Balea Cultural
‘Black Mirror: Bandersnatch’ nin come nin deixa comer

Black Mirror: Bandersnatch non se pode cualificar de revolución —tal e como facía Álex de la Iglesia nuns recentes chíos— mais si que é interesante ver como se abren novas formas de ver cine e de interactuar con este.

Black Mirror principal
Fotograma de 'Black Mirror: Bandersnatch', Netflix 2018.
BALEACULTURAL.NET
5 ene 2019 12:00
O pasado 28 de decembro Netflix lanzaba “Black Mirror: Bandersnatch”, un filme interactivo que introduce ao espectador na historia de Stefan, un mozo de 19 anos que pretende desenvolver un videoxogo no que o xogador escolla as súas propias decisións para rematar a historia. As primeiras críticas que puiden observar eran moi optimistas: o director español Álex de la Iglesia valorou moi positivamente o novo de Black Mirror na súa conta de Twitter, xerando un debate sobre se Bandersnatch era unha obra mestra ou unha produción mediocre. Álex de la Iglesia e máis eu temos unha cousa en común: vímonos abraiados pola novidade. Antes de poñerme a escribir este artigo vin o filme tres veces. Fixen todos os finais e experimentei todas as combinacións que puiden. E desta visualización frenética tiro dúas conclusións. A primeira, que quedei a cadros; a segunda, que non sabería dicir se me gustou ou non. Para ser sincera, a primeira vez que a vin fiquei abraiada. Colin dicía “vémonos na seguinte”, e eu pensaba se se referiría á seguinte vida ou á seguinte decisión. A película está ben: é entretida, fainos pensar e provoca moitas emocións. Mais ten demasiados problemas.

UNHAS PERSONAXES A MEDIAS

Stefan está a medio cocer. Para ser o protagonista da trama é unha personaxe sen ningún tipo de desenvolvemento. En parte os espectadores somos coprotagonistas, e no mesmo espazo de tempo no que o mozo apenas se move da súa perspectiva inicial, a obra pasa de producir na persoa que está fronte ao ordenador unha sensación de querer matar a todo o mundo a facer que non se queira recorrer á violencia. É un mozo de 19 anos obsesionado coa morte da súa nai e coas decisións. Friki, con problemas de saúde mental e incapaz de facer algo por si mesmo. Esperta cero empatía, quizá por iso decidín matalo na primeira ocasión que se me presentou.
BlacK Mirror 1
Fotograma de 'Black Mirror: Bandersnatch', Netflix 2018.
As personaxes secundarias como o pai, a doutora ou Tucker pasan sen pena nin gloria. O primeiro é unha personaxe arquetípica, a doutora é unha psiquiatra cargante e Tucker é un empresario da industria que só pensa en conseguir máis cartos. O normal.

Colin, polo contrario, chama moito a atención. Se os guionistas querían que o público amase á personaxe, conseguírono. É a personaxe que nos introduce moitas das cuestións filosóficas que se pretenden abordar. O control do goberno, a imposibilidade de decidir por nós mesmos, a obrigatoriedade de volver tentalo... Black Mirror tenta crearnos unha sensación de control sobre o filme e Colin pode destruíla en calquera momento. Se rexeitamos tomar drogas, mete o éxtase no té e obríganos a tomalo pese a que nós tomamos a decisión contraria. Cando aceptamos a oferta de Tucker, di que escollemos a opción equivocada, que temos que volver tentalo. E se queremos seguir vendo o que pasa, literalmente obríganos a tomar a outra decisión. Moitas veces non se distingue se Colin estaba a falar con Stefan ou co espectador, xa que a pesar de que se dirixe a Stefan fan preguntas para facernos pensar. Incluso en ocasións mira directamente á cámara rompendo a cuarta parede. Ten unha carisma que non sabe onde metela: felicidades Colin, pasas o corte.

formulaciónS FILOSÓFICaS

Se hai algo que me molesta de Black Mirror é a “deriva illuminati” que trae desde hai tempo, sobre todo, desde que se incorporou ao catálogo de Netflix. Desespérame que os guionistas dean a sensación de estarmos en Matrix, que a tecnoloxía é malvada e que somos un rabaño de ovellas que non saben pensar por si mesmas.

Porén, aínda que o filme mantén a amentada tradición “illuminati confirmed” da serie, si que introduce –non todo o ben que podería– conceptos interesantes sobre o libre albedrío e a liberdade individual. As decisións que tomamos na película –e na vida– non só nos afectan a nós, senón tamén ao noso arredor. Cando Stefan é consciente de que alguén decide por el e temos que dicirlle quen o controla, nós escollemos o símbolo no lugar de Netflix, mais matar ao pai é obrigatorio. Todo ten consecuencias, e aínda que pensemos que podemos controlalo todo, non é certo.

Black Mirror 2
Fotograma de 'Black Mirror: Bandersnatch', Netflix 2018.
Aínda que todo ten problemas neste filme, os detalles son quen de abrandarlle o corazón a calquera. Que Colin se comunique co público nalgúns finais (volve a tentalo, podes decidir, opción equivocada…) é moi interesante. Hai frases moi destacables nesta personaxe aínda que non teñan maior transcendencia. Por exemplo, di “vémonos na seguinte”, polo que é razoable dubidar se se refire á seguinte vida ou á seguinte decisión, xa que volven mandarnos cara atrás moitas veces. Cando lle dicimos a Stefan que esnaquice o seu pai di: “Ai deus, en serio?” Dío mentres mira ao ceo: significa “deus” coma os espectadores que deciden o destino de Stefan ou como un ser todopoderoso que determina o destino?

‘BLACK MIRROR: BANDERSNATCH’ NON É UN VIDEOXOGO, PENSO

Desde que saíu o filme defendín ante moitos que non era un videoxogo, xa que algunhas persoas comparan a película cos xogos de decisións. Bandersnatch é un filme interactivo cun concepto moi interesante a explorar noutras producións. Aínda así, hai momentos nos que si que a película dá a sensación de estar xogando a unha novela das de “constrúe a túa propia historia”: nos primeiros minutos do filme, cando aceptamos a oferta de Tucker, e Colin di que escollemos mal a resposta: vemos un dos finais e temos que volver atrás e escoller a outra resposta para poder seguir a trama. Noutro momento temos que teclear un número de teléfono que se nos repite se non o escoitamos ben. Neses momentos tiven a sensación de estar xogando á Play no lugar de estar vendo un filme.

A valoración xeral de Black Mirror: Bandersnatch é positiva. Non se pode cualificar isto de revolución –tal e como facía Álex de la Iglesia nos seus chíos– mais si que me alegra ver que se abren novas formas de ver cine e de interactuar con este. Black Mirror comete sempre o erro de tentar ser unha cousa profunda e escura, e para a súa desgracia moitas veces fica a metade de camiño. A película é como moitos dos capítulos das súas tempadas: nin come nin deixa comer.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Balea Cultural
‘Star Wars’: As dúas caras da nostalxia

A historia de como Disney mercou os dereitos da saga de Star Wars sen ter antes unha idea clara de que facer con ela.

Balea Cultural
‘Casablanca’: revisitando o mito
De cando en vez non está de máis visionar de novo un dos grandes expoñentes do cinema clásico de Hollywood.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.