Millóns en beneficios, pero salarios conxelados: os traballadores de Xeal seguen sen convenio

A compañía rexeita vincular os soldos ao IPC mentres o persoal acumula unha perda do 11% de poder adquisitivo. Dende o 2019 a empresa suprimiu 84 postos de traballo.
xeal1
Alba Cambeiro Aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas, Ézaro.

A negociación do segundo convenio colectivo de Xeal encóntrase encallada desde hai máis dun ano nun contexto de forte rendibilidade empresarial. A compañía, que explota de maneira intensiva os recursos hidroeléctricos dos ríos Xallas e Grande, converte o desnivel destes cursos fluviais nunha fonte constante de produción eléctrica e ingresos. En total, os seus aproveitamentos hidroeléctricos suman 167 megavatios de potencia instalada, aos que se engaden dúas plantas de ferroaleacións situadas nos municipios coruñeses Cee e Dumbría.

Mentres a empresa continúa ampliando a súa actividade e anuncia novos investimentos, o persoal denuncia unha perda continuada de poder adquisitivo. “Tras o primeiro convenio perdemos un 8,4%, agora estamos perdendo máis dun 11%.” alerta Alfonso Mouzo, da CIG. Para un soldo medio, isto supón unha perda duns  4.000 euros ao ano.

“É inxustificable que unha empresa con beneficios millonarios, que opera grazas a concesións públicas e vén de recibir unha subvención de oito millóns de euros, se negue a actualizar os salarios conforme á evolución do IPC”, denuncia Mouzo. Os representantes sindicais lembran, ademais, que a compañía está á espera dunha nova concesión para a central hidroeléctrica de bombeo do Monte da Ruña.

Cinco anos sen actualización ao IPC

A oferta de Xeal pasa por un incremento salarial do 0,5% en 2025 e do 1% anual entre 2026 e 2029 —sen cláusula de revisión salarial— unha oferta que desde UXT consideran “sangrante”. Fronte a isto, o comité de empresa propuxo un acordo que incluíse a actualización polo IPC máis un 4% adicional durante tres anos, pero, segundo explican varios delegados sindicais, a dirección “rexeitou a proposta argumentando que era unha barbaridade”.

En plena negociación, a empresa decidiu conceder un 1% de subida salarial para todo 2025 sen esperar polo acordo colectivo. O sindicato USO interpreta o movemento como unha estratexia de desacreditación e unha manobra para debilitar a negociación. Dende UXT coinciden na análise e advirten de que a medida pretende erosionar a unidade sindical e xerar desconfianza entre o cadro de persoal: “Queren transmitir a idea de que a representación sindical é incapaz de pechar melloras salariais, mentres a empresa aparece como quen concede avances pola súa conta”, afirma Arturo Trillo.

Segundo informou o medio Economía Digital, Xeal obtivo un beneficio neto de 23,4 millóns de euros durante o ano 2024. Porén, o auditor da compañía, EY, incluíu un informe con salvedades ao sinalar que a memoria non detalla as remuneracións do persoal de alta dirección nin dos membros do órgano de administración, tal e como require a normativa contable.

Dende USO lamentan que antes un salario bastaba para manter a unha familia, pero que agora, mesmo cos dous proxenitores empregados na empresa, resulta insuficiente. “Se a empresa é tan frutífera, deberíase notar tamén no noso bolsillo", sinala Libertad Castro.

Estratexia de desgaste

A raíz dos estudos psicosociais que reflectiron o descontento dos traballadores no relativo aos salarios, o sistema de turnos e as vacacións, a directora xeral, María Couto, comezou a organizar almorzos con grupos de traballadores. Varios representantes sindicais coinciden en describir estes encontros como unha “estratexia da empresa para presionar aos traballadores”.

Segundo relatan desde a CIG, nun destes almorzos Couto afirmou que “cada un mira polo seu lado”, responsabilizando ao comité de empresa das reivindicacións salariais. Nese mesmo encontro outra persoa da dirección chegou a dicir: “Isto é coma unha relación, o que non esté contento, que se vaia”.

Para os sindicatos, trátase dunha medida de presión para enfrontar ao cadro de persoal coa súa representación. Denuncian ademais que mentres a dirección da empresa non se reúne coa representación social dos traballadores para negociar o convenio, si promove estes almorzos para presionar directamente aos empregados.

xeal3
Embalse de Santa Uxía. Alba Cambeiro

Un ano agardando que a Xunta interveña

Desde que o grupo Energo-Pro asumiu o control da empresa baixo a marca Xeal no 2019, perdéronse máis de 84 postos de traballo. Desde USO denuncian que a dirección xustifica esta redución pola xubilación do persoal e as baixas por incapacidade, “pero seguen sin contratar a ninguén”. 

Os sindicatos veñen de solicitar reunións coa Consellería de Traballo e coa Consellería de Industria para abordar a diminución de emprego e o cumprimento das concesións, pero de momento non obtiveron resposta. “Levamos un ano esperando unha reunión a tres bandas coa Xunta, pero parece que non lle importa o que está a pasar”, lamenta Castro. 

Dende a CIG denuncian desde hai anos o incumprimento das concesións hidroeléctricas no relativo ao mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo. No centro da polémica está o proxecto da central hidroeléctrica de bombeo do Monte da Ruña, en Mazaricos, para a que se estima unha inversión próxima aos 400 millóns de euros.

O proxecto utilizaría un caudal de auga de 84,5 metros cúbicos do encoro de Santa Uxía —que abastece aos concellos de Corcubión, Cee, Fisterra, Muxía e Dumbría— para encher unha presa superior cunha capacidade de 2,5 hectómetros cúbicos. Os traballos de construción implicarían unhas escavacións de 2,09 millóns de metros cúbicos para xerar unha capacidade de turbinado de case 400 megavatios.

En outubro de 2024, Xeal celebrou un acto con motivo do seu 120 aniversario onde ratificou a súa intención de impulsar a estación de bombeo no Monte da Ruña. No evento estivo presente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen manifestou que o proxecto conta con “todo o apoio” do Goberno galego. 

xeal2
Planta de produción de ferroaleacións de Xeal en Cee. Alba Cambeiro

Dende a CIG cualifican de “burla” este respaldo político, mentres sosteñen que a central do Monte da Ruña constituiría unha “segregación encuberta” das actividades. Segundo explican, a solicitude administrativa para a instalación dun novo aproveitamento eléctrico no río Xallas presentouse cun CIF distinto ao de Xeal; coa finalidade de eludir as cláusulas da concesión que vinculan a produción eléctrica coa industrial.

Este medio contactou coa dirección de Xeal para coñecer a súa valoración sobre a negociación do convenio, a perda de postos de traballo e o cumprimento das obrigas concesionais, pero non obtivo resposta. Tampouco Augas de Galicia respondeu ás cuestións formuladas sobre o estado actual das concesións hidroeléctricas e a posible tramitación dunha nova concesión para a central de bombeo reversíbel na Ruña.

A sección sindical da CIG reitera que o único interese real da empresa consiste na explotación dos recursos naturais da comarca e que, “coa complicidade da Xunta de Galiza, pretende incrementar a produción e os beneficios sen respectar o marco concesional nin a vinculación da explotación hidroeléctrica coa produción industrial e a creación de emprego, tal e como estaba establecido”.

Os traballadores denuncian a campaña continua de “propaganda” e imaxe pública que mantén Xeal, reducindo a súa obriga de retornar á comarca os beneficios obtidos pola explotación dos seus recursos a actos “meramente simbólicos”. Ao tempo, critican que a empresa segue unha táctica de “deterioro progresivo das condicións laborais”, renunciando a establecer un clima de traballo construtivo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...