Feminismos
O xornalismo será feminista

O colectivo Xornalistas Galegas presentouse en Compostela amadriñado por Margarita Ledo e Rosa Cobo.

xornalistas galegas feminismo
Presentación ao público da asociación Xornalistas Galegas. Elena Martín
10 nov 2018 19:45

O 8 de marzo de 2018, as xornalistas galegas mobilízanse no marco dunha folga feminista internacional e histórica. O 7 de xullo deste ano asínase o manifesto da asociación Xornalistas Galegas. O documento, que avoga por un xornalismo feminista, colectivo e solidario foi asinado por case duascentas profesionais. Na mañá deste 10 de novembro a asociación presentouse ao público. Na xornada estiveron presentes, en espírito rebelde, todas as que anteriormente loitaron e abriron camiño. Pioneiras, rompedoras, galegas. Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, María Luz Morales ou Begoña Caamaño. Caamaño, quen dixo: “É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non? Da felicidade”.

A facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela foi o escenario da presentación. O tempo non desanimou ao case cento de persoas que ocuparon o auditorio. Soaron as Tanxugueiras, Guadi Galego ou Mercedes Peón. O acto comezou coa intervención da xornalista Ana Sanmartín, e rematou cun debate composto só por mulleres expertas. Sanmartín lembrou como a forza do 8M serviu para dar pulo ao colectivo. “Algunhas acudimos a Madrid, á primeira asemblea estatal de “Las periodistas paramos”, e escoitando compañeiras o sentimento foi abrumador”, explicou Sanmartín, “non estamos soas”. Á conciencia feminista uníase un sentimento de responsabilidade, como traballadoras duns medios que perpetúan o sistema patriarcal.

Begoña Caamaño:  “É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non? Da felicidade”
“En xullo”, continuou Sanmartín, “redactamos o noso manifesto, a nosa esencia, o que nos fai grandes”. Un manifesto que cobrou vida, a través dun vídeo, nas voces das xornalistas galegas. “Visibilizar ás mulleres nos medios de comunicación”, “desestigmatizar a presenza da muller na información”, ou transitar “dun xornalismo competitivo e individualista” a un “xornalismo solidario, comunitario, honesto e comprometido”, son algúns dos seus obxectivos. Noutro vídeo, Chévere, bandas musicais como De Vacas, escritoras, presentadoras… enviaron azos ás xornalistas.

Onde as mulleres non cadran

As dúas madriñas do evento pertencen aos dous eixos fundamentais de Xornalistas Galegas: o xornalismo e o feminismo. Margarita Ledo, xornalista, cineasta, membro da RAG e “axitadora cultural feminista”, iniciou a súa intervención cunha dedicatoria: “Aos traballadores e traballadoras da CRTVG, que loitan contra o acoso, contra a censura e contra o que ninguén quere nomear”. Tamén cunha anécdota: “Cando rematei xornalismo en Barcelona comecei a buscar traballo. O meu tío Quique díxome que tiña un amigo que coñecía ao propietario de La Región. Que lle preguntaría por min. Ao día seguinte vexo ao meu tío cunha cara realmente patética... contestáranlle que polas características da empresa, unha muller non cadraba”.
xornalistas galegas 3
Presentación ao público da asociación Xornalistas Galegas. Elena Martín

Na súa intervención Ledo recordou o camiño xa percorrido en Galiza cara un xornalismo feminista. E os atranques na ruta. “No 94 o Parlamento Galego crea, a iniciativa da deputada Pilar García Negro, a Comisión de Igualdade”. No 2004 nace o Observatorio da Igualdade e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia asina a Declaración Compostela. A declaración era consecuencia da mala cobertura mediática dos casos de violencia de xénero, que o Colexio instaba a mudar. “Se a aplicación se tivera feito dende entón”, ironizou, “tal vez hoxe non estariamos aquí”.

A segunda madriña, Rosa Cobo, é profesora de titular de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña. Cobo declarou o seu agradecemento polo convite, e a alegría e optimismo que lle causa “esta explosión de feminismo”. “A desigualdade non é opinable”, afirmou, “existe dolorosamente para as mulleres”. “Os grandes medios están ao servizo dos intereses masculinos”, sinalou, “normalizan valores e crenzas que fortalecen as desigualdades, favorecendo o status quo dos poderosos”. “A tarefa é infinita”, dixo, “e precísanse políticas nos medios, para os medios, e unha audiencia que reclame códigos culturais feministas”.

Ferramentas para outro xornalismo

Alba Taladrid, Silvia Vieites, Chus Purriños presentaron no evento os instrumentos nos que traballa o colectivo. Por unha banda, unha axenda de mulleres expertas de distintos ámbitos. Voces ás que acudir, e que contribúan a crear novos referentes. Tamén o Observatorio feminista dos medios, unha ferramenta “para detectar, analizar e denunciar o carácter non igualitario, machista e mesmo misóxino da representación da muller na comunicación”. O primeiro froito das investigacións do Observatorio verá a luz o 8 de marzo do 2019. Tratará de dar resposta ás preguntas xurdidas no seo de Xornalistas Galegas:“Que está pasando con nós, coas profesionais da comunicación? En que condicións estamos a traballar, laboral e profesionalmente? Que lugares ocupamos dentro das empresas?”.

Ademais Xornalistas Galegas continuará a traballar en rede co resto de plataformas e asociacións de mulleres da comunicación. “Participaremos de novo, a finais de ano, nun encontro do colectivo “Las periodistas paramos”, para seguir aprendendo delas e con elas”.

Expertas para “aplacar” o patriarcado

O evento rematou cun panel de expertas que debían contestar á cuestión, formulada pola xornalista Claudia Morán: “Por que é necesario un xornalismo feminista?”. “A resposta pode parecernos moi obvia. Para moitas persoas non o é”, sinalou. Paz Filgueira, xuíza titular do Xulgado de Familia nº 12 de Vigo, Joana Magalhães, investigadora, Alba Nogueira, profesora titular en Dereito Administrativo, Silvia Pérez, socióloga e voceira da Rede Galega Contra a Trata, María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e política, e Elena Roca, licenciada en Ciencias da Actividade Física e xogadora internacional de rugby, responderon.

Paz Filgueira comezou explicando que os homes continúan “a situar ás mulleres nunha situación de segunda, algo que hoxe non se debería consistir”. Continuou Joana Magalhães: “En termos absolutos a visibilidade das mulleres científicas en prensa escrita é tres veces menos que os colegas homes somos o 20% de fontes citadas cando somos o 40% do persoal de investigación no estado”. Alba Nogueira lembrou o dereito constitucional da cidadanía a unha información veraz. “Dificilmente é veraz unha información que non expresa o que está sucedendo na sociedade. e a forma de velo da metade desa sociedade”, sinalou. Para Silvia Pérez: “Os medios son cómplices e transmisores da representación social da prostitución, hai que mudar o tratamento que fan do consentimento”, sinalou, “se se paga, non é sexo”.

Ana Sanmartín: “As forzas que se asocian para facer o ben non se suman, multiplícanse. Somos parte da cuarta ola do feminismo, imaxinade o que podemos conseguir se nos unimos”

María Xosé Porteiro lembrou que “ter a palabra é ter un poder inmenso”. “Hai moita fontes de autoridade, non ten xustificación que o grande número de mulleres xornalistas que pasastes pola facultade non as empregades”. Para finalizar, Elena Roca pediu mudar a representación das mulleres deportistas nos medios. Coma o título da súa columna en La Opinión, lembrou que toca “aplacar ao machismo”. “Abrides un xornal e tal vez na última folla, en pequeno, aparece unha campioa de algo”, denunciou. 

xornalistas galegas 2
Presentación de Xornalistas Galegas en Compostela. Elena Martín

Xa na recta final da mañá Ana Sanmartín colleu o micrófono: “Por deformación profesional vouvos deixar uns titulares”. “Fai douscentos anos as sufraxistas británicas acadaron o dereito ao aborto, o seu lema era Feitos, non palabras”. “A nosa ollada é poder e a nosa palabra é poder”. “As forzas que se asocian para facer o ben non se suman, multiplícanse. Somos parte da cuarta ola do feminismo, imaxinade o que podemos conseguir se nos unimos”. E para rematar, o lema do colectivo: “o xornalismo será feminista, ou non será”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Obituario
Obituario Jane Lazarre (1943-2025)
La escritora neoyorquina, autora de ‘El nudo materno’, falleció el pasado mes de junio. Su obra conectó enseguida con entorno feministas por ofrecer un relato de la experiencia materna más allá de las estrechas paredes del hogar
Fútbol
Fútbol El equipo de fútbol femenino decidido a construir un nuevo Sudán desde el exilio
Un equipo de fútbol de desplazadas sudanesas en El Cairo lucha por continuar con el sueño de jugar. En el exilio, continúan entrenando.
En el margen
En el margen Aisetou Kajakeh: “Nosotras no estamos rompiendo techos de cristal, sino sorteando muros”
Esta socióloga española asegura que las asociaciones gambianas en España mantienen un vínculo directo con el lugar de origen, lo que hace que nunca pierdan la conexión con las raíces.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.