Así se fraguou o fracaso das políticas da Xunta contra a violencia machista

O repunte das denuncias, a supresión de estruturas institucionais e as campañas que victimizan e cousifican agravan un escenario marcado pola falta de prevención.
8M Galiza 2021 - 6
Elena Martín Manifestación do 8M en Santiago de Compostela

Galicia alcanza o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun balance devastador. O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén) contabiliza 6.133 casos activos de mulleres baixo protección policial. Ademais, o teléfono 016 de atención a vítimas de violencia de xénero recibiu 3.778 chamadas desde a comunidade autónoma no último ano, unha media de 10 diarias.

Dúas mulleres foron asasinadas no que vai de ano. Segundo os datos do segundo trimestre de 2025, os Xulgados de Violencia sobre a Muller recibiron 2.051 denuncias, case un 5% máis en comparación co mesmo período de 2024.

O repunte de 2025 non é un dato illado, senón a confirmación dunha tendencia que as institucións levan anos sen atallar con medidas efectivas. Desde a Plataforma Feminista Galega afirman que a conxuntura política “non é favorable” e sinalan que moitas mulleres non se senten “nin respaldadas nin protexidas”. Ademais, destacan o repunte das incidencias sobre violencia machista nas zonas rurais e alertan da falta de vontade política para a mellora de recursos públicos en áreas non urbanas.

Falta de prevención

En xullo deste ano, o Consello de Contas de Galicia publicou un informe demoledor sobre as políticas de violencia de xénero da Xunta. O órgano fiscalizador examinou as actuacións desenvolvidas entre 2018 e 2022 e concluíu que, pese ao incremento do gasto público, continúase priorizando a asistencia a vítimas fronte á prevención. Segundo o informe, as partidas para campañas de sensibilización, formación e traballo comunitario resultaron “residuais”.

A investigación tamén pon o foco na falta dun plan estratéxico específico contra a violencia de xénero. O Observatorio Galego da Violencia de Xénero centrouse sobre todo na elaboración de protocolos e guías, relegando a produción de estudos e a medición de impacto. O resultado, segundo o Consello de Contas, é unha política pública fragmentada, sen indicadores claros que permitan saber se o que se fai funciona ou non.

En paralelo, o documento cuestiona a tramitación dalgúns convenios con entidades sociais, adxudicados por vía directa e sen concurso público, o que abre interrogantes sobre a transparencia e a eficacia destes apoios.

As recomendacións apuntan á necesidade de reforzar a prevención, profesionalizar as estruturas, mellorar a avaliación e garantir transparencia na relación coas entidades que traballan sobre o terreo. Nun territorio marcado pola dispersión rural e as desigualdades de acceso a servizos, estas carencias adquiren aínda máis relevancia. O informe debuxa un mapa preocupante: Galiza segue sen articular unha política sostida e eficaz para erradicar a violencia machista.

En resposta ao diagnóstico do Consello de Contas, Roberto Barba, responsable do departamento de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta, situou a orixe da violencia na decisión da muller. Nas alegacións presentadas ao documento asegurou que “un dos motivos ou detonantes” que leva ao agresor “a acabar coa vida da muller” é “a decisión dela de deixalo e poñer fin á relación que mantiñan”. Ademais, argumentou que “o número de asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero non ten unha relación directa, causa-efecto, coa intensidade das políticas de prevención e sensibilización”.

O caso Villares

Se o informe do Consello de Contas certificaba o fracaso técnico das políticas de xénero, o caso Villares evidenciou aínda máis a falta de perspectiva feminista na Xunta. En xuño de 2025, o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, dimitiu tras coñecerse que fora denunciado por agresión sexual. A denuncia presentouse en xaneiro de 2025 e Rueda era coñecedor da mesma desde febreiro. Durante catro meses, o conselleiro permaneceu no seu cargo. Trala súa dimisión, Alfonso Rueda agradeceu o seu traballo a Villares e despediuse del cun abrazo ante as cámaras.

A conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, Fabiola García, non publicou nas súas redes sociais unha mensaxe de apoio á muller que presentou a denuncia, senón ao seu compañeiro de partido e presunto agresor. “Só podo ter boas palabras para Alfonso como compañeiro”, declarou.

Estes escándalos enmárcanse nun proceso máis amplo de desmantelamento institucional. En 2024, Alfonso Rueda suprimiu a Secretaría Xeral de Igualdade no novo organigrama da Xunta. Tras o anuncio, unha trintena de colectivos feministas denunciou nun manifesto a “ideoloxía retrógrada en materia de igualdade do PP” e alertou da desaparición do Sistema Galego de Igualdade e o baleirado de recursos dos centros Quérote, os Centro de Información á Muller (CIM) e pisos de acollida.

As organizacións asinantes cuestionaban ademais a separación institucional entre violencia de xénero e igualdade en dúas direccións xerais distintas, cando ambas realidades constitúen “dúas caras da mesma moeda” que requiren unha intervención conxunta e transversal.

Galiza destina apenas o 0,16% do seu orzamento a políticas de igualdade. As feministas galegas denuncian a infradotación de recursos e o descoñecemento de que pautas asistenciais seguir na loita contra as violencias machistas.

Segundo os últimos datos presentados pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), desde 2020, 10 das 16 mulleres asasinadas vivían en municipios de menos de 20.000 habitantes. A Federación alerta de que as mulleres do rural adoitan carecer de Centros de Información á Muller (CIM) e de recursos de información ou apoio aos que acudir en caso de violencia

Dúas décadas de campañas que cousifican

Non debería pasar, pero pasa”. Ese foi o lema elixido pola Xunta de Galicia para a campaña do 25N de 2022. A imaxe mostraba a unha muller correndo de noite con mallas deportivas, seguida da pregunta: “Que sucede agora?”. A resposta social foi contundente: críticas xeneralizadas por culpabilizar ás vítimas e desviar a responsabilidade dos agresores cara ás decisións das mulleres.

Unha investigación publicada en 2024 polas académicas Sabela Pérez-Martín, Carmen Verde-Diego, Aroa Pazos Vidal e Paula Frieiro, das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, analiza 131 campañas institucionais contra a violencia machista desenvolvidas pola Xunta entre 1999 e 2022.

O estudo identifica patróns recorrentes: cosificación das mulleres, victimización constante, xustificación implícita dos agresores e unha perspectiva que simplifica a violencia machista reducíndoa a un fenómeno individual no canto de estrutural.

As conclusións do estudo confirman que as campañas “contribúen na conformación de significantes sociais arquetípicos” e constitúen unha forma de “purplewashing”, un lavado de imaxe institucional sen compromiso efectivo. O Consello de Contas xa certificou en 2024 que a Xunta nin sequera avalía o impacto destas campañas. Gástanse centos de miles de euros sen medir se funcionan ou se, como sinala o informe académico, están xerando un efecto “boomerang”.

Este 25N, unha vez máis, a Xunta difundirá campañas institucionais. Haberá actos protocolarios, declaracións solemnes e minutos de silencio. Pero os datos debuxan un panorama onde o discurso choca frontalmente coa realidade: a ausencia dunha estratexia integral que aborde as raíces estruturais da violencia.

Galicia
Dimite el conselleiro do Mar de la Xunta tras ser denunciado por agresión sexual
Alfonso Villares deja su cargo tras ser notificado por el TSXG de su implicación en una investigación por presunta agresión sexual, iniciada a raíz de una denuncia presentada por la presentadora Paloma Lago.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...