Trabajo sexual
Traballo sexual: Facerse escoitar fronte o estigma e a censura

A censura da Universidade da Coruña non evitou unhas xornadas onde finalmente as traballadoras sexuais tiveron a súa voz.

Traballo sexual
Pegatinas de colectivos de traballadoras sexuais e de abolicionistas. Elena Martín
23 sep 2019 08:00

É 20 de setembro. Son as 9 e media da mañá, e dentro do centro social A Comuna, na Coruña, aglomérase moita xente, a maioría mulleres. Pálpase raiba, pero tamén se senten unha enerxía e ganas de falar que o envolven todo. Son as poñentes e asistentes ás primeiras Xornadas de Traballo Sexual celebradas na Galiza, esas mesmas que, con moita polémica, foron prohibidas pola Universidade da Coruña.

“Estas xornadas deberían terse dado na universidade, un lugar con liberdade de cátedra onte todo o mundo debería ter dereito a falar”, denuncia Conxa Borell, secretaria xeral do Sindicato Organización de Traballadoras Sexuais OTRAS. María Martínez Cano, psicóloga, traballadora sexual e coordinadora das xornadas, acentuou que o único problema non foi a censura, senón todo o proceso ata chegar a esa situación. “Dixeron que todo estaba correcto, que podiamos facelas alí, pero unha semana antes de celebralas cederon a presións. Primeiro sacáronnos de Socioloxía, logo dixeron que as podiamos facer na Escola de Traballo Social, pero se cambiabamos os títulos das charlas, acurtabamos as conferencias das traballadoras e deixabamos que pechase unha muller favorable ao abolicionismo. E despois diso, dixeron que non, que non as podiamos facer alí” denuncia a coordinadora. “Quérennos como obxecto de estudo pero nunca como suxeito”, engade.

Traballo sexual 3
A gran afluencia de público fixo pequeno o Centro Social A Comuna. Elena Martín

Está claro que a prostitución é un tema complicado. Mais tamén é certo que a maioría das veces as propias traballadoras sexuais son as últimas ás que se lles deixa dar a súa opinión sobre un tema que, en primeira instancia, debería corresponderlles. “Moitas veces pregúntome, fóra xa da prostitución, como o tería feito se non puidera prostituirme eses quince anos. A prostitución non é unha panacea, nunca proclamei esa mensaxe, pero o resto das opcións que eu polo menos tiña, dadas as miñas circunstancias, eran francamente peores” , Kenia García, voceira do Colectivo de Prostitutas de Sevilla e unha das participantes nestas xornadas, le esta reflexión dunha das súas compañeiras dedicadas á prostitución.  “Considérome abolicionista de tódolos condicionantes e motivos que te poden levar á prostitución e que son os que se deberían tamén abordar sen demora. Afirmo, pola miña propia experiencia, que non hai axudas para reconstruír a túa vida, nin alternativas”, continúa a reflexión de Ámbar (pseudónimo).

Kenia García: "A prostitución non é unha panacea, nunca proclamei esa mensaxe, pero o resto das opcións que eu polo menos tiña, dadas as miñas circunstancias, eran francamente peores"

Moitos dos discursos destas mulleres recalcan que elas non falan da prostitución como unha solución vital, en resposta ás acusacións de querer facerlles ver ás estudantes os beneficios deste traballo vertidas por algúns membros da universidade. Aínda así, nas xornadas repítese tamén que elas ven aliadas no mundo académico e que entenden que esta só foi unha parte do ámbito universitario. “Claro que hai aliadas académicas e cada unha axuda dun xeito. O día 5, de feito, ímonos reunir para presentar políticas sociais para que a xente non se vexa abocada a exercer a prostitución. Facémolo precisamente por iso, para que non haxa máis putas, que xa nos chegan”, engade María Xosé Barrera, ex-traballadora sexual e co-fundadora do Colectivo de Prostitutas de Sevilla. “Cando falamos de putas empoderadas non é porque pensemos que sexa algo marabilloso dedicarse a isto, senón porque reclamamos a nosa dignidade e a nosa voz, o noso dereito a falar por nós mesmas, non precisamos a ninguén que nos victimice, como fai determinado feminismo”, expón Saisei-Chan, traballadora sexual. “Determinadas abolicionistas simplifican as nosas mensaxes para que caiban nos seus prexuízos sobre nós”, denuncia.

Saisei-Chan: “Cando falamos de putas empoderadas non é porque pensemos que sexa algo marabilloso, senón porque reclamamos a nosa dignidade e a nosa voz.”

As críticas ao abolicionismo

Para as participantes o problema do que chaman ‘nacional-abolicionismo’, o abolicionismo máis extremo, é que non axuda á situación dunhas mulleres que xa o teñen moi difícil sen ter que lidiar coas consecuencias de políticas que, ao final, as sancionan a elas. Vera, unha traballadora sexual procedente de Europa do Leste contou a situación que se atopou traballando en Noruega e Suecia tras a aplicación de políticas abolicionistas e sancionadoras. “A policía persíguete, non podes denunciar se te pasa algo porque a policía vai por ti para deportarte. Unha vez botáronme dun hotel no que estaba traballando e deixáronme na rúa, co frío que vai en Noruega en inverno. Quítanlles a custodia dos fillos ás mulleres se se decatan de que son traballadoras sexuais, pero aos clientes non, claro...”. Engadido a isto, Vera denuncia que toda esta situación de maltrato cara ás traballadoras non mudou a demanda de sexo nos países escandinavos, por moito que os gobernos de alí digan que cada vez hai menos prostitutas. “Amnistía Internacional demostrou as consecuencias negativas do modelo sueco, pero os gobernos non escoitan, non lles importan as vidas das prostitutas, como demostran as mortes de Vanesa Campos, Petite Jasmine, etc.” engade Vera.

Kenia García: "Cando falamos de proxenetas, o primeiro proxeneta é o estado”

Ordenanzas municipais como a de Murcia do 2013 ou a de Lugo demostran que no estado español se vai polo mesmo camiño, coas consecuencias negativas que expertas e traballadoras din que ten para o traballo de moitas delas. “O feito de que se lles multe fai que cando sufren un acto delitivo por parte de terceiros teñan medo de ir á policía a denunciar, polo que estes actos quedan impunes. Iso sen contar con que a policía xa as coñece e ás veces as multa simplemente por estar na rúa, aínda que saísen un momento a mercar o pan”, advirte Nacho Pardo, fundador do Comité de Apoio ás Traballadoras do Sexo (CATS).

“O abolicionismo insiste en que a solución está en multar aos clientes, pero non é tan sinxelo. O que pasa cando multas os clientes é que as traballadoras teñen menos tempo para negociar con eles na rúa e teñen que irse a zonas afastadas do centro, o que pon en perigo a súa vida e as expón e situacións de maior violencia e vulnerabilidade”, engade. Ademais, este tipo de ordenanza aumenta o estigma dunhas mulleres que, xa de por si, viven baixo o cuestionamento e as constantes críticas por parte da sociedade. “Temos un estado proxeneta que recadou, ata 2017, 50.000 euros con multas a traballadoras sexuais. A lei mordaza aliméntase de mulleres que exercen a prostitución, cando falamos de proxenetas, o primeiro proxeneta é o estado”, denuncia Kenia.

Nacho Pardo: "O abolicionismo insiste en que a solución está en multar aos clientes, pero non é tan sinxelo."
Traballo sexual 2
As xornadas foron censuradas pola UDC. Elena Martín

O PROBLEMA DA TRATA

Por outra banda, insisten en que elas tamén diferencian entre traballadoras voluntarias e vítimas de trata e que é moi inxusto que se lles acuse de abandonar as compañeiras que están exercendo involuntariamente. “Están utilizando ás compañeiras que sofren de trata e que o queren deixar como ferramenta para atacar ao resto de traballadoras. Pero non son as putas as que teñen que rematar coa trata, senón os políticos e as institucións”, di María José Barrera. “O proxenetismo, a trata e o tráfico de persoas existe porque hai beneplácito dos gobernos, dan moito diñeiro, son mafias internacionais. As mafias que trafican con persoas tamén o fan con armas e drogas”, engade Conxa Borrell.

Sobre este tema falou tamén Kenia García, que centrou o seu discurso en denunciar a lei de estranxeiría e o peche de fronteiras, que inflúen en que moitos procesos migratorios rematen en redes de trata, ou na economía informal e a prostitución. “O Estado outorga licencias aos clubs e demais locais, pero en cambio non dá papeis ás persoas migrantes que se dedican á prostitución” (...) “as mulleres migrantes precisan tres anos para optar á residencia, adoitan ser persoas racializadas que rematan ou ben no traballo do fogar en condicións precarias ou moitas na prostitución”, engade. “Victimízasenos ou criminalízasenos”.

Barrera: “Están utilizando ás compañeiras que sofren de trata e que o queren deixar como ferramenta para atacar ao resto de traballadoras.

A profesora de antropoloxía Estefanía Acién sinalou tamén que, cando se fala de prostitución desaparecen os enfoques multifactoriais que si se dan noutros ámbitos. Esta antropóloga estivo durante anos en contacto con prostitutas nixerianas no oeste almeriense. “O discurso ‘trafiquista’ afasta o foco da responsabilidade que ten a nosa sociedade na situación destas mulleres —sexismo, clasismo, racismo...— e somos nós quen temos que axudalas a saír de aquí, pero para iso necesitan unha alternativa que moitas veces non teñen porque a elas non lles dan contratos noutros sitios, como aos homes”, denuncia esta antropóloga. Por outra banda, para elas non é certo que os gobernos se preocupen polas vítimas de trata porque non se fai nada real para axudalas. “Depórtanas ao seu país sen ter en conta as súas débedas e sen pensar que intentarán volver. Non lles importan as familias, só botalas do país. Iso é racismo”, sinala Conxa Borell. “Nos clubs só as ‘liberan’ si non teñen papeis. Se teñen papeis entón déixanas alí porque claro, con papeis xa non parece que poidan ser vítimas de trata”, engade a secretaría de OTRAS, que na actualidade segue loitando por un sindicato de traballadoras e traballadores do ámbito sexual, a pesar de tódolos obstáculos.

Tras dous días de conversas, charlas e debates, finalmente a Facultade de Dereito aceptou que se fixera un encontro con elas o día 21 ás 13:30. Alí, rodeadas de paraugas vermellos, o seu símbolo, as organizadoras das xornadas aseguraron que o que pasou coa UDC demostra que “a loita polos dereitos das traballadoras sexuais vai ser dura e difícil”, pero pensan seguir loitando porque estas mulleres non o teñan aínda máis difícil do que xa o teñen. E por un mundo onde ninguén teña que facer aquilo que non desexa ou teña que facelo na clandestinidade, como estas xornadas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Justicia
Sentencia Condenado un trabajador de Vox por arrastrar a una activista de Femen
Un trabajador de Vox ha sido condenado como autor de un delito leve de lesiones a la pena de 180 euros y a indemnizar con 250 a la activista de Femen Lara Alcázar.
Opinión
Opinión Prohibir no es liberar: una reflexión feminista sobre el uso del hiyab
La idea de que prohibir el hiyab nos abrirá la puerta a una vida más libre no solo parte de un prejuicio, sino que se convierte en otra forma de imposición. Y ninguna liberación real puede construirse desde la fuerza o la exclusión.
LGTBIAQ+
Diversidade O Concello de Vigo retira a Área de Diversidade das subvencións de Igualdade
A asociación LGTBQI+ Nós Mesmas denuncia a eliminación como parte dun intento “continuo e silencioso” de borrar o activismo disidente do mapa.
Anónima González
23/9/2019 17:41

¡Gracias! Gracias a las compañeras valientes que dan la cara y a quienes colaboran en la visibilización de la lucha contra el estigma, la despenalización y la consecución de derechos. ¡Viva la sexualidad y el cuerpo!

2
1
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.