Beiras e a vida que a morte deixa tras de si

Unha homenaxe pública no Museo do Pobo Galego despide a Xosé Manuel Beiras dimensionando unha figura que trascendeu o político para abrazar o humano, a arte, a música, a cultura e o amor incondicional cara un país. Un adeus que non pecha o camiño, senón que abre imaxinarios futuros que beben do seu legado.
Funeral Beiras
O escritor, compañeiro de Anova e amigo de Xosé Manuel Beiras, durante o acto do seu pasamento no Museo do Pobo Galego. Alba Cambeiro
9 oct 2026 20:21

Comecemos polo final. A frauta traveseira de Luis Soto —que leva dez meses sen saír do seu estoxo— versiona Alfonsina y el mar. A gaita de Luis Prego interpreta o himno de Galiza e centos de persoas, dentro e fóra dunha sala que quedou pequena, cantan en pé a súa letra. Non é casual que a música sexa o fío condutor desta despedida: para Beiras, a música foi unha das súas grandes paixóns. El mesmo tocou o piano ata que a forza dos seus dedos anunciou a chegada dos seus últimos días e interpretou en numerosas ocasións a propia melodía de Alfonsina.

Tras as intervencións, a música invade a sala nun momento triste e dramático, á par que ilusionante e esperanzador. É a maxia que ten a morte, incluso para quen non cre na vida despois dela: aínda que non haxa un máis alá, hai toda unha vida presente impregnada pola non-presenza dun corpo, pero nunca pola ausencia da persoa. O féretro sae mentres as mesmas persoas que, instantes antes, entoaban o hino berran: “Galiza ceibe, poder popular!”. É a viva imaxe da colectividade. Beiras fíxoo unha vez máis.

E agora viaxemos de 2026 a 1950. De semente a semente. En xaneiro daquel ano, un Beiras de apenas trece anos recibía a noticia do pasamento de Castelao en Bos Aires. Aquela perda provocou nel unha reacción visceral que o levou a entender o país e o seu compromiso con el dun xeito novo: o adeus dun referente convertíase no nacemento doutro. Hoxe xorde unha pregunta: cantas conciencias acenderá este novo adeus? Cantas deixa xa tras de si?

A xornada comezou ás 12h coa apertura de portas do Museo do Pobo Galego para acoller o velorio e permitir que a cidadanía se achegase a dar o seu adeus. Máis tarde, ás 16h, deu inicio o acto público de homenaxe, un encontro multitudinario presentado polo escritor, amigo e compañeiro de Anova Miguel Anxo Fernán-Vello. Na sala, ateigada de amigos, familiares, representantes da vida política e cultural e xente de a pé, sucedéronse as intervencións de quen compartiron vida, ideas e trincheira con Beiras: Goretti Sanmartín, Martiño Noriega, Encarna Otero, Ánxel Huete, Laura Caveiro, Gerardo Pisarello e o seu fillo Ricardo, que debuxaron o perfil do intelectual, do amigo, do mestre e do referente.

Ao inicio do acto, Fernán-Vello recoñeceu a “máxima honra” de despedir ao “mestre e amigo”. Tras el, “invisible pero non ausente”, dicía Ánxel Huete ao falar do agasallo da amizade e o seu exquisito interese polas artes e a música. A continuación, a escritora Laura Caveiro destacaba a súa “loita contra a ideoloxía da opresión”, lembrando que “quedan para nós abertos os camiños da liberdade que el abriu e polos que transitou”.

Tomou logo a palabra Encarna Otero para evocar a figura do “presidente da Galiza dun outro mundo posible”, sen esquecer a Aurichu Pereira, o seu amor, a súa compañeira, sempre no recordo e que converteu a Beiras en “amante e amado”. Sempre Aurichu. Aurichu estivo presente en todas e cada unha das intervencións.

Gerardo Pisarello nomeouno o “fillo biolóxico da Revolución de 1936”, o que loitaba mesmo sen esperanzas, e aínda así sen renderse xamais. Despois, Martiño Noriega deixou no aire unha das frases máis reveladoras: “Agora tócanos a todas e todos nós continuar polos meandros da nosa historia. Marcha paseniño o noso Comandante sen exército para unha revolución”.

A alcaldesa Goretti Sanmartín trazou unha radiografía da cidade de Santiago de Compostela a través das fotografías de Beiras. Subliñou a urxencia de que a súa obra chegue ás xeracións máis novas: “Temos a obriga de que a súa obra se difunda e divulgue por todo o mundo, é iso o máis necesario, hoxe debemos quedar coa necesidade de que poidan coñecer o seu legado”. Rematou esta radiografía da cidade no propio espazo da intervención, o Museo do Pobo Galego, afirmando que non hai mellor lugar para despidilo que ás beiras de Rosalía e Castelao.

O peche das intervencións correu a cargo dun dos seus fillos, Ricardo Beiras, quen definiu este tempo como un “tempo ruín”, marcado por un individualismo feroz que rachou o sentido da solidariedade. Recordou ao seu pai entre paisanos, labregos e mariñeiros, eludindo que a real colectividade e sentido de solidariedade de Beiras non estivo nos espazos institucionais, senón na rúa e no día a día, o lugar onde realmente se sentía cómodo.

Recuperando e mirando en retrospectiva todo este recordo e reflexión, cómpre recordar a gran reflexión de Beiras sobre loitar incluso sen esperanzas. Unha das ideas políticas que máis defendía é a necesidade de dar as batallas, aínda que parezan destinadas a perderse. Esa idea é hoxe o combustible que precisa o mundo. Nun contexto marcado pola desmotivación, a desconfianza e o desacougo coa clase política —especialmente entre as novas xeracións—, a tenacidade de librar batallas que mesmo vemos perdidas é o único camiño que nos pode levar a vencer.

Mentres no Museo do Pobo Galego se celebra a homenaxe, a escasos metros a praza do Obradoiro continúa ateigada polas tendas da Acampada pola Vivenda que xa levan máis dunha semana. Alí, onde cada tarde se organizan obradoiros e asembleas, encárnanse esas batallas ás que se refería o propio Beiras. Fronte ao clima político adverso, o auxe da extrema dereita, as violencias institucionais e as mortes como a de Maricarmen, o legado de Beiras é preciso e urxente e interpélanos a non rendernos. Continuar a loita xa é, en si mesma, unha vitoria.

Opinión
A deirradeira leición do mestre
Beiras puxo sempre o interese colectivo por riba do indivual e non como renuncia: sabía que o común é o realmente propio.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...