Cooperación internacional
25 anos de traballo poñendo á tecnoloxía en mans da transformación social

Aproveitando que Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) cumpriu 25 anos de traballo o pasado 2018 falamos con diversas persoas que formaron parte da organización durante este tempo para dar o coñecer o seu percorrido e a súa visión do que debería ser a chamada Cooperación ao Desenvolvemento.

ESF Galicia 1
Asemblea de Enxeñería Sen Fronteiras realizada en Gandario no 2018
30 ene 2019 08:00

Era o ano 1993 cando un grupo de enxeñeiros e enxeñeiras de telecomunicacións, industriais e peritos que estudaban en Vigo, logo dun contacto con compañeiros de estudos en Zaragoza e Madrid deciden constituír unha organización non gubernamental sen ánimo de lucro: Enxeñería sen Fronteiras Galicia (ESF) federada con outras similares no resto do Estado. Dentro dun movemento de solidariedade global cos pobos de países empobrecidos que se estaba a dar no Estado español, ao abeiro dos movementos en favor de adicar o 0,7% do PIB á Cooperación para o Desenvolvemento. Lembremos que xa nos anos 80 comezaran a xurdir con forza organizacións deste tipo, con toda a vaga de apoio ao movemento sandinista en Nicaragua. De feito, moitas das organizacións con un espírito máis transformador e menos asistencialista, naceron nesa altura como apoio ao proceso revolucionario no pequeno país centroamericano.

Dende o principio, a organización tivo clara a súa especialización. Sería no eido da enxeñería, coa misión de poñela ao servizo da transformación social, entendida como unha ferramenta necesaria para ampliar capacidades que permitisen resolver problemas relacionados co desenvolvemento, o aceso a dereitos e ao empoderamento comunitario. O obxectivo era e segue sendo que os pobos e as persoas coas que traballan poidan ser protagonistas do seu propio desenvolvemento. Durante os primeiros anos tiveron grupos de persoas voluntarias organizadas nas sete grandes cidades galegas. Na actualidade, están presentes con grupos activos en A Coruña, Vigo, Lugo, Santiago de Compostela e Salceda de Caselas, que son os que marcan as liñas de traballo da organización, e contan cunha oficina de traballo e varios proxectos en execución en Honduras, en colaboración con dúas organizacións catrachas.

ESF 4
Obradoiro de teatro social realizado na UDC

Regresando aos primeiros anos da organización na década dos 90, non tardou en comezar a falarse da Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano, ampliándose polo tanto ao ámbito tecnolóxico e que precisaba moito máis que persoal de enxeñaría. Eran necesarias persoas de perfís moito máis diversos, que permitisen ampliar o aspecto técnico e promover o pensamento crítico, os valores de solidariedade e a procura do ben común. Algo que non era sinxelo de atopar nos contidos da educación formal nas escolas de enxeñería nesa altura. De feito, un dos primeiros grandes logros da organización é que conseguen incluír unha materia optativa sobre Cooperación no programa de estudos da UDC que aínda segue vixente dende o ano 1996.

ESF PROCUROU a súa propia definición de desenvolvemento, e comezou a aplicala dende si mesma.

Compre salientar que os noventa foron anos no que tanto o concepto de Desenvolvemento como o de Tecnoloxía estaban a sufrir moitos cambios. Desenvolvemento era crecemento do PIB ou era ter comida, auga, dereito á sanidade e educación pública? Significaba cidadanía mobilizada que loita polos seus dereitos, contra a inxustiza e os abusos, xa fora dos Estados máis ou menos totalitarios, de multinacionais espoliadoras ou de caciques locais? É dicir, falabamos de desenvolvemento como cidadanía global vinculada á promoción dos dereitos humanos e a emancipación social e política? En canto á tecnoloxía, esta era só tubaxes, pozos, infraestruturas, ou tamén metodoloxías participativas e promover sistemas de gobernanza democrática? Podía procurarse un mundo máis xusto empregando a tecnoloxía sen ter en conta elementos como participación e transparencia na xestión dos recursos?

ESF Galicia 2
Vivenda con horta e sistema de rega no sur de Honduras
Tentando respostar a esta preguntas, a asociación creouse como un ágora, un lugar de debate, onde compartir coñecementos e preocupacións no eido dos dereitos humanos e na procura de solucións efectivas para acadar a xustiza social. En definitiva, tratábase dunha escola de acción colectiva. A condición era a horizontalidade, de xeito que todo o mundo podía propoñer ideas e causas polas que mobilizarse, buscando o apoio doutras persoas da asociación para levalas a cabo. Eran moitas as preguntas que a xente que participaba da organización naquela altura ía abordando sobre a marcha, procurando traballar en rede con outras organizacións tanto no Norte coma no Sur, sempre dende o activismo e a promoción do voluntariado. Pois eran as persoas que conformaban a base social da organización as que decidiron ser protagonistas para definir o rumbo da mesma e as accións a realizar. Este xeito de traballar non cambiou moito nos últimos 25 anos, porque non se pode falar de promover o empoderamento das persoas e organizacións da sociedade civil a nivel global se non se fai ese traballo na propia casa, e nese senso ESF leva promovendo a horizontalidade e a participación dende o seu comezo.

O dilema da profesionalización. Empresas de solidariedade

A partir de finais dos noventa e nos primeiros anos do novo milenio apareceron no sector da Cooperación para o Desenvolvemento, da man das políticas públicas de cooperación que se ían consolidando en Galiza e no Estado, derivados dos grandes acordos dos países da OCDE, conceptos como eficiencia nas accións, traballo por resultados (medibles e cuantificables) ou rendición de contas. Tratábase de conceptos demasiado ligados a unha lóxica curtoplacista e mercantilista que ía imbuíndo cada vez máis a todo o sector da Cooperación e as políticas públicas que o dirixían. Moitas organizacións víronse inmersas nun debate interno que ía definir o seu futuro inmediato, ou ben aproveitar os cada vez maiores fondos para Cooperación, non só de subvencións públicas, tamén de fundacións privadas ou empresas que querían visibilizar a chamada responsabilidade social corporativa, ou ben manter un perfil máis próximo ao activismo, sen tantas ataduras burocráticas e con moitas máis independencia no momento de formular proxectos ou levar a cabo accións transformadoras nun determinado país e contexto.
Moitas organizacións víronse inmersas nun debate interno que ía definir o seu futuro
Algunhas destas organizacións medraron moito en poucos anos, abríndose unha fenda entre o protagonismo da base social respecto ás persoas traballadoras das organizacións, que eran necesarias para manter o nível de consecución de fondos. Era unha lóxica que cada vez significaba máis e maior burocracia nos procesos transformadores (vía proxectos) en nome dunha rendición de contas aos financiadores, que case sempre eran públicos. É dicir, a maioría dos fondos destinados á Cooperación, no caso das subvencións públicas, saían das propias sociedades do Norte a través de impostos. Aínda que tamén existen financiadores privados e accionistas ou socias que aportan para o traballo das ONG. Neste senso, hai que dicir que gran parte das actividades deste tipo de organizacións tiñan e teñen unha calidade e un impacto inalcanzable sen eses fondos públicos-privados, mais compre sinalar que moitas das veces ter acceso aos mesmos faise a costa de restar protagonismo á base social ou ao sentido transformador dos proxectos executados.
ESF Galicia 3
Traballos de canalización nunha comunidade do sur de Honduras
Probablemente, para un tema tan complexo como acadar un mundo xusto, sustentable e onde ninguén quede excluído, sexan necesarios moitos niveis de traballo e tipos de organizacións. ESF Galicia optou por seguir apostando polo protagonismo da súa base social e por executar accións non moi ambiciosas, nin a nivel mediático, nin de eficiencia curtopracista. No 2007 decidiuse contratar á primeira persoa liberada da asociación, que abriu un debate tremendo ao interno. En 2008 eran tres as persoas liberadas, e dende hai tres anos son catro (dúas persoas en Galicia e outras dúas en Honduras). É dicir, mantívose o persoal contratado mesmo nos peores anos da crise, cando moitas das ONGD que apostaran por atraer fondos a esgalla, e así poder abordar accións de maior impacto, tiveron que botar man dos ERE nos seus equipos para non pechar as súas portas.

A crise das formas tradicionais

Coa chegada da crise de 2008 o desapego cara as institucións tradicionais tamén alcanzou ás ONGD. Moitas persoas seguen a querer mudar o mundo, pero en base a accións concretas e non tanto baixo paraugas das organizacións clásicas, coas que hai certo descontento (sindicatos, partidos, institucións públicas, etc). Falouse moito de que o movemento 15M colleu ás ONGD (e ás esquerdas) co pé cambiado. Pero moitas persoas activistas ou traballadoras das mesmas eran as que participaban no 15M, coa súa experiencia deses anos de traballo baseado na construción colectiva. Nun espazo que, polo demais, non era desexable que se enchera de bandeiras, logos ou protagonismo dunhas organizacións e outras.

Ás veces ter acceso a moitos fondos faise a costa de restar protagonismo á base social ou ao sentido transformador dos proxectos executados

Por outra banda, un elemento que se foi introducindo nestes anos na forma en que ESF Galicia traballa a Tecnoloxía para o Desenvolvemento Humano foi dado polo xeito tradicional galego de entender as relacións humanas e a tecnoloxía. O vinculo á terra e ás pequenas aldeas moi espalladas posiblemente tiveran moito que ver con este rumbo que eles chaman de novas soberanías, e non deixa de ser un xeito de reapropiarse da tecnoloxía. Porque se hai algo mellor que unha tecnoloxía boa para as persoas é unha tecnoloxía que as propias persoas decidiran criticamente que é boa para elas. Por iso pretenden visibilizar como exemplos de reapropiación e empoderamento tecnolóxicos dende os movementos maker e de software libre, aos grupos de consumo de proximidade, as cooperativas enerxéticas ou as xuntas veciñais de auga potable, tanto no Norte coma no Sur.

Todo iso sen descoidar a presión ás administracións públicas para que garantan os dereitos humanos, o acceso aos servizos básicos e ás institucións educativas, onde existan contidos relacionados coa Educación para o Desenvolvemento. Adicando tamén moitos esforzos para sensibilizar á sociedade civil nun chamamento á responsabilidade individual e colectiva na procura dun mundo mellor dende o noso día a día e dende o noso propio entorno. En definitiva, camiñar preguntando de xeito participativo e horizontal para construír dende a base social alternativas dende o propio entorno local a problemas globais.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Economía social y solidaria
Cooperativismo Economías tejidas por mujeres: feminismo y cooperativismo en Madrid, una genealogía por contar
La Economía Social y Solidaria feminista no ofrece fórmulas mágicas, pero sí un horizonte: uno donde lo productivo y lo reproductivo, lo económico y lo afectivo, dejen de estar enfrentados.
Alimentación
Soberanía Alimentaria ¿Cómo hacer más accesible la alimentación sostenible a población en vulnerabilidad?
Existen proyectos en España que están intentado informar, sensibilizar y mostrar buenas prácticas en alimentación sostenible a personas en situación de inseguridad alimentaria, en los barrios o desde la infancia.
There Is Alternative
There Is Alternative There Is Alternative #2: de supermercados, las cosas del comer y todo lo que no sea Juan Roig
Segundo episodio del podcast There Is Alternative de El Salto Radio sobre el lado oscuro de los supermercados, las grandes superficies y sus alternativas cooperativistas.
Israel
Israel Netanyahu acelera los planes de ocupación total de una Gaza diezmada por el hambre
El ejército israelí quiere movilizar a 30.000 reservistas para una nueva expansión de la ofensiva sobre Gaza. Las organizaciones dependientes de la ONU alertan de la hambruna y las enfermedades en un enclave en el que escasea el agua potable.
Comunidad de Madrid
Universidad pública El alumnado de la UNED denuncia el “modelo antipedagógico” tras la supresión de tutorías presenciales
El proceso de eliminación de clases se remonta a 2008, aunque ha sido este año, con el nombramiento Claudia Sevilla como directora de centros asociados de Madrid, cuando el gobierno de Ayuso “ha pisado el acelerador”.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
València
València Rechazada la querella por tortura contra Ramón, policía infiltrado en València
Un juzgado de València desestima el recurso presentado por Alerta Solidària contra la inadmisión de la querella criminal por torturas contra el agente que pasó dos años infiltrado.
Gobierno de coalición
Gobierno de coalición El PSOE se mira en el espejo de Canadá
La irrupción de un enemigo exterior poderoso como Trump ha provocado un giro rotundo en las elecciones del país norteamericano, catapultando a los progresistas tras estar al borde de una dura derrota.
Más noticias
Economía social y solidaria
Cooperativismo Economías tejidas por mujeres: feminismo y cooperativismo en Madrid, una genealogía por contar
La Economía Social y Solidaria feminista no ofrece fórmulas mágicas, pero sí un horizonte: uno donde lo productivo y lo reproductivo, lo económico y lo afectivo, dejen de estar enfrentados.
Huelva
Huelva Jornaleras de Huelva en Lucha interpone la primera denuncia por el despido de una temporera marroquí
La sección sindical, recién constituida, asegura que “abren la veda” para denunciar otros atropellos laborales similares en contratos fijo-discontinuos de trabajadoras contratadas en origen.
Artes gráficas
Andalucía Poevélez: Cuando poesía e imagen mezclan, funden y subliman
La muestra colectiva de diversos artistas del panorama nacional nos presenta ejercicios de poesía visual desde diversas disciplinas como el collage y la fotografía y se puede visitar en la Fundación Eugenio
Opinión
Opinión Sobre la guerra y la paz
Parece que los alemanes y el resto de europeos no aprenden con la historia que ellos mismos han protagonizado en los últimos 400 años. Ni siquiera con la historia del siglo XX, tan inmediatamente próxima y tan inmensamente trágica.

Recomendadas

Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.
Galicia
Galicia Vigo, A Coruña e Ourense mercaron material policial a Israel por medio millón de euros en só catro anos
O alcalde ourensán, Gonzalo P. Jácome, adxudicou un contrato por 70.000 euros días despois do sete de outubro. Abel Caballero asinou outro de máis de 200.000 euros e a alcaldesa da Coruña seguiu a estela cun contrato de 170.000 euros.