Culturas
O Casino de Carballo resiste, contracorrente, ao tempo

O histórico Casino 1889 de Carballo continúa loitando contra a especulación inmobiliaria e mantense como centro cultural e social da vila.

Casino Carballo
Socias e veciñanza en xeral colaboraron na restauración interior do edificio. Óscar Górriz
11 dic 2019 08:00

No centro da vila os coches, os pasos de xente apurada camiñando e a música procedente dalgún bar próximo acompañan un armazón de altos edificios e tendas de todo tipo. Alí no medio, unha pequena construción cor amarela pastel resiste ao tempo. As fiestras están repletas de carteis que anuncian diferentes actividades culturais para todos os públicos. Dentro do Casino 1889, os membros da nova directiva fan un repaso da historia do lugar, do que foi e do que é este emblemático edificio cuxo futuro pendura na incerteza.

Aínda non hai data oficial para o xuízo que aclarará o que vai acontecer co Casino de Carballo. Hai máis dun ano, en agosto de 2018, a directiva recibiu unha notificación na que se anunciaba que o edificio que estaban alugando se vendera a uns novos propietarios. Fora poucos meses antes, en febreiro de 2018, cando este novo grupo de persoas tomara o mando da sociedade recreativa do Casino. Cada unha delas involucrouse neste proxecto a través de diferentes vías e contactos, pero todos e todas comparten a mesma visión: “Queremos que o Casino sexa un lugar onde haxa actividades para todo o mundo e dende onde nacen iniciativas. Un fogar no que cando abres a porta, sempre hai alguén”.

Os inicios da sociedade Recreativa do Casino remóntanse a 1889, aínda que non foi até 1925 cando se trasladou ao emprazamento no que perdura na actualidade. “Antes era un club selecto ao que só podían entrar certas familias. Nós agora queremos mudar esa imaxe e que este sexa un espazo aberto para toda a comunidade”, narra Marina, membro da actual directiva. Hadrián García, veciño de Carballo e historiador especializado en Xestión do Patrimonio Cultural, recorda os antigos tempos do Casino: “Temos que ter en conta que até non hai moitos anos este era un edificio restrinxido, no sentido de que estaba só predestinado a certas persoas da sociedade carballesa”.

“Antes era un club selecto ao que só podían entrar certas familias. Queremos mudar esa imaxe e que este sexa un espazo aberto para toda a comunidade”

O novo grupo encargado de seguir para adiante co Casino tivo poucos meses de marxe para intentar transformar o lugar. A súa rutina de actividades culturais e sociais viuse relegada a segundo plano cando, a partir de agosto de 2018, as enerxías da directiva se tiveron que focalizar en tentar salvar o edificio. “En agosto chegou a notificación de que un propietario comprara este inmoble polo que nós estabamos pagando un aluguer. Vimos que o adquiriran por 70.000 euros e decidimos tentar conseguir eses cartos”, narra Suso, tamén membro da directiva.

O retracto é o dereito que teñen os inquilinos a presentar unha oferta de compra nun determinado prazo polos mesmos cartos que a outra oferta. En pleno agosto, os membros da directiva do Casino víronse con pouco máis de dúas semanas de prazo para conseguir esa cantidade de diñeiro e non perder o edificio. “Ao principio pensamos que dúas ou tres persoas vinculadas ao Casino o ían comprar, pero nós queriamos darlle a oportunidade de participar aos pequenos socios e, no momento no que propuxemos isto, os empresarios que querían aportar cartos botáronse atrás”, narra Víctor Lorenzo, presidente da asociación.

Doazóns e préstamos

Nese momento, dende a directiva decidiron elaborar un sistema de doazóns e préstamos de socios, socias e veciñanza en xeral para poder salvar ao Casino. En dúas semanas conseguiran máis de 45.000 euros e durante os últimos días de recadación superaron a cantidade de 70.000 euros necesaria para presentar o retracto. “Foi moi emocionante ver como a xente se involucrou desa maneira co Casino”, asegura Laura Tova, ilustradora e membro da directiva. Segundo Marina, durante o período de recadación de diñeiro para presentar o retracto houbo ofertas de todo tipo: “Había xente que dicía que nos daba os 70.000 euros, nos deixaba quedar co baixo pero que despois eles seguirían construíndo para arriba, pero a nosa idea sempre foi conservar o edificio. Non queremos que ninguén máis poida volver a especular co Casino”.
Casino de Carballo II
Interior do Casino de Carballo. Óscar Górriz
Sen embargo, a pesar de teren conseguido a cantidade necesaria para presentar o retracto, o problema non está solucionado. “Os compradores afirman que hai unhas segundas escrituras nas que se establece que eles pagaron en realidade 360.000 euros polo edificio, pero iso non aparece reflectido en ningunha parte”, asegura Víctor Lorenzo. A nova directiva do Casino tamén recibiu demandas polas obras de mantemento que realizaron nas instalacións. “No contrato de 1956 dicía que si se podía traballar no mantemento deste edificio”, conta Víctor. Desde que o novo proxecto se puxo en marcha, rehabilitouse o salón traseiro do lugar coa axuda da cidadanía que quixo participar nos obradoiros de recebado con barro e tamén se reabriu o bar anexo.

“O Casino é dos poucos edificios históricos de Carballo, xunto coa antiga cárcere e as escolas do xardín —actual ludoteca— que sobrevive á especulación inmobiliaria, que quere destruír o patrimonio para seguirse enriquecendo”, afirma o historiador Hadrián García. Para Hadrián, o que está facendo a nova directiva é un exemplo de “democratización do patrimonio” e asegura que espazos como este de “alto interese patrimonial teñen que acoller iniciativas dende, por e para a sociedade”.

Desde que o novo proxecto se puxo en marcha, rehabilitouse o salón traseiro do lugar coa axuda da cidadanía que quixo participar nos obradoiros de recebado con barro e tamén se reabriu o bar anexo

Agora quedan á espera do xuízo. “Se perdemos, temos un depósito e devolveremos de inmediato os cartos a todos os prestamistas. Se gañamos, o edificio pasa a ser noso e hipotecarémolo para poder seguir adiante. Se o conseguimos, cambiaremos os estatutos e estableceremos que, se en algún momento se disolve a sociedade ou o edificio se declara en ruínas, este lugar pasará a ser solo público para que non se poida volver a especular con el”, asegura Suso, membro da directiva.

O futuro do Casino aínda non está decidido. O que si, segue sumando momentos históricos para a vila de Carballo. “O que pasou en Carballo foi que a xente se uniu por unha causa común, a de salvar o Casino, e se creou un sentimento de solidariedade e irmandade que se contaxiou por todas partes”, conta Laura. Dende o Casino manteñen, a pesar de todo, as actividades culturais. “Se temos que marchar de aquí, continuaremos facendo o mesmo noutro lugar. O importante é que exista un espazo de encontro onde se impulsen aos artistas locais e onde todo o mundo poida participar”, asegura Marina.

O futuro é incerto mais, por agora, aínda non é preciso recorrer ás fotografías antigas de Carballo na Memoria nin a contos do pasado para contemplar, entrar e participar no Casino 1889. 

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Migración
Migracións A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Tras o progresivo desmantelamento de varios dispositivos de acollida, moitos refuxiados foron trasladados a outros puntos do Estado sen aviso previo. Outros son simplemente desaloxados trala denegación da súa solicitude de asilo.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.