Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza

Tras o progresivo desmantelamento de varios dispositivos de acollida en Galiza, moitos refuxiados foron trasladados a outros puntos do Estado sen aviso previo. Outros son simplemente desaloxados trala denegación da súa solicitude de asilo. Mentres tanto, as redes veciñais organízanse para paliar o abandono institucional con recursos propios e solidariedade
Hotel Cemar
Fachada do Hotel Cemar, onde viven as personas migrantes. Alba Cambeiro

Mamadou chegou á illa do Hierro tras nove días de travesía nun caiuco desde Senegal. En febreiro trasladárono ao dispositivo de acollida de Mondariz-Balneario que xestiona a ONG Rescate Internacional no Hotel Cemar. Ten 26 anos e fala castelán fluído: “Aprendín nas clases do Concello e na biblioteca, a ONG non tiña profesores”. Agora estuda Electromecánica mentres tenta sacarse o carné de conducir.

O dispositivo de acollida de Mondariz-Balneario pechará a finais de mes; pero Mamadou, como moitos outros dos case 300 usuarios que residen nel, prefire quedar no municipio pontevedrés. “Dixéronme que me trasladaban a outro sitio de España, pero empecei a estudar aquí e díxenlle que prefería quedarme”, explica. “Déronme 48 horas para abandonar o dispositivo”. Solicitou o asilo pero aínda non ten resolución; e desde hai unha semana alóxase na casa dun veciño da vila.

Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.

Ibrahima, natural de Guinea, tivo menos sorte. A súa solicitude de asilo foi denegada o 5 de maio; e Rescate Internacional comunicoulle que debía abandonar o dispositivo en 15 días. Agora, varios voluntarios tentan buscar unha alternativa habitacional para que poida continuar os seus estudos de Chapa e Pintura na Cañiza.

“Lucía traballa moito máis que a ONG, eles reciben diñeiro para axudarnos pero non fan nada”, di Ibrahima mentres a mira cun sorriso. Lucía —nome ficticio— é unha das moitas veciñas e voluntarias que, de maneira altruísta, tenta suplir as carencias de asistencia de Rescate Internacional. Ibrahima lembra que, cando se puxo enfermo, desde a ONG dixéronlle que debía esperar unha semana a que lle desen cita. “O outro día acabamos en urxencias e viron que tiña unha infección moi grave na boca” exclama Lucía. 

Segundo explican Mamadou e Ibrahima, cando necesitan medicinas teñen que compralas utilizando os 50 euros da súa axuda de peto mensual. Ás veces tamén utilizan parte dese diñeiro para ir ao supermercado. “No hotel dábannos sobre todo pasta e arroz; e polo só unha vez á semana”, explica Mamadou. “O mes de Ramadán foi moi duro para nós”.

Pulgas na cama

A Mamadou Diop, un mozo senegalés de 30 anos, comunicáronlle o traslado a outro centro debido ao peche do dispositivo de Mondariz-Balneario. “O centro de Padrón é peor que o de Mondariz, hai pulgas en todas as camas”, afirma nunha conversación con este diario. Segundo relata, non había persoal de cociña as fins de semana, polo que a comida era a mesma venres, sábado e domingo.

Aos poucos días da súa estancia en Padrón, contactou cunha das voluntarias de Mondariz-Balneario para poder marcharse de alí. Agora vive na Cañiza, na casa dun veciño; e estuda Electromecánica xunto a outros compañeiros mentres espera a súa resolución de asilo.

Hai un mes O Salto espublicou unha serie de irregularidades nos centros de acollida xestionados pola ONG Rescate Internacional, deixando en evidencia o deterioro das condicións de vida das persoas refuxiadas. Pouco despois, outra investigación revelou varias denuncias por explotación laboral e agresión sexual por parte de varios migrantes en situación irregular aloxados en dispositivos xestionados pola organización.

Rescate Internacional recibe fondos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para a xestión do Sistema de Acollida de Protección Internacional e Temporal (SAPI). Este medio tivo acceso a unha das cartas que varios usuarios remitiron ao Ministerio en xuño do 2023, denunciando a atención da ONG ás persoas migrantes.

No documento alúdese á redución do persoal de traballadores sociais e os consecuentes “atrasos na intervención e mediación de conflitos”. O usuario, que preferiu manter o anonimato, tamén afirma ter “pasado fame” debido ao atraso das axudas económicas. O Ministerio respondeu aos poucos días afirmando que estudaría o caso, pero segundo denuncia o afectado, a administración non ofreceu seguimento nin solución algunha.

A veciñanza organízase ante a inacción das institucións

Sofía —nome ficticio— é unha das 16 profesoras voluntarias que organizan clases de castelán no Concello de Mondariz-Balneario e na biblioteca municipal. “Chegamos a ter 190 mozos”, explica. “Viamos que viñan cos zapatos rotos, ou con chanclas en pleno inverno; e moitas veces sen comer”.

A veciñanza do municipio pontevedrés construíu unha pequena rede para doar roupa e comida, que as profesoras se encargaban de repartir nas clases. Tralas queixas respecto a xestión de Rescate Internacional; o Concello de Mondariz-Balneario creou unha comisión de seguimento da situación con representantes do executivo local, voluntariado, veciñas e ONG. “Aseguráronnos que cambiarían o menú, pero non fixeron nada”, explican varias voluntarias a este medio. “Os mozos envíannos fotos da comida e é a mesma; arroz, patacas e pasta”.

A rede de voluntariado local tamén se encargou de atender outras necesidades: “Axudámolos a xestionar a tarxeta bus, acompañalos ao INEM ou anotalos nas formacións nas que están actualmente”, afirma Sofía. Agora, as veciñas constituíron unha asociación para buscar alternativa habitacional aos usuarios aos que denegan o asilo e vense obrigados a abandonar os centros de acollida; e tamén aos que non queren ser trasladados a outra comunidade autónoma.

Este medio púxose en contacto coa ONG Rescate Internacional para preguntar o motivo do peche dos dispositivos en Galicia, así como para coñecer como se está xestionando o traslado dos usuarios a outros centros do Estado. A organización derivou as nosas preguntas ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, alegando que se trata dunha decisión institucional. Con todo, tras solicitar información tanto ao propio Ministerio como á Delegación do Goberno en Galicia, este diario non recibiu resposta por parte de ningunha destas entidades.

Segundo relatan varias veciñas; a moitos trasladáronos en menos de 24 horas a outras cidades do Estado. “Non lles deixaron nin sequera despedirse da pequena rede que crearan aquí. Deshumanízanos totalmente”. A medida que os dispositivos de acollida en Galiza xestionados por Rescate Internacional botan o peche, o futuro de persoas como Mamadou ou Ibrahima queda suspendido nunha incerteza aínda maior ante o novo contexto político.

Mentres o Goberno pon en marcha o novo Regulamento de estranxeiría, en municipios como Mondariz-Balneario decenas de solicitantes de asilo quedan fóra do sistema, obrigados a abandonar centros sen unha alternativa clara e sen respostas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

LGTBIAQ+
Diversidade O Concello de Vigo retira a Área de Diversidade das subvencións de Igualdade
A asociación LGTBQI+ Nós Mesmas denuncia a eliminación como parte dun intento “continuo e silencioso” de borrar o activismo disidente do mapa.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.
Mallorca
Investigación Cadáveres, ratas y suciedad extrema en una granja avícola que abastece a Mercadona, Eroski y Alcampo
Grupos activistas han denunciado a la explotación avícola de Llucmajor (Mallorca) ante la Fiscalía por delitos de abandono de animales, estafa y contra la salud pública. La granja cuenta con el sello de bienestar animal Welfair.

Últimas

Tribuna
Tribuna “Reindustrialización” en tiempos de emergencia ecosocial: rearmes, tecnocracia y urgencia climática
La industria, sector clave en la fundación de la Unión Europea, vuelve a tomar un rol principal en la política. Sin embargo, en vez de a la necesaria transformación industrial, apunta hacia la guerra y la profundización de la crisis ecosocial.
Cádiz
Derecho a la vivienda El vecindario de un edificio en Cádiz se niega a irse y se declara en lucha
La nueva propiedad del edificio de la Plaza Falla, 3 , Grupo Abu y la inmobiliaria Ovando Homes se niega a seguir arrendando las casas a los y las inquilinas que lleva años viviendo allí.

Recomendadas

Pensamiento
Paulo Tavares “La imaginación es el primer acto político”
El arquitecto e investigador brasileño Paulo Tavares cuestiona las ideas fundacionales del pensamiento, el diseño y la ciudad occidentales en el marco de la crisis ecosocial.