Educación
Unha empresa de Florentino Pérez faise coa xestión de dúas escolas infantís da Coruña
A poucos días do comezo do curso, o cambio de xestora en seis das oito escolas infantís municipais da Coruña converteuse nun foco de tensión entre familias e traballadoras. O Concello dirixido por Inés Rey (PSOE) licitou a xestión dos oito centros e a adxudicación final supón o cambio de empresa en seis escolas, que pasarán a mans de tres compañías multiservizos: Sararte, Grupo Atención a Dependientes e Enequip Serveis Integrals, propiedade do magnate español Florentino Pérez.
Ata agora, boa parte destes centros estaban xestionados por empresas constituídas polas propias educadoras, algunhas delas con máis de vinte anos de experiencia no desenvolvemento dos proxectos pedagóxicos das escolas. O cambio de modelo é precisamente un dos aspectos que máis preocupa ás familias, que temen perder a continuidade educativa nunha etapa que consideran “chave” para o desenvolvemento de nenos e nenas.
Enequip Serveis Integrals é a empresa que concentra boa parte da polémica. Con sede en Palma, figura como filial do grupo Clece, propiedade de ACS, a construtora de Florentino Pérez. Enequip resultou adxudicataria de dous dos centros.
Tres empresas, un mesmo perfil
As ANPA das escolas municipais da Coruña poñen o foco no perfil das empresas que asumirán a xestión dos seis centros: “Enequip desenvolve actividade nos ámbitos dos servizos integrais e a limpeza; Sararte ampliou o seu obxecto social á organización de eventos, recursos humanos e mantemento; e Grupo Atención a Dependientes ten como actividade principal o ámbito asistencial”.
Para as familias, estes perfís non ofrecen as mesmas garantías que entidades especializadas en educación infantil. Sergio Blanco, pai dun neno escolarizado nun dos centros afectados, destaca que seis das oito escolas municipais, ata agora xestionadas por empresas locais de menor tamaño, pasarán a mans de compañías de maior dimensión. “Dúas delas”, sinala, “son foráneas da contorna coruñesa”.
O malestar aumenta ao analizar as puntuacións obtidas na licitación. Segundo Blanco, algunhas das empresas adxudicatarias “nin sequera tiñan experiencia previa na formación de 0 a 3 anos” e, aínda así, superaron en puntos empresas que “levaban anos no servizo, coñecen o barrio e o mercado de proximidade” e cuxos proxectos “acumularon numerosos recoñecementos nos últimos cursos”.
As familias trasladaron esta preocupación á Concellería de Educación, onde o Concello defendeu que os criterios de valoración estaban recollidos nos pregos e foran avaliados por “un técnico funcionario independente”.
Pero para pais e nais afectados resulta difícil entender que unha empresa de fóra da Coruña, sen traxectoria previa na cidade, poida obter unha puntuación superior á dunha xestora local con anos de experiencia nos centros.
A dúbida céntrase especialmente na valoración de aspectos como o coñecemento da lingua e da contorna. “Como pode ser que unha empresa doutra comunidade autónoma, como é Baleares, teña máis puntuación no coñecemento da lingua e da contorna que unha xestora local con anos de traxectoria no barrio?”, cuestiona Sergio Blanco.
Pola contra, as escolas municipais de Monte Alto e Caracola, en Novo Mesoiro, manterán as súas actuais xestoras. A diferenza tamén xera interrogantes entre parte da comunidade educativa, que reclama coñecer os criterios polos que se decidiu modificar a xestión nuns centros e mantela noutros.
En conxunto, as seis escolas afectadas dan servizo a arredor de 750 familias, segundo os datos que manexan as ANPA. Moitas aseguran que aínda descoñecen como será o funcionamento dos centros a partir de setembro, quen integrará os equipos educativos ou se se manterán os proxectos polos que decidiron matricular os seus fillos e fillas.
Un mes de transición
O curso comeza o catro de setembro, pero as novas empresas non asumirán a xestión das escolas ata o un de outubro, como mínimo. O motivo está nos prazos do proceso e nas reclamacións presentadas polas empresas que non resultaron adxudicatarias. Mentres tanto, o Concello manterá durante setembro a xestión das empresas actuais.
Para o persoal educativo, a situación supón un mes de incerteza. Felicidad Casás, directora da EIM Luís Seoane, un dos centros afectados, explica que o equipo sabe que continuará polo menos ata o 30 de setembro, pero descoñece que sucederá despois.
As entidades que xestionaban catro das seis escolas afectadas —Luís Seoane, Arela, Carricanta e Rosales— recorrerán a adxudicación. Ademais, o persoal deberá ser subrogado polas novas empresas. “En teoría o cadro de persoal tense que subrogar, pero despois é decisión de cada empresa”, explica Casás. A directora advirte ademais da importancia de manter persoal por enriba dos mínimos establecidos para garantir tanto as condicións das traballadoras como a atención aos nenos.
As familias reclaman tamén un cambio de modelo, avanzar cara á municipalización das escolas infantís para evitar que a súa xestión dependa da renovación periódica de concesións. Segundo Blanco, a proposta foi formulada na reunión coa Concellería de Educación, pero o Concello descartouna de forma taxativa. “Dixéronnos que non entraba dentro dos seus plans, xa que legalmente non estaban obrigados”.
Mentres tanto, arredor de cen familias xa presentaron reclamacións individuais a través do rexistro telemático municipal. A resposta do Concello, indican, foi un escrito modelo no que se limita a asegurar que se manterá “a calidade do servizo” durante a transición.
O Salto trasladou ao Concello da Coruña varias preguntas sobre o proceso de adxudicación, a subrogación do persoal e o futuro da xestión das escolas infantís, pero non obtivo resposta ata o peche desta reportaxe.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!