos que, din, criminalizan o antifascismo e as organizacións políticas e sociais.

A prioridade inmediata é dar cobertura aos procedementos sancionadores que poidan notificarse nas vindeiras semanas, acompañar as persoas encausadas e axudar a asumir os custos derivados da represión. Mais a plataforma di que non quere quedar nos feitos do 21O, e que aspira a consolidarse como espazo de solidariedade, autoorganización e unidade política da clase traballadora.

Desde a PAC interpretan o ocorrido como un avance das prácticas represivas do Estado e dun modelo policial orientado ao control social e á desmobilización política. Advirten dun “xiro autoritario” que, din, se concreta na Lei mordaza e no endurecemento do Código Penal, e de actuacións policiais, xudiciais e económicas dirixidas contra quen se mobiliza.

A plataforma recoñece que o traballo esixirá continuidade e organización, e propón unha resposta social e política ampla arredor do antifascismo e da defensa dos intereses da clase traballadora. O seu lema resume o propósito: “Defender a quen loita é defender os dereitos de todas”.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...