Néstor Rego: “As alianzas do pasado con forzas estatais debilitaron a capacidade política de Galiza”

O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego (BNG) pola provincia da Coruña acredita en que estas eleccións racharán co voto dual en Galiza: “Non hai ningunha razón para que quen votou o BNG nas galegas non o faga nas xerais”.
Néstor Rego novembro 2026
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Néstor Rego. Alba Cambeiro
10 nov 2026 05:30 | Actualizado: 10 nov 2026 08:44

O candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña e deputado, Néstor Rego (Vicedo, 1962), reivindica a necesidade de reforzar a representación galega en Madrid para defender os intereses do país fronte ás decisións das direccións das organizacións políticas. Nesta entrevista, reclama un concerto económico propio, cuestiona o incremento do gasto militar do Goberno de Sánchez e advirte de que non haberá un cheque en branco para unha nova investidura. O seu horizonte político vai máis alá do 29 de novembro: desaloxar o PP da Xunta.

O domingo houbo un baño de masas en Santiago de Compostela.
Foi un acto estupendo, con moitísima xente, moita enerxía e boas vibracións. Creo que foi un arranque de campaña moi bo, espectacular, porque a xente saíu cargada de enerxía e con disposición para facer unha campaña como queremos: explicar por que hai que confiar no BNG e cales poden ser os resultados positivos desa confianza, cunha forza política de máis peso en Madrid para o noso país. Creo que o imos conseguir.

Dixeches na túa intervención que, se conseguides trasladar á campaña a forza das protestas dos traballadores —nomeadamente a folga xeral— e a da mocidade mobilizada pola vivenda, os resultados serían positivos. Cal vai ser a estratexia para logralo nestes días que restan?
Creo que é unha boa chave. Temos unha sociedade galega que se mobiliza nun grao moi superior ao doutras zonas do Estado. Despois, non sempre esa mobilización se traslada en votos ás forzas que a apoiamos, particularmente o BNG. Queremos traballar para conseguilo: que a xente entenda que, se se mobiliza pola vivenda, contra a carestía da vida, para controlar os prezos e garantir unha vida digna, o mellor que pode facer tamén é mobilizarse o 29 de novembro. Así, unha forza política como o BNG, que defende permanentemente en Madrid eses mesmos obxectivos, terá máis capacidade para facelo e, polo tanto, máis eficacia.

Levamos anos defendendo medidas eficaces para garantir o acceso a unha vivenda digna: topar os prezos dos alugueiros e das hipotecas, poñer no mercado todas as vivendas que ten a Sareb, impulsar unha política de vivenda pública e expropiar as vivendas baleiras dos fondos voitre. Tamén defendemos subir salarios e pensións e controlar os prezos dos combustibles e dos servizos básicos. A mocidade galega está especialmente mobilizada en defensa do seu dereito á vivenda e na loita contra o fascismo. É un exemplo que queremos trasladar ás urnas.

“Na Coruña, se conseguimos o segundo escano, evitariamos que entrase Vox ou o PP; nas outras provincias tamén podemos arrebatarlle escanos ao Partido Popular”

Hai moita xente facendo a conta da vella estes días: se os votos das eleccións galegas se trasladasen ás xerais, o espazo político da esquerda soberanista podería conseguir seis deputados. Ves viable que os votantes do BNG nas eleccións galegas tamén o apoien nas xerais?
Imos traballar para que sexa así, porque non hai ningunha razón obxectiva para non conseguilo. É verdade que historicamente hai un voto dual dependendo do tipo de eleccións. Pero, se a xente que nas galegas confía no BNG tamén o fai agora nunhas eleccións xerais, o resultado será un grupo do BNG moi forte en Madrid. Iso implica máis capacidade para negociar e arrincar compromisos, pero tamén para obrigar a que se cumpran.

Sempre se fai a comparación cos vascos e os cataláns, que teñen forzas soberanistas cun número suficiente de representantes para condicionar as maiorías. Nós, cun deputado e unha senadora, fomos capaces de conseguir moitas cousas; é evidente que, se en vez dun tivésemos tres, catro ou cinco, o resultado sería mellor.

Hai tamén decepción con forzas políticas que gobernaron e non cumpriron todos os seus compromisos. Podemos entender esa decepción, pero non pode levar a que ninguén quede na casa, porque iso facilitaría unha vitoria do bloque reaccionario encabezado polo PP. Hai unha alternativa que se pode votar con confianza, coa certeza de que o BNG non incumpre os compromisos que adquire.

“É perfectamente posible que o BNG consiga representación tanto en Lugo como en Ourense”

As enquisas dan por bastante asentados tres escanos —dous pola Coruña e un por Pontevedra—, pero outras son máis optimistas e apuntan tamén a Lugo, Ourense e mesmo un segundo por Pontevedra. É posible conseguir representación en Lugo e Ourense?
Creo que, se facemos as cousas ben, é perfectamente posible, e estamos traballando intensamente para que sexa así. Non hai ningunha razón para que as persoas que xa votaron o BNG e lle deron unha importante representación no Parlamento galego en Lugo e Ourense non volvan confiar nel.

O BNG preocupouse nos últimos anos de defender solucións para os problemas do interior do país: investimentos, infraestruturas —especialmente ferroviarias— e política social. Ourense é a provincia coas pensións máis baixas do Estado e Lugo é a segunda. O BNG conseguiu introducir no acordo de investidura que as pensións mínimas e non contributivas subisen por riba do IPC e que se incrementasen os fondos destinados á atención á dependencia. Ese traballo é a mellor garantía de que imos seguir atendendo as necesidades do interior. Non imos dar nada por perdido: imos pelexar cada voto e cada deputado ou deputada até o final.

“Temos unha limitación moi grande nas televisións españolas, onde aparecen as outras forzas políticas con candidaturas no noso país. No caso da TVG, sabemos que non hai interese en que se escoiten todas as voces, particularmente a do BNG”

Unha das barreiras para o BNG é que o debate político galego pasa polos medios de comunicación madrileños, pero tamén polos propios medios do país que non parecen querer dar moito espazo. Como facedes fronte a ese bloqueo mediático?
É un hándicap que estamos dispostos a superar, como sempre fixemos: con traballo e contacto directo coa sociedade. Organizamos numerosos actos, encontros e actividades para explicar directamente as propostas do BNG e por que hai que apoialo.

Temos unha limitación moi grande nas televisións españolas, onde aparecen as outras forzas políticas con candidaturas no noso país. E, no caso da TVG, sabemos que non hai interese en que se escoiten todas as voces, particularmente a do BNG. Organízase un único debate un luns ás nove e media da mañá; creo que non podían buscar un día mellor para que non tivese audiencia. Temos que vencer ese bloqueo mediático con traballo militante, esforzo, contacto directo coa sociedade e explicación das nosas propostas. É como fixemos sempre e estamos afeitos a traballar así.

Hai tamén un problema de hexemonía mediática no país.
É moi evidente. Practicamente non hai pluralidade nos medios de comunicación. Noutras nacións do Estado, mesmo en Madrid, existe unha certa pluralidade, aínda que limitada. No caso de Galiza, o control que ten o Partido Popular dos medios públicos e da inmensa maioría dos privados é brutal. Queda pouca marxe para que alternativas como a do BNG teñan o espazo que lles correspondería pola súa representación: é a segunda forza no Parlamento galego e ten presenza no Congreso e no Senado.

“Defendemos a suba das pensións, a derrogación íntegra da reforma laboral do PP e a derrogación da lei mordaza, incumprimentos do Goberno”

O BNG aspira a recoller o voto da esquerda desencantada co PSOE e tamén o que queda da esquerda confederal, que en Galiza está en vías de extinción. Que ofrece o Bloque que non ofreceron esas organizacións?
Queremos convencer a sociedade galega de que debe confiar nunha forza propia como o BNG. Entendemos que pode haber decepción, pero queremos que se traduza en apoio ao Bloque. Quedar na casa nunca pode ser unha alternativa se non se quere favorecer a involución democrática que representan a dereita e a extrema dereita.

O BNG ofrece, en primeiro lugar, a certeza de que cumpre os seus compromisos: dicimos o que queremos facer e facemos exactamente aquilo que dixemos. Non mudamos de posición antes e despois das eleccións. O noso traballo é a mellor garantía.

Hai tres compromisos fundamentais. O primeiro é ser unha voz insubornable en defensa dos intereses do país. Aí están os acordos de investidura: moitas medidas foron cumpridas ou están en marcha, mentres outras quedaron no aire, como a quita da débeda ou a implantación das cercanías ferroviarias. Facemos unha valoración con luces e sombras, pero a responsabilidade de non cumprir é do Goberno; nós fixemos o noso traballo.

O segundo é impulsar políticas sociais avanzadas e conquistar dereitos sociais e democráticos. Estivemos na vangarda defendendo a paz, o acceso á vivenda pública e melloras salariais e laborais. Fomos a única forza do Congreso que levou ao Pleno unha proposición de lei para reducir a xornada laboral a 35 horas sen redución salarial. Defendemos a suba das pensións, a derrogación íntegra da reforma laboral do PP e a derrogación da lei mordaza, incumprimentos do Goberno.

Néstor Rego Galería 2026 - 2

O terceiro é ser un muro de contención fronte ao avance da dereita e da ultradereita. Non lle demos ningunha oportunidade ao bloque reaccionario encabezado polo PP e Vox, nin para gobernar nin para facer avanzar as súas propostas e o seu discurso de odio. E tamén o imos combater nas urnas. O BNG está en condicións de disputar representación á dereita e á ultradereita: na Coruña, se conseguimos o segundo escano, evitariamos que entrase Vox ou o PP; nas outras provincias tamén podemos arrebatarlle escanos ao Partido Popular. Hai moitas razóns para votar o BNG.

Que che parece que Podemos ou a chamada Fronte Ampla se presenten nas circunscricións galegas malia saberen que o máis probable é que non obteñan representación?
Somos respectuosos coas decisións doutras forzas políticas. Non imos criticar ninguén por presentarse nin pedirlle a ningunha organización que non o faga ou que se retire. Nós dirixímonos ao electorado que quere que Galiza teña máis forza, que os intereses das maiorías sociais e dos traballadores e traballadoras estean ben representados en Madrid, que teñamos máis capacidade para impulsar novos dereitos e que poidamos contribuír a frear o avance do bloque reaccionario.

A mellor alternativa para conseguir todo iso é confiar no BNG. Ás persoas que optaron por outras alternativas e poden sentir que lles fallaron en moitos aspectos, podémoslles asegurar que o BNG non lle vai fallar nunca á sociedade galega, e moito menos ás clases populares.

Como viviches ese peche de filas de Anova, de Martiño Noriega e de Xosé Manuel Beiras co BNG, tanto nas galegas como agora nas xerais?
Agradecemos esa posición xenerosa de Anova. Entendemos que é a posición lóxica neste contexto, como xa fixeron en comicios anteriores: o que corresponde é que Galiza, como suxeito político, saia reforzada destas eleccións. A alianza con forzas de ámbito estatal non serviu para iso; máis ben aconteceu o contrario, cun debilitamento da capacidade política de Galiza para actuar como suxeito propio. Esas forzas incumpriron mesmo compromisos adquiridos coas organizacións galegas que participaban neses espazos. Constátase o que levamos moito tempo dicindo: unha forza de ámbito estatal sempre atenderá primeiro as decisións da súa dirección en Madrid, non aquilo que realmente interese ao pobo galego.

Imaxinas a esquerda confederal facendo ese peche de filas co Bloque?
Creo que sería coherente con moitas das cousas que dixeron na precampaña, especificamente con esa idea de frear o avance da dereita e da ultradereita de calquera maneira. En todo caso, non sei se o van facer. Nós imos dirixirnos ao electorado e ser sempre respectuosos coas decisións que adopten outras organizacións.

“O BNG naceu como fronte ampla en 1982 e recoñece a pluralidade interna, a existencia de diferentes posicións políticas e ideolóxicas dentro do ámbito da defensa da soberanía e das clases populares do país”

Na derradeira entrevista, Beiras dicía que o BNG tiña o reto de converterse nunha forza hexemónica no país. Este peche de filas, tamén de activistas e cadros doutras organizacións e colectivos, é unha oportunidade para ampliar as bases do Bloque?
É unha oportunidade, sobre todo, para comezar a mudar politicamente este país, que é o que máis nos interesa. Unha representación potente do BNG en Madrid sería un instrumento con maior capacidade para defender Galiza e as maiorías sociais, pero tamén un revulsivo para a mudanza que ten que producirse nas eleccións municipais e nas galegas. O obxectivo nas eleccións galegas debe ser que o PP perda a maioría e que haxa un goberno encabezado polo BNG que mereza o nome de goberno deste país, non dunha delegación do que lle mandan desde a rúa Xénova. Un goberno desta nación debe garantir o benestar.

Vexo claramente a concatenación de resultados: un sempre é a base do seguinte. Un bo resultado nas xerais sería un revulsivo magnífico para a mudanza que precisa o país, para deixar atrás definitivamente o Partido Popular e avanzar no ámbito social, democrático e da liberdade de Galiza como nación.

Referíame máis ás bases militantes e aos cadros doutras organizacións. Non sería un bo momento para intentar incorporalos ao partido? Facer un Bloque máis aberto?
Efectivamente, pode ser. Nós temos as portas abertas, e dicímolo moitas veces: para todas as persoas que de maneira honesta queiran traballar por este país. O BNG naceu como fronte ampla en 1982 e recoñece a pluralidade interna, a existencia de diferentes posicións políticas e ideolóxicas dentro do ámbito da defensa da soberanía e das clases populares do país. Imos manter sempre esa actitude de portas abertas.

Interésanos máis o que poida pasar co futuro deste país e sermos capaces de mudar o rumbo. Pero é verdade que para iso tamén se precisa unha base organizada. O noso obxectivo foi sempre organizar a sociedade galega, porque esa é a mellor garantía para avanzar politicamente e tamén electoralmente.

“Cando unha organización como Anova pide o apoio para o BNG, non só estamos encantados, senón que reiteramos o que sempre dixemos: dentro do BNG hai espazo para todo o mundo”

Que diferenzas ves entre o BNG de despois da Asemblea de Amio e o de agora? Ti entraches na Secretaría Xeral da UPG naquela altura, nun momento de ruptura dentro do Bloque.
Aquel foi un momento difícil, no que houbo un debate político e ideolóxico do que saíron dúas orientacións diferentes das que mantiña o BNG, e que levou a que pasase por dificultades. Pero o BNG mantivo fundamentalmente a coherencia dos seus postulados políticos e ideolóxicos: a autoorganización do pobo galego, a confianza nas nosas propias forzas e o criterio de fronte ampla e pluralidade interna.

É verdade que, como consecuencia daquel proceso, houbo un período no que esa pluralidade se percibía menos ou se reduciu nalgunha medida. Pero non foi unha decisión que quixésemos adoptar. Mantivemos sempre o criterio de que esta tiña que ser unha organización ampla. Co paso do tempo creo que o fomos conseguindo. Nos últimos anos incorporamos de novo moita xente que militara anteriormente no BNG, pero sobre todo persoas que non tiñan militancia política previa e moita xente nova que lle deu novos azos ao proxecto.

Por iso, cando unha organización como Anova pide o apoio para o BNG, non só estamos encantados, senón que reiteramos o que sempre dixemos: dentro do BNG hai espazo para todo o mundo que, individual ou colectivamente, queira traballar polo futuro deste país nun proxecto como o que representa o Bloque.

“Se depende de nós, o BNG non lle vai dar ningunha oportunidade a un goberno da dereita e da ultradereita”

Se Pedro Sánchez volve precisar os votos do BNG para unha maioría parlamentaria, cales serían as condicións irrenunciables para apoiar unha nova investidura?
Quero deixar dúas cousas claras, porque para nós son chave. A primeira é que o BNG, se depende de nós, non lle vai dar ningunha oportunidade a un goberno da dereita e da ultradereita. Imos facer o posible, todo o que estea na nosa man, por evitalo. É un compromiso firme coa sociedade galega.

A segunda é que tampouco imos dar un cheque en branco a ninguén. Nunca o fixemos. O que asinamos co Partido Socialista en 2020 e 2023 non foi un acordo de lexislatura, senón só de investidura. O BNG comprometíase a votar a favor da investidura, pero a partir de aí tiñamos as mans libres para defender as posicións que considerabamos mellores para o país. En moitas ocasións votamos a favor das propostas do Goberno, pero noutras votamos en contra cando considerabamos que non eran positivas.

Por exemplo, estabamos a favor da quita da débeda, resultado tamén do acordo de investidura. Pero sobre a mesa había unha proposta para iniciar a tramitación dun novo sistema de financiamento e xa dixemos que estabamos en contra. Se a presentasen, votariamos en contra e presentariamos unha emenda á totalidade, porque é prexudicial para Galiza. Queremos outro modelo de concerto económico que acabe co espolio fiscal.

Para unha hipotética investidura queremos que non se discrimine o noso país, especialmente no financiamento: ten que haber unha proposta diferente que nos permita gañar recursos para mellorar a calidade de vida e o benestar. Tamén debe haber investimentos concretos en infraestruturas, especialmente ferroviarias. Defendemos o transporte público e o ferrocarril, a implantación das cercanías e a mellora de toda a rede ferroviaria interna. O terceiro piar son as políticas sociais: vida digna, salarios e pensións dignas, acceso á vivenda e emprego.

Ten sentido seguir reclamando competencias a Madrid cando a Xunta parece ter dificultades para xestionar as que xa ten? 
Entendemos que si ten sentido. Non é unha cuestión de se o PP vai xestionar mellor ou peor que Madrid. A cuestión é que Galiza e a súa Administración deben ter todas as competencias, porque esa é a mellor maneira de xestionar en función dos intereses do país. O BNG ten como obxectivo gobernar Galiza e ser, máis cedo que tarde, quen faga uso desas competencias. Pero, con independencia diso, Madrid toma moitas veces decisións que prexudican os nosos intereses.

Que competencias deberían transferirse prioritariamente?
Hai moitas competencias pendentes. Estabamos precisamente, antes da convocatoria electoral, poñendo en marcha un proceso para profundar no autogoberno: por unha banda, a asunción de todas as competencias pendentes; pola outra, un novo estatus político. Temos identificadas arredor de sesenta competencias, máis outras dez relacionadas coa participación directa da Administración galega en organismos e foros internacionais onde se deciden cuestións que nos afectan.

Falamos de tráfico, transporte, seguridade viaria, seguridade pública e despregamento da Policía Galega. É chave nun país que ten a metade dos quilómetros da rede viaria do Estado español, pola dispersión poboacional e os problemas específicos que iso xera. Tamén do salvamento marítimo, que sorprendentemente segue en Madrid, ou da loita contra a contaminación mariña. Hai competencias en políticas sociais e noutros ámbitos que son fundamentais para o futuro do país.

Non podemos disociar esa reclamación dun sistema de concerto económico, que implicaría ter a competencia na recadación de todos os impostos e a capacidade de negociar bilateralmente co Estado que parte se entrega, como fan o País Vasco e Navarra. E non lles vai precisamente mal.

O BNG defínese como unha forza pacifista e critica o incremento do gasto militar. Ante un escenario de aumento das tensións internacionais, cal vai ser a posición do Bloque sobre un maior gasto militar en Europa?
A nosa proposta vai ser a de sempre: rexeitar ese incremento do gasto militar e denunciar todas as políticas imperialistas e de inxerencia duns países na vida doutros. Esa foi sempre a nosa posición, en defensa da soberanía dos pobos e das vías pacíficas e democráticas para resolver os conflitos.

Estamos nun contexto internacional complexo, no que a principal potencia imperialista, os Estados Unidos, ve ameazada a súa hexemonía e reacciona de maneira violenta e agresiva. Iso desmonta boa parte da retórica que xustificou até agora algunhas decisións de incremento do gasto militar. Con que lexitimidade Europa apela a aumentar o gasto militar cando a principal ameaza que estamos vendo vén precisamente dos Estados Unidos, que mesmo ameazan con tomar pola forza territorios de países que forman parte da Unión Europea e da OTAN? Ou cando decisións como a guerra contra Irán impactan directamente na economía galega e na do Estado español, cunha subida exponencial dos prezos dos combustibles? Non se trata de meter máis recursos en armas, senón de priorizar os investimentos sociais.

Cómpre reparar en que este Goberno foi, con moitísima diferenza, o que máis incrementou o gasto en armamento durante o réxime constitucional. En 2023 houbo un incremento do orzamento de Defensa do 26%; despois, en 2025, aprobáronse 1.400 millóns de euros nun Consello de Ministros e, dous meses despois, habilitáronse outros 15.000 millóns. Entre 2025 e 2037 houbo modificacións de crédito para habilitar outros 12.000 millóns en gasto militar. Nese período, o destinado a vivenda foron pouco máis de 200 millóns. Iso indica moito sobre as prioridades.

Temos unha posición firme antiimperialista e de defensa da paz e da soberanía. Non hai que seguir metendo diñeiro en armas, ademais facéndoo ao ditado dos Estados Unidos e de Trump. Cada euro que se mete en armas detráese das políticas sociais máis urxentes: educación, sanidade, dependencia, traballo ou vivenda. Para nós, a vida digna é sempre a principal prioridade.

Mañá, mércores 11 de novembro, hai unha folga xeral que parece que vai ter bastante seguimento tamén en Galiza. Que cres que vai pasar o 12 de novembro?
Varias forzas políticas deberán tomar nota. Tanto o Partido Popular, que pretende gobernar e xa empezou a anunciar recortes, por exemplo en materia de pensións —polo menos até que alguén de comunicación e márketing lle debeu dicir que con iso estaba perdendo votos—, como o Partido Socialista e Sumar, que aínda están no Goberno.

Non fai falta que nolo digan: xa coñecemos as liñas de actuación do PP e temos experiencias previas dos seus recortes sociais. Non se poden tocar as pensións; hai que seguir incrementando os salarios e adoptar medidas eficaces para garantir o acceso á vivenda.

O Goberno tamén puido adoptar medidas eficaces para conter a suba dos prezos dos combustibles e non o fixo. Defendemos poñerlles un tope e gravar os beneficios extraordinarios das grandes enerxéticas, que continúan enriquecéndose á custa da precariedade de moitas persoas. Tamén hai que limitar os prezos das subministracións básicas, dos alugueiros e das hipotecas; poñer as vivendas da SAREB á disposición de quen as necesita; impulsar a vivenda pública e regular mellor as vivendas turísticas. Todo iso puido facelo o Goberno e non o fixo.

É tamén o que se lle vai reclamar na folga xeral. Se continúa un goberno destas características, debe ser consciente de que non pode demorar até o último momento a adopción de medidas. A xente que vive nunha situación de precariedade ou ten recursos limitados non pode seguir afogada: hai que garantir unha vida digna. É significativo que o lema da CIG nesta folga tamén incida nesa idea, porque é a principal preocupación de moitísimas persoas: chegar a fin de mes e ter un horizonte e un futuro, un proxecto de vida sen estar permanentemente afogadas. Agardamos unha resposta masiva. A sociedade mobilizouse e xa dixo o que pensaba; a quen lle corresponda, que tome nota.

Néstor Rego Galería 2026 - 1

Unha das enquisas máis optimistas dá ao BNG ata seis deputados en Madrid. Que cambiaría na práctica ese resultado fronte á media doutras enquisas, que vos dan tres?
Normalmente somos prudentes, pero nunca renunciamos a ser ambiciosos. Somos prudentes porque as enquisas son enquisas e ao final o que conta é o resultado. Pero somos ambiciosos no sentido social e colectivo: queremos o mellor resultado para este país.

O mellor resultado é que haxa unha representación forte do BNG en Madrid. Iso mudaría a nosa capacidade de actuación e de defensa dos intereses dos galegos e galegas, e faría que Galiza contase e non volvese ser a última carta da baralla, como dixemos no arranque da campaña. Cun ou con cinco ou seis deputados imos defender os intereses de Galiza coa mesma dignidade coa que o fixemos sempre. Pero, se en vez dun somos catro, cinco ou seis, evidentemente teremos máis capacidade e poderemos conseguir mellores resultados.

Un resultado moi bo do BNG sería tamén un inmenso revulsivo, un magnífico punto de partida para impulsar un cambio político no país, comezando polos concellos e rematando no Goberno galego. Hai unha relación moi directa entre as dinámicas políticas. Animo a quen queira que se produza ese cambio a comezar por confiar no BNG nestas eleccións. Se todo o mundo que quere defender Galiza, impulsar políticas sociais avanzadas e novos dereitos e frear a dereita concentra o voto no BNG, imos conseguilo.

Cal é a túa porra?
(Ri) Permíteme que non me atreva a facer ningunha porra, porque teño medo de quedar curto. Imos traballar intensamente no que queda de campaña para que o resultado sexa o mellor posible.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...