Cuidados
Os contos das criadas

No interior das casas galegas desenvólvese un dos traballos máis invisíbeis, feminizados e precarios do eido dos servizos: o das empregadas do fogar e dos coidados. Un sector agravado pola mala cobertura dos servizos en materia de coidados e no que as mulleres migrantes representan unha porcentaxe cada vez máis importante das traballadoras.

pan
Na Galiza, o 55,35% das traballadoras do fogar dadas de alta na Seguridades Social teñen máis de cincuenta anos. Candela Fernández
4 abr 2019 08:20

Marisol Rodríguez comezou a limpar casas en Carballo hai vinte anos. Tiña dous fillos pequenos e coidaba do seu pai enfermo. “Quería ser independente, non estar pendente só dos da casa, non me sentía útil”, explica. Non podía aceptar un emprego a xornada completa, e traballar limpando fogares semellou a opción máis axeitada. A moitos acudía unha vez á semana, para facer a limpeza xeral. As familias que a contrataban case nunca a aseguraban. A raíz de adquirir experiencia comezou a esixir os seus dereitos, mais coñece casos de compañeiras do sector que continúan empregadas sen ningún seguro.

A cadea dos coidados

Criada é, segundo a Real Academia Galega, aquela persoa “que realiza os labores domésticos dunha casa a cambio dun salario”. Nos territorios do fogar desenvólvese unha das profesións máis invisibilizadas: a do traballo de coidados. Este labor “invisíbel” engloba moito máis do que se percibe a simple vista. Implica limpar, cociñar, fregar, lavar a roupa, pasar o ferro; tamén o coidado das persoas maiores, persoas dependentes ou crianzas. Un traballo físico e mental, cunha forte carga emocional. Historicamente desempeñado por mulleres, moitas veces en situación de precariedade.

“A desvalorización deste traballo é un dos elementos que incide á hora de perpetuar unhas condicións inxustas no seu exercicio”, sinala a socióloga Antía Pérez Caramés. Coa introdución do capitalismo, e a desagrarización do campo, “moitas familias empregaban a traballadoras que viñan do entorno rural e que precisamente ‘ían servir’ ás cidades practicamente unha das únicas opcións laborais que se lles ofrecía”. A maioría destas criadas entraban nas casas como internas. Máis recentemente, “no momento en que para unha boa parte das familias comezan a ser necesarios dous salarios danse as circunstancias para que se albisque como única alternativa a externalización deste traballo a través da contratación doutras mulleres”. Construíuse así a cadea dos coidados.

Na Galiza, en decembro de 2018, 26.907 persoas estaban dadas de alta no Réxime Especial de Empregadas do Fogar. O 98% eran mulleres, das cales máis da metade superan os cincuenta anos. Un eido laboral altamente feminizado e precario, no que as traballadoras se enfrontan a actitudes machistas, clasistas e, no caso das mulleres migrantes, tamén racistas. Explica Antía Pérez que “o emprego no fogar representa case o vinte por cento do emprego das persoas migrantes na Galiza, fronte a un escaso tres por cento do total de das persoas autóctonas, o que dá unha boa medida do nivel de segregación laboral que existe”.

Contratos por horas e pluriemprego

Como Marisol, moitas das empregadas do fogar compatibilizan distintos traballos. Rosa Hernández (nome ficticio) coida dúas mulleres con dependencia; unha pola mañá, outra pola tarde. A súa xornada matinal, de cinco horas de contrato, transfórmase a miúdo nunha de seis ou sete horas. Gustaríalle atopar un traballo diferente, mais non é optimista: “Neste momento non hai emprego”. De ter dereito ao paro podería deixar os seus actuais traballos e procurar un novo, explica. Porén, o Réxime Especial de Traballadores do Fogar non contempla este dereito.

Empleo hogar
O emprego no fogar representa case o 20% do emprego das personas migrantes na Galiza. Candela Fernández

Teresa Rodríguez é presidenta de Xiara, a única asociación galega de empregadas do fogar. Cando naceu, no ano 2002, o sector rexíase aínda polo Real Decreto 1424 do 1985. “Entón non era obrigatorio dar de alta a unha empregada se non traballaba máis de catro horas diarias”, di. No 2011 un novo Real Decreto veu substituír ao anterior. Recoñecéronse dereitos coma o cobro, en caso de enfermidade, do 75% da base diaria de cotización do mes anterior á baixa. A nova normativa tamén esixe a obrigatoriedade de que as empregadas do fogar estean dadas de alta na seguridade social. Con todo, Teresa calcula que entre o 60 e o 70% non o están: “Inspección de Traballo non actúa para que se cumpra a lei, escudándose en que non poden entrar nos fogares”.

Entre outras medidas, o novo decreto estableceu unha equiparación progresiva entre as bases de cotización salariais do sector ás do resto de traballadores. Esta tería que ter sido completada no 2019. Non obstante, unha emenda presentada polo Partido Popular aos Orzamentos Xerais do Estado no 2018 abriu a porta a retrasala até o 2024. A emenda 6787 levantou as protestas airadas de colectivos e plataformas do estado. A maiores, o estado español aínda non ratificou o convenio 189 da Organización Internacional do Traballo, que entre outros dereitos recolle o da prestación por desemprego para as traballadoras do fogar.

infografia empleadas hogar

Na Galiza a articulación das traballadoras á hora de denunciar abusos ou demandar dereitos non é doada. A propia natureza solitaria do emprego actúa de barreira. Isto é máis patente no caso das empregadas do fogar internas, que a miúdo desempeñan mulleres migrantes.

Interna en fogar alleo

Rosa coñeceu o traballo de interna. Ao pouco de chegar de Perú, onde deixou ao seu marido e ao seu fillo, entrou de empregada nunha aldea, ao carón do camiño a Fisterra. Vivía cunha señora maior á que coidaba ao tempo que realizaba as tarefas do fogar. “Ela era moi boa”, lembra, mais a familia da muller negábase a dala de alta na seguridade social. Decidiu marchar e atopou traballo nunha segunda casa, de novo como interna. Desta volta tiña un contrato, pero a cambio debía sufrir as actitudes racistas da muller coa que convivía. “Facíache sentir mal, preguntábame pola miña familia, por cantos irmáns tiña, e despois afirmaba que miña nai debía ternos como animais”, denuncia Rosa.

Juana Chumpitaz leva vivindo dez anos na Galiza. Como Rosa, emigrou dende Perú. Tamén, como ela, traballou de interna á súa chegada. Recibira a chamada dunha coñecida cunha oferta de traballo. Tiña que respostar de inmediato. “Non me imaxinaba que me darían os papeis, mais vin directa para traballar, cun contrato” explica. Cobraba cincocentos euros ao mes, tiña libres as fins de semana e as vacacións debía pasalas coa familia nunha casa que posuían na costa. Juana non tiña horario. Coidaba da avoa da familia, limpaba a casa e cociñaba para todos. “Cando marchei, dixéronme que era unha desagradecida”.

cuidados ilustracion

Logo dunha segunda experiencia como interna Juana atopou un emprego nunha empresa. “Pagábanme oitocentos euros por coidar a unha señora todas as noites”. Nesta compañía, igual que nunha segunda para a que traballou, cobraba o equivalente por media xornada. “Tiven problemas, non sabía a onde recorrer”, lembra. Acudiu a un sindicato, a CUT (Central Unitaria de Traballadoras), onde a axudaron. “Moitas compañeiras, coma min, pasárono mal de internas, é un emprego cunhas condicións moi duras, que a maioría das mulleres aceptan porque acaban de chegar ao país e non teñen máis remedio”, lamenta. “Rematas psicoloxicamente mal, os pacientes precísante moito, ás veces hai malos tratos”, afirma Juana. Ela, logo de superar unha depresión, conseguiu emprego nunha empresa que posúe un centro de día e ofrece axuda a domicilio.

As voces das que coidan

“As empregadas do fogar tamén teñen vida familiar, mais parece que non a teñan, como concilian elas?” cuestiona Teresa Rodríguez. Para ela, as traballadoras de coidados representan o último elo dunha cadea de opresións. “Os coidados, como a saúde ou a educación, son unha necesidade básica”, afirma. Por ese motivo reivindica que a Administración Pública se encargue de propiciar eses coidados, que demasiado a miúdo recaen nas costas das traballadoras domésticas. Elas cobren as fendas do sistema. “A ausencia de políticas sociais que aseguren a cobertura dos coidados nos períodos nos que máis se requiren, como a nenez e a vellez ou a falta de corresponsabilidade doutros integrantes das familias, nomeadamente os homes, derivan este traballo ás mulleres”, engade Antía Pérez.

“A nivel psicolóxico as mulleres que traballan neste sector séntense pequenas, unhas ninguén”, explica Teresa. Por ese motivo en Xiara decidiron organizar actividades e obradoiros enfocados na autoestima e nos autocoidados: “Serven para respirar, para compartir coas demais e que non sufran soas a súa precariedade”. Na Coruña, a ONG Ecos do Sur levou a cabo obradoiros similares da man da cooperativa Rexenerando e do colectivo estatal Territorio Doméstico. Un deles rematou cunha pasarela precaria, na que as propias traballadoras do fogar pasearon as últimas tendencias en precariedade pola rúa Barcelona.

A actriz Esther Fernández Carrodeguas colaborou con Xiara en varias das súas actividades. “A primeira vez creamos dúas poesías, que recitaron nunha gala, e noutra un fanzine”, comenta. A raíz destas experiencias, Esther escribiu a peza Malcriadas. “O texto é unha denuncia da situación das traballadoras do fogar, non só cando a súa situación é irregular, senón incuso cando están contratadas”, explica. “Fiquei coa espiña polas historias que contaban, que acontecen en moitas casas e que como sociedade queremos silenciar”. 

Como deixar un traballo sen dereito a paro
sen dereito a nada
sen dereito a deixalo mesmo cando te afogan
mesmo cando te afogan
porque precisamente non tes dereito a nada
e sen dereitos afogar é sinxelo
sen dereitos afogar é sinxelo
*

*Fragmento da obra Malcriadas,
de Esther F. Carrodeguas

No camiño a unha folga para todas
En novembro do 2018, Compostela acolleu unha xornada en torno ao traballo de coidados. Nela atopáronse empregadas da limpeza, auxiliares do fogar, representantes das kellys (limpadoras de hoteis) ou doutros colectivos como Afrogalegas. Paula Ríos, activista na Plataforma Feminista Galega e unha das organizadoras, explica que o encontro partía de dous obxectivos: “Que as mulleres deste sector se coñecesen, para ver como podían tecer redes dentro de Galiza, atender ás súas demandas e coñecer a súa realidade”. As xornadas tamén atenderon unha revisión autocrítica da folga do 8 de marzo, na que a folga de coidados supuña un eixo fundamental que se repetiu na convocatoria do 2019. A grande parte das mulleres empregadas no sector dos coidados non puideron acudir, nin poden tomar parte na súa organización. “Este ano estamos traballando en como podemos facilitar que amosen a súa adhesión”, explica Paula.
Para Juana Chumpitaz, desde a súa experiencia como traballadora do fogar, fica moito camiño por percorrer. “Eu vou traballar a fogares de mulleres. As mesmas que falan de machismo, pero que cando traballas para elas non che tratan ben. Teñen a teoría, mais non a levan á práctica”, sinala. Con todo, este 2019 ten participado nas reunións do grupo de traballos de coidados de cara ao 8 de marzo e amósase satisfeita. “Aprendes moito, é moi importante, sabes cales son os teus dereitos, o que tes que reclamar”. Pola súa banda, Teresa Rodríguez, aplaude que o movemento feminista incorporase a folga de coidados, así como as demandas do sector. “Non hai moito que se están apoiando este tipo de reivindicacións. Parece que se mirara para outro lado, xa era hora de que se falara destas cousas”, explica. 
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Literatura
María Agúndez “El trabajo de limpiadora es muy digno, pero nadie quiere hacerlo”
La escritora retrata en ‘Casas limpias’ las contradicciones de quienes considerándose personas igualitarias y progresistas delegan los cuidados y la limpieza para evitar el conflicto y sostener su comodidad.
Trabajo doméstico
Opinión Prevención10, la herramienta de evaluación de riesgos en el empleo de hogar
La evaluación no se va a realizar al menos en una cuarta parte de los hogares, en los que la trabajadora interna no tiene papeles. Para esas mujeres la herramienta es una cortina de humo, una operación de propaganda sin más.
Energía
Energía La organización colectiva, el verdadero kit de supervivencia en tiempos de emergencia y caos
Decenas de centros sociales, cooperativas y grupos autogestionados de vecinos en todo Madrid hicieron frente a los embates del parón eléctrico a través de improvisadas iniciativas comunitarias.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.