Opinión
A deirradeira leición do mestre
Preguntábame, nas últimas horas, se as persoas que nacimos nos anos noventa temos axencia para escribir sobre a influencia que tivo Beiras nas nosas vidas, na conformación do noso pensamento crítico. Penso en escribir sobre a revolución que supuxo O atraso económico de Galicia (Galaxia, 1972), pero sería unha impostura: xa nacimos con aquel vello marco rachado e con esas visións revolucionarias integradas na nosa colonia interior. Hai xente que sabe máis del e da súa traxectoria. Hai xente que o viviu máis. Hai xente que militou canda el nos tempos en que os poetas subían aos palcos a recitar por e para a clase traballadora e nós iso —claro— mirámolo coa nostalxia das imaxes proxectadas na memoria dos nosos vellos.
Porén, hai fíos invisíbeis que nos amarran entre xeracións e Beiras tiña un abondoso nobelo do que tirabamos todas. Pasounos o mesmo coa poesía de Lois Pereiro e coa mirada de Manolo Rivas: atopalos foi descubrir todo un imaxinario ideolóxico, poético e estético no que podiamos ser e que podiamos retorcer á vontade para encaixarnos nel. Unha patada no taboleiro, unha contestación, unha mensaxe de vida e de furia necesaria. Diso si que podemos falar porque é parte do que somos.
Eramos uns piollos en novembro de 2002, pero a resposta ao desastre do Prestige sentou as bases dunha conciencia ecoloxista en toda unha xeración que logo sería indispensábel para frear a celulosa de Altri. O Nunca Máis amosounos as ferramentas, a potencia dos movementos sociais e, nese contexto, o Beiras, nun BNG moi amplo, aprendeunos que a política institucional, se estaba pegada á rúa, podía ser transformadora: “Nunca considerei que un dirixente político teña que ser un gran intelectual. Non, hostia! Pode haber un obreiro da construción que sexa un líder desbordante. Mira a que armou Emiliano Zapata”, díxonos nunha parte inédita da entrevista que lle fixemos en maio de 2024. Pode que a derradeira desas dimensións.
Aínda que vivimos o salto da transformación dixital caemos de cheo no pozo da crise financeira de 2008 e nos convertemos nos adolescentes cos primeiros móbiles, pero sen grandes perspectivas de futuro. Se os nosos pais non estaban en paro, eran os pais dos nosos amigos e dun momento a outro tocaríanos a nós. Aí volveu aparecer o Beiras e fíxoo para quedar.
Na idade na que a maior parte de persoas comezan a politizarse, o seu discurso irreverente asolagounos como a lava dun volcán. Pero, no fondo, non era pose, entendeu que a contradición de clase estaba a atravesarnos moito máis que as aspiracións nacionais e que a maneira xenuina de nos organizar debía ser moito máis horizontal do que os marcos dos vellos partidos permitían. Aquelas posicións, antagónicas ao brazo máis forte do Bloque, fixeron estoupar o partido na Asemblea de Amio: “Logo fixeron con nós política de terra queimada”, lamentábase neses anacos da entrevista que decidimos deixar fóra.
Beiras estaba convencido de que os movementos nacionalistas progresistas teñen que “acumular forzas para dar a batalla no corazón do Estado” e iso pasa por entenderse coa esquerda confederal: “Esa é a razón de ser das alianzas, pero, ao mesmo tempo, esas esquerdas teñen que ter en conta que sen a alianza cos nacionalismos progresistas, tampouco poden mudar as cousas”. Esa lectura, adiantada ao seu tempo, fixo que a xeración que votaba por primeira vez nas eleccións galegas de 2012 ou nas europeas do 2014 apoiase masivamente eses modelos frenteamplistas, levasen as siglas que levasen. En plena efervescencia do 15M, Beiras entendérao todo, mesmo todo o que podía arrasar con aquel impulso.
Tampouco cómpre estenderse nas xogadas arribistas das confluencias dos partidos de Yolanda Díaz e Pablo Iglesias, pero si citalas porque, malia todo, máis dunha década despois, Beiras non perdera a confianza en que esas alianzas eran indispensábeis para transformar a vida das clases desposuídas no Estado español. Malia as hostias que levara. Esa xenerosidade, insólita na política institucional, foi o mesmo motor que lle fixo a el e ao seu amigo Martiño Noriega pedir o voto para o BNG de Ana Pontón nas galegas de 2024 e mobilizar —outra vez— ao electorado xa non tan novo. Malia as hostias que levara. Puxo sempre o interese colectivo por riba do indivual e non como renuncia, senón porque sabía que o común é o realmente propio.
Hoxe vemos como o movemento pola vivenda mobiliza á esquerda ante a barbarie e volve impoñer a súa propia axenda, pero tamén como volven reproducirse eses debates espurios e esas carreiras de trepas nos platós das televisións madrileñas e eu só podo pensar que oxalá atendan á derradeira lección do Beiras.
Los artículos de opinión no reflejan necesariamente la visión del medio.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!