O prelo
As puntas da louza, un canto á vida entre o barullo neoliberal

O poemario de Lorena Conde pregunta polo espírito e o corpo nunha época ditada pola precariedade e a falta de futuro.
26 feb 2022 09:05

Que pensarán de nós” abre o poemario As puntas da Louza. Este primeiro verso presenta unha das liñas de reflexión que enfían unha a unha as páxinas do libro: a certeza da calidade perecedoira dun suxeito colectivo e feminino, que se pregunta polo futuro, polo que quedará del.

Gañador do XXXVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, As puntas da louza: cancioneiro popular de labor foi editado o ano pasado polo selo Aira Editorial. A súa autora, Lorena Conde, traballa profesionalmente nos eidos da literatura, das artes escénicas e plásticas.

Comezou a súa carreira como actriz e despois sumou a dirección escénica de agrupacións teatrais universitarias. É directora da compañía Enlata Teatro e forma parte de Farrapo Teatro, Matrioshka Teatro e A Feroz. No 2016 gañou a XVIII edición del premio Miguel González Garcés en 2016, co seu primeiro poemario Entullo. No 2020, ademais do certame Cidade de Ourense, gañou o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Velloucas & Minchas.

Entre os seus títulos publicados, destacan o poemario O perfil da boca e a dramaturxia Santa Inés, ambos editados pola editorial Urutau entre o 2019 e 2020. 

As puntas da louza medita sobre o que supón ser muller nunha época aparentemente carente de futuro. A autora irmándanos ás mulleres cun pronome que se mantén ao longo do poemario e a partir do cal podemos asumir as cargas impostas nas nosas costas, mais que, por outra banda, posibilita unha enunciación plural, acompañada e revolucionaria.

E daquela nós, meniñas, señoras, obreiras,
obradoras das mudanzas:
saberemos de certo que a Máquina
é un panal anónimo de fantasmas,
que ten a consistencia do fume
e sempre as flutuacións e liquideces
e sucesos moitísimos máis urxentes cá nosa ruína
a manteñen convenientemente allea e ocupada.

E tamén entón seremos moito máis veloces,
máis audaces no empeño,
máis tenaces no tecer maromas fortes
que nos unan para desvestila
do seu terror.

Aquela figura da Máquina aparece ao longo de todo o poemario como unha sombra, como unha presenza inmaterial que define o decorrer da nosa existencia. Os versos transmiten a resignación compartida das mulleres fronte unha Máquina que oprime a nosa natureza e constrinxe os nosos desexos e albedrío. De tal xeito que, nun momento, a poesía parece estar a falarnos dunha distopía, cando só está a enunciar o que atravesa diariamente os nosos corpos; nomea un aspecto (espectro) da realidade contemporánea.

Queres que che conte o conto dese reino
no que se consome a Man de Obra
con temor a preguntarse
algunha vez o porqué?

Lorena Conde logra que nos estrañemos do normalizado. Revela aquilo que temos en fronte, aquelas cargas que arrastramos na contiandade. Así, a través da súa poesía, a autora transmite a crueza da vida na era neoliberal na que os corpos son só ferramentas da gran Máquina. E desde alí, Conde pregúntase que somos alén de carne, cal é o verdadeiro valor do noso corpo para, só entón, lanzar a cuestión: onde queda o espírito nesta era onde a vida vale menos que traballo?

Quizabes é por iso que, en medio desta devastación, xorde a necesidade de encomendarse á crenza, á promesa dun futuro mellor. Os poemas de As puntas da louza están cargados dun léxico relixioso, pois atopan na fe un refuxio.

A privación do máis básico conta das miñas faltas,
do baixo entendemento.
Esa é a miña pobrexa merecida,
dinme.
E eu créollo todo a esa lingua sagrada
porque ser que, aínda non nacida,
unxíuseme co óleo do servizo
e fun ordenada para sacrificio á Máquina.

Deste xeito, a voz colectiva que se enuncia no libro, ás veces aparece como un lamento do corpo, máis, noutras veces, toma a forma dun berro intransixente á metade dun mundo onde as palabras e os discursos están mediados polos tentáculos da Máquina. Porén, a voz colectiva adquire tamén o carácter de murmurio que, en medio da ameaza da perpetua escuridade, dá conta dos golpes de luz que alumean a existencia e nos manteñen a flote.

A inocencia das meniñas é unha anestesia.
un golpiño na cacha xusto antes de entrar coa agulla.
O candor das nenas sálvanos de ter que cegarnos,
de cortármonos esa man
coa que as empolicamos á leña
na pira do seu propio sacrificio á Máquina.

A voz lírica do poemario seméllase á dunha Casandra tráxica que, en troques de predicir o futuro, nomea o presente coa maldición de que ninguén a escoite nin se decate das propias cadeas que arrastra. E, así como Lorena Conde dá conta na súa poesía daquilo que Mark Fisher definiu no seu ensaio Realismo Capitalista (é dicir, a idea de que o capitalismo é o único sistema económico viable e que, polo tanto, atopámonos condenadas á carencia de futuro), tamén presaxia o cambio, a súa inminencia.

E non,
non perdemos a cabeza por completo
porque seguimos a contar os días para cada aniversario,
porque probamos as novas voces e balbucimos.
Porque conservamos o desexo aínda vivo
de meter o nariz en todos os buratos.

As puntas da louza afirma ser “unha homenaxe ás mans que traballan e ás que traballan coas mans”, e é un canto á herdanza daquelas que viñeron antes ca nós e que nos amosan o camiño para volver ao ser, a nós mesmas.

Alén dese momento (que desde a miña lectura como persoa migrante atopo como un pequeno tropezo) onde a autora chama “exótica” á carne das que se resignaron á balsa de xoguete, o poemario de Lorena Conde fai desa voz colectiva que somos todas, as protagonistas non dunha traxedia, senón dun poema épico do que só podemos saír vitoriosas. A autora usa a palabra como arma contra a alienación e convídanos a formar parte dalgo máis grande ca nós.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Poesía
Literatura Versos desde el andamio: la posibilidad de una poesía de clase obrera, a debate
¿Existe una ‘poesía obrera’ o unas ‘poéticas trabajadoras’ contemporáneas? ¿Cómo se expresan? Tras los pasos del fallecido poeta francés Thierry Metz, el “poeta del andamio”, consultamos a autoras, expertos y editoras.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria
Euskera
Aresti 50 urte Mailukadaren oihartzuna Arestiren ahotsan
Ekidak bederatzi artisten abestiak bildu ditu disko batean, 'Bigarrenez Aresti' egitasmoaren baitan. Ez da omenaldi soila, ezta bilduma hutsa ere: Gabriel Arestiren berrirakurketa eta berreskuratze saiakera da. Poetaren heriotzaren urteurrenean aurkeztu zuten lana Bilboko Bira espazioan.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.