Drogas
De 3.000 a 600.000 euros por regalar produtos co debuxo da folla de marihuana: a nova lei da Xunta
A Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado 16 de decembro cos votos do Partido Popular, atópase actualmente pendente de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a súa entrada en vigor ao cabo de dous meses. A normativa foi tramitada desoíndo as críticas tanto da oposición coma do Consello Económico e Social de Galicia —órgano consultivo da Xunta— que coincidiron en sinalar a falta de concreción no eido preventivo e o seu enfoque excesivamente punitivo e chamaron a atención sobre a desproporción das sancións establecidas.
O texto legal céntrase na regulación relativa ás bebidas alcólicas, as bebidas enerxéticas, o cánnabis, o tabaco e os dispositivos susceptibles de liberación de nicotina (DSLN), como os cigarros electrónicos e os vapeadores, para os que se aplican as mesmas restricións que para o tabaco.
A norma distingue infraccións leves, graves e moi graves. Para as infraccións leves establece multas que van dos 200 aos 3.005,06 euros, para as graves dos 3.005,07 aos 15.025,30 euros e para as moi graves dos 15.025,31 aos 601.012,11 euros. A comisión dunha infracción leve por unha persoa que fose sancionada por dúas ou máis infraccións leves no prazo dun ano constitúe unha infracción grave, e a comisión dunha infracción grave por unha persoa sancionada por outra infracción grave nos cinco anos anteriores constitúe unha infracción moi grave.
Infraccións leves considéranse, entre outras, a posesión ou consumo por parte das persoas menores de idade de bebidas alcólicas e enerxéticas, tabaco ou produtos relacionados co tabaco, así como de “calquera outro produto que imite” o tabaco, “induza a fumar ou simule a conduta de fumar”, a excepción de cando o transporte destas substancias se realice por motivos laborais. A venda, subministración ou indución ao consumo das mesmas a menores de idade por parte de terceiros sanciónase como infracción grave.
Constitúe infracción leve o acceso aos establecementos de hostalaría e restauración por parte de persoas menores de 16 anos sen a compañía de adultas con responsabilidade legal sobre elas —e é grave por parte do titular do establecemento—. A mesma consideración se lle dá ao consumo de bebidas alcólicas para maiores de idade en diversos lugares concretados pola lei, especialmente aqueles que alberguen actividades dirixidas a menores. Entre estes espazos atópanse os recintos nos que se realicen actividades deportivas ou a vía pública, parques, prazas e outros lugares de tránsito público. Porén, protéxese a hostalaría permitindo o consumo nas terrazas e espazos habilitados, sempre que se faga en horario diúrno, é dicir, de 9.00 a 22.00 horas.
O botellón, definido como consumo en grupo de bebidas alcólicas en lugares públicos, forma parte do seguinte tramo de multas: as infraccións graves. Igual sanción comporta o incumprimento das restricións que establece a lei referentes á publicidade e patrocinio do cánnabis, o que inclúe a asociación do consumo de cánnabis con “propiedades terapéuticas, efectos sedantes ou estimulantes”, o cal entra en contradición co consenso académico. Se ben o consumo de cánnabis ten consecuencias nocivas para a saúde, as súas propiedades terapéuticas contan cun respaldo científico sólido recoñecido formalmente pola lexislación española no Real Decreto 903/2025.
Tamén se clasifica como infracción grave a promoción do cánnabis en medios aos que poidan ter acceso menores de idade, así como agasallar ou vender á poboación, con independencia da súa idade, calquera tipo de merchandaxe —bolígrafos, chisqueiros, camisolas— coa imaxe identificativa do cánnabis. A sanción mínima para calquera destas infraccións é de 3.000 euros, ou de 15.000 no caso de que o mesmo suxeito cometese outra infracción grave nos cinco anos anteriores, podendo acadar ata os 600.000 euros de multa.
O PP ignorou as indicacións do Consello Económico e Social
Previamente á súa tramitación no Parlamento, o anteproxecto de lei foi enviado, tal como resulta preceptivo, ao Consello Económico e Social (CES) para ser sometido a exame. Este órgano consultivo da Xunta de Galicia emitiu o pasado 11 de xullo un rotundo informe, o ditame 3/25, asinado polo seu presidente Manuel Pérez Álvarez e o secretario xeral Manuel Martínez Varela, ambos os dous designados por Alfonso Rueda. Manuel Pérez, licenciado en Dereito, conta cunha dilatada traxectoria nas filas do PP, como conselleiro da Xunta (1990-1991), alcalde de Vigo (1995-1999) e eurodeputado (1999-2004).
Para o CES é motivo de “preocupación a posible desproporción das sancións” previstas na lei, especialmente a referida ao botellón en menores de idade, posto que comportaría unha multa nunca inferior aos 3.000 euros: “Semella, cando menos, excesiva se se atende ao perfil das persoas destinatarias”.
Este “modelo centrado de maneira preferente nas infraccións e sancións”, que pode “estigmatizar comportamentos que non sempre implican unha adicción”, a ollos do CES contrasta cun “desenvolvemento insuficiente” das medidas preventivas: a lei “debería poñer o acento na prevención, na educación e na intervención precoz, especialmente no caso de consumos incipientes, máis que na aplicación de medidas punitivas de alto impacto económico”. Por exemplo, con respecto ás bebidas enerxéticas, o CES coincide na aplicación de limitacións, pero sinala a falta de “traballo educativo previo”: “Antes de optar por medidas de carácter prohibitivo, sería desexable reforzar as accións de información, formación e sensibilización”. Nesta liña propositiva, o CES cre “imprescindible” que a educación para a saúde ocupe un lugar central no currículo.
O CES considera “fundamental” reforzar este “enfoque educativo e preventivo como eixo prioritario” e, neste sentido, destaca a necesidade de “incrementar a dotación de recursos humanos e materiais na Pediatría de Atención Primaria e nas Unidades de Saúde Mental Infanto-Xuvenil”. Para o CES “existe unha clara necesidade de profesionais da pediatría nos centros de saúde”, o que “adquire unha especial urxencia no caso das adiccións”, onde “a intervención precoz é vital para evitar danos irreparables” e “a demora agrava a situación, incrementando os riscos e dificultando a recuperación”. Por este motivo, “non deberían existir listas de agarda para menores que padecen problemas de adicción” e a súa saúde mental “debe ser unha prioridade clara e irrenunciable”.
O ente consultivo tamén reprende á Xunta a insuficiencia de “profesionais de educación física nos centros educativos”, así como a “externalización sistemática a entidades sociais” e a “derivación de funcións a profesionais” que “se atopan frecuentemente saturados ou con equipos insuficientes”.
Na mesma dirección, a norma fixa para os concellos a potestade sancionadora sobre as infraccións leves e unha serie de competencias de prevención, algunhas específicas para os de máis de 20.000 habitantes. O CES subliña que as competencias sanitarias, “incluída a prevención”, corresponden á Xunta, mentres que os concellos “teñen funcións subsidiarias”, polo que “non debe existir unha obriga legal neste sentido”, e interpreta que a lei “pretende derivar cara ás administracións locais competencias que, pola súa natureza, deberían manter unha orientación e xestión de carácter global”.
Indo ao concreto, a lei delega nos municipios e entidades sen ánimo de lucro a realización de accións e campañas formativas e informativas fronte ao consumo de drogas e adicción aos xogos, pero esperaríase maior eficacia dun deseño común confeccionado desde a Administración autonómica, con máis facilidade para dispoñer de persoal especializado. Do mesmo xeito, o CES opina que “calquera proceso de asignación competencial debe ir necesariamente acompañado da correspondente dotación de recursos técnicos, humanos e económicos que garantan a súa execución”. E isto pode enmarcarse nun dos puntos principais da valoración que fai o CES: a “escasa concreción de medidas, dos recursos ou dos protocolos necesarios” no tocante á prevención.
Entre as numerosas advertencias do demoledor informe, tamén se atopa a inseguridade xurídica para os empresarios que fagan publicidade de bebidas alcólicas e enerxéticas ou en relación á súa colocación nos establecementos comerciais. Para o CES é ademais “salientable” a especificidade coa que se regula o cánnabis en contraste con outras substancias psicoactivas que propón incluír expresamente na regulación.
O 28 de xullo, apenas dúas semanas despois da publicación do ditame, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o anteproxecto de lei sen modificacións substanciais. O texto, xa como proxecto de lei, sería presentado por Rueda ao Parlamento no mes de setembro.
A oposición acusa ao PP de pisar o acelerador como estratexia de márketing
A lei aprobada este mes foi anunciada polo entón conselleiro de Sanidade, García Comesaña, o 24 de novembro de 2020 nunha intervención parlamentaria: “Nesta lexislatura traeremos a este Parlamento unha nova lei de prevención de adiccións en menores. Esta norma renovará a lei de prevención do alcol en menores do ano 2010 e incorporará medidas de prevención doutras adiccións entre a mocidade”.
En xaneiro do 2021 o PP solicitou polo procedemento de urxencia que o Parlamento instase á Xunta a remitirlle “ao longo do ano 2021” un proxecto de lei de prevención das adiccións en menores. Porén, o proceso estancouse e a normativa aínda se atopaba na fase de anteproxecto ao remate da lexislatura no 2024.
“Lémbrolle que estamos ao final do ano 2025” —espetou a voceira do BNG Montserrat Prado no mes de outubro ao actual conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, a propósito desta lei—, “e resulta que entra no Parlamento e o Partido Popular pon o acelerador”. Prado criticou que “levan desde o ano 2021, pero resulta que logo na sede onde se lexisla” desde o PP “convocan de urxencia unha mesa para que poida vir xa a este pleno coa intención de que se aprobe de inmediato”, é dicir, “que sexa un mero trámite”. Segundo a súa valoración, a intención sería conseguir “un titular: que somos os primeiros”. Na quenda de palabra anterior, o conselleiro defendera que a lei convertería a Galicia na “primeira Comunidade Autónoma de España que prohibe a venda, consumo e tenza de bebidas enerxéticas por parte de menores en lugares públicos” e tamén na “primeira Comunidade que equipara legalmente o vapeo ao tabaco”.
Espinosa Mangana, voceira do PSdeG-PSOE, valorou que o texto estaba “pouco traballado” a raíz da “carreira” da Xunta “para que a lei estea aprobada antes de que se aprobe por parte do Goberno de España a que se está tramitando nestes momentos”, en alusión ao proxecto de lei para a prevención do consumo de bebidas alcólicas en menores, aprobado en marzo. Ademais, o Goberno central aprobou en setembro un anteproxecto de lei sobre o tabaco que tamén prevé as mesmas restricións ao consumo de vapeadores que ao de tabaco, e Asturias pisa os talóns a Galicia co proxecto de lei aprobado en outubro para prohibir as bebidas enerxéticas a menores de 16 anos.
Fose por celeridade ou por desinterese polas críticas recibidas, o PP desestimou a práctica totalidade de propostas de mellora da oposición. O BNG botou en falta que “nunha lei de protección da saúde dos menores” non haxa “nin unha mención á saúde reprodutiva e sexual”. A lei, que mentres protexe o consumo nas terrazas o que ofrece a unha persoa sen fogar que beba na rúa son multas de ata 15.000 euros, foi reprobada por Espinosa por obviar o “contexto socioeconómico”, en vez de “combater as causas estruturais que favorecen as adiccións: a pobreza, o desemprego, a falta de oportunidades educativas e a mercantilización do lecer”.
A este respecto, Ojea Bouzo, parlamentario de Democracia Ourensana, cuestionou “cal é a diferenza real que pode percibir un adolescente entre que se estean consumindo bebidas alcólicas nunha terraza e que se estean consumindo nun banco que está a dous metros”, isto é, que a barreira entre o prohibido e o permitido sexa estar “sentado nunha terraza que paga unha taxa”.
Todas as forzas da oposición rexeitaron a delegación de competencias da Xunta sobre os concellos recollida na lei, especialmente en materia preventiva, sen asignación orzamentaria estipulada: “A Xunta invita e o resto paga”, en palabras de Montserrat Prado.
O BNG cualificou como un “esperpento” a adxudicación aos municipios de “medidas no ámbito educativo” tales como “accións de formación e sensibilización dirixidas ao persoal docente”. Democracia Ourensana sostén que as campañas de concienciación deben corresponderlle á Xunta e que resulta problemático que as inspeccións sobre os locais recaian nos concellos porque naqueles de menor tamaño a obxectividade pode verse comprometida. Sobre as sancións, o PSdeG indicou que, malia atribuírselles ás entidades municipais, en moitos casos acabará recorréndose á Policía Nacional e a Garda Civil porque a maioría de concellos carecen de Policía Local. Segundo a última memoria de Coordinación das Policías Locais, do ano 2024, 176 dos 313 municipios galegos carecen deste corpo de seguridade.
A falta de desenvolvemento e concreción das medidas preventivas espertou o escepticismo da oposición sobre a súa aplicación práctica e sobre as intencións da Xunta de levalas a cabo. Para o PSdeG, “corre o risco de converterse en simple propaganda”. Unha propaganda que o PP vertebrou sobre as prohibicións que establece a nova regulación —bebidas enerxéticas e vapeadores—, o que sitúa o seu eixo sancionador como claro sospeitoso de ser o principal obxectivo perseguido polo PP coa promulgación desta lei: “As adiccións deben ser tratadas como unha cuestión de saúde pública e non como un delito”.
Consumo
Tempos de lucidez embotellada
Os danos provocados polas substancias alcohólicas permanecen infravalorados no conxunto da sociedade, que vencella estes produtos a calquera reunión festiva. O colectivo de farmacéuticos da Coruña impulsa unha campaña na que convida á xuventude a gozar en condicións óptimas do lecer mentres se reflexiona sobre a nova lei do alcol.
Cannabis medicinal
La ONU reconoce los efectos medicinales del cannabis
En una votación realizada este mismo miércoles en Viena, la ONU ha reconocido las propiedades medicinales del cannabis.
Sanidad pública
Médicos e médicas de familia rebélanse contra a estratexia de precarización da atención primaria da Xunta
Drogas
Del pervitin a las bebidas energéticas para las masas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!