Energías renovables
Sabucedo visibiliza a resistencia colectiva fronte á burla verde dos macroproxectos eólicos

O Encontro Burla Verde de Sabucedo (A Estrada) reuniu o pasado 29 de abril a máis de 50 colectivos galegos que se resisten a aceptar o sacrificio do territorio a prol do modelo de transición enerxética que promoven desde a Administración estatal e autonómica. Eólicos si, pero non así foi a frase máis escoitada neste encontro cultural e reivindicativo contra a gran burla verde da transición enerxética.
O curro de Sabucedo, escenario da mítica e internacionalizada Rapa das Bestas, converteuse nun simbólico espazo para resignificar a loita popular contra o modelo depredador que implica a masiva industrialización do territorio galego con parques eólicos e ameaza ecosistemas, modos de vida e paisaxes naturais con enorme valor etnográfico e identitario. Resoaban as palabras do cineasta Rodrigo Sorogoyen cando recolleu este ano o Goya á mellor dirección e aproveitou a ocasión para criticar a expansión sen control de parques eólicos pola xeografía galega –tamén nos montes de Sabucedo–, mais desde a organización se reivindicaba o legado da resistencia colectiva contra a ignominia que supuxo a reacción política na catástrofe do Prestige hai dúas décadas. A burla negra converteuse en burla verde para reactivar a resposta da cidadanía fronte a unha ameaza común, repartida por todo o rural galego e máis perigosa no longo prazo que o chapapote pola destrución definitiva do medio natural que implican os macroproxectos enerxéticos no territorio.
Desde a organización reivindicábase o legado da resistencia colectiva contra a ignominia que supuxo a reacción política na catástrofe do Prestige hai dúas décadas
A festa estaba xustificada polo encontro de proxectos de resistencia e alternativa, pero alén das actuacións musicais do Curro Cabaret e dos momentos de lecer na carballeira houbo unha mesa redonda que xuntou a representantes de diferentes colectivos sociais para compartir as súas inquedanzas sobre os últimos desenvolvementos no sector enerxético. A forza da unión desprendía un optimismo agridoce sobre a capacidade de acción colectiva, a teor da recente autorización de 75 parques eólicos na xeografía galega.
Aranza González, portavoz da plataforma veciñal Asociación Aire Limpo nas mariñas-Mandeo e veciña afectada polo proxecto eólico do Monte do Gato, alertou da posibilidade de que moitos destes macroproxectos de enerxías renovables incentivados con subvencións públicas non sexan completados pola especulación capitalista e a xeoestratexia do propio sector enerxético e avogou por continuar a loita popular por vía xudicial, aínda que este camiño exixa recadar cartos a través do crowdfunding. Na palestra tamén estaba Torcuato Teixeira, portavoz da plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, que expuso os riscos da expansión da eólica mariña para a biodiversidade e os modos de vida nas costas galegas; así como representantes da resistencia veciñal contra agresivos proxectos de minaría como o de Touro-O Pino (A Coruña). Para visibilizar os efectos da minaría sobre a poboación interviñeron tamén Juan Francisco Ortuño, presidente da plataforma de afectadas pola contaminación de metais pesados en Llano del Real (Murcia), e Nayeli Alejandra Trejo, que falou da expansión territorial da minería de metais preciosos en México e da resistencia das comunidades locais e das defensoras da terra para contextualizar a nivel global o espolio e a depredación de recursos que supón a bur(bul)la verde, como se podía ler nos carteis informativos sobre o evento.
Houbo unha mesa redonda que xuntou a representantes de diferentes colectivos sociais para compartir inquedanzas sobre os últimos desenvolvementos no sector enerxético
Arredor do curro que acolle anualmente a Rapa das Bestas organizáronse os colectivos sociais para informar sobre os macroproxectos enerxéticos, tanto de enerxía eólica como de minaría industrial, que ameazan o territorio, recollendo sinaturas e anunciando próximas xornadas e convivencia e manifestacións, como as que terán lugar en Negueira de Muñiz (Lugo) o 6 de maio e na propia capital provincial de Lugo o vindeiro 21 de maio, unha semana antes das eleccións municipais. Fronte a este modelo depredador, reivindicouse o espírito comunitario na xestión de recursos.
Polo Curro Cabaret pasaron numerosos artistas galegos de diferentes xeracións como Uxía e Xurxo Souto, protagonistas do movemento da cultura galega contra a burla negra do Prestige hai vinte anos, e Sheila Patricia ou Zeltia Irevire, talentos emerxentes e igualmente comprometidos con esta causa. Retrousos a ritmo de folk e blues como Eólicos non, non, non ou Ten coidado con quen te xuntas, ten coidado cos da Xunta, entoados por Zeltia Irevire e moi aplaudidos polo público de Sabucedo, van camiño de converterse en himnos da loita contra este modelo de transición enerxética que non ten en conta as necesidades e os intereses da poboación. Desde o gremio cultural que participou neste Encontro Burla Verde de Sabucedo, con todo, reivindicouse expresamente a loita contra o espolio e a depredación enerxética en comunidade, nas rúas e nas urnas.
Medio ambiente
Guerra na pesca e no ecoloxismo polo novo mapa da eólica mariña
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!