Parque eólico Monte Peñon - Antas - A Lama
Jorge Canda, alcalde da Lama, e David Carrera, candidato do PPdeG á alcaldía, acompañados de Luis López e Luisa Piñeiro, delegado e exdelegada territorial da Xunta en Pontevedra. Sancho Somalo

Medio ambiente
A veciñanza de Antas busca parar o parque eólico de Monte Peón por defecto de tramitación

O Goberno municipal do PPdeG na Lama facilitou a autorización deste parque eólico próximo a vivendas sen cumprir as obrigas de exposición pública durante o período de estado de alarma, deixando á poboación na indefensión xurídica
28 may 2023 07:00

Desde finais de marzo, a veciñanza de Antas está en pé de guerra contra o parque eólico de Monte Peón. Nesta poligonal de 280,97 hectáreas, que inclúe núcleos de poboación e áreas forestais de tres comunidades de montes veciñais en man común, proxectan instalar tres aeroxeradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación transformadora para producir 41.387 Mwh/ano. Estas características técnicas aparecen nunha resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia do 8 de outubro de 2020 –publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 16 de novembro dese mesmo ano–, mais nesta parroquia do concello pontevedrés da Lama non souberon ata principios de ano que a empresa Naturgy Renovables ten autorización para levantar aeroxeradores de 154 metros de altura, 138 metros de diámetro no rotor e 4.200 kW de potencia nominal unitaria (12,60 MW en total) a uns 600 metros dvivendas e lugares de interés sociocultural como a capela e a carballeira das Ermidas.

Hai veciñas dentro da Plataforma por un Monte Vivo que non se resignan e están promovendo unha campaña para alegar por defectos de tramitación

Desde o Concello da Lama, o alcalde Jorge Canda e o tenente de alcalde David Carrera –que o substitúe como candidato do PPdeG á alcaldía– eludiron responsabilidades e buscaron un achegamento interesado cando os colectivos sociais, organizados na Plataforma por un Monte Vivo, comezaron a protagonizar protestas públicas. O 28 de marzo, cando as representantes do tecido asociativo de Antas foron á Casa Consistorial para solicitar o expediente de tramitación da obra presentado por Naturgy e demandar unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación Municipal na que o alcalde e o seu equipo de goberno manifestasen a súa postura sobre este proxecto, Canda e Carrera sumáronse oportunamente á indignación popular, ofrecendo apoio moral e colaboración para que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Antas, un dos colectivos afectados, puidese recibir asesoramento legal dunha empresa especializada en cuestións medioambientais. Coa declaración de impacto ambiental (DIA) xa aprobada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia en outubro de 2022, desde o propio Concello da Lama transmitiuse a desalentadora mensaxe de que a oposición social e política ao parque eólico de Monte Peón soamente podía recorrer á vía xurídica; mais hai veciñas dentro da Plataforma por un Monte Vivo que non se resignan e están promovendo unha campaña para alegar por defectos de tramitación, acolléndose ao artigo 76.2 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e á constancia de que “no expediente do parque eólico de Monte Peón existen evidentes defectos de tramitación”, como asegura a avogada Ana Varela, membro da asociación ecoloxista Petón de Lobo. Con ela contactaron desde Antas, precisamente, para pedir información sobre as posibilidades de parar o desenvolvemento do proxecto.

Desinformación como estratexia política

Os defectos de tramitación que se alegan, en relación ao parque eólico de Monte Peón, están relacionados principalmente coa falta de transparencia, participación pública e vulneración de dereitos en materia ambiental. Cando se publicou a resolución deste proxecto cos mapas cartográficos oficiais, en 2020, todo o territorio estatal estaba sometido a estado de alarma pola pandemia de Covid-19 e as liberdades de movemento estaban restrinxidas. A pesar de que o Concello da Lama asegurou nun documento remitido o 13 de xaneiro de 2021 á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que o estudo de impacto ambiental e a solicitude de construción e aprobación do proxecto estiveran expostos ao público no taboleiro de anuncios durante trinta días, entre o 16 de novembro e o 30 de decembro de 2020, a información pública non se fixo efectiva a través da sede electrónica e do sitio web municipal. Na páxina do Concello da Lama en Facebook, a primeira referencia ao parque eólico de Monte Peón é do 29 de marzo de 2023, cando o alcalde e o tenente de alcalde –candidato do PPdeG á alcaldía nestas eleccións municipais do 28 de maio– insisten na necesidade de actuar unidas e na súa vontade de colaborar, sen dar explicacións sobre este e outros proxectos de parques eólicos que se están a desenvolver no territorio municipal. Anteriormente, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia que encabezaba ata maio de 2022 o actual presidente Alfonso Rueda tampouco cumprira a súa obriga de notificarlle as afeccións do parque eólico ás persoas interesadas.

A filtración de documentos asinados polo alcalde da Lama en 2020 e 2021 constatou que tiña coñecemento da existencia dun proxecto eólico no Monte Peón e deu trámite ao mesmo sen informar ás persoas residentes nas parroquias afectadas

Apenas un mes despois desta escenografía, a filtración de tres documentos asinados polo alcalde da Lama en 2020 e 2021 constatou que este tiña coñecemento da existencia dun proxecto eólico no Monte Peón e deu trámite ao mesmo sen informar debidamente ás persoas residentes nas parroquias afectadas. Sobre a base desta documentación, o candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, Iñaki Touriño, puxo en cuestión a honestidade de Canda e Carrera e alertou á veciñanza das parroquias de Verducido e Xesta sobre a existencia de informes favorables á tramitación doutro parque eólico sen coñecemento das xuntas directivas das comunidades de montes veciñais en man común.

As protestas sociais contra o parque eólico de Monte Peón continuaron durante os meses de abril e maio. O 23 de abril, a Plataforma por un Monte Vivo participou na manifestación nacional contra a depredación eólica en Compostela; e o 7 de maio, convocou a decenas de veciñas no concello da Lama para expresar o rexeitamento colectivo a este proxecto. Con todo, segundo persoas próximas á Plataforma por un Monte Vivo que prefiren non ser identificadas, desde a consultoría que recomendou o tenente de alcalde e candidato do PPdeG á alcaldía para dar asesoramento legal están condicionando os ánimos dos colectivos sociais ao non facilitar información sobre o dereito de alegar os defectos de tramitación dun procedemento administrativo. Alén disto, de acordo con estas fontes, hai indicios de que o Goberno municipal do PPdeG pode estar tratando de persuadir ás comunidades de montes veciñais en man común de Antas e da Lama, con área forestal incluída na poligonal pero alleas ao proxecto eólico nos seus inicios, para que se resignen e acepten o parque eólico.

Divide e vencerás

A estratexia das autoridades municipais e das empresas do sector enerxético que están promovendo estes proxectos eólicos en Galiza parece inspirada na máxima latina divide et impera, relacionada co político e militar romano Xulio César. A poligonal do parque eólico de Monte Peón inclúe territorios de tres comunidades de montes veciñais en man común, mais soamente se tivo en conta unha, a de Xende.  

O concello da Lama está afectado por catro áreas de desenvolvemento eólico que, en conxunto, veñen a representar máis do 30% do territorio municipal

O concello da Lama está afectado por catro áreas de desenvolvemento eólico incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galiza que, en conxunto, veñen a representar máis do 30% do territorio municipal. Na primeira década deste século xa se instalaran aeroxeradores no Monte do Cando, no Monte Ceo e no Alto dos Xarotos, entre os concellos da Lama e Avión; mais nas áreas de desenvolvemento eólico actuais, alén do Monte Peón, están proxectados os parques eólicos de Edreira I e Carballoso (anteriormente nomeado Coto de Airas), con aeroxeradores que chegan a unha altura de 223 metros se incluímos as aspas –139 metros máis que os antigos muíños– e emiten un ruído equivalente a unha orquestra de verbena, arredor de 106 decibelios.

A información pública sobre estes polígonos industriais está amplamente diseminada e é grazas a persoas que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo do ben común para recompilar e relacionar datos que podemos visualizar e comprender a dimensión real do problema que teñen enriba estas comunidades rurais. A fragmentación de polígonos industriais que se observa na Lama é unha característica común do proceso de industrialización enerxética en Galiza, mais neste e noutros concellos da contorna hai unha especial saturación de proxectos eólicos, a pesar da proximidade de zonas de especial conservación (ZEC) da Rede Natura 2000 como a Serra do Cando ou espazos naturais susceptibles de selo como a Serra do Suído, con valores culturais e ambientais como as turbeiras. Tendo en conta que as áreas de desenvolvemento eólico dan preferencia aos intereses das empresas que realizan investimentos, a excepcional extensión das poligonais de Puza e Coto de Airas –especialmente desta última, cun parque eólico en tramitación que mudou de nome a Carballoso– pode gardar relación con futuros plans de ampliación e cambios no uso do terreo que eviten a incorporación da Serra do Suído á Rede Natura 2000.

Neste e noutros concellos da contorna hai unha especial saturación de proxectos eólicos, a pesar da proximidade de zonas de especial conservación da Rede Natura 2000 ou espazos naturais susceptibles de selo

Tres aeroxeradores, como os que están proxectados no Monte Peón poden parecer poucos, pero, a xuízo da fonte que compatiu con O Salto Galiza a súa recompilación de información técnica sobre a masiva industrialización enerxética deste territorio e que preferiu manterse no anonimato, tres é o número máxico para as empresas do sector porque así se manteñen por abaixo dos 50 MW de potencia –limiar baixo o cal poden ser autorizados pola Xunta de Galicia– e evitan pagar o canon eólico, sobre todo cando reparten os aeroxeradores entre concellos.

A responsabilidade dos concellos

Á vista da convocatoria de eleccións municipais, os colectivos sociais integrados en Foi polo vento e Veu polo ar convocaron unha manifestación nacional o pasado 21 de maio en Lugo e lanzaron unha campaña en redes sociais para recordarlles ás persoas candidatas a alcaldías e tamén ás que van votar este 28 de maio que calquera entidade local pode solicitar a intervención da xurisdición contencioso-administrativa para paralizar unha actuación iniciada por outra administración no caso de que esta sexa considerada ilegal. A aplicación deste dereito, que está recollido no artigo 39.5 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, permitiría paralizar alomenos cautelarmente a invasión de polígonos industriais eólicos sobre o territorio galego.

Ana Varela, comprometida con este enfoque a través da asociación ecoloxista Petón do Lobo, destaca que os concellos poden presentarlle á Xunta informes desfavorables sobre as separatas técnicas dos proxectos eólicos e que algúns, como o de Vila de Cruces (Pontevedra) ou o do Arteixo (A Coruña), xa o teñen feito con diferentes resultados. No caso de Arteixo, gobernado polo PPdeG, a Xunta aceptou as alegacións do concello contra os parques eólicos de Carboeiro e Pedra Queimada polo negativo impacto ambiental e a proximidade a núcleos rurais. “Que prospere unha alegación dun concello depende do tipo de alcalde, do partido que goberne, pero estes informes desfavorables que poden presentar as alcaldías son considerados polo tribunal e moi importantes en caso de emprender un recurso contencioso-administrativo”, sinala esta avogada e activista.

“Os informes desfavorables que poden presentar as alcaldías son moi importantes en caso de emprender un recurso contencioso-administrativo”, sinala a avogada e activista Ana Varela

Desde os concellos lindeiros da Lama, os alcaldes de Pontecaldelas (PSdG-PSOE) e Cerdedo-Cotobade (PPdeG) xa amosaron o ano pasado o seu rexeitamento conxunto ao parque eólico dos Cotos, que se extende por ambos territorios municipais e a día de hoxe está entre os 75 polígonos industriais destas características autorizados pola Xunta de Galicia. Con todo, as discrepancias políticas respecto a como xestionar a oposición dos concellos aos proxectos eólicos promovidos pola Xunta de Galicia quedaron de manifesto en xaneiro de 2022, cando o alcalde socialista de Pontecaldelas, Andrés Díaz, condicionou a súa participación na protesta organizada no Chan de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e reclamoulle ao alcalde popular desta localidade, Jorge Cubela, un compromiso por escrito de que realizaría informes desfavorables contra este polígono industrial para iniciar un proceso xudicial contra calquera administración –neste caso a Xunta– que permita a implantación de parques eólicos no seu concello.

A pesar de que o alcalde de Cerdedo-Cotobade mantívose no apoio testemuñal para non confrontar coa Xunta, a presión da oposición política e de concellos veciños como Pontecaldelas e Pontevedra asegurou certa transparencia sobre os proxectos eólicos no concello. Non foi así na Lama, onde o desleixo político-administrativo do PPdG no Goberno municipal deixou á poboación na indefensión. As persoas interesadas, con todo, aínda poden recorrer ao dereito de alegar contra o procedemento administrativo por defectos de tramitación no expediente ata que se publique a resolución de autorización no DOG, nunha data que está indeterminada pero “debe estar cerca”, segundo Ana Varela. Unha vez autorizado o parque oficialmente abriríase a vía do recurso administrativo, e transcorrido o prazo de resposta a este, continuaríase coa vía do recurso contencioso-administrativo nos tribunais. Esta avogada, que asesora altruístamente a moitos colectivos sociais de Galiza afectados pola depredación eólica como o de Antas, apunta que é posible solicitar asistencia xurídica gratuíta cando non se poseen os recursos económicos suficientes para afrontar os gastos derivados dun proceso xudicial.

O espolio eólico na Lama
Recompilando datos diseminados en documentos oficiais que publica a Xunta de Galicia no DOG, podemos empregar programas como Google Earth para visualizar as zonas de desenvolvemento eólico e as poligonais dos parques eólicos xa existentes, autorizados, non autorizados e en proceso de tramitación, así como algunhas das instalacións proxectadas (aeroxeradores, torres meteorolóxicas e subestacións transformadoras). Máis do 30% do concello da Lama está baixo zonas de desenvolvemento eólico que se extenden por concellos lindeiros como Forcarei, Beariz, Avión, Fornelos de Montes, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade, situados na fronteira entre as provincias de Ourense e Pontevedra, na Galiza rural de interior que perde máis poboación por factores sociolóxicos como o envellecemento e factores máis políticos como a falta de investimentos en transporte e vías de comunicación con capitais provinciais como Ourense ou Pontevedra.
grafica monte eólicos A Lama 5
Ampliar
No territorio municipal da Lama xa existían aeroxeradores de 84 metros de alto (incluíndo as aspas) no Monte do Cando, no Monte Ceo e no Alto dos Xarotos antes da recente industrialización do espazo para producir enerxía eléctrica de xeito intensivo para exportar, xa que o concello non precisa tantos Mwh/ano para cubrir as súas propias necesidades enerxéticas. A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidente Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, informou da autorización dos parques eólicos de Edreira I e Monte Peón. Tamén está en tramitación o parque eólico de Carballoso, coñecido anteriormente como Coto de Airas e que mudou de nome, malia que é o mesmo proxecto, para retomar o proceso e buscar autorización no Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico con algo menos de potencia instalada, despois de que a Xunta de Galicia emitise unha declaración ambiental desfavorable e esixise axustes. Polo momento tamén quedaron no caixón os parques eólicos de Puza e Laxabranca polo seu negativo impacto ambiental, mais as empresas do sector teñen demostrado que non renuncian definitivamente aos seus proxectos.
grafica monte eólicos A Lama 3
Ampliar
A poligonal do parque eólico de Monte Peón está repartida por tres comunidades de montes veciñais en man común do concello da Lama. Existen núcleos de poboación (manchas rosas) dentro da mesma, así como aeroxeradores proxectados a uns 600 metros de vivendas e lugares de interés social e cultural como a capela e a carballeira das Ermitas, que días antes da publicación da declaración de impacto ambiental (outubro de 2022) acollía o Xantar da Terceira Idade, coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
O ruído que emite cada un destes modernos aeroxeradores, de 223 metros de altura se incluímos as aspas, é equivalente a unha orquestra, uns 106 decibelios. Os riscos para a saúde do ruído –mesmo do ruído branco– e da radiación electromagnética son diversos e moi serios, pero aínda non se lle dedicou suficiente tempo a investigar cientificamente a relación causa-efecto, polo que as persoas afectadas terían dificultades para demostrar uns prexuízos evidentes.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Energías renovables
Energías renovables en Madrid El Centro Cultural Palomeras quiere ser autosuficiente, los préstamos de sus vecinos pueden conseguirlo
Una universidad pública y una cooperativa de energías renovables lideran el proyecto de préstamos que quiere convertir en autosuficiente al histórico centro educativo vallecano, y que busca reunir 150.000 en financiación ciudadana a un interés ético.
Hidrógeno
Descarbonización Los planes de expansión del hidrógeno en Europa chocan con la falta de energía verde para producirlo
La escasez de hidrógeno producido con renovables y el exiguo desarrollo del aluvión de proyectos anunciados ponen en entredicho la estrategia de descarbonización en Europa, según un informe de Global Energy Monitor.
Residencias de mayores
Residencias Fondos de inversión y residencias: la mano invisible que retuerce los cuidados
Mientras DomusVi, en manos del fondo de inversión ICG, ya es la empresa con más residencias privadas del Estado, residentes, familiares y trabajadoras explican lo que supone que las prácticas especulativas acunen la vejez de las personas.
Opinión
Opinión Bretón no es un monstruo, ni Martín el nuevo Capote
Frente a la libertad sin peros que defienden unos, la responsabilidad de muchos: la de ciudadanos y librerías que se niegan a comprar o vender, respectivamente, el libro que Anagrama ha tenido a bien materializar.
LGTBIfobia
Manifestación Plataforma Trans planta cara a la transfobia con una manifestación contra el odio
La convocatoria el 29 de marzo denuncia un contexto internacional antiderechos. La organización pide a partidos y sindicatos que se sumen a la marcha porque la transfobia es un problema social, y por lo tanto también político, explican.
Música
Música Pervertidos y puritanos, a los pies de Ethel Cain
Proyectos musicales como ‘Perverts’ de Ethel Cain son capaces de imponer silencio en medio de tanto ruido para pensar en un momento en que las redes sociales son herramientas tendenciosas para la difusión de propaganda de ultraderecha.
Gasto militar
Gasto militar “No nos resignamos a la guerra”: 70 organizaciones rechazan la deriva militarista de la UE y el Gobierno
Más de 70 organizaciones y personalidades de la cultura y el activismo firman un manifiesto que rechaza la escalada belicista y el rearme frente a una posible agresión rusa.

Últimas

AGANTRO
Agantro Tatuaxe: terapia e tendencia
Da marxinación á moda, o carácter simbólico e ritual da tatuaxe atópase actualmente erosionado polas dinámicas capitalistas.
Palestina
Cisjordania Hamdan Ballal, codirector de ‘No other land’, agredido por colonos israelíes
Según los testigos que presenciaron el ataque, el cineasta está herido. Poco antes de las 14h el codirector de la cinta ha anunciado que Ballal ha sido puesto en libertad.
Obituario
Obituario Jesús Santos, el basurero que se ganó el corazón de Alcorcón
Alcorconero de toda la vida, teniente alcalde, activista social y sindicalista, Jesús Santos hizo que aquellos que le acompañaron en su camino se ilusionaran por la política.
Madrid
Madrid La Sareb amenaza con el desahucio a dos jóvenes activistas en Carabanchel
Cadete 7, el bloque en lucha del que el ‘banco malo’ prevé desalojarles de forma inminente este jueves 27, fue el primero recuperado por el movimiento de vivienda de Madrid en 2013 tras haber permanecido deshabitado desde 2008.
Palestina
Palestina Egipto abre la puerta a un nuevo alto el fuego en Gaza con el visto bueno de Hamás y EEUU
A cambio de la retirada gradual de la tropas de Israel en la Franja, serían liberados cinco rehenes cada semana. El Gobierno de Netanyahu no se ha pronunciado y siguen los ataques contra población civil.
Tribuna
Tribuna Carta aberta a José Soares de Pina, CEO de Altri: “Paren este proxecto que Galicia nin quere nin necesita”
Os argumentos para apoiar o que dicimos son moitos. Situaríanse nun terreo no bordo da ZEC Serra do Careón; provocarían un novo ciclo de plantación masiva de eucalipto ou de importación de países do Sur; e o máis importante: non teñen licenza social.
Memoria histórica
Extremadura 25 de marzo 25 marzo de 1936 / 25 Marzo de 2025: aniversario de la reforma agraria en Badajoz
Texto de Francisco Espinosa leído en la entrega del Premio 25 de Marzo celebrada en los actos conmemorativos de dicha fecha en Los Santos de Maimona.

Recomendadas

Medio ambiente
Medio ambiente Milleiros de persoas enchen A Pobra do Caramiñal para berrar contra a celulosa de Altri e a mina de Touro
Unha grande multitude por terra e centos de embarcacións por mar esíxenlle ao Goberno de Alfonso Rueda que “recúe” ante o potencial desastre ambiental que sobrevoa Galiza.
Guerra en Ucrania
Guerra en Ucrania Colegios underground en Járkov después de tres años de guerra
La ciudad ucraniana construye escuelas subterráneas, preparadas para aguantar ataques balísticos y nucleares.
Feminismos
Irene García Galán “La memoria feminista hay que construirla desde abajo, desde nuestras casas”
‘Hilaria’ (Errata Nature, 2025) es un libro dedicado a la tatarabuela de Irene García Galán, pero también un ensayo político que navega a través de la memoria feminista, el antipunitivismo y el anarquismo.
Argentina
Estela de Carlotto “Faltan todavía muchos nietos por encontrar”
Al cumplirse 49 años del golpe cívico-militar, la presidenta de Abuelas de Plaza de Mayo dialogó con El Salto y apuntó contra el Gobierno de Milei y su ministra de Seguridad, Patricia Bullrich, que encabeza la represión de la protesta social.