Árbores xeneticamente modificadas, a ameaza toma terra

Despois de anos de desenvolvemento, as primeiras árbores XM comezan a ser plantadas en diversos países.
Avión fumigando
Avión fumigando unha plantación

Coordinador do Instituto Resiliencia.

25 ene 2023 11:26

Os eucaliptos, a única especie catalogada pola ciencia coma invasora que ten autorización legal non só para evitar a súa erradicación senón para promover a súa plantación masiva, aínda se poden converter nunha ameaza meirande. Podemos imaxinar un novo ser creado a partir da mestura de xens do eucalipto cos do chícharo? Pois alguén fixo algo máis ca imaxinalo, e creou semellante enxendro, que poderiamos bautizar coma eucachícharo ou chichalipto. Mais este é tan só é un exemplo máis dunha ondanada de árbores xeneticamente modificadas (AXM), algunhas mesmo mesturando xens de diversas especies, isto é, árbores transxénicas, que terían comezado hai vinte anos na China cun choupo XM.

Os países que máis levan experimentado neste campo son os EUA e o Brasil, e tamén son onde primeiro se pretenden comezar a plantar se ninguén o impide: serían castiñeiros XM no país do norte do continente americano, e eucaliptos XM no do sur. Primeiro é a industria forestal a que desenvolve estes seres artificiais en contornas (supostamente) controladas, posteriormente son os gobernos quen autorizan legalmente a súa plantación, e finalmente chega o momento no que son efectivamente introducidos na contorna natural, mediante plantacións comerciais. Malia ser legal desde 2015 plantar algunhas destas AXM en EUA e Brasil, aínda é agora en 2023 cando se vai comezar a facer. Entre as empresas á fronte neste novo negocio está a pasteira brasileira Suzano (a maior produtora mundial de celulosa de eucalipto), coa súa subsidiaria FuturGene, a biotecnolóxica ArborGen, e varios centros de pesquisa de universidades estadounidenses, chilenas, surafricanas, chinesas, etc.

Pasteiras, biotecnolóxicas e universidades lideran a introdución da manipulación xenética das especies arbóreas en numerosos países.

O noso omnipresente eucalipto, xuntos cos choupos, o xénero Pinus, a palmeira aceiteira e mesmo o bambú (especie forestal aínda que non arbórea), é das árbores sobre as que máis están a traballar, co obxectivo de dar con plantacións máis “produtivas” no negocio da pasta de papel ou dos biocombustibles. Resulta doado imaxinar o que pasará nun país coma o noso onde o único factor físico que detiña a invasión eucalíptica eran as xeadas do interior, cando se introduzan especies cun ADN alterado no laboratorio para facelas máis resistentes non só ao frío, senón tamén á seca, á salinidade ou aos herbicidas e insecticidas, para poder rocialos masivamente cos velenos químicos que máis lles interesen ás empresas, ou mesmo poder capturar máis carbono e así aproveitar as axudas públicas destinadas a mitigar o caos climático. De feito, xa hai empresas especulando cos gaños que a venda dos correspondentes créditos de carbono derivados destas plantacións de AXM lles van fornecer aos seus investidores. En España téñense concedido nos últimos anos  licencias para a Universidade Politécnica de Madrid experimentar co ADN dos choupos coa idea de fabricar máis axiña biomasa coa que substituírmos, supostamente, os combustibles fósiles.

Actualmente está en andamento nos EUA, dentro da campaña STOP GE Trees, unha recollida de apoios para solicitar ao departamento de agricultura daquel país que impida a liberación dunha versión XM do Castanea dentata, o castiñeiro americano, que algunhas entidades conservacionistas como o Sierra Club defenden porque supostamente vai permitir librar esta especie dunha doenza que a ameaza, o cancro do castiñeiro, producido polo fungo Cryphonectria parasitica, un problema fitosanitario que tamén temos en Europa. Mais cabe preguntarse: por que apostar por tecnoloxías xenéticas arriscadas cando unha simple hibridación con especies resistentes, como a que se fixo hai décadas na Galiza, librou os nosos castiñeiros hai décadas da tinta? Ou por que non basear a defensa do castiñeiro americano na loita biolóxica mediante o virus CHV1, extendido nos soutos europeos, e que ataca ese fungo? E aínda máis: se para salvar o Castanea dentata temos que convertelo (substituílo) por outra cousa, fabricada en laboratorio, non estamos ao final acabando tamén coa especie que pretendiamos salvar? Organizacións do ecoloxismo social coma Global Justice Ecology Project opóñense radicalmente á liberación destes castiñeiros XM en Norteamérica, non como plantacións comerciais máis ou menos controladas senón directamente na natureza, porque con ese tipo de liberación no medio ambiente non habería posibilidade de control unha vez liberados, nin de reverter a súa extensión se algo saír mal.

Pretenden modificar o ADN co castiñeiro americano coa excusa de salvalo, contra as advertencias das organizacións ecoloxistas.

En Europa as probas de campo limítanse polo de agora a Suecia, Finlandia e Bélxica, e estanas a realizar diversas universidades xunto á empresa de biotecnoloxía forestal sueca SweTree. Mais a presión para espallar as AXM por todo o mundo está a medrar. O greenwashing que está a levar a cabo o lobby das AXM pretende que as entidades de certificación forestal coma o FSC, acepten este tipo de plantacións, o cal abriría a porta a plantacións por todo o mundo, que se presentarían, aínda por riba, coma sustentables ou mesmo coma solucións ao cambio climático baseadas na natureza.

Mais as organizacións ecoloxistas levan anos advertindo: aparte dos impredecibles efectos sobre a biodiversidade que ten calquera organismo XM liberado no medio natural, e mais os coñecidos efectos tóxicos dos herbicidas e praguicidas sintéticos habitualmente asociados a elas, no caso das árbores XM a súa expansión exacerbaría os impactos ecosociais causados polas plantacións industriais en monocultivo, ao facelas máis extensivas e máis intensivas: lumes, deterioro do solo e dos recursos hídricos, da biodiversidade e dos medios de vida sustentables e destrución das culturais tradicionais implantadas secularmente nos territorios. O aviso queda lanzado: pode haber algo mesmo peor có deserto verde dos eucaliptos, e é un deserto verde de eucaliptos transxénicos.

Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver listado completo
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver listado completo
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...