Opinión
Lugo marca o camiño
O cambio de postura do PSOE e C’s é explicable como unha forma de pretender desactivar un movemento que serviu para poñer en contacto aos radicais, para construír en común e para crear unha base social de loita.

En Lugo estase a mover algo e determinadas persoas comezan a estar cada vez máis molestas e expectantes ante a evolución que poida seguir. E é que a resposta artellada ante as intencións do goberno local de aprobar unha ordenanza cívica de corte represor e excluínte cara aos grupos sociais máis vulnerables é, nesta cidade, algo excepcional e, polo visto, vai para longo.
A reacción ao proxecto de ordenanza, organizada de xeito aberto, horizontal e asembleario no seo da plataforma Lugo Sen Mordazas, foi capaz de mobilizar a máis de medio millar de persoas na manifestación do 26 de setembro contra unha ordenanza que os medios de masas estatais non mencionan e que os locais (La Voz de Galicia, El Progreso) mencionaron case exclusivamente grazas ao traballo da propia plataforma, que desde a súa constitución no mes de maio estivo moi presente na rúa organizando accións de protesta, actividades de contacontos, cine de rúa, un festival, e facendo dous murais que, nunha cidade coas paredes ateigadas de pintadas, tardaron menos de 48 horas en ser censurados.
A alcaldesa Lara Méndez anunciou a retirada do proxecto de ordenanza cívica, que apoiaba o seu partido xunto co PP e C’s, tan só dúas semanas despois da manifestación, o que demostrou a eficacia e a necesidade da mobilización social. O rexeitamento da veciñanza tamén se trasladou á vertente política en forma de ultimato de apoio do BNG ao PSOE de Lugo se non retiraba a ordenanza.
Secasí, o 25 de outubro o PP levou ao pleno a proposta de continuar coa tramitación da ordenanza cívica e tanto o PSOE como C’s, que inicialmente a apoiaban, votaron en contra. A aprobación da ordenanza cívica xa constitúe a primeira promesa electoral do PP de Lugo, e C’s tamén ten intención de elaborar unha ordenanza na mesma liña. Pola súa parte, a alcaldesa, malia retirar a norma, segue aplicando a súa política na mesma dirección. Por todo isto, a plataforma xa anunciou que seguirá en activo.
O cambio de postura do PSOE e C’s só é explicable como unha forma de pretender desactivar un movemento que serviu para poñer en contacto aos radicais (entendido como os que van á raíz do problema, eses que combaten a pobreza e non aos pobres), para construír en común e para crear unha base social de loita; só é explicable como unha tirapuxa que confronta a estes partidos coa cidadanía. Só o pobo organizado salva o pobo.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!