Tribunal Supremo
A Fiscalía galega traslada ao Supremo as denuncias polos cambios na sección de eólicos do TSXG
A Fiscalía Superior de Galiza remitiu á Fiscalía do Tribunal Supremo as denuncias presentadas por diversos colectivos sociais e ecoloxistas en relación cos cambios introducidos na distribución de asuntos da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
A decisión figura nun escrito datado o pasado 29 de maio, cuxa existencia foi dada a coñecer pola Confederación Intersindical Galega (CIG), unha das organizacións impulsoras da denuncia.
Segundo informaron a propia CIG e a asociación ecoloxista Adega, a Fiscalía galega comunicou a integrantes da coordinadora Eólica Así Non a apertura de dilixencias de investigación preprocesual para analizar os feitos denunciados. Porén, o Ministerio Público acordou inhibirse e trasladar toda a documentación ao Tribunal Supremo ao considerar que as persoas sinaladas nas denuncias teñen a condición de aforadas ante a Sala Segunda dese órgano xudicial.
En consecuencia, será a Fiscalía do Supremo a que decida se continúa a investigación sobre os cambios realizados nas seccións do contencioso-administrativo do alto tribunal galego, unha cuestión que xerou polémica en plena vaga de litixios vinculados a proxectos eólicos.
As denuncias apuntaban á posible comisión dun delito de prevaricación. Os colectivos cuestionan a decisión de trasladar os procedementos relacionados coa enerxía eólica da Sección Terceira á Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo, unha reorganización impulsada baixo a presidencia de Azucena Recio.
A coordinadora Eólica Así Non sostén que esta modificación na repartición de asuntos se produciu de forma paralela a cambios na composición da sala, entre eles o traslado do maxistrado Luís Villares da Sección Terceira á Cuarta. A xuízo das organizacións denunciantes, estas decisións poderían ter favorecido os intereses da Xunta e de empresas do sector eólico nos procedementos relacionados coas autorizacións de infraestruturas eléctricas.
Ademais de Adega e a CIG, a denuncia foi respaldada por unha vintena de organizacións e plataformas, entre elas o Sindicato Labrego Galego (SLG), Fruga, ORGACCMM, Acouga, Amigas da Terra, a Asociación Vento Libre, a Asociación Fonte Seca, Tarabelada, A.C.I.B.A.L., a Plataforma Eólicos no Morrazo Non, Cerdido Di Non, Ortegal Di Non, a Asociación de Veciños e Veciñas do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e a Asociación Veciñal Agra do Orzán.
Xunta de Galicia
O TSXG aparta o xuíz Villares da sala que xulga os eólicos tras ser sinalado pola patronal e a Xunta
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!