Balea Cultural
Roma, Netflix e a cruzada dos ninguéns

Estamos dispostos a asumir para o noso favor os avances tecnolóxicos? Nin a tecnofobia nin a defensa acérrima das plataformas dixitais semellan unha boa solución.

Netflix foto 1
Fotograma de Roma (Alfonso Cuarón 2018)
BALEACULTURAL.NET
12 ene 2019 12:30

Moito se falou de Roma nestes últimos meses e máis que se falará. A película dirixida por Alfonso Cuarón, director de outras grandes obras como Children of Men ou Gravity está a ser o centro de atención dunha morea de persoas. Se ben a grande publicidade que lle deu Netflix —como no caso da meirande parte dos seus grandes títulos— e a calidade da proposta do mexicano inflúen neste aspecto, o debate que hai enriba da mesa é o que leva habendo moito tempo, mais acrecentado polas circunstancias: Veñen as plataformas de Video on Demand (VOD) comandadas por Netflix, matar o cinema? Francamente penso que en absoluto, mais o conflito entre a multinacional e os exhibidores está servido e tomar posición dalgún xeito é bastante complexo.

Balea Cultural
‘Black Mirror: Bandersnatch’ nin come nin deixa comer
‘Black Mirror: Bandersnatch’ non é unha revolución mais si que é interesante ver como se abren novas formas de ver cine e de interactuar con este.
Recentemente Alfonso Cuarón foi galardoado co premio a mellor director nos Globos de Ouro e os xornalistas que alí se atopaban tiveron a ben seguir o bo costume de todo xornalista: preguntar. Preguntóuselle cal era a súa posición respecto á polémica e, contrariamente a outras ocasións, respondeu con contundencia: “A miña pregunta é, cantos cines cres que proxectarían un filme mexicano en branco e negro rodado en español e mixteco? Que ademais é un drama sen ningunha grande estrela. Eu tiven unha estrea mellor”. E aínda que a algúns lles pese, Cuarón ten toda a razón.

A miña pregunta é, cantos cines cres que proxectarían un filme mexicano en branco e negro rodado en español e mixteco?

Netflix sorprendía nada máis comezar o ano co anuncio de que durante 2019, estrearía 80 novas películas orixinais entre as que se atopan as novas estreas de Martin Scorsese ou Isabel Coixet. Scorsese é unha das figuras máis puristas do cinema contemporáneo e sorprende notablemente esta aposta por este tipo de plataforma. The Irishman —que así se chama o seu filme— estaba a ser producida por Paramount, mais Netflix puxo, nin máis nin menos, 105 millóns de euros sobre a mesa para rematar de financiala. Ademais, a Netflix non lle asusta entrar en proxectos complicados ou pouco convencionais, senón que os busca. E iso é un valor engadido innegable. Roma sería unha longametraxe que poucas persoas verían doutro xeito, é un tipo de filme que nada ten de comercial, mais non fica nun só título.

Netflix 2
Fotograma de Elisa y Marcela (Isabel Coixet 2019)
O conflito aberto entre Netflix —neste caso— e exhibidores é unha falsa dicotomía. Se ben é certo que obviamente a compañía audiovisual tira para casa. É unha empresa e non fai cinema nin calquera tipo de contido audiovisual por amor ao arte. É unha lóxica normal. Mais tamén é certo que a propia película de Cuarón está gravada en cinemascope, un formato claramente orientado á grande pantalla. E moitos foron os exhibidores que non quixeron estrear a obra en todo o mundo. E, polo menos a día de hoxe, Roma pode verse nos cinemas do Estado español que aceitaron a oferta, polo que a suposta esixencia dunha estrea de soamente unha semana parece ser falsa.

No Estado español non está regulado por lei o tempo que debe pasar entre a estrea en salas e en plataformas dixitais, mais hai un acordo tácito —dadas as circunstancias parece máis unha imposición dos exhibidores— de que deben pasar 112 días, é dicir, 16 semanas. Desa cantidade de días no mellor dos casos os filmes están en salas pouco máis dun mes e o tempo restante están nun limbo soamente ocupado pola saída dos DVD, un formato cada vez máis preto da desaparición pola obsolescencia tecnolóxica.

Foron moitos os exhibidores que non quixeron estrear o filme de Cuarón en todo o mundo

Isto obviamente é unha condición que choca de fronte coas pretensións de Netflix e na que as empresas exhibidoras –que na realidade estatal, salvo excepcións contadas, é un duopolio entre Yelmo e Cinesa– non están dispostas a permitir. Os mesmos que clamaron durante anos contra o inxusto da subida do IVE cultural, mais que cando este baixou non reduciron o prezo das entradas. Menos mal que en Galicia existen os Numax, os Codex e os Multicines.

Tendo isto en conta, preséntase un escenario onde dous tipos de empresas —porque non soamente Netflix produce filmes a pesar do que pareza nos grandes medios de comunicación— van pelexar polos seus intereses. O único que buscan é un rédito económico. Ambas posicións están condenadas a entenderse e a convivir dun xeito ou doutro. Por suposto que me gusta ir ao cine nunha sala grande mais o modelo de VOD non ten por que supor borrar do mapa as canles de distribución habituais.

Pregúntenlle a calquera galego que non viva nunha gran cidade que posibilidades tiña que ver cinema de xeito legal fai cinco anos

Non se debe caer nin nun ataque de nostalxia desmesurado que leve a un discurso tecnófobo porque os avances tecnolóxicos nunca son malos, o negativo é a súa xestión. Tampouco unha defensa acérrima das plataformas dixitais leva a ningures. Son empresas competindo entre si, nada que nun sistema como o capitalista non esteamos acostumados a observar día tras día. E os avances non poden ser demonizados: senón que lle pregunten a calquera galego que non viva nunha gran cidade que posibilidades tiña que ver cinema de xeito legal fai cinco anos. Para moita xente, acrecentado polo problema de comunicacións no País, é moi custoso chegar sequera á porta dun cinema.

Netflix 3
Fotograma de Dhogs (Andrés Goteira, 2018)
Sen saír en Galicia e lembrando un 2018 xa rematado, a mellor nova audiovisual do ano chamouse Dhogs. O filme de Andrés Goteira tivo unha distribución moi limitada a pesar dos seus éxitos en festivais de gran prestixio. Cando Filmin estreou a película, foi a máis vista da semana na plataforma. Para a xente que quere ver bo cine, moitas veces o como é o maior problema.

E isto non é un debate sobre se se debe apoiar unha empresa ou outra, porque a resposta obvia é o silencio. É unha confrontación entre se queremos asumir os avances tecnolóxicos para o noso favor ou non. A cruzada dos ninguéns non debe ir cara ningún sitio.

Balea Cultural
Gaspar Noé, figura controvertida do cinema
Hai moita polémica respecto á figura de Gaspar Noé. A maioría de criticas céntranse na súa crueza, na violencia sen disfrazar que exhibe.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Balea Cultural
‘Star Wars’: As dúas caras da nostalxia

A historia de como Disney mercou os dereitos da saga de Star Wars sen ter antes unha idea clara de que facer con ela.

Balea Cultural
‘Casablanca’: revisitando o mito
De cando en vez non está de máis visionar de novo un dos grandes expoñentes do cinema clásico de Hollywood.
#29084
12/1/2019 23:42

Moita idea, non hai do que se escribe, se un non investiga. Houbo intentos de proxectar algúns dos filmes de NETFLIX, mais a plataforma contentouse con estrear só en Madrid e Barcelona (Roma). Polo demáis o resto do artigo moi superficial...

0
2
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.