China
Xulio Ríos: “Revitalizar a nación chinesa supón superar as secuelas do século de humillación que supuxo o colonialismo europeo e xaponés”

Segunda parte da conversa co analista internacional especializado na China na que se abordan os desafíos que ten por diante o sistema político chinés en relación aos dereitos e ás liberdades das persoas e das nacionalidades.
Xi Jinping
Xi Jinping. Foto de POR.
29 jun 2021 08:43

De xeito discreto pero decidido, a China está reivindicando un modelo político propio baseado nas súas singularidades históricas e culturais, que non abandona a ideoloxía marxista e confronta manifestamente co liberalismo occidental expandido polo mundo desde os centros de poder que outrora foron Europa e Estados Unidos. O modelo político chinés que conforma con man de ferro o Partido Comunista da China (PCCh) busca novas fontes de lexitimidade que garantan estabilidade social e política para seguir avanzando nun cambio de modelo máis profundo que sitúe ao país na vangarda tecnolóxica mundial e contribúa á soñada revitalización nacional. Este é o esclarecedor diagnóstico da China contemporánea que fai o sinólogo galego Xulio Ríos no seu último ensaio sobre o país asiático, A metamorfose do comunismo na China (Kalandraka, 2021). En véspera da ampulosa celebración dos cen anos do PCCh que se prepara para o primeiro de xullo e da chegada ás librarías da edición do libro en castelán, conversamos con este prolífero analista internacional especializado na China para afondar sobre os desafíos que ten por diante o sistema político chinés en relación aos dereitos e ás liberdades das persoas e das nacionalidades.

Unha das primeiras proclamas de Xi Jinping cando asumiu o poder do PCCh e da China foi o denominado “soño chinés” (中国梦), un concepto que parece emular ao coñecido “soño americano” pero que ten as súas particularidades. En que consiste ese “soño chinés”?
O “soño chinés” está relacionado coa revitalización da nación e ten unha dimensión económica, política, social, cultural, étnica e mesmo lingüística, xa que tamén hai un empeño por popularizar o dominio do putonghua ou chinés estándar. Revitalizar a nación chinesa supón, así mesmo, superar as secuelas da humillación histórica que sufriu a China durante o colonialismo exercido por Xapón e os países occidentais. A modernización que se busca na China non se entenderá como completa se non hai reunificación, o cal afecta principalmente ao territorio de Taiwán, que xunto a Hong Kong e Macao é unha secuela do período colonial.

Que consecuencias ten a idealización dun rexurdimento da nación chinesa baseado na homoxeneización étnica e o centralismo político, que confronta directamente coa diversidade lingüística e cultural deste vasto territorio?
As nacionalidades minoritarias constitúen un problema para a China, que xa desde un principio se desapegou do modelo soviético. O PCCh non recoñeceu o dereito de autodeterminación e sempre apostou pola autonomía. As cinco rexións autónomas, porén, teñen unha autonomía bastante feble na práctica porque o secretario do PCCh no territorio, cun poder determinante, representa sempre á maioría han, e non ás nacionalidades minoritarias. Este afán de hanificación está xerando tensións políticas e culturais, non só nas rexións do Tíbet e o Xinjiang, senón tamén noutras como a da Mongolia Interior. Malia que existe un debate sobre esta cuestión dentro do ámbito académico chinés, que incluso se ten interesado polo modelo español de autonomías a través dun programa de intercambio de coñecementos e experiencias, no que eu mesmo puiden participar a través do Observatorio da Política Chinesa —o Programa Minzu (nacionalidade, en chinés)— a posición política do PCCh é pouco evolucionada e prefire non tocar o modelo actual. Neste sentido, pénsase que a poboación que representan as nacionalidades minoritarias se desprenderá da súa identidade a medida que aumenten os ingresos e melloren as condicións de vida, pero obviamente non vai pasar. Os investimentos e a creación de oportunidades de crecemento económico dificilmente poden poñer fin á tensión política e cultural que se manifesta en rexións como as do Tíbet e o Xinjiang, situadas na periferia do país e xeopoliticamente moi importantes. É un conflito que vai persistir se o poder central non é capaz de imaxinar un modelo de xestión política que empodere e facilite o autogoberno destes territorios.

“A modernización que se busca na China non se entenderá como completa se non hai reunificación, o cal afecta principalmente ao territorio de Taiwán, que xunto a Hong Kong e Macao é unha secuela do período colonial”

A igualdade de xénero, como sinalas no último capítulo do libro, non forma parte do denominado “soño chinés” con vistas á modernización. Como é posible que o PCCh se desmarque tanto dunha preocupación política global como esta?
A visibilidade da muller nas estruturas de poder político e económico é moi escasa, pero non hai suficiente debate sobre a igualdade de xénero. É certo que desde hai anos se observa un movemento de empoderamento e autoafirmación da muller na China, mesmo con organizacións feministas, pero estas son abertamente reprimidas porque chocan co modelo e os intereses do PCCh. Como aparece recollido no libro, a conciencia feminista está considerada como unha importación da ideoloxía liberal occidental que hai que rexeitar. Súmase a esta idea o carácter conservador da propia sociedade chinesa. Efectivamente, a igualdade de xénero é un dos retos que ten por diante o PCCh.

En coherencia con ese rexeitamento da ideoloxía liberal occidental, tampouco están en debate actualmente os valores democráticos; mesmo hai unha negación explícita do carácter universal dos dereitos humanos desde hai anos. Nun contexto global no que a China ten un crecente protagonismo, que consecuencias pode ter a negación do carácter universal dos dereitos humanos?
O respecto dos dereitos humanos constitúe un argumento importante no esquema de confrontación entre China e Estados Unidos. Nesta pugna, que vai continuar nos próximos anos, a cuestión dos dereitos humanos está e seguirá estando na axenda porque debilita moito a imaxe internacional da China, sobre todo naqueles países do mundo desenvolvido occidental onde os dereitos humanos están aceptados —aínda que logo se teñan diferentes varas de medir en relación á súa aplicación e vexamos barbaridades como as cometidas en Libia, Iraq ou agora en Colombia—. Na China non atopamos este tipo de violación de dereitos humanos, a represión é outra; pero acentúase a vulnerabilidade dos dereitos e as libertades porque así o esixe a diatriba ideolóxica.

Durante o “denguismo”, a China tratou de evitar este elemento de confrontación coa idea de que se necesitaba tempo para introducir dereitos e liberdades; pero no momento actual, co “xiísmo”, o que se propugna é o carácter singular dos valores culturais asiáticos. No referente aos dereitos humanos, o que reivindica a China é unha comprensión diferente dos mesmos. Fronte aos dereitos civís e políticos que se declaran nas democracias liberais occidentais, enfatízanse dereitos relacionados coas necesidades máis básicas. A evolución deste enfoque, sen embargo, non está pechada. A medida que vaia cambiando a estrutura social, é probable que aumente a demanda social de dereitos e liberdades. Polo momento, este tema non está na axenda do PCCh porque non existe a presión suficiente. Neste sentido, tamén é importante contextualizar. A China non recoñece o masacre de 1989 en Tian’anmen, mais hai que lembrar que Estados Unidos, sendo unha democracia consolidada, precisou cen anos para recoñecer o masacre de 1921 en Tulsa.

Durante o “denguismo”, a China tratou de evitar este elemento de confrontación coa idea de que se necesitaba tempo para introducir dereitos e liberdades; pero no momento actual, co “xiísmo”, o que se propugna é o carácter singular dos valores culturais asiáticos

Por outra banda, asistimos actualmente a unha revolución científica e tecnolóxica na que a China é un polo de innovación e vangarda que confronta con Estados Unidos e Europa. Respecto da intelixencia artificial, por exemplo, estanse a desenvolver debates éticos sobre a necesidade de protexer a privacidade das persoas dos que a China non participa. Considerando que xa existen teorías sobre a transformación do sistema na era da acumulación de datos persoais, como o “capitalismo de vixilancia” de acuñou a socióloga Shoshana Zuboff, chama a atención que no libro non se trate este asunto en relación ao modelo comunista da China. Que particularidades ten o modelo chinés e até que punto pode influír este enfoque no mundo?
Este é un tema moi complexo, novidoso e bastante amplo. Na polémica do 5G e no conflito que tivera Estados Unidos con Huawei e outras grandes empresas do sector tecnolóxico chinés, por exemplo, hai unha dimensión estratéxica. O posicionamento global da China no ámbito das novas tecnoloxías é altamente competitivo, e todos os gobernos demostran un crecente interese por controlar a opinión pública. Sen ir máis lonxe, aí temos os casos de Edward Snowden ou Cambridge Analytica. Desde o meu punto de vista, o problema engadido na China é a inexistente capacidade de intervención da sociedade civil e, consecuentemente, unha ilimitada capacidade de actuación do poder sen control. Neste sentido, hai experimentos como o sistema de crédito social ou os sistemas de vixilancia aplicados no Tíbet e no Xinjiang, dos que aínda non se ten demasiada información. O que si amosan estes experimentos é a capacidade invasiva do poder cando non existen controis nin outros mecanismos que permitan certos equilibrios. O nivel de aceptación social da tecnoloxía na China, asemade, é moi alto. Así o puidemos observar durante o tempo de pandemia, coas aplicacións que se puxeron en marcha para controlar os movementos da poboación. Trátase dun modelo exportable a outros países. Porén, o horizonte que se debuxa é preocupante.

Esta rápida e mesmo entusiasta aceptación social do desenvolvemento tecnolóxico, que contrasta ao mesmo tempo co carácter conservador da sociedad chinesa, pode ter relación co concepto de modernización que se ten na China?
A nivel social, a aceptación do cambio tecnolóxico é unha cuestión de pragmatismo. Culturalmente, a China é sumamente pragmática. O concepto de modernización, no entanto, está relacionado coa recuperación da grandeza perdida e vai máis aló do ámbito social ou económico. O que se busca coa modernización é situar á China na posición central que tivo no mundo durante séculos, até a revolución industrial e o período colonial, coñecido como o século de humillación. É un proceso orientado a pechar feridas históricas. Non se pretende chegar a ser a potencia hexemónica do século XXI, senón desenvolver un modelo político e social baseado na singularidade cultural.

“O problema engadido na China é a inexistente capacidade de intervención da sociedade civil e, consecuentemente, unha ilimitada capacidade de actuación do poder sen control”

Despois de tantos anos, sendo a China a segunda economía mundial, non se pode considerar que a modernización xa é unha realidade e que esa humillación histórica está superada?
Aínda non. Fitos como chegar a ser a segunda potencia económica mundial ou ter enviado unha misión espacial a Marte fannos esquecer que na China queda moito por resolver. En termos de renda per cápita ou índice de desenvolvemento humano, por exemplo, está en posicións moi baixas. Neste sentido, hai que ter en conta que a renda per cápita media está nos 10.000 dólares anuais, cando en Estados Unidos supera os 65.000 dólares, e tamén que se contan 600 millóns de persoas que non chegan aos 2.000 dólares anuais, o equivalente a toda a África subsahariana. Por outra banda, as secuelas do século de humillación están presentes no conflito con Taiwan, que ten as súas orixes no Tratado de Shimonoseki (1895) con Xapón, non tanto na guerra civil chinesa (1927-1949). A día de hoxe, o PCCh non renuncia á reunificación e considera que é parte imprescindible do proceso de modernización.

Asumindo que Xi Jinping continuará na presidencia da China despois do segundo mandato, rompendo coa limitación consuetudinaria do “denguismo” que respectaran os seus predecedores, cales son os principais desafíos políticos que afronta o PCCh nos próximos anos, alén do conflito con Taiwan?
En primeiro lugar, o cambio de modelo no contexto global. Deixar de ser a fábrica do mundo para converterse na vangarda tecnolóxica é un proceso que vai durar anos. A crise dos semiconductores, por exemplo, está amosando un serio talón de Aquiles no desenvolvemento tecnolóxico. Aínda que hai vontade de investir, a China precisa anos para chegar ao nivel das empresas taiwanesas e surcoreanas, que son líderes do sector. Este cambio de modelo, ademais, ten lugar en medio dunha confrontación con occidente, polo que vai atopar obstáculos.

O desafío social é outro dos máis importantes. Aínda que vaia moi rápido, precisará 30 ou 40 anos para superar a situación actual. Os investimentos e as reformas que hai en proceso nos eidos da saúde ou da seguridade social deberán responder a un crecente envellecemento da poboación.

Logo está a xestión da política, que na China é un asunto moi delicado. Nestes momentos hai un claro endurecemento, rexorde o culto á personalidade e decae a dirección colectiva. Durante o “denguismo” construíranse diques, como a limitación tácita a dous mandatos, para evitar a monopolización do poder e as confrontacións internas que se viviron en tempos do “maoísmo”; pero a desaparición destes diques provoca incerteza.


Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Pensamiento
Michael Hardt “La respuesta a Trump no debe ser volver a la normalidad”
Pensador estadounidense y colaborador de Antonio Negri en algunas de sus mejores páginas, el filósofo Michael Hardt ha seguido dedicando su trabajo a la idea y a las prácticas del común.
Historia
Historia El largo viaje de Pepe Díaz
Se cumplen 130 años del nacimiento en Sevilla de una figura carismática y trágica del movimiento obrero español.
Alemania
Alemania Ines Schwerdtner: “Los conservadores tienen esta estrategia de normalizar la AfD, pero eso ha salido muy mal”
De profesión periodista, Ines Schwerdtner ha sido una de las responsables del ascenso de Die Linke, un partido que pasó de no aparecer en las encuestas a superar el 8% en las elecciones de febrero.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.