Gentrificación
O estrela Michelín Pepe Solla e unha multinacional pesqueira tras unha discoteca que operou sen licenza un ano

O Goberno de Vigo freou a sala de festas de El Palacio de La Oliva, na zona máis xentrificada da cidade. O negocio pertence á pesqueira Interatlantic, líder do sector, e a unha sociedade do galardoado cociñeiro galego.
Pazo Oliva
O restaurante-discoteca Palacio de la Oliva, no casco vello de Vigo. Foto de Pazo Oliva

Malia ser un restaurante cunha discoteca, á súa inauguración acudiron representantes institucionais da política galega e nomes habituais no entramado hostaleiro das Rías Baixas. A prensa rexional levaba meses publicando reportaxes en teoría non pagos, infografías con alzamentos 3D renderizados con paletas de cores cálidas e titulares sobre “grandes investimentos” e “xeración de emprego”. Crearan expectación, pero desde logo non pola súa orixinalidade. O que outrora fora un pazo do século XVII do Marquesado de Valladares, en pleno casco vello da cidade de Vigo, converteuse no enésimo local de hostalaría e restauración: el Palacio de La Oliva.

Un barrio cada vez máis hostil para a poboación local e lugar simbólico da xentrificación do sur de Galiza entrara no punto de mira da multinacional pesqueira Interatlantic e do cociñeiro galardoado cunha estrela Michelín, Pepe Solla. A piques de cumprir un ano de actividade, o Concello de Vigo ordenou cesar a súa actividade “por non axustarse á autorización que tiña concedida, de uso sociocultural e recreativo”. É dicir, durante 11 meses, unha discoteca nunha das zonas máis concorridas polo lecer nocturno en Galiza operou sen a licenza necesaria que debía ter expedido o Concello.

A información adiantouna o Faro de Vigo o pasado domingo e esta redacción puido corroborala malia os intentos do Concello de entorpecer o dereito ao seu acceso, unha dinámica habitual e contraria ao dereito á información que denunciou en varias ocasións o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A pesar de todo e coa traxedia acontecida nunha discoteca na Rexión de Murcia aínda fresca no imaxinario social, a Administración local ordenou o seu cesamento inmediato. Fontes da unión temporal de empresas formada pola multinacional pesqueira e a sociedade de Solla, amosándose incrédulas ante algo que non esperaban, preferiron non contestar a ningunha das preguntas deste diario, do mesmo xeito que o Concello.

Esa mesma sala que foi clausurada acolleu unha ornamentada inauguración á que acudiron representantes do Concello, Zona Franca e a patronal de comerciantes de pesca

A situación xerou unha alarma nos despachos das institucións locais. As contradicións son manifestas. Esa mesma sala que, polo de agora, foi clausurada, acolleu unha ornamentada inauguración á que acudiron o entón delegado de Zona Franca e hoxe deputado do PSOE no Congreso, David Regades, o presidente da Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar, a patronal do comercio pesqueiro), Eloy García e, micrófono en man, o alcalde da cidade, Abel Caballero: “O primeiro erro que se cometeu hai algúns anos foi abandonar o Casco Vello, a arquitectura lanzaba chamadas de auxilio. E hoxe, Luís Cabaleiro, estamos diante dunha recuperación histórica en Vigo que se fixo en excelencia”, dicía entón. Cabaleiro é o presidente da multinacional Interatlantic.

Un tesouro patrimonial nun barrio xentrificado

O pazo pertenceu historicamente ao marquesado de Valladares, probablemente a familia aristócrata máis vinculada á cidade de Vigo desde finais do século XVIII. De feito, foi o rei Carlos II, o último monarca da dinastía dos Austrias españois, quen designou a Luís Sarmiento de Valladares como o primeiro marqués, dando inicio a un marquesado con sede na cidade máis grande de Galicia. Pero o pazo acabaría en mans de La Caixa tras o declive a un estado de máxima ruína ao abeiro dos anos máis duros da crise financeira comezada en 2008.

Nunha das cidades galegas máis asfixiadas polo turismo xunto a Santiago de Compostela e A Coruña, este tipo de “recuperacións históricas” non fan outra cousa que encarecer alugueiros e ir dispersando servizos básicos como supermercados, farmacias, fruterías ou colexios. De feito, nun repaso histórico ao barrio vello da cidade, o encarecemento dos alugueiros, do mesmo xeito que no resto do Estado, foi unha ferramenta eficaz de administracións, promotoras e fondos de investimento para expulsar ás familias locais con poucos recursos, que viven, ademais, unha situación inflacionaria sen precedentes.

“Nós vimos observando con moita preocupación, ascendendo a problemática exponencialmente cada verán, a proliferación de pisos turísticos na cidade. Cremos que habería que inspeccionar esas licenzas [turísticas] e asegurar un número razoable destas opcións para que non se produza un turismo que poida chegar a danar o barrio”, explicaba a este diario hai uns meses Carla Leiras, asesora xurídica e parte do núcleo duro de Os Ninguéns, un dos colectivos sociais de referencia en Galiza en materia de vivenda e de exclusión social de persoas empobrecidas.

Reaccións dende a política

Unha das poucas figuras políticas que reaccionou á revelación desta información foi Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG na cidade e voceiro do seu grupo: “Resulta chocante que cando está a piques de se cumprir un ano da apertura do chamado Palacio da Oliva, se coñeza agora que parece que non contaba con todas as licenzas, e que isto trasncenda despois de numerosas queixas veciñais polos ruídos”. Dende o BNG, confirma, veñen de solicitar formalmente que se lles dea acceso aos expedientes municipais referidos tanto ás licenzas como tamén a se existen ou non actuacións polas infraccións urbanísticas ou se se fixeron medicións de ruídos. Nese mesmo sentido, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que se vai celebrar este martes, 14 de novembro, interpelarán ao Goberno municipal sobre esta situación. “O que é claro para o BNG é que ningún estabelecemento, por máis VIP que sexa, pode estar por riba das normas urbanísticas e das ordenanzas municipais, nin do dereito da veciñanza do Casco Vello ao seu descanso”, remata Igrexas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

LGTBIAQ+
Diversidade O Concello de Vigo retira a Área de Diversidade das subvencións de Igualdade
A asociación LGTBQI+ Nós Mesmas denuncia a eliminación como parte dun intento “continuo e silencioso” de borrar o activismo disidente do mapa.
Galicia
Galicia Vigo, A Coruña e Ourense mercaron material policial a Israel por medio millón de euros en só catro anos
O alcalde ourensán, Gonzalo P. Jácome, adxudicou un contrato por 70.000 euros días despois do sete de outubro. Abel Caballero asinou outro de máis de 200.000 euros e a alcaldesa da Coruña seguiu a estela cun contrato de 170.000 euros.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.